Acta do xurado do I Certame de Literatura Infantil e Xuvenil Muíño do Vento

Callón inscribe a perda no seu segundo libro de poemas

Artigo de Daniel Salgado en Sermos Galiza:
““Como inscribir o que non está, como inscribir o que falta, como rexistrar a perda”, explica Carlos Callón (Ribeira, 1978) a Sermos Galiza os propósitos da súa obra. Lapidaria, cruzada pola morte e ao tempo con ángulos de humor, heteroxénea e cun tramo final desbordado escrito á morte da nai –As mans titúlase a sección-, Inscricións busca “o gume” onde se atopa o descoñecido. (…)
“Un amigo portugués [o poeta reside en Lisboa, onde é docente de xeografía e historia] dime que como é posíbel que eu, que sempre sorrío, escriba sobre a morte e a destrución”, relata. Nalgúns recitais previos á saída de Inscricións había quen remataba chorando. “Hai dores que se tocan”, entende, “e ás veces a poesía consegue que o entendamos ben”.
Esa experiencia tamén serviu ao autor para reflexionar sobre as mudanzas nas formas de chorar e “as dificultades de facelo en público”. A poesía de Callón, dalgún xeito intimista e, segundo el mesmo define, con parte confesional -“que non é o mesmo que biográfica”- indaga no eu. E sérvese sen complexos de conceptos psicanalíticos, ás veces trasladados ao verso sen apenas mediación. “A primeira vez que lin Jacques Lacan”, conta, “pensei que era un falabarato. Logo ves as prácticas clínicas e, vaia, mudas de opinión. Agora leo páxinas del que me producen a mesma sensación que un bo poema. Parece que falan de min”. Atravesar o fantasma, por caso, é Lacan.
Con preferencia pola composición breve, Callón deixa espazo ás incertezas do xénero. “Hai algo que impón a forma”, di. Non é doado identificar o que. En todo caso, Inscricións é síntese de tempos diferentes e diferentes proxectos de libro. “Preciso estar seguro para publicar poesía”, degraña, “talvez por iso fun un poeta que publicou de xeito relativamente serodio”. (…)”

Olga Novo: “A literatura pertence ao dominio da cáscara estética da linguaxe, pero a vida está máis alá e máis dentro. A Poesía é Amor ou non é nada”

Entrevista de Montse Dopico a Olga Novo en Praza:
Feliz Idade é “a condensación no tempo, nunha Idade, do encontro con persoas que fan felices aos demais. E ese é o gran don ao que canta este libro. A presenza, no mundo, de seres que fan da vida un paraíso aquí e agora, e que extirpan na súa praxe cotiá, de xeito silencioso, as dores e as miserias que nos atenazan. A linguaxe bordea con dificultade tal experiencia inefable”. Así resume Olga Novo o contido do seu novo libro, Feliz Idade, que vén de editar Kalandraka. Nada máis hai, se cadra, que dicir, que non sexa convidar a achegarse a el. E esta entrevista pode servir quizais para subir, nese proceso, un primeiro chanzo.
– Praza (P): “A poesía é un acto radical de vida, e estes poemas son tan só terminacións nerviosas da poesía experimentada”, dis no limiar de Feliz Idade. Que a poesía é vida, e non só exercicio literario, é algo que defendiches sempre. Mais é como se a pegada da vida, da experiencia, fose máis forte neste poemario. Por que?
– Olga Novo (ON): En efecto eu nunca concibín a poesía como un mero exercicio literario, máis ben ao contrario. E creo que era poeta antes de aprender a ler ou escribir, porque a poesía -como actitude vital- antecede ao poema. O que acontece é que a pegada da vida neste poemario é quizais máis evidente, dado que se fai referencia directa a feitos experienciais tan fortes como a maternidade ou a enfermidade e morte do pai. Nese senso, o poemario ancora absolutamente na vida, acaso porque a poesía só pode ser verdade.
– P: Explicas no limiar que o libro contén un círculo no que a túa filla e o teu pai se encontran: a pequena, unha nena medrando, e el, un señor maior voltando á infancia. Nese sentido, todo o libro é unha declaración de amor: á filla, ao pai, á parella… “Souben/ que a miña natureza era amar”, di un dos versos, contra o final do libro. Definirías así este libro, como unha declaración do amor?
– ON: O libro está vivido, sentido e escrito coma un canto de amor profundísimo, porque o amor salva, cura e cauteriza, xustifica e engrandece a existencia. E a poesía non é senón expresión -neste caso, verbal- dese acto radical de amor. Feliz Idade é a condensación no tempo, nunha Idade, do encontro con persoas que fan felices aos demais. E ese é o gran don ao que canta este libro. A presenza, no mundo, de seres que fan da vida un paraíso aquí e agora, e que extirpan na súa praxe cotiá, de xeito silencioso, as dores e as miserias que nos atenazan. A linguaxe bordea con dificultade tal experiencia inefable. (…)”