Extraordinario, de Antón Lopo, primeira novela en galego nas recomendacións do Pen

Desde Sermos Galiza:
“A editorial Galaxia vén de facer público que a novela Extraordinario, de Antón Lopo, se converteu na primeira obra deste tipo en lingua galega en entrar nas obras recomendadas polo Pen de Estados Unidos de América, unha das organizacións máis prestixiosas do país. O recoñecemento chega a través da tradución de Jacob Rogers, que lle valeu a bolsa anual que outorga esta institución xunto coa Fundación Heim.
A iniciativa do Pen traballa pola promoción da recepción de obras traducidas ao inglés, co obxectivo de aumentar o pouco número de traducións que aparecen nesta lingua. Foron máis de 260 os proxectos presentados este ano, dos que o xurado seleccionou 11 de dez idiomas diferentes.
Entre as autoras seleccionadas figuran Fabio Morabito, a cineasta Natalia Meshchaninova, Cristina García Morales, a activista africana Monique Ilbouopo ou Sandra Petrignani, unha das máis famosas escritoras italianas actuais.
O xurado destacou de Extraordinario o “vívido retrato” que Lopo realiza sobre a Galiza actual e a dos últimos anos da ditadura franquista. Trátase tamén, engaden, dun “entrañable relato” sobre un rapaz de orientación queer que medra nunha sociedade represiva e que se converte nun bisexual que traballa como acompañante. Da novela salientan o abano temático que aborda, desde a emigración, a inmigración, o cambio de clima e a distancia entre o urbano e o rural na Galiza.
Jacob Rogers asegura que a novela o atrapou “desde a primeira páxina”. “O que me pasou con esta novela é unha das mellores guías que teño como tradutor: máis que gozar dela, quedei totalmente abraiado ante ela, de maneira que a miña única resposta foi un desexo intenso de traducila”, declara.”

Feira do Libro da Coruña 2019: actividades literarias destacadas do 2 de agosto

O 2 de agosto continúa a Feira do Libro da Coruña (nos Xardíns de Méndez Núñez, s/n.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para este día:

18:00 h. Coloquio sobre feminismo coa participación de Inma López Silva.
18:00 h. Xavier Seoane asina Threnói na caseta de El reino de Cordelia.
18:00 h. Crearte: con Charo Pita, Fábulas no berce.
18:00 h. Cándido Paniagua Pousa asina O caderno de erros, publicado por Edicións do Peirao, na caseta da Libraría Nobel A Coruña.
19:00 h. Antía Yáñez asina O misterio do torque de Burela, publicado por Galaxia, na caseta da Libraría Berbiriana.
19:00 h. Daniel Asorey asina na Libraría Pedreira.
19:00 h. Presentación de Puf! Vaia peido… Seres sorprendentes con nomes ben ocorrentes, de Luísa Martínez Lorenzo, publicado por Galaxia.
19:45 h. Presentación de Camiño de paixóns, de Carlos Meixide, publicado por Galaxia. Con Berta Dávila.
19:45 h. Presentación de O soño da serpe, de Antonio Seijas, publicado por Galaxia. Con Andrea Maceiras.
20:00 h. El primo Ramón asina Novo Mundo na caseta da Libraría Moito Conto, publicado por Bululú, na caseta de Alvarellos Editora.
20:00 h. Aleixandre Lago Barcala asina Cartafol de miraxes
20:30 h. Presentación de Extraordinario, de Antón Lopo, publicado por Galaxia. Con Carlos Lema.

Pontevedra: Festa dos Libros 2019

Compostela: Diálogo con Pilar Pallarés e Antón Lopo, Premios da Crítica 2018

O 28 de maio, ás 20:00 horas, na Rúa do Vilar, 19, terá lugar o acto de entrega dos Premios da Crítica 2018, en lingua galega, na modalidade de narrativa e poesía, organizado pola Asociación Galega da Crítica (AGC) coa colaboración do Ateneo de Santiago.
Estes premios concédeos a Asociación Española de Críticos Literarios dende 1956 e outórganse aos mellores libros de narrativa e poesía publicados no ano anterior, tanto en castelán como en galego, euskera e catalán. A decisión do xurado dos Premios da Crítica deuse a coñecer en Vilafranca do Bierzo o pasado día 6 de abril. A proposta da Asociación Galega da Crítica, este ano o fallo recaeu no poemario Tempo fósil de Pilar Pallarés e na novela Extraordinario de Antón Lopo.
O acto consistirá no seguinte:
– Intervención de apertura do acto por Salvador García-Bodaño, Presidente do Ateneo de Santiago, e Mario Regueira, Presidente da Asociación Galega da Crítica.
-Presentación da obra Tempo fósil por Carme Fernández-Pérez Sanjulián.
-Intervención de Pilar Pallarés.
-Presentación da obra Extraordinario por Ana Romaní.
-Intervención de Antón Lopo.
-Entrega dos premios.
-Intervención de clausura do acto.

Compostela: actividades destacadas do martes 30 na Feira do Libro 2019

O 30 de abril continúa a Feira do Libro de Santiago de Compostela (no Paseo Central da Alameda), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:30 a 14:00 h. e de 17:30 a 21:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa:

18:00 h. Brinca vai! De aquí para acolá, con Paco Nogueiras.
19:00 h. Lito Vila Baleato estará asinando exemplares de Campus morte, publicado por Galaxia, na caseta da Libraría Pedreira.
19:45 h. Presentación de Extraordinario, de Antón Lopo, publicado por Galaxia. No acto, o autor estará acompañado por Mario Regueira e Carlos Lema.

