María Xosé Queizán e Antía Cal gañan o Premio Otero Pedrayo

Desde Sermos Galiza:
“A pedagoga e ensinante Antía Cal e a escritora María Xosé Queizán son as gañadoras do Premio Otero Pedrayo, convocado polas catro deputacións e a Xunta e organizado nesta edición pola Deputación da Coruña. O premio está dotado con 16.000 euros.
O Premio Otero Pedrayo recae por primeira vez en dúas mulleres, pioneiras no mundo do ensino e do uso do galego na escola no caso de Antía Cal e na defensa dos dereitos das mulleres desde todos os ámbitos, de maneira especial desde o literario, ensaístico e activista, María Xosé Queizán. Desde a súa creación hai xa máis de corenta anos, a pasada edición foi a primeira vez que unha muller, Margarita Ledo.
A mestra e pedagoga Antía Cal (La Habana, 1923) foi durante o seu tempo como ensinante un referente da nova pedagoxía que busca en modelos anovadores que daquela nacían en Europa, nunha época na que a escola estaba dominada polo franquismo. Ademais de ensinar, trata de completar a educación creando materiais didácticos dos que nace a enciclopedia O libro dos nenos e o volume A arte e a súa historia, escritos en galego nos anos cincuenta. Do encontro cos novos movementos pedagóxicos nace a Escola Rosalía de Castro que ela crea en Vigo, un centro laico, plural, diverso, democrática e conectada co mundo que a rodeaba. Antía Cal deixou a súa traxectoria escrita na súa autobiografía Este camiño que fixemos xuntos, un volume que mostra unha muller emprendedora, de grande amor ao país, a súa lingua e a súa cultura e exemplo de mestra que cre no poder e na necesidade dunha escola participativa e galega.
A escritora María Xosé Queizán (Vigo, 1939) conta cunha intensa traxectoria na literatura e tamén no activismo centrado, de maneira especial, na defensa dos dereitos das mulleres. Queizán é pioneira na teorización do movemento feminista desde a situación que vivían e viven as mulleres galegas que se reflicte nun amplo corpus ensaístico mais tamén nos outros xéneros literarios que a autora visitou.
O obxectivo do premio é, ademais de perpetuar e honrar a memoria de Otero Pedrayo no campo das letras e o coñecemento, premiar un labor que constitúa unha contribución eminente á cultura galega e promocionar os valores propios de Galiza. (…)”

“Rachar a débeda con Francisco Carballo”

