Os Premios do Libro Galego inician a súa sexta edición e pasan a denominarse Follas Novas

A sexta edición dos premios que recoñecen todas as actividades arredor do mundo do libro en Galicia está en marcha estreando un nome ligado ao nacemento mesmo do libro en Galicia. A partir desta edición, os premios que se coñecían como Gala do Libro pasan a denominarse Premios Follas Novas do Libro Galego, en homenaxe á grande obra de Rosalía de Castro publicada en 1880.
As tres asociacións convocantes, Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), a Asociación Galega de Editoras (AGE) e a Federación de Librarías de Galicia (FLG) iniciaron o proceso de selección das obras finalistas. Na celebración dos premios colaboran o Concello de Santiago, a Deputación da Coruña, a Xunta de Galicia e CEDRO.
Esta sexta edición dos Premios do Libro Galego estará marcada, como estivo a anterior, pola situación pandémica que vive o mundo, de maneira que todos o procesos de elección dos premios serán virtuais, incluíndo a gala dos Premios Follas Novas que, só en caso de melloría manifesta da situación en Galicia, podería celebrarse de maneira presencial.
Os premios Follas Novas dos Libro Galego queren poñer en valor todas as actividades relacionas co mundo libro en Galicia, desde a creación literaria ata a edición e as distintas iniciativas arredor do libro. Esta sexta edición terá como protagonistas a autores e autoras, títulos e iniciativas desenvolvidas durante o ano 2020, un ano especialmente difícil para todo o sector que se viu especialmente afectado pola situación pandémica desde o pasado mes de marzo.
Nesta sexta edición, os premios manterán o mesmo número de categorías e o sistema de elección, cunha primera fase preliminar na que cada asociación escolle aos seus candidatos nas distintas categorías e, a partir de aí, un xurado designado polas asociacións convocantes escollerá tres títulos para ser finalistas en cada categoría e, finalmente, a elección dos premiados en cada unha delas. En total, son quince as categorías que se escollen neste galardón. Ademais destas categorías, na gala de maio tamén se fará entrega dos tres premios honoríficos: o de Escritor/a Galego/a Universal, o premio á Edición e o premio á Libraría.

Categorías dos Premios Follas Novas do Libro Galego

1ª.- Premio á obra de ensaio e investigación.
2ª.- Premio á obra de divulgación.
3ª.- Premio á obra de narrativa
4ª.- Premio á obra infantil.
5ª.– Premio á obra xuvenil.
6ª.- Premio ao libro ilustrado.
7ª.- Premio ao libro de banda deseñada.
8ª.- Premio á iniciativa bibliográfica.
9ª.- Premio á obra traducida.
10ª.- Premio ao libro de poesía.
11ª.- Premio ao libro de teatro.
12ª.- Premio ao libro mellor editado.
13ª.- Premio á iniciativa cultural ou fomento da lectura.
14ª.- Premio ao proxecto literario na rede.
15ª.- Premio á traxectoria en xornalismo cultural.

Rexina Vega é distinguida como Cunqueiriana de Honra de 2021

“A escritora, profesora da Universidade de Vigo e estudosa especialista na obra de Álvaro Cunqueiro, Rexina Rodríguez Vega (Rexina Vega), foi designada como Cunqueiriana de Honra de 2021. Así o decidiu este sábado 30 de xaneiro por maioría a comisión designada a tal efecto polo Concello de Mondoñedo e a Casa-Museo Álvaro Cunqueiro, entidades promotoras da distinción, durante unha reunión telemática na que os membros deliberaron despois de que cada un presentara unha candidatura e a promovera de forma argumentada.
Entre os sobresaíntes méritos intelectuais que Rexina Vega atesoura como estudosa e investigadora da obra de Álvaro Cunqueiro, a comisión quixo destacar o gran número de publicacións que desde fai 30 años a ensaísta viguesa deu a coñecer en torno á vida e obra do autor mindoniense. Así, referiu títulos coma a súa Guía de lectura sobre Os outros feirantes (1992), a monografía Álvaro Cunqueiro. Unha poética da recreación (1997), o volume de ensaios Álvaro Cunqueiro e as amizades catalanas (2003) ou o libro audiofotobiográfico Álvaro Cunqueiro. Fotobiografía sonora (2009). Tamén puxo en valor a súa tese de doutorado, defendida na Universidade Autónoma de Barcelona e centrada no Bilingüismo e autotradución en Álvaro Cunqueiro (2000).
Ademais destes volumes e teses, a comisión destacou os moitos artigos publicados por Rexina Vega sobre o mundo cunqueiriano nas máis prestixiosas revistas galegas, estatais e internacionais, así coma as numerosas conferencias, entrevistas e colaboracións sobre Cunqueiro que levou a cabo ao longo de tres décadas de investigación.
Por todos estes motivos, a comisión congratulouse pola súa designación como Cunqueiriana de Honra e quixo transmitir as súas felicitacións á distinguida, ao tempo que manifestou a súa satisfacción pola alta calidade das diferentes candidaturas presentadas.
A distinción que a acredita como Cunqueiriana de Honra entregaráselle a Rexina Vega en Mondoñedo o próximo 28 de febreiro de 2021, data do 40 aniversario do falecemento de Álvaro Cunqueiro. Está previsto que en tal xornada a distinguida encabece, acompañada de diversas autoridades locais e provinciais, a tradicional ofrenda floral ante a tumba do autor e que abra o maratón de lectura da súa obra.
Trala recepción da distinción (que inclúe figura conmemorativa e diploma acreditativo), Rexina Vega pronunciará unhas palabras de agradecemento, que irán precedidas da laudatio coa que a presentará, en nome da comisión, Armando Requeixo, coordinador de Actividades e Publicacións da Casa-Museo Álvaro Cunqueiro.
Formaron parte desta comisión: César Cunqueiro (fillo do escritor, que asistiu vía telefónica), Alberto García (concelleiro de Cultura de Mondoñedo), Víctor F. Freixanes (Cunqueiriano de Honra na convocatoria do pasado ano e presidente da Real Academia Gallega), Antonio Reigosa (cronista de Mondoñedo), Miguel Somovilla (periodista e estudoso da obra de Cunqueiro), Abel Vigo (técnico de Cultura do Concello de Mondoñedo) e Armando Requeixo (coordinador de Actividades e Publicacións da Casa-Museo Álvaro Cunqueiro).”