Pilar Pallarés e Antón Lopo, Premios da Crítica 2018

Desde Sermos Galiza:
“O quinto libro de poemas de Pilar Pallarés e a primeira novela de Antón Lopo en oito anos son os Premios da Crítica Española 2018 en lingua galega. Tempo Fósil (Chan da Pólvora, 2018) e Extraordinario (Galaxia, 2018) titúlanse as obras distinguidas pola Asociación Española de Críticos Literarios a proposta da Asociación Galega da Crítica.
Con Tempo fósil, Pallarés (Culleredo, 1957), unha das poetas máis influentes de entre as promocións da década dos 80, adentrábase na memoria familiar e abrogaba as derregas entre o íntimo e o colectivo. A destrución da casa e a compaixón por todos os seres vivos, as cicatrices do eu e a rabia de raíz política comparecen nun volume que, para o xurado, amosa “unha escrita medida e esixente”.
“[Tempo fósil] vólvese unha arquitectura de ecos, que incorpora elementos recorrentes na súa obra como humus, ósos, crisálidas ou felinos”, sinala o fallo, “e suma outras marcas do tempo e do desposuimento”. Poética da ruína pero non da resignación, o libro clausurou un silencio editorial de sete anos.
Na traxectoria narrativa de Antón Lopo (Monforte de Lemos, 1961), tamén poeta e biógrafo, Extraordinario sucede a Obediencia (Galaxia, 2010). Se esta era unha distopía, a obra premiada pola crítica -antes foino no Premio Repsol de Narrativa Breve– é unha brutal disección das relacións familiares, o retrato da conquista da liberdade individual.
“De grande riqueza temática, a novela soborda con moito os coidados e o complexo urdido das relacións interpersoais”, considerou o xurado, “para internarse na conformación mesma da identidade”. Un humor escuro e implacábel atravesa as páxinas dun relato destemido, acedo e e emotivo.
Os Premios da Crítica Española 2018 déronse a coñecer este sábado, 6 de abril, en Vilafranca do Bierzo. A iniciativa naceu en 1956, pero as modalidades en galego, catalán e euskera activáronse vinte anos despois. As propostas galegas decidíranse o pasado 21 de marzo nunha xuntanza da Asociación Galega da Crítica na Facultade de Filoloxía da Universidade de Compostela.”

Tabela dos libros. Febreiro de 2019

Desde o blogue Criticalia, de Armando Requeixo:
“Co primeiro lunes de mes, chega a nova Tabela dos libros do 2019, que ofrece a lista de títulos que Francisco Martínez Bouzas, Inma Otero Varela, Mario Regueira, Montse Pena Presas e eu estimamos como os máis recomendables entre os publicados nas últimas semanas.”

Nota bene: Os máis recomendados obtivéronse a partir da suma dos votos de cada crític@ aplicando o seguinte baremo: 1º posto = 5 puntos, 2º posto = 4 puntos, 3º posto = 3 puntos, e así sucesivamente.

Tabela dos libros. Xaneiro de 2019

Desde o blogue Criticalia, de Armando Requeixo:
“Velaquí a primeira Tabela dos libros do 2019, que ofrece a lista de títulos que Francisco Martínez Bouzas, Inma Otero Varela, Mario Regueira, Montse Pena Presas e eu estimamos como os máis recomendables entre os publicados nas últimas semanas. ¡Boas lecturas e feliz ano!”

Nota bene: Os máis recomendados obtivéronse a partir da suma dos votos de cada crític@ aplicando o seguinte baremo: 1º posto = 5 puntos, 2º posto = 4 puntos, 3º posto = 3 puntos, e así sucesivamente.

Antón Lopo recibe o Premio Repsol 2018

Desde Galaxia:
“Na noite do luns 3 de decembro, Antón Lopo recollía na Coruña o Premio de Narrativa Breve Repsol 2018, que lle foi outorgado pola súa nova novela: Extraordinario.
No acto, que tivo lugar na sede coruñesa da Fundación Paideia Galiza, estiveron presentes o secretario xeral de Politica Lingüística, Valentín García Gómez, o director da Área Institucional da Fundación Repsol, Gonzalo Vázquez Villanueva, e o director xeral de Galaxia, Francisco Castro. Presentado por Doda Vázquez, presidenta da Asociación da Prensa da Coruña, houbo tamén espazo para a música, que desta volta correu a cargo de Davide Salvado.
Deste xeito, Antón Lopo recibiu o cheque por valor de 12.000 euros, o obsequio conmemorativo desta XII edición do premio e presentou tamén a obra editada na nosa colección Literaria, que está xa nas mesas de novidades das librarías galegas.
Extraordinario é unha novela sobre as relacións familiares e o amor, pero tamén sobre a aprendizaxe de vivir, a identidade, a liberdade e o pracer. A obra comeza cando o protagonista debe axudar a súa irmá nos coidados da nai, unha muller de carácter inestable coa que el rompeu toda relación hai máis de trinta anos. A viaxe que emprende non é só á cidade da súa infancia e ao hospital, onde operaron a nai dunha rotura de fémur, senón tamén a un pasado que segue sen resolverse. Narrada como os alustros dun faro sobre a escuridade da noite, Extraordinario posúe unha eficacia narrativa asombrosa, con personaxes que se gravarán na nosa memoria en trazos indelebles, ademais de xogos conmovedores de ironía e humor. Quen entre neste libro non poderá saír ata absorber a última palabra.”