Entrevista a Santiago Prol en Sermos Galiza:
“Medio cento de persoas participaron no roteiro cultural pola vila de Maceda para percorreren os lugares de Francisco Carballo cando se van facer catro anos do seu falecemento.
O punto de partida foi a cafetaría Castillo, onde o escritor, presbítero, teólogo e historiador Francisco Carballo (Maceda, 1925-Salamanca, 2014), un dos máis entusiastas impulsores de Sermos Galiza, facía parte dun faladoiro cada vez que regresaba ao seu lugar de orixe. “Alí sempre quedaba Carballo coa xente de Maceda, xuntábase con quen tiña vínculos con el”, explica, en conversa con este medio, Santiago Prol, impulsor da Asociación Amigos de Francisco Carballo, entidade que organiza os roteiros na súa lembranza. O último tivo lugar o sábado, día 20, na vila de Maceda.
Máis tarde o medio cento de persoas que quixo honrar Carballo visitou o Museo do Médico Rural, “aínda non está aberto, mais permitíronnos a visita por deferencia e alí lembramos como os médicos de hai setenta ou cen anos ían en besta desde Maceda até aldeas como a de Celeirón, de onde el era natural. Agora a xente vén ao centro médico pero antes os facultativos tiñan un trato máis humano e directo cos pacientes”.
A Biblioteca Pública Francisco Carballo foi outro dos epicentros do roteiro. Ademais de contar coa biblioteca particular que o propio homenaxeado doou ao concello, abeira un espazo dedicado a el con todos os seus libros e con imaxes e cartaces que lembran a súa traxectoria.
Un blog que recolle a traxectoria de Carballo
“Tamén aproveitamos para impulsar a bitácora da asociación, que suma 170 achegas nos dous anos que ten de vida”, afirma Prol, “Carballo dá moita cancha porque era teólogo, xornalista, historiador, facía recensións de libros constantemente e produciu unha cantidade enorme de artigos e publicacións”. As últimas entradas versan sobre o roteiro; sobre Castelao, coincidindo coa chegada do cadro A derradeira leición do mestre a Galiza, e sobre o libro Conversas con Francisco Carballo, do xornalista Xan Carballa e de Santiago Prol e editado en A Nosa Terra.
“Francisco Carballo escribira unhas memorias que non chegara a publicar. Titulábanse Na fronteira do eclesial e no corazón do debate social pero, finalmente, decidírase por facer o libro de conversas. Aínda así hai aspectos das memorias que non saíron no libro e que publicaremos no blog”, sinala o impulsor da asociación.
Outro dos contidos máis esperados é a entrevista da xornalista Tareixa Navaza a Francisco Carballo emitida na TVE. Conversa que se proxectou o sábado no roteiro por Maceda, onde se xuntaron antigos alumnos, teólogos, curas, ex curas, amigas e amigos e familiares.
Unha figura brillante
Santiago Prol lembra a volta de Carballo a Galiza, “hai que ter en conta que cando vén de Salamanca era reitor do Teologado, estaba na cúpula máxima dos Paúles a nivel Estado. Propóñenlle ser bispo, mais prefire vir a Vigo e romper con todo iso”. O punto de inflexión, afirma Prol, foi un Terra e Tempo, editada pola Unión do Povo Galego. “Estando en Trastévere (Roma), deu cun Terra e Tempo e iluminóuselle o cerebro. Viu que existía xente organizada no mundo do nacionalismo, ao redor da UPG e da AN-PG, e en 1973 marchou a Sobrado dos Monxes para pensar e foi cando tomou a decisión drástica: ir para Vigo”, engade.
Por que Vigo? Vigo era “a cidade onde se cocía todo na Galiza”, di Prol. Foi alí onde “revolucionou a Cultural de Vigo” e en 1979, por iniciativa de Francisco Rodríguez, concorre na candidatura do BN-PG ao Senado, “iso para a Igrexa foi o no va más”. “Aí empeza un Carballo que despois fai moitas máis cousas, o Carballo que crea esa especie de escola de historiadores e que considera fundamental crear a nosa propia historia desde Galiza”.
Falta de recoñecemento
O membro da asociación amigos lamenta que “a Galiza oficial” ignore Carballo. “Morre en 2014 e seguimos esperando a que a Galiza oficial dea, cando menos, un pésame, ou un agradecemento polos servizos prestados ao país. Ninguén o fixo”, denuncia. Coa “Galiza oficial” refírese ás institucións políticas e universitarias. “Loitamos durante anos polo recoñecemento de Carballo como doutor honoris causa da Universidade de Vigo, mesmo estando el en vida, mais seguimos sen conseguilo”, agrega, “o país ten unha débeda con Carballo e mesmo o nacionalismo debería ter máis xestos con el”.
A asociación, modesta, intenta manter vivo o legado e a memoria de Carballo, un home que, malia non se considerar creador, “escribiu toda a vida, ensaios e columnas de tipo político e histórico”, salienta Prol. Os seus referentes: o padre Sarmiento, Bóveda e Castelao.”

