Lois Alcayde Dans faise co XX Premio de Poesía Díaz Jácome para novos creadores

Desde Fervenzas Literarias:
“Lois Alcayde Dans é o gañador do XX Premio de Poesía Díaz Jácome para novos creadores. O traballo presentado polo gañador ten por título Anoar.
O segundo premio recaeu na obra Unha luz de eclipse da que é autor Aleixandre Lago Barcala. Pola súa banda, Isolda Comesaña Alcaraz, acadou o terceiro premio coa obra Son da estirpe de Luperca.
O Certame de poesía Díaz Jácome para novos creadores é un certame de poesía convocado polo Concello de Mondoñedo co patrocinio da Área de Cultura da Deputación Provincial de Lugo, co afán de estimular a creación poética entre a mocidade, que se vén realizando dende o ano 1999. De feito, ao certame só poden presentarse os menores de 30 anos. Este premio está adicado a Xosé Díaz Jácome, natural de Mondoñedo.
O coruñés Lois Alcayde Dans naceu no ano 1997. Escritor e xornalista, en 2016 gañou o I Premio Balbino de relatos polo libro Camiños na sombra (Fervenza). Colabora nas revistas O Salto, Luzes e no xornal Sermos Galiza. Membro do consello editorial da revista Ligeia, coordina a súa ­sección de Xornalismo. Este mesmo ano publicou en Galaxia o libro de relatos Os jeans de María.
A entrega do Premio tivo lugar o domingo 1 de decembro segundo o seguinte programa:
11:15 h. Recepción oficial na Casa do Concello.
11:30 h. Presentación antoloxía Versos Fideis (libro no que se recollen os versos premiados no Certame de Poesía Díaz Jácome para novos creadores).
12:30 h. Entrega de Premios do XX Certame de Poesía Díaz Jácome no Salón de Plenos do Concello.”

Xesús Fraga, premio Blanco Amor de novela 2019

Desde Fervenzas literarias:
“O xornalista e escritor Xesús Fraga foi o gañador do XXXVIII Premio de novela longa Eduardo Blanco Amor pola súa obra Virtudes (e misterios).
O xurado do certame que organiza a Deputación de Ourense en colaboración coa Fundación Eduardo Blanco Amor, elixiu por maioría, de entre os 23 orixinais presentados ao premio, a obra de Xesús Fraga, que recrea as vicisitudes dunha familia das Mariñas coruñesas, marcada pola emigración a América e a Europa. “Trátase dunha historia asentada na realidade da segunda metade do século XX, ben vertebrada e contada a través dun variado mosaico de lembranzas, sensacións, testemuñas, fotografías e o diario dunha nai”, sinala a acta.
O epicentro narrativo da obra sitúase nun Londres percorrido polas pegadas familiares e as do colectivo galego emigrante, subliña o xurado, salientando que como contrapunto está Venezuela, a través do avó ausente, do que pouco ou nada se sabe ata o final. “Resulta salientable –valora o xurado- a relación interxeracional permanente entre o neto e a avoa, unha figura forte que representa a épica das mulleres galegas nun tempo de extremas limitacións”, e tamén destaca “o tratamento da linguaxe e a variedade de rexistros, entre os que non falta a empatía coa actualidade; unha novela para todo tipo de lectores”.
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, foi o encargado de comunicar a nova ao escritor, felicitándoo polo éxito acadado con este traballo literario, que reflicte elementos autobiográficos na súa escrita, e que mantén, precisamente, un paralelismo coa obra Blanco Amor, quen tamén destacou por introducir características autobiográficas nalgunhas das súas obras.
Xesús Fraga, nado en Londres e residente en Betanzos, é licenciado en Ciencias da Información pola Universidade de Salamanca, e traballa como redactor na sección de Cultura de La Voz de Galicia, contando cunha ampla traxectoria no ámbito literario.
O xurado, que fixo constar na acta os seus parabéns ao escritor desexándolle “moitos máis éxitos na súa faceta literaria”, estivo integrado por Luís González Tosar, como presidente; Laura Caveiro, secretaria, e Luís Menéndez Villalba, Xosé María Dobarro Paz e Eulalia Agrelo Costas, como vogais.
A entrega do galardón tivo lugar o vindeiro 30 de novembro, ás 20.30 h., nunha cea literaria, organizada pola Fundación “Eduardo Blanco Amor”, que tivo lugar no Liceo de Ourense, coincidindo esta edición co 40º cabodano do autor de A Esmorga, acto que contou coa participación de representantes institucionais e dos ámbitos social e cultural, e onde o premiado recibiu, xunto á achega económica do premio, unha escultura do artista ourensán Acisclo Manzano, realizada especialmente para este premio.”

