Arteixo: concerto-presentación do disco Desorballando outonos. A Quenlla canta a Díaz Castro, este venres 10 de xullo

A QUENLLA ARTEIXO_10-07-15Preséntase en Arteixo, por primeira vez, un traballo colectivo e levado a cabo por un grupo de amigos que se xuntaron para render homenaxe ao poeta e tamén amigo Xosé María Díaz Castro, homenaxeado nas pasadas Letras Galegas.
A obra inédita do poeta é unha obra importante que conviña resaltar dalgún xeito. O grupo A Quenlla interpreta 15 poemas do autor, 13 novos e inéditos e dous dos máis coñecidos do seu libro Nimbos.
Apórtase un libro, obra de D. Alfonso Blanco Torrado, amigo persoal do autor e depositario da súa obra literaria, quen fai un percorrido pola súa obra e pola súa personalidade xenerosa e chea de humanismo. D. Xulio Xiz Ramil, amigo do autor e xornalista e coautor da recolla de imaxes e son, aporta un DVD en recorrido pola xeografía vital do autor recitando poemas propios e en conversa con outras persoas da súa contorna.
Todo este traballo amósase no “Concerto Didáctico” especialmente deseñado para Asociacións Culturais sen ánimo de lucro que queiran divulgar a obra poética e tan delicada de Xosé María Díaz Castro.
Estará o grupo A Quenlla e dará un concerto en directo. Estará tamén o autor do Libro, D. Alfonso Blanco, e falará da dimensión do autor en cuestión, e tamén o autor e director da recolla das imaxes e entrevista -D. Xulio Xiz-, que falará e será presentador, aportando algunhas imaxes que van no vídeo sobre Díaz Castro.
Farase en primicia en Arteixo, despois doutras seis exposicións en ámbitos culturais levados a cabo desde organismos oficiais, e será da man da A. C. Lisístrata, que xa asumiu en tempos un concerto (Mini e Mero acompañados por Saxa) e que da man de Ana Hermida, volve dirixir e estimular esta actividade cultural por estas terras.
O concerto será gratuíto, para todos os públicos e terá lugar o venres 10 de xullo, no Auditorio de Arteixo, ás 20:30 h. podendo reservar a entrada pola internet no enderezo lisistrata.asociacion@gmail.com

Vigo: actividades destacadas do xoves 9 de xullo na Feira do Libro

OFeira do Libro de Vigo 2015 xoves 9 de xullo continúa a Feira do Libro de Vigo (na Rúa Progreso, xunto ao MARCO), con horarios de 12:00 a 14:00 h. e de 17:30 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados para este día:

19:00 h. Antonio García Teijeiro asina Detrás do horizonte, na caseta de Librouro.
19:00 h. Agustín Fernández Paz, asinará exemplares da súa obra, publicados por Xerais.
20:00 h. Silvestre Gómez Xurxo presenta De cristal, publicado por Xerais, coa participación de Ramón Nicolás e a actuación musical de Magoia e Paulo, de Treixadura.
21:00 h. Xabier Paz presenta A galera de Xelmírez, publicada por Xerais. Participará no acto, xunto ao autor, Camino Noia.

Alberte Ansede: “Que se coñeza a obra de Manuel María e se visite a Casa Museo son obxectivos para o ano do Día das Letras”

EntrevistaAlberte Ansede de Carme Vidal a Alberte Ansede en Sermos Galiza:
“Se hai un espazo que deberá ser referente o vindeiro ano arredor da conmemoración do Día das Agardaban desde a Fundación que a Academia declarase a Manuel María como autor ao que se lle dedicará o Día das Letras Galegas do 2016?
– Sermos Galiza (SG): Agardaban desde a Fundación que a Academia declarase a Manuel María como autor ao que se lle dedicará o Día das Letras Galegas do 2016?
– Alberte Ansede (AA): Nin agardabamos nin deixabamos de agardar. Sabiamos que calquera das persoas propostas merecen a celebración das Letras Galegas e, posibelmente, a polémica xerada pola última decisión fixo que a Academia buscase unha persoa con potencial e consenso social para tentar restaurar dalgún xeito unha celebración ampla para as Letras Galegas. Recibimos a decisión moi serenamente e con total humildade, tratando de seguir o espírito de Manuel María que valoraba máis o que permanece no tempo que aquilo máis conxuntural e puntual. Como el dicía, o das modas é o máis efémero. Unha celebración como a das Letras ten que servir para afortalar o que permanece no futuro que é a presenza a súa obra na sociedade e non só unha homenaxe temporal.
– SG: A súa foi unha actividade intensísima, non só percorreu o país en distintas actividades senón promoveu unha morea de iniciativas no ámbito da cultura, desde a Nova Canción a propostas editoriais… Marcará esta condición tamén a dimensión da conmemoración?
– AA: No libro que publicaremos de Camilo Gómez Torres verase iso reflectido porque ten rexistrado como ninguén ese activismo cultural que sinala por data e lugar. Resulta impresionante. Nalgúns anos saen a unha media de dous actos por día fóra da súa localidade e hai que lembrar que el non dispuña de auto. Non puña condicións para nada e poderíamos velo non só en escolas senón nun teleclube, nun espazo cultural institucional, nunha entrevista de radio, nunha asociación de veciños… estaba en toda parte á que o chamaban e iso fai que sexa unha persoa moi querida. A súa desaparición recente fai que moita xente aínda o lembre e iso xunto con moitos lectores que recitaron e memorizaron os seus poemas fai que haxa esa identificación. O propio Convivio da Cultura Galega que se desenvolverá este sábado na Casa Museo será unha homenaxe do asociacionismo de base a súa figura.
– SG: A escritora Mercedes Queixas dicía que moita xente ía querer tentar devolverlle todo o que el deu este ano…
– AA: E a distintos niveis, un do asociacionismo cultural e outro da propia amizade. Moitas das visitas que temos son neste sentido, queren devolverlle a amizade, volver a quedar con el dalgunha maneira e chegan con grande familiaridade, relatando cantidade de episodios como se volvesen revisitar un tempo anterior. (…)”

Manuel Maria: Dia das Letras para um defensor do reintegracionismo

DesdeManuel María o Portal Galego da Língua:
“(…) Como já aconteceu em 2012 com Valentín Paz-Andrade, o Dia das Letras de 2016 será dedicado a umha pessoa que defendeu em vida a valia das teses reintegracionistas. (…)
No caso do escritor da Terra Chã, a defesa das teses reintegracionistas nom ficou apenas como declaraçom de intenções, pois publicou três poemários seguindo a normativa da Associaçom Galega da Língua (AGAL), constituída em 1981: Versos do lume e o vaga-lume (1983), A luz ressuscitada (1984) e Oráculos para cavalinhos-do-demo (1986). Precisamente, A luz ressuscitada levou o carimbo da AGAL, pois esta obra inaugurou a coleçom ‘Criaçom’ da editora da AGAL. (…)
Estas obras vírom a luz na década de oitenta. A própria RAG reconhece que nesta etapa literária Manuel Maria publicou «o seu mais rico córpus poético» e indica também que se envolveu «ativamente» em antividades de entidades como a AS-PG ou a AELG.”

Marea teatral: catorce compañías ingresan en “Escena galega” nunha “acción colectiva”

ReportaxeEscena Galega en Sermos Galiza:
“Chévere, Voadora, Pisando Ovos, Il Maquinario, Redrum, Inversa Teatro, A Panadaría, Borja Fernández, Artesacía, Aporía escénica, Funboa Escénica, Bocaberta, Lamacana e Traspediante decidiron formar parte de Escena Galega ao tempo, nunha “acción colectiva” que definen como un “fito na traxectoria do teatro galego” de cara á confluencia teatral. Afirman querer sumarse así “ao pulo das mareas cidadás que están revolucionando o panorama teatral galego”.
A acción responde á que cualifican como “crítica” situación do sistema escénico galego, cun modelo de subvencións “obsoleto e inoperante”, continuos recortes e o desmantelamento da Rede Galega de Teatros e Auditorios. “Por tanto, para reconstruír o sistema escénico galego, dar respostas fronte á crise e dotarnos dunha cultura viva, participativa e con futuro, comezamos por fortalecer o espazo asociativo profesional”, afirman, nun comunicado pendurado na páxina de algunhas das compañías no que anuncian a vontade de “cociñar proxectos ilusionantes en común”.
Confían en aproveitar a oportunidade dos novos gobernos municipais e deputación para “levar adiante as políticas necesarias para superar a crise que o goberno da Xunta foi incapaz de deseñar e xestionar”.
Escena Galega, que agrupa a grupos de teatro, danza, circo e títeres, suma agora 33 compañías. A recén nomeada directiva composta pola presidenta de Escena Galega, Belén Pichel (Abrapalabra); a vicepresidenta, Merce Castro (Eme2); o secretario, Xoque Carbajal (Malasombra); o tesoureiro: Tatán Cuña (Tanxarina); e os vogais Xesús Ron (Chévere), Areta Bolado (A Panadaría) e Artur Trillo (Talía) convocaron a unha roda de prensa en Compostela a terza feira -Teatro principal ás 11:30 horas- para presentar os seus obxectivos e a estratexia que deseñan para acadalos. Entre os fins que se marca Escena Galega está “reconstruír o sistema escénico galego e sacalo da súa crítica situación actual, plantexar un novo modelo de subvencións e abrir novas dinámicas de traballo entre as compañías”.”

Eli Ríos: “Luces e sombras no diario”

ArtigoEli Ríos de Eli Ríos na Plataforma de Crítica Literaria A Sega:
“Achegarse á lectura dun diario é complexo. Máis aínda se nos fala dunha enfermidade que, a día de hoxe, continúa roubándonos momentos coas compañeiras e amigas porque as quendas, para esta viaxe, non van pola toca, van pola leva.
No Diario da luz e a sombra a mesma diarista, María Victoria Moreno, convértese nesa personaxe literaria que proxecta unha forma de entender o mundo entre o íntimo e o público: a intimidade do monólogo que as demais escoitan… e debullan! Desde a primeira páxina! A autora vainos procurar e ” obrigarnos” a participar porque estas liñas “O meu desexo sería que, xa feitas libro, caesen nas mans de persoas que padecen cancro que que lles servisen para coller azos” e “a quen non teña ningunha relación co cancro e lea este diario, quero dicirlle que é mortal -amólate, curioso lector-“(p. 15). E entramos nese proceso de escrita (sen as regras tan estrictas como poden ter outros xéneros), nesa escusa de caracter aleatorio e inmediato que realiza o truco de maxia para transfomar o invisible en visible grazas á complicidade porque “o meu descubrimento é que, compartindo ledicias, todos os que entramos no reparto tocamos a máis” (p. 89). Si, querida persoa lectora, “ledicias” porque o cancro de mama é unha enfermidade que afecta, neste caso, a unha muller, non a define. Así, a través das páxinas, coñecemos “a filla que calquera nai desexaría ter”(p. 103), a cadeliña Alma que comparte as súas dores, as cartas de Pedro Ferriol que lle chegan desde o outro lado do océano, etc Unha vida completa que a autora nos vai mostrando cómo mirar desde todos os prismas posibles: os días que se encontra mellor, os días que a dor a posúe, os días que ten que facer un esforzo inxente para dirixirse cara o seu traballo ou o día que descobre que un viño cos amigos cura moitos padecementos. Todos os anaquiños que acaen á perfección para formar o todo.
A luz é un elemento fundamental neste diario pero tamén hai sombras. E para elas ten reservadas unha arma moi potente: o humor. O cotiá dos procesos médicos mostran unha beleza afectiva que nos sorprende (e axuda a relativizar moitas cousas). Coa mestría dunha fascinante narradora, nas primeiras páxinas descubrimos que na sala da quimioterapia “había un paisano que flipaba por min”(p. 40) e queremos saber máis. O diario dosifica os tempos, as sombras e os soños de montar unha granxa de vacas desde as butacas do hospital. E a historia evolúe cos retallos daqueles que saben que ” o cancro no é un regalo. É, falando claro, unha putada”(p. 21)” e enceréllase coa imaxe no espello, coas lembranzas do pasado, coas promesas de futuro desde Cuba, coas aventuras dos seus alumnos ou descubrimentos como ” agora vexo que fixen o ridículo preocupándome polo que podía ser e non foi”(p. 74). (…)”

Vigo: actividades destacadas do mércores 8 de xullo na Feira do Libro

OFeira do Libro de Vigo 2015 mércores 8 de xullo continúa a Feira do Libro de Vigo (na Rúa Progreso, xunto ao MARCO), con horarios de 12:00 a 14:00 h. e de 17:30 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados para este día:

19:00 h. Fran P. Lorenzo asinará Cabalos e lobos (Premio Blanco Amor 2014), publicado por Xerais.
20:15 h. Marcos Calveiro presenta As palabras poden matar, publicado por Xerais. Xunto co autor, participará no acto a escritora Iolanda Zúñiga.
21:00 h. Ledicia Costas presenta Un animal chamado Néboa, publicado por Xerais, participará no acto Fran P. Lorenzo.