Desde Fervenzas Literarias:
“A Biblioteca Pública Municipal Neira Vilas de Vigo presentou o “Mapa Literario de Vigo” para amosar a riqueza cultural da cidade a través dos seus libros e os seus autores. O proxecto consta de dez rutas que percorren todos os barrios da cidade olívica marcando os fitos literarios das obras.
Trátase dun mapa que percorre Vigo polos catro costados para trazar as rutas literarias nos que a cidade foi o escenario elixido polos autores máis recoñecidos. O proxecto está configurado para crecer a medida que aparezan novos títulos e está configurado coma un traballo colectivo no que calquera cidadán poida colaborar incorporando obras que quedaron atrás na súa primeira posta en escena.
O proxecto consta da realización dun mapa de Vigo con dez liñas que atravesan en todas direccións a cidade e que van deténdose nas diferentes “Paradas Literarias”, que teñen o nome das novelas que dalgún xeito están vinculadas a ese lugar. Toda esta información, ademais dunha bibliografía completa, están dispoñibles na páxina web mapaliterariodevigo.com.
Lugares coma a Porta do Sol co Sireno son testemuña de moitos acontecementos das nosas vidas e das historias de ficción que recollen estas obras. O barrio de Teis e a xeración perdida das revoltas obreiras, o Berbés coma recordo das tradicións viguesas, as rúas e as prazas ata o alto do Casco Vello ou o Calvario como reflexo de unión entre a veciñanza.
As rutas están protagonizadas por autores como Jules Verne e Pedro Feijoo, pasando por Alfonso Álvarez Cáccamo, Francisco Castro, Ledicia Costas, Fran Alonso, María Reimóndez, Manuel Esteban, María Lado e unha decena máis de escritores que converteron a Vigo en protagonista das súas obras.”
Arquivos do autor: asociacionescritoras-es
Vigo: XI Grupo de Leitura de Autores Lusófonos, Manuela Gonzaga – Leitura de Doida Não e Não!
Divinas Palabras Revolution volverá a Santiago tras unha xira de dous meses por nove escenarios de Galicia e Madrid
Desde Agadic:
“O CDG remata esta fin de semana a primeira estadía de Divinas Palabras Revolution no Salón Teatro ao regresará en xullo para ofrecer catro últimas funcións. Antes, esta adaptación que dirixe Xron a partir da obra de Valle-Inclán desenvolverá unha xira de dous meses por oito escenarios galegos e mais o Teatro Español de Madrid.
Hoxe, ás 20,30 h., e mañá, ás 18,00 h., terán lugar as dúas últimas funcións desta primeira quenda en Compostela, que inclúe 16 representacións. A elas sumaranse outros catro pases no Salón Teatro do 5 ao 8 de xullo, que a compañía pública acaba de programar para dar resposta á boa acollida de público que está a ter o espectáculo desde a súa estrea o pasado día 12.
Ademais, a próxima semana Divinas Palabras Revolution iniciará unha xira, durante a que ofrecerá outras 21 representacións. En Galicia poderá verse o 4 de maio en Carballo, 11 e 12 de maio en Ourense, 1 de xuño no Barco de Valdeorras, 8 e 9 de xuño na Coruña, 14 de xuño en Pontevedra, 16 de xuño en Rianxo, 21 e 22 de xuño en Vigo e 29 de xuño en Cangas.
Volta ao escenario da estrea orixinal
En Madrid, a montaxe representarase do 17 ao 27 de maio. Será en galego, con sobretítulos en castelán, 85 anos despois da estrea da obra orixinal, que tivo lugar en 1933 nese mesmo espazo baixo a dirección de Cipriano Rivas Cherif, con escenografía deseñada por Castelao e con Margarita Xirgu como Mari-Gaila.
Nesta nova aproximación á obra de Valle-Inclán, este papel está interpretado por Patricia de Lorenzo, como parte do elenco do que tamén forman parte Manuel Cortés (Pedro Gailo), Antón Coucheiro (Sétimo Miau), Borja Fernández (Migueliño), Mónica García (Marica do Reino), Tone Martínez (Candás), Victoria Pérez (Tatoola), Ánxela Ríos (Simoniña) e Tomé Viéitez (Laureano).