Pilar García Negro: “No teatro de Manuel María hai unha vontade de pedagoxía social moi importante”

Entrevista de María Obelleiro a Pilar García Negro en Sermos Galiza:
“María Pilar García Negro (Lugo, 1953) vén de recoller nun volume editado pola Fundación Manuel María as 33 obras de teatro que deixou o prolífico escritor. Ademais, a profesora da Universidade da Coruña (UDC) e escritora vén de ser recoñecida co diploma ad honorem no marco da XVII Asemblea da Asociación de Mulleres Investigadoras e Tecnólogas (AMIT) polos seus estudos sobre Rosalía de Castro e pola súa traxectoria feminista. Conversamos con ela ao respecto. Eis un extracto da entrevista, publicada no número 318 de Sermos Galiza.
– Sermos Galiza (SG): O libro recolle un total de 33 obras, algunhas das cales resultan inéditas e sorprendentes. A que responde a súa edición?
– Pilar García Negro (PGN): Do ponto de vista persoal era xa un vello compromiso meu, neste caso coa Fundación Manuel María, que mantén non unha memoria ritual do noso grande escritor, senón unha memoria viva, perseverante e con moitas actividades. En 2005 celebramos na UDC, con colaboración directa da fundación e coa organización da AS-PG, o Congreso Manuel María, e no programa houbo dúas palestras dedicadas ao teatro, a de Henrique Rabuñal –que está recollida nesta obra– e a miña. Arrinca de aí, como mínimo, a idea de preparar esta edición. Eu tiña un ponto de partida valiosísimo, que é o traballo de Camilo Gómez Torres, o grande investigador da obra total de Manuel María e é autor dunha tese de doutoramento sobre o escritor.
Aparecen citadas dúas obras que non demos atopado, dos anos sesenta. Non desistimos de que poidan aparecer. É unha produción amplísima, 33 obras, un abano temático e estilístico variadísimo, así que a satisfacción é grande por poder incrementar a obra dun escritor proteico, poliédrico, con amplísima dedicación a todos os xéneros literarios e con tantísimo servizo á cultura galega no seu conxunto. Por iso, o primeiro que afirmo é que nace un dramaturgo para a literatura e a escena galega.
– SG: Precisamente, nos seus estudos sobre o autor demostra que non é amador, senón un dramaturgo de pleno dereito malia que a súa obra teatral non fose o suficientemente divulgada.
– PGN: Exactamente, porque se privilexiou a súa amplísima e constante dedicación á poesía, mais aquí podemos comprobar a escrita teatral desde 1957 até 2001. Facémolo apoiándonos nas súas proprias declaracións, que pasaban por afirmar que para el o teatro era unha das actividades literarias que lle producían máis pracer.
– SG: Destacan os seus autos, un subxénero que Manuel María modernizou e adaptou dun xeito renovador ás necesidades da épica galega e da lírica galega como nación, segundo ten explicado vostede.
– PGN: Aí cómpre lembrarmos en primeiro lugar o significativo de títulos como Auto do mariñeiro, Auto do labrego, Auto da costureira, que son a socioloxía laboral galega, a clase traballadora galega absolutamente predominante até hai pouco tempo. Vai aparecer tamén a loita obreira, os conflitos de Vigo e Ferrol de comezos dos anos setenta, nunha historia sindical e de mobilización social galega enorme que non existiu na historiografía española. Aí hai unha redefinición da épica e do auto tradicional, un xénero de amplísimo tratamento do denominado ‘Siglo de Oro’ da literatura española e mais da literatura portuguesa, mais nun sentido estabilizador e rendendo un servizo cerrado e dogmático á xerarquía católica, unha pedagoxía social conservadora e bloqueante de calquera protesta social. Aquí Manuel María a esa modalidade teatral dálle a volta, como tamén o fixeron no seu tempo Rosalía de Castro ou Castelao coa épica do pobo galego. Esa é toda unha veta interesantísima da tradición literaria galega. Na lírica tamén, porque hai no comezo un teatro poético, un entrecruzamento de xéneros literarios e outras moitas opcións temático-estilísticas. Hai unha auténtica construción da historia de Galiza, a través da ficción teatral en tempos onde non existían manuais da historia de Galiza. E unha componente didáctica e de pedagoxía social moi importante. (…)”