Bases do IX Concurso de microrrelatos Ribeira Sacra-Parada de Sil 2021

“1. Os autores terán en conta que un microrrelato non é un conto, nin unha anécdota, nin unha ocorrencia. É un relato breve, caracterizado pola precisión no contar e no uso da linguaxe, así como por unha trama paradoxal e sorprendente.
2. Os microrrelatos serán de tema e estilo libre, poderán estar escritos en galego ou castelán e han de ser orixinais e inéditos. Cada autor só poderá participar cun microrrelato.
3. A extensión do texto non poderá exceder das 200 palabras, en formato DIN A-4, a dobre espazo, cun tipo de letra Times New Roman de 12 puntos.
4. A data de entrega finalizará o 30 de marzo de 2021. Para os enviados por correo postal contarase como data de entrega a de presentación na oficina de envío.
5. A presentación dos traballos poderase facer a través dos seguintes medios:
I. Correo electrónico dirixido a: concursorelatos@paradadesil.es poñendo en asunto o título completo da obra. No devandito correo achegaranse dous arquivos en formato Word:
• O primeiro conterá a obra e como nome levará o mesmo que o título do traballo.
• O segundo titularase PLICA (nome do traballo). Conterá os datos do participante: nome e apelidos, ano de nacemento, dirección postal, email e teléfono, título completo do microrrelato, así como declaración xurada conforme o traballo remitido a concurso é orixinal e inédito. Todas as plicas gardaranse nun cartafol protexido e as obras serán lidas polo xurado de forma anónima. Esta conta de correo é única e exclusiva para o envío dos microrrelatos e non se abrirá ata o día de finalización do prazo de entrega de microrrelatos ao concurso.
Para calquera dúbida enviar correo a concello@paradadesil.es
II: Correo postal. Os traballos remitiranse por triplicado á seguinte dirección: “Concurso Microrrelatos, Concello de Parada de Sil”. Praza Campo da Feira nº 1. 32740 Parada de Sil. Ourense. Os textos enviaranse tan só co título e no interior, nun segundo sobre (plica) pechado, incluirase unha ficha co título do relato, autor, data de nacemento, dirección postal, email e teléfono así como unha declaración xurada conforme o traballo remitido a concurso é orixinal e inédito.
6. O Concello, como organizador, designará ao xurado competente que estará presidido polo catedrático, escritor e hispanista D. Antonio Carreño.
7. O fallo do xurado farase público o 7 de maio de 2021 e será inapelable.
8. Dotación e fallo do premio:
1º Premio: 1.000 €
2º Premio: 500 €
3º Premio: 300 €
9. A entrega do premio realizarase no acto de celebración do Día das Letras Galegas, que se celebrará no Concello de Parada de Sil o día 15 de maio de 2021.
10. A inscrición neste certame supón a total aceptación das bases.
11. Todas as persoas participantes autorizan ao Concello de Parada de Sil á utilización do relato citando ao autor ou autora do mesmo.”

O Fetega abre o prazo para presentar obras e espectáculos candidatos os Premios Dorotea Bárcena

Desde Fetega:
“As propostas poden enviarse este ano desde o venres 29 ata o venres 12 de febreiro ás 20 h.
Débese describir a obra e achegar o material de valoración que se solicita.
Distínguense en 6 categorías:
APARTADO 1: Teatro de Sala para público Adulto. (Auditorio) Dirixida a compañías galegas con espectáculos teatrais para adultos.
APARTADO 2: Teatro de Exterior para público Familiar. (Anfiteatro) Dirixida a compañías galegas con espectáculos teatrais de exterior para público Familiar.
APARTADO 3: Teatro de Rúa para público Familiar. Dirixida a compañías galegas con espectáculos teatrais e animación de rúa para público familiar.
APARTADO 4: Teatro de Sala para Nenos. Dirixida a compañías galegas con espectáculos teatrais de interior para público infantil e bebés.
APARTADO 5: Monólogos Cómicos. Dirixida a elencos e artistas galegos con espectáculos de humor.
APARTADO 6: Performances e Pequenos Formatos.
Convocamos aos elencos e artistas galegos con espectáculos de performances e pequenos formatos, para desenvolver en interior ou exterior.
Correo electrónico para consultas: festivaldoteatrogalego@gmail.com
Contacto prensa: prensa@fetega.gal”
Máis información aquí.