‘Maré’ e ‘Narices!’ gañan o XX Premio Castelao de Banda Deseñada da Deputación

Desde a Deputación da Coruña (fotografía da propia Deputación):
“A área de cultura da Deputación da Coruña vén de facer pública a decisión do xurado do XX Premio Castelao de Banda Deseñada, un certame que cada ano reafirma o compromiso da institución co apoio á creación artística e á posta en valor do talento literario e gráfico, tanto no ámbito xeral como na literatura infantil e xuvenil (LIX). Ambas categorías están dotadas cun premio de 6.500 euros para a obra gañadora.
Na modalidade xeral, a obra galardoada foi Maré, un proxecto de Manuel Barreiro Rozados e Elías Oliver Taño. O xurado destacou a potencia e o impacto da súa proposta gráfica, que, cun estilo singular, evoca o imaxinario da clase obreira e do mundo mariñeiro, ofrecendo unha narrativa visual profundamente coherente co relato que sustenta o proxecto.
Pola súa parte, na modalidade LIX, a obra premiada foi Narices!, da autora Giovanna Lopalco. A decisión foi unánime, e o xurado quixo salientar a orixinalidade do proxecto, o seu estilo fresco e persoal, así como o seu carácter dinámico e lúdico. Narices! propón unha experiencia de xogo que, ademais de entreter, amosa un gran potencial de futuro no ámbito da literatura xuvenil.
A decisión foi tomada polo xurado reunido no Pazo Provincial o 7 de xullo, baixo a presidencia de Natividade González, deputada de cultura, e coa participación das gañadoras da anterior edición, Sandra Lodi e Laura Suárez Fernández, e de especialistas do ámbito cultural: Tomás Guerreiro García, Sara Prieto Puy e Pablo Prado Fernández. A presidenta agradeceu “a implicación das persoas integrantes do xurado” e sinalou que, por criterio de obxectividade, decidiu non participar no debate nin facer uso do seu dereito ao voto. (…)”

Moaña: Obradoiro de creación literaria Digo pupila lábio terra digo. Unha aproximación posible á obra poética de Xosé Manuel Millán Otero, con Míriam Ferradáns

Destacado

O Obradoiro de creación literaria Digo pupila lábio terra digo. Unha aproximación posible á obra poética de Xosé Manuel Millán Otero, con Míriam Ferradáns, é unha iniciativa da Escola de Escritoras-es da AELG, coa colaboración do Concello de Moaña e o patrocinio da Xunta de Galicia.

O corpus poético de Xosé Manuel Millán Otero constitúe unha das voces máis intensas, sensibles e comprometidas da poesía galega contemporánea. O seu estilo está marcado pola profundidade existencial, a conexión coa paisaxe e o uso dunha linguaxe evocadora. Diremos pupila, lábio e terra. Camiñaremos polo linde da materia. Traballaremos voz con voz aos seus textos para achegarnos, nun intento fugaz, á súa obra. Fomentaremos a escritura creativa, inspirándonos na súa capacidade para transformar a realidade en imaxe poética.

O obradoiro será impartido por Míriam Ferradáns, cunha sesión especial con Xosé Daniel Costas Currás.

Hai 20 prazas para persoas maiores de 18 anos. A inscrición, gratuíta, farase enviando un correo electrónico a oficina@aelg.org indicando nome, apelidos e o nome deste obradoiro.

O obradoiro desenvolverase na Casa da Mocidade (cMo) de Moaña (Rúa María Martín, s/n).

Calendario e horarios

Sábados 6, 13, 20 e 27 de setembro; 4, 11, 18 e 25 de outubro de 2025, de 11:00 a 13:30 h.

Información sobre protección de datos
A responsábel do tratamento é a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. A finalidade do tratamento é a prestación do servizo que se detalla na solicitude ou actividade organizada. A base legal do tratamento é o cumprimento dunha obriga contractual na prestación dun servizo. Os seus datos conservaranse unicamente durante os prazos de prescrición legalmente aplicábeis. Pódense comunicar os seus datos a terceiras/os organizadoras/es ou colaboradoras/es da actividade. No caso de solicitar certificado de asistencia, os seus datos comunicaranse ao/á impartidor/a da actividade. Pode acceder, rectificar, suprimir os seus datos e nos casos determinados opoñerse ao tratamento, limitar o seu uso ou portar a outra/o responsábel. Tamén pode solicitar a tutela da Axencia Española de Protección de Datos ou presentar unha reclamación ante a mesma.