O xoves 28 de decembro, ás 20:00 horas, en Detrás do Marco (Rúa Londres), en Vigo, Antón Patiño presenta Libro dos lugares. No acto participan, xunto ao autor, Graciela Baquero Ruibal, X. Carlos López Bernárdez e Xabier Romero, da Editorial Elvira.
Arquivos do autor: asociacionescritoras-es
Vigo: presentación de O sol dentro da cabeza, de Suso Díaz
Compostela: presentación de Home invisíbel, de Xavier Queipo
O mércores 27 de decembro, ás 20:00 horas, en Chan da Pólvora (Rúa de San Pedro, 74), en Santiago de Compostela, preséntase Home invisíbel, de Xavier Queipo, publicado pola A. C. Caldeirón, obra coa que acadou XII Premio de poesía erótica Illas Sisargas. Xunto a el estarán a poeta Rosalía Fernández Rial e Cé Tomé, autor das ilustracións do libro.
Bases do Certame de Narrativa Curta do Concello de Curtis Ó rescate da memoria
“Na convocatoria deste ano, preténdese homenaxear ás persoas achegadas a nós que nos rodearon ou rodean, facendo visibles certos episodios das súas vidas que de seguro enriquecerán o noso presente. Trátase dun exercicio de historia oral a través da recuperación de acontecementos importantes ou aparentemente nimios, coa intención de convertelos en relato, para investigar e poñer por escrito esas anécdotas que circulan polos ambientes familiares desde hai anos. A historia non só se constrúe de grandes relatos, senón de pezas mínimas do día a día. Historias de familia que esconden grandes verdades, alegrías e tristezas doutras épocas. Así, este ano o certame de narrativa curta do concello de Curtis céntrase en nomes propios de avoas e avós, de veciñas e veciños, de nais e pais. Porque se ben é certo que todo o mundo ten algo que contar, que menos que escoitalo atentamente… e compartilo a través dun relato!.
BASES DO CERTAME DE NARRATIVA CURTA DO CONCELLO DE CURTIS
Ó RESCATE DA MEMORIA
1. Convócase o XIII Premio de Narración Curta do Concello de Curtis Ó RESCATE DA MEMORIA.
2. Os traballos presentados deberán estar escritos en lingua galega.
3. Os textos deberán ser orixinais, inéditos, e non premiados en ningún outro certame.
4. Deberán enviarse escritos en formato WORD e cunha extensión comprendida entre os 3000 e os 5000 carácteres (espazos incluídos).
5. Enviaranse á seguinte dirección de correo electrónico: relatoscurtis@gmail.com
Achegarase no arquivo de WORD unha última folla que conteña unha copia do DNI, enderezo, teléfono de contacto, e a categoría á que pertence.
6. A data límite de entrega é o 20 de abril de 2018.
7. Establécense dúas categorías:
A-Dos 12 ós 18 anos
B-Dos 19 anos en diante
e dous premios en metálico para cada categoría:
Categoría A: 1º premio de 200 euros
2º premio de 100 euros
Categoría B: 1º premio de 350 euros
2º premio de 150 euros
8. Os traballos que non cumpran as presentes bases quedarán fóra de concurso.
9. O xurado, que estará composto por membros de recoñecido prestixio dentro do mundo da cultura, resérvase o dereito de outorgar un premio compartido en calquera das categorías se así o considera.
10. Os traballos premiados pasan a ser propiedade do Concello de Curtis, que se reserva o dereito de publicación a través dos medios que considere oportunos e sen afán de lucro.
11. Convidarase ós/ás premiados/as ó acto de entrega que terá lugar no mes de xuño, e no que se agarda a súa asistencia ou a dunha persoa autorizada.
12. A presentación das obras supón a aceptación destas bases.
Para calquera dúbida, escribir ó correo electrónico do certame: relatoscurtis@gmail.com ou chamar ó 651046603.”
“Poemas atravesados de baleas”
Entrevista de Daniel Salgado a Eduardo Estévez en Sermos Galiza:
“A balea é un animal mitolóxico. Mais materia e mito son, por veces, dificilmente distinguíbeis. E as baleas existen. O poeta Eduardo Estévez (Buenos Aires, 1969) viunas na Patagonia, navegou entre elas, sentiunas falar. Agora atravesan o seu último libro, de baleas (Caldeirón), no que regresa ás orixes do seu labor como lector e escritor de poesía. “A certa tradición cultural arxentina que tiña esquecida”, engade.
“unha balea varada na praia / estarrece como a ruína dun imperio // é unha postal imposíbel / no centro da paisaxe”, escribe Estévez. “As baleas son unha escusa. Hai textos sobre ellas, é certo, pero en xeral andan por aí”, explica. Ao poeta interésalle máis a “carga simbólica”, a potencia metafórica do mamífero: “É a memoria, a viaxe, a paciencia, moitas cousas bonitas”. E que lle permiten escavar, como quería Seamus Heaney para a súa pluma, na propia biografía.
“Antes de chegar a Galiza, vivín en Venezuela catro anos. Nunca conseguín integrarme. Relacionábame cun grupo do que chaman alí sureños, chilenos, uruguaios, arxentinos”, relata, “por iso cando viñen aquí pelexei por integrarme. Tapei todo o arxentino, non quería unha tribo”. Mais a paternidade mudou o seu punto de vista. “Decateime de que o meu fillo non sabía nada desa cultura e decidín recuperala”. Esa decisión coincidiu con outra epifanía, a visita a Galiza do gran poeta arxentino Juan Gelman (1930-2014).
“cando o río era opaco e a esperanza / non minguaba / juan poeta”, di no poema e volveu macarena na inundación. Gelman e Raúl González Tuñón (1905-1974), aquel escritor comunista de enorme estatura na Arxentina, actúan como presenzas fundantes en de baleas. Mesmo comparecen con nome e apelidos nalgús textos. “Busco que o diálogo que estabelezo con outras voces ao ler sexa explícito”, indica Estévez, “aínda que non sempre estea de acordo con elas e as contradiga”. (…)”
Bernardino Graña recibe os seus pequenos lectores en Panxón
Desde Faro de Vigo:
“Hai uns meses que o escritor e membro da Real Academia Galega Bernardino Graña reside na residencia Stella Maris de Panxón e os alumnos da escola infantil Dunas de Panxón déronlle onte a benvida ao municipio. Os rapaces desprazáronse ao centro para coñecelo persoalmente despois de abordar a súa figura e a súa obra na clase, dentro dun proxecto educativo sobre a poesía e os poetas. O autor, fundador e primeiro presidente da Asociación de Escritoras-es en Lingua Galega, agradeceulles a homenaxe, na que os rapaces recitaron algúns dos seus poemas e agasallárono cun mural.
Non foi a única visita que recibiu o escritor cangués estes días na súa nova residencia en Panxón. O mércores acudiron a visitalo o concelleiro de Ensino de Cangas, Xoán Chillón, e o artista Camilo Camaño, entre outros.”
Anxo Fariña: “Facer libros para os máis pequenos saeme fluído e apórtame moita luz”
Entrevista a Anxo Fariña en Chamando á Terra:
“Entrevista de María Solar ao escritor e ilustrador Anxo Fariña, autor da colección Gliz, destinada aos pequenos e pequenas que inician o seu contacto cos libros: O pintor de flores e Onde está Nubebebé? A entrevista pode escoitarse nesta ligazón.”