Desde Radiofusión:
“Os incurábeis (Ed. Xerais) é a terceira novela de Antonio Tizón e forma parte dunha pentaloxia que tenta abordar a enfermidade mental a través da literatura, a través da novela negra ou policial. Todas elas son independentes. Pódense ler sen necesidade de lelas todas pero o autor recomenda facelo. O seu obxectivo ao encarar este proxecto literario é amosar unha imaxe real da enfermidade mental e desmontar os prexuízos que existen sobre ela. “A xente tende a pensar que os enfermos mentais son violentos, perigosos e mesmo bohemios” afirma Antonio Tizón. Nas cinco novelas el quere abordar diferentes perspectivas que dean unha visión real da doenza mental, un compromiso persoal porque el é un enfermo mental.
Tizón escolleu o xénero negro para abórdalo. Quixo facelo dun xeito entretido e ameno dende un punto de vista literario. Explícanos que enfermidades como a esquizofrenia ou o trastorno bipolar son incurábeis pero, se teñen diagnóstico e tratamento, pódese levar unha vida normal. A base é farmacolóxica nos casos graves e crónicos e mesmo son necesarias terapias complementarias como ter unha vida ordenada ou un entorno agradábel. O gran problema, afirma, é que cando o doente se encontra ben e deixa a medicación porque as recaídas traen problemas.
Entrando na novela que nos reúne nun novo club de lectura, Os incurábeis, vemos ao inspector Sánchez de novo no barrio dos Castros da Coruña tentando resolver un asasinato. “Hai moito autobiográfico pero tamén moita ficción” apunta o escritor. Corenta bares da Coruña que aparecen na obra son reais, personaxes ben coñecidos tamén, outros existen con nomes cambiados. “Busco a mistura, é algo intencionado. Xogo coa meta-literatura e a autobiografía”. Para Antonio Tizón o autobiográfico non ten porque ter menos calidade xa que sempre hai aspectos que interesan para a narración, sempre que se pasen polo filtro da literatura. “Hai que ter coidado en como se construe o relato, todas as vidas son interesantes pero hai que contalas ben”.
O podcast pode escoitarse aquí.”
Arquivos do autor: asociacionescritoras-es
Álex Alonso: “Non son investigador, esta novela é ficción, o único real é un crime que impresionou a Vigo”
Vigo: presentación da Alba de groria de Castelao, ilustrado por Ana Santiso
Outeiro de Rei: presentación de Pangalaica, de Xurxo Souto
“A relixión do mar: videopoemas”, por Xosé Iglesias
Entrevista a Berta Dávila no Diario Cultural
Entrevista a Berta Dávila no Diario Cultural da Radio Galega:
“Berta Dávila viviu un 2020 de premios para a súa novela Carrusel, ao igual que está a comezar a pasar coa súa nova obra, Illa Decepción. A entrevista pode escoitarse aquí.”
Anselmo López Carreira: “A Idade Media en Galicia comeza coa chegada dos suevos”
Xavier Seoane: “Un tópico é unha pedra de toque, que se a fregamos amosa unha realidade moi fonda”
Entrevista de María Solar a Xavier Seoane na Televisión de Galicia:
“Imaxinación, humor e sentido crítico no Dicionario irreal para un país imposible, de Xavier Seoane, escritor, profesor e comisario de arte. Os tópicos do país ou a nosa idiosincrasia conviven na obra con mitos, persoas, ou feitos que son conceptualizados neste dicionario arredor do que significa ser galego. A entrevista pode verse aquí.”
“Decálogo da novela”, por Antonio Piñeiro
Desde Euseino?:
“A sección Decálogo da novela achéganos a proposta de Antonio Piñeiro. O autor de A través do fume intenta asediar o que chama “obxecto-fenómeno” da novela; como un historiador, descré da novela non dependente do suxeito que a produce. Piñeiro elévase, agatuña polo monte do idealismo literario para chegar a ese punto do sublime onde o estilo é todo porque é fenómeno: visión cambiante dun suxeito que só entende a realidade como reflexo, ou flexión, de si. A itinerancia deste decálogo lévanos á negación da novela. Exercicio do nihilismo modernista, ou visión a través da néboa dunha percepción que se flexiona —a brincadeira da prega, cadáver da filosofía do século XX— e flúe —o tamén cadáver filosófico do “devir”. A deformación é unha forma ao tempo que deixa de selo. A novela nin sequera xénero literario é. A novela, segundo o noso escritor, é algo voandeiro e volátil que só existe porque no seu voo acaba batendo con quen, tras o choque, se converte no seu autor. Por accidente, ou acaecer (ereignis, événement?). A novela non é un feito, a obra literaria non se fai —heideggerianamente, cae.
En semanas vindeiras, novos decálogos escritos por novelistas. Sección coordinada e editada por Iván García Campos.
♦
Función e flexión
1) Oficio de tebras. O discurso social é un. O discurso novelístico é outro. Non o convencional, non o coloquial, non o do documento, o espello ou a máquina tomavistas, senón un que difire e alterna ética e esteticamente con aqueles, facéndoo desde o introspectivo prospectivo.
2) Actitude. Semella que para a disposición non hai fórmula. A novela é un cabalo tolo, antítese do animal de desfile, ordenado, burocrático, formalmente gregario. ¿É parte da esencia do novelar? Polo menos, lévanos a outra das claves do oficio: a idea. Escribir implica disposición e necesidade de atopar ou explorar unha idea. Ao mellor non clara, nin sequera diferente, pero propia e perceptible. Unha idea para cada obra ou unha para toda a obra. Unha idea como función reveladora, que viría ser o mión da actitude. (…)”




