A Coruña: presentación da Poesía reunida de Xosé Luís Méndez Ferrín

O 9 de abril, ás 19:30 horas, na A. C. Alexandre Bóveda (Rúa Santo André, 36, 1º), na Coruña, preséntase a Poesía reunida de Xosé Luís Méndez Ferrín, publicada por Xerais, coa presenza do autor desta edición, Anxo Angueira, acompañado por Xosé Luís Axeitos. As persoas interesadas poden inscribirse aquí.

Hugin e Munin: “Estamos todo o día entre libros”

Entrevista de Ana G. Liste a Isabel Soto e Alejandro Tobar en Praza:
“A editorial Hugin e Munin nace do profundo amor pola lectura do seu fundador, o filólogo, tradutor e editor Alejandro Tobar, que quixo crearse unha alternativa laboral en Galicia para regresar da emigración e, á vez, aportar valor engadido á cultura propia.
“Parecíame que había un oco, daquela estaban funcionando Rinoceronte e Urco, e creo que o conseguimos cubrir. Faltaba un pouco de alta literatura, penso que mirando o noso catálogo se entende que tratamos de traer ao galego primeiras espadas”, salienta Tobar.
Siri Hustvedt, Jane Austen, Gustave Flaubert, Raymond Chandler, Stefan Zweig, Émile Zola, George Sand, Yasmina Reza, Joseph Conrad, Thomas Hardy, Pier Paolo Pasolini ou Mark Twain son algúns dos autores e autoras que completan un catálogo que neste momento chega aos 132 títulos. Destes, 106 pertencen á colección Principal e os 26 restantes son da colección Vólvense os paxaros contra as escopetas. Esta mesma semana saíron dous novos títulos para a imprenta.
Catorce anos de andadura bastante axustados os que esperaba Alejandro Tobar cando regresou a Galicia desde Dinamarca e apostou por este proxecto editorial.
O catálogo de Hugin e Munin foise “feminizando” en canto Tobar foi consciente de que había un claro desaxuste entre autores e autoras, como funcionan as inercias da propia sociedade. O que demostra que a editorial evoluciona en paralelo ás lectoras e lectores que a sustentan.
“Tamén houbo unha evolución en positivo con respecto a poder mercar dereitos no estranxeiro. Ben é certo que comezaramos con Charles Bukowski, que foi comprando dereitos, e despois viñeron Arthur C. Clarke e Isaac Asimov; pero houbo moitas obras sen dereitos, que agora intentamos que sexan o 30% do que publicamos”, conta Alejandro Tobar.
Isto significa que nestes anos Hugin e Munin acadou unha mellor posición, e non só pola maior dispoñibilidade para mercar dereitos, “senón polo feito de ter que xestionar as negociacións con terceiros”.
Non optan ás escasas axudas para a edición que proporciona a Xunta, o que para Tobar é “unha demostración da viabilidade económica dunha pequena editorial en Galicia e en galego”, e tampouco dependen das axudas á tradución para as escollas do seu catálogo, pois os criterios das mesmas impídenllo. “Nós funcionamos coa nosa base de subscricións, que nos permite organizarnos para publicar oito libros ao ano”, detalla o editor. (…)”

Crónica fotográfica da Polavila Xabier P. DoCampo. Na memoria 2025

Estas son algunhas das fotografías da Polavila DoCampo, que tivo lugar o 3 de abril no Pazo de San Marcos. Deputación de Lugo, organizada pola Iniciativa Polavila Docampo, a Deputación de Lugo e a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, coa colaboración de da Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (Gálix) e ProLingua. A crónica fotográfica completa pode verse aquí (fotografías enviadas por Ghanito).