Antón Lopo gaña o XII Premio de Narrativa Breve Repsol

Desde Galaxia:
“A novela Extraordinario de Antón Lopo resultou hoxe gañadora da XII edición do Premio Narrativa Breve Repsol en Lingua Galega. Así o comunicou esta mañá en rolda de prensa o portavoz do xurado, Xoán Babarro, escritor e académico correspondente da Real Academia Galega.
O acto do fallo tivo lugar na refinería de Repsol na Coruña e estivo presidido polo secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, a director da área Institucional de Fundación Repsol, Gonzalo Vázquez, acompañados do director da refinería, Javier Sancho, e o portavoz do xurado, Xoán Babarro.
Do mesmo xeito que en anteriores edicións, o premio está dotado con 12.000 euros, e a obra será publicada na colección Literaria de Galaxia o vindeiro novembro.
O portavoz do Xurado, composto ademais polo director de edicións de Galaxia Carlos Lema, a escritora Eli Ríos, a profesora Dolores Vilavedra e o gañador da anterior edición Xosé A. Neira Cruz, destacou da obra gañadora “a particular riqueza léxica, así como os valores estilísticos relacionados coa sintaxe, que se visualiza a miúdo a través dunha puntuación orixinal”. Babarro engadiu que “o uso da primeira persoa, a distribución do texto en noventa notas de desigual extensión e o ritmo narrativo conseguido facilitan a lectura e acaban atrapando o lector”.
O protagonista de Extraordinario, desde hai anos separado do círculo familiar, regresa para coidar da nai, hospitalizada. A través da súa mirada iremos interpretando a personalidade de cada un dos membros da familia, desde a situación presente ata épocas pasadas. O autor non só nos mostra o ambiente hospitalario, senón tamén as difíciles relacións do personaxe central coa nai durante a infancia e a adolescencia, o trato coa irmá e o antagonismo co irmán máis vello.
O xurado do XII Premio Narrativa Breve Repsol define Extraordinario como unha novela sólida, atractiva e ben narrada, cunha riqueza temática que se complementa con recursos de tipo irónico e humorístico.”

A Coruña: roteiro “Oficio do mar”, con Xosé Iglesias, o sábado 29 de setembro

Desde a A. C. Alexandre Bóveda da Coruña:
“O sábado 29 ás 12:00 horas realizaremos un roteiro ao lado do mar para gozar dos saberes de Xosé Iglesias: mar, poesía, pesca, paisaxe e sobre todo a palabra, do riseiro e das rabizas, da falsa e dos miños… mais tamén falaremos dos gobernos que levan aos mariñeiros a unha situación de abandono total porque xa sabedes ”que as sardiñas volverían se os gobernos quixesen”.
Sairemos do mirador de Berbiriana, alí na Pena das Catro Cachas (para os que non saibades quedamos diante da fonte dos surfistas) e logo As Mourozas… até O Areal.
Acompañaranos Iván Méndez López para poñer o nome axeitado a cada lugar porque a toponimia constitúe un aspecto fundamental do noso patrimonio.
Para participar, fai a túa inscrición a través deste formulario.”

Pontevedra: Unha Lingua de Premio