Vanesa Sotelo intervén hoxe n’O Teatriño da Fundación Luís Seoane da Coruña

Desde Erregueté:
“Vanesa Sotelo presentará Contramateria hoxe, venres 26 de outubro, a partir das 20:30, na Fundación Luís Seoane da Coruña, dentro do Ciclo O Teatriño.
O teatriño é unha actividade da Fundación Luís Seoane, comisariada por Camilo Franco, coa fin de pescudar unha relación directa entre actrices da escena galega e o público. Durante 45 minutos unha actriz poderá efectuar un acto performativo diante do público. Dela depende o texto, a posta en escena, o vestiario, a presentación… nunha montaxe única que non volverá repetirse máis.
En Contramateria, a intérprete atravesa o espazo baleiro. Ela é a tradutora e a responsable de achegarnos a unha actriz incomprensiblemente incomprendida e ás personaxes que tivo que interpretar pero que nunca chegou a comprender. Personaxes como Nina de A Gaivota ou a Giuliana de Deserto Rosso son figuras que aparecen e desaparecen neste ensaio que combina o desastre coa irreflexión e a poesía.
A fotografía é de Humberto Valladares”.

A escritora An Afaya coa novela O grupo gaña o Premio Raíña Lupa da Deputación da Coruña

Desde a Deputación da Coruña:
“A escritora An Alfaya coa novela O grupo é a gañadora do XII Premio Raíña Lupa de literatura infantil e xuvenil da Deputación da Coruña. O escritor e xornalista Xosé García Rodríguez é o finalista do certame coa obra Revolución detrito.
Un xurado composto polas escritoras Marilar Aleixandre, Andrea Maceiras, Eva Mexuto e Ánxela Gracián, coa vicepresidenta e responsábel da área de Cultura da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, como presidenta e a xefa de servizo da área de Cultura, Mercedes Fernández-Albalat como secretaria elixiu, por unanimidade, a novela O grupo, presentada co lema “Vulnerables” ,como gañadora do XII Premio Raíña Lupa de Literatura Infantil e Xuvenil. Aberta a plica a autora resultou ser a escritora An Alfaya que ten como premio 6.500 € e a publicación da obra.
Pola alta calidade das obras presentadas, o xurado decidiu nomear como finalista a obra Revolución detrito do escritor e xornalista Xosé García Rodríguez.
O xurado estima que a novela de An Alfaya é “unha proposta de lectura moi amena, un relato ben construído con personaxes ben traballados”. A obra é, segundo o fallo do premio, “moi recomendable para o lectorado xuvenil e representa os conflitos tratados desde unha perspectiva de conciencia compartida”.
A novela O grupo parte, como explica o xurado, “dunha situación pouco usual de cinco rapaces que se reúnen nun centro cívico para ser tratados por unha traballadora social a través da posta en común das súas experiencias traumáticas”.
Por outra banda, o xurado recoñece en Revolución detrito de Xosé García Rodríguez “unha narrativa áxil, unha historia engaiolante de resistencia da xente máis desfavorecida, a que ten que facer do lixo o seu modo de vida, contra a ditadura”. Salienta tamén o sentido do humor e o ritmo da novela. (…)”

Montse Fajardo gaña o II Premio de Xornalismo Manuel Lueiro Rey

“O día 22 de outubro de 2018 ás 19:00 h, despois de deliberar no Café Moderno de Pontevedra, o xurado composto por Ramón Nicolás, Ramón Rozas, Carme Vidal e actuando como secretaria Carme Carreiro decidiu outorgar o II Premio de Xornalismo Lueiro Rei ao artigo “O universo de Carlos”, presentado baixo o pseudónimo de “Roque Pérez”.
Unha vez aberta a plica resultou ser da autoría da xornalista e investigadora Montse Fajardo autora de libros como Matriarcas, Un cesto de mazás e Invisibles, entre outros.
O xurado destaca do texto “a denuncia da discriminación que sofren as persoas con autismo e as súas familias”. A autora transmite dificultades que se lle presentan á nai dun neno con autismo e os atrancos que ten que superar día a día ademais de dar conta do pouco respaldo institucional que recibe para darlle ao fillo as atencións que necesita.
O artigo é quen de que as persoas lectoras empaticen coa angustia da situación da protagonista e reparen na falta de equidade con quen ten esta condición neurolóxica a través dun caso particular.”