Na versión que asinan Manuel Cortés e Xron, con dramaturxia deste último, os devanditos personaxes son os concursantes dun programa de telerrealidade, durante o que teñen que convivir nunha casa-plató vixiados polas cámaras 24 horas. Deste xeito, a ‘traxicomedia de aldea’, como subtitulou Valle a obra orixinal, convértese aquí en ‘traxicomedia de aldea global’.”
Pontevedra: Vermú entre libros, con Iolanda Zúñiga
O investigador Carlos Quiroga presenta Raízes de Pessoa na Galiza
Desde o Diario Cultural da Radio Galega:
“As conexións galegas de Fernando Pessoa: un tataravó de Outes e uns heterónimos de orixes galegas. Carlos Quiroga presenta Raízes de Pessoa na Galiza. A entrevista pode escoitarse aquí.”
Feira do Libro de Santiago: actividades do sábado 28 e domingo 29 de abril
O sábado 28 de abril comeza a Feira do Libro de Santiago de Compostela (no Paseo Central da Alameda), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:30 a 14:30 h. e de 17:30 a 21:30 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para o sábado e domingo:
Sábado 28
– 12:30 h. Pregón a cargo de Rosa Aneiros.
– 13:00 h. Inauguración da exposición Lorca & Galicia. A viaxe de 1916, por Alvarellos Editora.
– 19:30 h. Presentación de Meirás. Un pazo, un caudillo, un espolio, de Carlos Babío e Manuel Pérez, publicado pola Fundación Galiza Sempre. Participan no acto Francisco Jorquera e Goretti Sanmartín.
Domingo 29
– 12:00 h. Xoán Babarro asina exemplares de O baúl de Domingo Quintas e Ana María Fernández e Enrique López de Ring… Ring! Quen rima? na caseta da Libraría Aenea.
– 20:30 h. Presentación de María Victoria Moreno. Sementadora de futuro, de Isabel Soto e Xavier Senín. Participan os autores e Marta Neira.
Compostela: “Como ler poesía coas nosas fillas”, obradoiro express con Berta Dávila
Baldo Ramos presenta Cartas dende o esquenzo
Desde o Diario Cultural da Radio Galega:
“O alzheimer atravesa o novo libro de poemas do escritor e artista, Cartas dende o esquenzo. Pode escoitarse a entrevista aquí.”
Fran Alonso: “A perda de facturación desde o inicio da crise foi moi forte e Xerais notouno moitísimo”
Entrevista de Daniel Salgado a Fran Alonso en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): Cales son os retos inmediatos da nova dirección de Xerais?
– Fran Alonso (FA): O reto máis inmediato é evidentemente que a editorial continúe navegando. Parece un reto moi humilde pero é algo fundamental. A partir de aí, deseñar liñas de renovación. Nunha nova etapa sempre hai cambios. Parece lóxico. Mais estou aínda na aterraxe. O nomeamento foi a sexta feira [20 de abril] e non tiven tempo para deseñar nada. É un momento de transición en que estamos termando de cousas pendentes e cousas urxentes para que non se paralice nada. Non quero precipitarme. (…)
– SG: O contexto económico para as editoriais galegas segue a ser complicado.
– FA: Si, evidentemente. A perda de facturación desde o inicio da crise foi moi forte. Xerais notouno moitísimo. Pero tamén todo o tecido editorial, aínda maltreito. Agora hai que traballar conxuntamente e intentar estratexias para saír da crise. Se non hai axuda institucional, e as cifras indican que está en perdas dun 80%, pois teremos que organizarnos. E con esa vontade, que é unha vontade bastante de ferro -como historicamente demostramos-, buscarmos estratexias para continuar adiante e superarmos as dificultades. (…)
– SG: Compatibilizará as súas novas responsabilidades coa literatura?
– FA: Iso espero! Teño paralizada unha novela que estaba escribindo, pero agardo poder recuperala. Nestes primeiros meses non, a ver se co acougo do verán…”
Tamén se pode escoitar aquí a entrevista feita no Diario Cultural da Radio Galega.
Feira do Libro de Santiago: actividades do luns 30 de abril
O luns 30 de abril continúa a Feira do Libro de Santiago de Compostela (no Paseo Central da Alameda), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:30 a 14:00 h. e de 17:30 a 21:00 h., co seguinte acto literario destacado dentro do seu programa para este día:
– 20:00 h. Presentación de A incríbel viaxe de Noa, de Fernando Cimadevila, obra publicada por Contos Estraños.