Rosa Aneiros autora de Sibila: “Sen esterco, sen cheiro, non hai vida. Non escribín unha distopía, senón cousas que están a pasar hoxe en día”

Desde o Zig-zag da Televisión de Galicia:
“Con Sibila, editada por Xerais, Rosa Aneiros retoma a narrativa para público adulto despois de 12 anos. A protagonista Sibila tenta resolver un misterio na illa da súa nenez onde só quedan os derradeiros habitantes. A historia xoga coa idea dun futuro desacougante, cunha sociedade moi vixiada, e un pasado que estoura. A entrevista pode verse aquí.”

Lalín: presentación de O Naranxo no Trasmundo, de Inma Vilariño

O sábado 19 de xuño, ás 12:00 horas, no exterior do Pazo de Liñares, en Lalín (en caso de chuvia, no interior do edificio), preséntase o libro O Naranxo no Trasmundo, de Inma Vilariño, publicado por Edicións Fervenza. A autora estará acompañada polo conselleiro de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia, Román Rodríguez; pola concelleira de Cultura e Turismo do Concello de Lalín, Begoña Blanco Blanco; pola ilustradora Amalia López Brea “Luchi”; polo cronista dezao Daniel González Alén, e pola profesora e escritora Charo Golmar. No acto, contarase ademais coa actuación do grupo Hadhietxekos.

Redondela: actos destacados na Feira do Libro 2021 para o 18 de xuño

O 18 de xuño continúa a Feira do Libro de Redondela (na Alameda, con horario de 11:00 a 14:00 horas, e de 17:00 a 21:00 h.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, cos seguintes actos literarios destacados para este día:

13:00 h. Victoria García asina As formiguiñas fiandeiras, publicado por Hércules.
18:00 h. Ledicia Costas asina Os Minimortos e A señorita Bubble, publicados por Xerais.
19:00 h. Xulia María Barros asina A árbore dos vagalumes, publicado por Belagua.

Arantza Portabales: “Non busco un final de conto; os meus personaxes viven para o día seguinte”

Entrevista a Arantza Portabales en Atlántico Diario:
“(…) – Atlántico Diario (AD): Retoma unha relación con moita química. Como se rencontran os seus protagonistas [A vida secreta de Úrsula Bas]?
– Arantza Portabales (AP): Abad e Barroso están nun momento distinto da súa vida. A súa relación significou cousas distintas para cada un. El está tomando conciencia do seu problema coa violencia, enfróntase aos seus diaños, mentres Ana analiza a relación moi mediatizada. Os dous son detectives que antepoñen o seu traballo.
– AD: E como o retomou a escritora a relación cos seus protagonistas?
– AP: Gustoume volver con eles, non son de concluír con finais moi pechados. Os meus protagonistas viven para o día seguinte, non busco un final de conto.
– AD: Co maltrato machista no centro do debate, que a motivou a o abordar dun xeito tan peculiar?
– AP: O maltrato ten moito que ver coa educación e coa xestión da ira. Abad és consciente do seu problema e tenta solucionalo. Pero con esto non quero que se pense que o estou defendendo. Moitos lectores empatizan con el, pero Abad non é un maltratador ao uso. A maioría son perversos que culpan ás víctimas, Abad non, nel hai esperanza.
– AD: Na trama da novela xorde unha conexión cunha desaparición en Pontevedra que lembra a de Sonia Iglesias, á que máis adiante tamén nomea. É unha homenaxe a estas víctimas?
– AP: É unha homenaxe a tódolos casos de desaparecidas. As semellanzas co caso de Sonia Iglesias non foron intencionadas. As desaparicións supoñen unha dobre perda, as familias non teñen onde ir chorar. Nas miñas novelas sempre fago alusións a feitos reais. Aquí falo da capacidade de reinventarse e seguir adiante por un mesmo, sen depender de ninguén.
– AD: En relación á súa novela anterior, Beleza vermella, aquí vai un paso máis alá da novela negra.
– AP: É unha trama máis psicolóxica, aumenta a tensión. O máis importante é saber o que pasou, maís que o final. O interesante é o camiño que ten que percorrer o lector. (…)”