Comunicado da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) en apoio a Carlos Callón

O Consello Directivo da AELG quere facer público o seu apoio e amparo ao escritor e activista Carlos Callón ante os ataques cara á súa persoa e unha das súas obras nas redes sociais.

A AELG toma esta decisión ante a gravidade das ameazas nas que se manifesta, entre outras cousas, que o seu ensaio Vidas e historias LGBT da Idade Media non vai poder ser presentado.

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega fai constar o seu apoio ao acto creador e tamén ás achegas que se fagan a prol da análise das diversidades e das identidades de xénero. As posíbeis discrepancias xamais poden conter ameazas e as visións diversas nunca poden procurar o silencio e a uniformidade.

A celebración das diversidades e das identidades disidentes é algo que fai máis forte o noso sistema literario. A aproximación á nosa historia, tentando iluminar o esquecido, o oculto e o proscrito, será sempre motivo de ledicia e de debate para as nosas letras.

Desde a AELG damos a benvida a un texto que quere indagar sobre a diversidade e a identidade de xénero ao longo da nosa historia e expresamos a nosa máis enérxica repulsa a quen procure o silencio e o medo como instrumentos de debate.

Esta situación está xa en mans da asesoría xurídica da nosa entidade, para que poida apoiar o autor tamén desde ese punto de vista.

Jorge Rodríguez Durán: “Quería desacralizar a literatura; tratar o cotián é básico na miña escrita”

Entrevista de Carolina Sertal a Jorge Rodríguez Durán en Faro de Vigo:
(…) – Faro de Vigo (FV): Carnívoras e domésticas é o seu debut en narrativa, como nace este libro?
– Jorge Rodríguez Durán (JRD): Son contos que tiña escritos dende hai case dez anos e aos que lles din un pulo durante a pandemia, que foi o meu momento de máxima produción. Pero aproveitei este ano para ir a unha residencia literaria en San Simón e rematar todo o que estaba pendente, revisalo e darlle un sentido, darlle un sentido para que fose máis unha colección que unha antoloxía de relatos.
– FV: Precisamente, quería preguntarlle polo seu paso pola residencia literaria en San Simón, que papel xogou esta experiencia no proceso de creación?
– JRD: Para min foi unha pasada. Fun unha semana porque levei un proxecto que eu pensei que sería asumible, non tanto para escribir dende cero, e claro, estar alí sen ter que estar preocupado por cuestións como facer a comida ou recoller a casa, permitiume dispoñer de tempo para revisar e revisar, unha e outra vez, o cal foi un gusto. De feito, o libro en si mesmo nace como tal en San Simón, unha vez que me puxen a ver onde estaban os ocos, que faltaba, que tiña que engadir ou cambiar do texto para que tivera sentido. (…)”

A Coruña: presentación de Entre a memoria e o esquecemento, de Guiomar Acevedo López

Séchu Sende, sobre o seu último livro: “O passa-montanhas é um símbolo para a resistência de meio mundo”

Entrevista a Séchu Sende desde o Portal Galego da Língua:
“A editora Chan da Pólvora é a encarregada da publicaçom do último livro do escritor Séchu Sende, un poemário que recompila, sob o título de Passa-montanhas, dúzias de textos que previamente foram filmados e difundidos na rede Tiktok.
– Portal Galego da Língua (PGL): Que significa o passa-montanhas?
– Séchu Sende (S): O passa-montanhas é um símbolo para a resistência de meio mundo, das pessoas que tenhem que ocultar o seu rosto para defender, por exemplo, os direitos humanos, num planeta dominado pola represom e a falta de liberdades coletivas e pessoais. É um símbolo de rebeldia e dissidência. Na Galiza há referentes simbólicos como, na fotografia, os gaiteiros enmascarados de Roberto Ribao. Em diferentes épocas históricas, desde os anos setenta, também foi utilizado polo movimento popular em momentos de boicote. Zara também vendia passa-montanhas, ainda que lhe chamava “Balaclava canalé”, está esgotado.
– PGL: Como nasce este livro?
– S: No momento inicial da última vaga de projetos eólicos, a gente começa a organizar-se e eu participo no Courel na plataforma Eiqui Eólicos Non. Nessa época, a título individual, começo também a experimentar com discursos e diferentes formas de intervençom, com desenhos ou textos, para intentar sensibilizar e conectar o conflito com mais pessoas. Umha dessas acçons é um vídeo com alguns colegas com passa-montanhas que lem umha espécie de manifesto contra o sistema capitalista, extrativista e neoliberal, que gravamos em vídeo. Mas há gente, com mais experiência política do que eu, que me recomenda nom publicar o vídeo para evitar problemas legais e de repressom. Assim que nom dou esse passo. Mas a partir dessa experiência decido experimentar com o passa-montanhas. E é aí quando abro umha conta em tiktok e começo este projeto. Basicamente nasce com a intençom de comunicar ideias e emoçons através da imagem e a oralidade. O formato é singelo: aparece umha pessoa com passa-montanhas e umha voz em off a ler um poema. (…)”

Entrevista extensa arredor da súa obra con Felipe Senén

Xa está dispoñíbel na Videoteca da web da AELG a entrevista extensa arredor da súa obra con Felipe Senén. Pode verse tamén aquí: