Arquivos do autor: asociacionescritoras-es
A colección de pergameos enriquece os fondos da RAG dispoñibles na Rede
Desde a Real Academia Galega:
“O Arquivo da Real Academia Galega acaba de completar unha importante incorporación aos seus fondos dixitalizados dispoñibles na Rede. A colección de pergameos da institución, 285 escritos do século XII ao XVIII, inclúe bulas, privilexios reais, foros, doazóns, contratos de compravenda, sentenzas xudiciais e outros manuscritos, de orixe pública e privada, agora dispoñibles para todo o público no Arquivo Dixital de Galicia. A RAG celebra así o Día Internacional dos Arquivos e, nas vésperas da conmemoración, propón unha viaxe á Idade Media, guiada polos académicos Pegerto Saavedra e Henrique Monteagudo, a través de dous destes pergameos destacados: o máis antigo e o máis vello dos escritos en galego que custodia da institución.
Desde o ano 2008, cada 9 de xuño celébrase o Día Internacional dos Arquivos, unha data para concienciar sobre a importancia de preservar o patrimonio documental custodiado nos arquivos e facilitar o seu acceso á comunidade investigadora e á cidadanía en xeral. Composta por escritos en latín, galego ou castelán, parte dos pergameos que a RAG Galega fai públicos pertencen a diferentes fondos persoais. Outros son pezas separadas dos seus fondos orixinais que conforman unha colección facticia de orixe descoñecida.
O pergameo máis antigo da RAG, redactado en latín e datado en 1117, é un privilexio de Afonso VII ao mosteiro de San Xoán de Caaveiro no que define o seu couto xurisdicional. Tamén ten a súa orixe neste mosteiro un escrito en galego de 1259, o máis antigo nesta lingua de todos os datados da colección. Relativo a unha venda de eguas, é un bo exemplo da época na que o galego aínda se estaba a introducir na linguaxe notarial. Ambos os escritos pertencen á colección facticia da RAG aínda que varios historiadores os sitúan no Fondo Murguía. (…)”
Xabier Maceiras: “O municipio de Arteixo é moito máis que Inditex”
Pilar García Negro: “Confórtame ver que hai moitas persoas que valoran o que eu levo valorando tantos anos”
Artigo en Sermos Galiza:
“Pilar García Negro recibiu na mañá do sábado na cidade de Lugo a homenaxe organizada pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) co gallo da vixésimo terceira edición da súa iniciativa anual A Escritora na súa Terra-Letra E.
Nun salón de plenos consistorial ateigado de persoas e “a rebordar de afectos”, tal como o definiu o presidente da AELG, Cesáreo Sánchez, a protagonista manifestou o seu agradecemento á entidade e á encargada de realizar a laudatio, Carme Fernández Pérez-Sanjulián, e expresou o seu nerviosismo e preocupación previas ao acto “por non aburrir a tantas amigas e amigos”.
García Negro só tivo palabras de agradecemento para as persoas presentes e asegurou que “o que me conforta é ver que hai moitas persoas que valoran o que eu levo valorando tanto tempo”. Así, en concreto, asegurou que “partillamos obxectivos concretos sobre a difusión práctica da lingua galega, a ampliación de obras de literatura no noso idioma, o pulo a un maior coñecemento de nós propios, da nosa historia… En fin, foi un acto moi esperanzador porque te encontras moi arroupada”.
A escritora luguesa quixo relativizar as palabras que os seus compañeiros e compañeiras dixeron ao longo do acto “porque ben sei que son hipérboles do cariño”; porén, expresou a súa intención de seguir traballando nos anos seguintes “para estar á altura deste recoñecemento” á “ourive da lingua”, en definición do presidente da AELG, Cesáreo Sánchez.
O xantar de confraternización puxo fin a un programa que non se limitou ao acto do Concello. Deste xeito, ás 11:30 horas, a praza de Ferrol acolleu o descubrimento do monólito conmemorativo e a plantación da árbore, neste caso un magnolio, elección da propia homenaxeada.”
Pilar García Negro recibe en Lugo a homenaxe A Escritora na súa Terra da AELG
Desde o Diario Cultural da Radio Galega:
““Eu sempre entendín que a actividade cultural e a política debían abrazarse”. Pilar García Negro recibe en Lugo a homenaxe A Escritora na súa Terra da Asociación Escritoras-es Lingua Galega. A profesora e ensaísta apunta respecto ao uso do galego que “Unha cousa é ser obxectivamente minoría e outra cousa é a aspiración a deixar de sérmolo”. Pode accederse á entrevista aquí.”
Crónica videográfica da II Gala do Libro Galego (IV)
A II Gala do Libro Galego, coorganizada pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, a Asociación Galega de Editoras e a Federación de Librarías de Galicia, tivo lugar o sábado 20 de maio no Teatro Principal de Santiago de Compostela.
Aquí pode verse a crónica videográfica completa, da que destacamos hoxe estas intervencións:
– Premio de Ensaio: Mercedes Queixas, Labrego con algo de poeta.
– Premio de Tradución: Historia do nobre Ponto, que foi rei de Galiza e de Bretaña. Anónimo. Tradución: Henrique Harguindey Banet.
– Proxecto literario na rede: A Sega. Plataforma de Crítica Literaria.
A Coruña: presentación de Tempo transfigurado, de Cesáreo Sánchez Iglesias
Entrevista a Olalla Cociña sobre Vestir a noite
Entrevista a Olalla Cociña no Zig-zag da Televisión de Galicia:
“Pilar G. Rego entrevista a escritora lucense Olalla Cociña, que recolleu a semana pasada o XIV Premio de Poesía Afundación polo seu poemario Vestir a noite, que se publica na colección Arte de Trobar. Pode accederse á entrevista aquí.”
“Os Rábade-Villar: Catro artistas sentados á mesa”
Artigo de Santiago Jaureguízar en El Progreso (foto: EP):
“Xesús Rábade Paredes (Cospeito, 1949) percibiu o poder da arte dende moi novo. Sendo un rapaz a mediados dos anos 60, o medio cento de veciños de Seixas descubriron que tiña tres cualidades notables na altura (oído, voz e memoria musical) e empezaron a contratalo para as foliadas. Xesús memorizaba os temas de Antonio Machín e os boleiros que soaban fugazmente na radio nos bailes de inverno para reproducilos a capela para que a xente bailase nas festas. A cambio, había bebidas gratis e a reputación de heroe local. “Fun moi precoz coas rapazas”, deixa caer o escritor con picardía.
Esa aura non tivo efecto en Helena Villar Janeiro (Becerreá, 1940), que estivera a un paso de ser cantante profesional de música culta e proviña dunha familia abundante en músicos semiprofesionais e requeridos na contorna de Becerreá.
Os seus fillos viviron a creatividade incesante da súa casa como un ambiente natural. Foi a comparación cos seus compañeiros de escola o que lles fixo ver que a normalidade era outra. Tanto a poetisa María do Cebreiro Rábade Villar (Santiago, 1976) como o pianista de jazz Abe Rábade Villar (Santiago, 1977) medraron entre partituras e primeiras edicións de libros.
María do Cebreiro padeceu ese contraste porque é “pudorosa”, unha característica que convive nela cunha concepción da escrita sincera. “Cando escribo vou en carne viva”, apunta; unha fereza que trata de compatibilizar cun afán de cercar o seu espazo familiar, porque “hai que protexer ese espazo”.
“Non tiven que ir buscar a vida literaria”, confesa, máis ben quixo “fuxir, pero foi imposible”. Ao cabo, logrou asumir que carecía de alternativa. “Levoume tempo reencontrarme coa miña orixe”, pero fíxoo con “amor e gratitude” por todo “o cariño e a xenerosidade” que recibira por parte dos seus pais.
A tamén doutora en Teoría da Literatura e profesora na USC subliña que “a independencia foi importante”. “Cando era nova irritábame, agora non pasa nada”, recoñece. Non quería “que se pensase que me apoderaba do capital dos meus pais. Non usar o apelido debeuse a iso”. (…)”