Carlos da Aira, gañador da VIII edición do Premio de Poesía Manuel Lueiro Rey

“Na tarde do 28 de novembro tivo lugar na Biblioteca Ánxel Casal de Compostela a xuntanza do xurado que decidiu o VIII Premio Manuel Lueiro Rey de Poesía, constituído por Luís Cochón, en calidade de presidente (que participou da deliberación vía telefónica), e mais os vogais Antón Lopo, Ismael Ramos, Mercedes Queixas e Armando Requeixo, amais de por Carmen Carreiro, presidenta da Asociación Cultural O Cruceiro da Laxe, que actuou como secretaria con voz e sen voto.
Logo dunha longa e intensa deliberación, o xurado decidiu outorgar por maioría de votos o premio ao poemario presentado baixo o título A guerra era contra nós, texto que se impuxo aos outros trinta e nove traballos presentados e que, unha vez aberta a plica, resultou ser da autoría de Carlos Da Aira Fernández.
O xurado resaltou o bo nivel dos orixinais recibidos, así como a súa diversidade tanto estilística coma temática. O certame, que chega agora á súa oitava convocatoria, consolida así a súa andaina coa colaboración tanto do Concello de Fornelos de Montes, lugar natal do escritor que dá nome ao premio, coma da Asociación Cultural O Cruceiro da Laxe da mesma localidade e mais a Edicións Xerais de Galicia, responsable da publicación do volume gañador, que será presentado publicamente a comezos do vindeiro mes de abril, en data coincidente co natalicio de Lueiro Rey, nun acto de entrega do premio en Fornelos de Montes.
O xurado estimou en A guerra era contra nós o admirable dominio do poema en prosa, a forza das imaxes e o tempero na dicción, que conforman un discurso harmónico e de forte equilibrio interno. Tamén salientou a coherencia na ollada da voz poética, que reflexiona crítica e reveladoramente sobre a condición humana e a súa circunstancia.”

(Foto do autor: Demian Ortiz).

Fallo do II Certame de Poesía Torre de Caldaloba

Desde Culturalia GZ:
“O escritor Xurxo Alonso, de Vilagarcía de Arousa, co poemario Hora de penumbra na categoría de maiores de 18 anos, e a pontevedresa Mariña Maceiras Segovia, coa obra Unha fraga de laios, na de menores de 18, son os gañadores do II Certame de Poesía Torre de Caldaloba, que convocan o Concello de Cospeito e a Asociación Recreativa de San Martiño de Pino coa colaboración de Culturalia GZ.
O xurado do concurso, integrado por Martiño Maseda, Ana Mar Fraga, Montserrat González, Xosé Otero Canto e Armando Requeixo, quixo destacar a “solidez da arquitectura versal, as poderosas imaxes e símbolos que deitan os poemas e a forza simbólica empregada no discurso” da composición de Alonso para facelo merecedor dos 1.500 euros do premio.
Pola súa banda, foi a “delicada inxeleza” dos versos de Maceiras, así coma “o realismo e a emotividade” destes, xunto coa súa “chamada ao espertar das conciencias” o que o fixo decantarse pola obra desta moza de 14 anos que recibirá libros e unha tablet.
O segundo premio na categoría de adultos recaeu en De casa queimada, de Iria Collazo (Moaña), quen puxo a súa “voz poética ao servizo da intensión dos sentimentos”, mentres que o “acerto do seu marcado ton intimista” nos versos de E sigo pensando en ti lle reportou á monfortina Sandra Rodríguez o segundo premio entre os menores de 18 anos, dotado con libros e un ebook.
O alcalde de Cospeito, Armando Castosa, agradeceu unha vez máis a boa resposta a esta convocatoria, á que concorreron máis de 30 orixinais, e adiantou que os premios se entregarán o 14 de decembro no local social de Pino.
Previamente, o 5, terá lugar en Cospeito a presentación dos libros gañadores na categoría de adultos da primeira edición do certame, que edita Alvarellos: Caldaloba en terras de Valverde, de Xesús Rábade Paredes, que se fixo co primeiro premio, e Na pel das árbores do vento, de Paulino Peña.”

Perugia: recital poético con Pablo Fidalgo e Ismael Ramos

O día 3 de decembro, na Biblioteca di San Matteo degli Armeni, o Centro de Estudos Galegos da Universidade de Perugia organiza un novo encontro coa poesía galega contemporánea, grazas a presenza de dúas das máis interesantes voces poéticas actuais: Ismael Ramos e Pablo Fidalgo.

Paseo pola Coruña Literaria Outono 2019, con Antonio Sandoval, o 30 de novembro

Os Paseos pola Coruña Literaria Outono 2019 son unha iniciativa da AELG desenvolvida coa colaboración e patrocinio do Servizo de Normalización Lingüística do Concello da Coruña.
Estes Paseos constitúen unha iniciativa para coñecermos unha cidade diferente da man de diferentes autoras e autores. Todos eles serán ás 12:00 h. e terán unha duración aproximada de hora e media.

Están destinados a persoas maiores de 16 anos e son gratuítos. É necesaria a inscrición, pois están limitados a 55 prazas.
A inscrición pódese facer en Normalización Lingüística, no Centro Ágora, chamando ao 981 184 200 ext. 34322 (a partir das 9:00 h, en calquera dos casos) e no correo lingua@coruna.es, nas datas sinaladas na información sobre cada paseo. O programa previsto é o seguinte:

Sábado 30 de novembro: Antonio Sandoval. As naturezas da Torre. Inscrición desde o 18 de novembro.
Percorreremos os campos que rodean a Torre de Hércules para coñecer a súa rica biodiversidade, que motivou a súa declaración como Espazo Natural de Interese Local. Tamén charlaremos acerca dalgunhas das súas lendas e, en particular, sobre un poema moi especial, así como sobre a literatura de natureza, un xénero en auxe e cada vez máis necesario. Ademais escoitaremos o vento, o mar e uns cantos paxaros!