A seguir publicamos o texto gañador (tamén dispoñíbel aquí):

O universo de Carlos
(Roque Pérez)

A profe Esther di que se tes autismo é como se che soasen na cabeza cincuenta emisoras á vez e por iso a Carlos lle custa moito concentrarse nunha cousa. Os movementos hipnóticos axúdanlle a fuxir dese balbordo, así que pode pasar horas mirando os peixiños, petando co lapis ou subido á randeeira. A profe Mónica sempre lle deixa un pouco máis que ao resto e ninguén protesta. Con el aprenderon que o trato xusto non é o igualitario, senón o equitativo: o que dá a cadaquén o que precisa.
Ás veces Carlos precisa dar voltas pola aula. Déixanlle dar dúas, tres e logo vai alguén da clase dicirlle que sente. Esther, que é a profesora terapeuta, ensinoulles trucos para captar a súa atención entre tanta emisión: “Xirádelle a cara, buscade o contacto visual…” pero fica abraiada cos códigos que argallaron para falarlle, coa capacidade innata que teñen para comunicarse con el. Aos cinco anos asumiron con naturalidade que era parte do grupo e había que entendelo.
Fóra do CEIP San Roque de Corón non é tan fácil. O autismo é un reto para unha sociedade que sabe ser solidaria cunha cadeira de rodas pero non actúa coa mesma normalidade ante as doenzas psíquicas.
Maika nota miradas que a xulgan cando o seu fillo ten unha das súas perrenchas e se tira polo chan do súper. Ás veces sente que non pode máis, e séntese culpábel por sentilo. Pero leva anos sen un respiro.
Os xemelgos tiñan dezaoito meses cando notou que Carlos non atendía aos estímulos igual que Miguel. A diagnose de autismo cambiouno todo. Para todos. Miguel converteuse no irmán maior e o universo empezou a xirar arredor de Carlos. Maika deixou atrás a súa individualidade e ata o seu matrimonio. É difícil manter algo que non sexa a atención sobre el. Ninguén se ofrece a axudarche. A avoa cóidao unhas horas pero non de noite nin na rúa por temor a non saber controlalo. Un neno con autismo non ten filtros e pode insultarte ou poñerse violento. Así que Maika opta por saír pouco da casa.
Viuse obrigada a renunciar á vida laboral, e a falta de soldo complicouno todo máis. Resúltalle imposíbel contratar a alguén que a axude, que lle dea un respiro que lle permita, polo menos, pasar máis tempo con Miguel e non abafar de culpa. Non hai achegas económicas. As discapacidades psíquicas non se cuantifican como as físicas e só recibe 1.800 euros anuais que lle obrigan a elixir entre a psicóloga ou a logopeda e aínda así só dan para unha hora de consulta semanal cando precisaría unha diaria. Levar a Carlos á terapia é outra odisea porque como non lle pasa nada nas pernas non lle dan tarxeta de aparcamento. Dá igual que a súa cabeza se negue a camiñar, que se tire polo chan e a obrigue a vivir un calvario camiño da logopeda. Se pode andar, non hai tarxeta.
Ante a falta de apoio do sector público, as familias agrúpanse en asociacións específicas e poñen en marcha servizos, pero son demasiado caros para Maika.
Tamén no cole escasean os recursos. Precisaríase máis profesorado terapeuta e contar con orzamento para material adaptado.
O suposto estado de benestar camiña moi por detrás da clase de Carlos, que xa non concibe mural sen pictogramas nin elixir una coreografía que lle resulte imposible a el. Esther ten claro que lle achega ao grupo moito máis do que recibe, porque é a súa mellor lección de empatía.
Quizais, se en cada aula houbese un Carlos, no futuro teríamos unha sociedade máis equitativa, que non deixe sobre os ombreiros de Maika todo o peso do universo.