A Axenda Cultural chega aos 20000 artigos publicados

A semana pasadaAELG Logo 1-2015 a Axenda Cultural da AELG superou os 20.000 artigos publicados desde o seu inicio, en 2007.

Aproveitamos para agradecer e dar os parabéns a todas as persoas que día a día tecen co seu esforzo e creatividade o traballo colectivo, persistente, variado e incesante da literatura galega, que alimenta e dá vida esta Axenda.

Ricardo Carvalho Calero, Día das Letras Galegas 2020

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega celebra a escolla de D. Ricardo Carvalho Calero como persoa a quen se dedicará o Día das Letras Galegas en 2020 por parte da Real Academia Galega.

Membro de Honra da AELG desde a súa fundación, as súas achegas ao sistema literario galego son fundamentais para unha visión máis completa da nosa lingua e literatura, desde a súa condición de ensaísta, poeta, narrador e dramaturgo.

Publicación da III Guía de literatura infantil e xuvenil para a Igualdade

A Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil, GÁLIX, e a Secretaría Xeral de Igualdade veñen de publicar a III Guía de literatura infantil e xuvenil para a Igualdade. Esta publicación pretende destacar aqueles libros que superan a discriminación de xénero, salvando estereotipos, prexuízos e roles de corte tradicional. Os libros que aparecen nesta selección (publicados nos anos 2014, 2015 e 2016) ofrecen modelos de muller e de home acordes coa actualidade.
As 51 obras distribúense en tres tramos de idade: primeiras lecturas, lecturas autónomas (a partir de 8 anos) e lecturas expertas (a partir de 12 anos).
Este volume, xunto cos dous anteriores, axuda a profesores, bibliotecarios, pais e nais, a escoller un tipo de lectura que, ademais da calidade literaria, sirvan para darlles a rapazas e rapaces necesitan novos personaxes cos que identificarse.
A elaboración da Guía estivo coordinada por Pilar Sampedro.

“Sinfonía das apalpadelas”, por Arancha Rodríguez

Artigo de Arancha Rodríguez na Sega:
“Enfróntome á primeira lectura do poemario Linguaxes Dixitais (Ed. Urutau, 2018), de Clara Vidal, esperando –polo título– unha sorte de imaxinario tecnolóxico, se cadra unha distopía futurista. Atopo, logo de varias lecturas, un poemario que nos interpela a moi distintos niveis, todos sensoriais, un poemario que redescobre moitas cousas que sempre estiveron aí, máis analóxicas que tecnolóxicas; máis orgánicas que futuristas.
Se tivese que resumilo nun só concepto, Linguaxes Dixitais é sede: unha sede inmensa de todo, unha vontade da voz poética de se empapar de todo o que flúe na súa contorna, e de facelo precisamente a través do tacto. Daí a importancia do díxito como marca identitaria deste suxeito poético curioso, que se inserta no vivido como as mans no pan sen fornear, mais tamén o díxito como xeito de interrogar e interactuar co mundo.
Isto lévanos directamente á primeira parte do poemario: linguaxe corporal. Unha parte que comeza cun “fozabas en min a lingua” que presenta unha clara escrita desde o corpo. Asegura a crítica Nora Catelli que desta escrita desde o corpo xorde a intimidade, comprendendo o corpo como o lugar máis íntimo pola súa intransferibilidade. Así, Clara Vidal vai trasladándonos, co corpo e coa lingua, a instantes tan punzantes como instransferíbeis.
A lingua aparece neste poemario como sinónimo de vida, e a vida como orixinaria da terra; deste xeito esta linguaxe corporal ofrece a poesía como unha gastronomía: un xeito de beber os versos, de encarnalos (e tamén aí, nese acto de canibalismo sensíbel, a erótica, presente ao longo de todo o texto).
Polo tanto, o dixital aparece como un xeito de elevar o verbo vivir, de facelo máis intenso, de permear en todo, e a lingua como unha potencialidade que converte os instantes que describe en verbos reflexivos. Así, todo se devora. (…)”

Crónica fotográfica do Paseo pola Pontevedra Literaria con Carlos Aurelio López Piñeiro

Estas son algunhas das fotografías do Paseo pola Pontevedra Literaria con Carlos Aurelio López Piñeiro, celebrado o pasado 13 de xuño. A crónica fotográfica completa pode verse aquí (fotos facilitadas por Era Comunicación).