Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica.
Arquivos do autor: asociacionescritoras-es
Xosé Iglesias: “Todo mariñeiro leva un poeta dentro”
Entrevista
a Xosé Iglesias en Vivir na Coruña:
“(…) El sempre sentiu o pulo de escribir. “Gañei algún concurso no instituto pero deixeino”. Non foi ata hai tres anos, despois de participar nun obradoiro da Asociación Escritoras e Escritores en Lingua Galega, adicado ao mar e á figura de Urbano Lugrís e impartido por Xurxo Souto, cando decide facer caso a esa necesidade interior. “Mandábanos deberes para escribir, foi o momento clave para comezar a sacar para fóra isto que había moito tempo que quería sacar”. Dende entón escribe, inspirado polo variable Mar Ártabro, ben sexa no móvil ou nun dos cadernos que ten pola cabina do seu barco. Así naceu Transfusión Oceánica (Caldeirón, 2014), o seu primeiro libro, composto por 36 poemas, acompañados doutras tantas ilustracións de Roberto Castro Iglesias. Nel, Xosé fala da metamorfose de home en barco, con versos como “as miñas costelas son cadernas/ e todo en min forma un esqueleto naval”. O poemario divídese en tres partes, etapas da vida de Xosé: Gran Sol, Lobos de Mar e Baixura. Mentres o escoitamos falar, imos saíndo pouco a pouco do refuxio do porto de Oza, navegando no seu barco, deixando a Boia do Chino a estribor e a Pedra das Ánimas a babor. Seguimos ao ralentí, que “o motor dun barco é coma unha muller, non hai que aceleralo”. (…)”
Ferrol: presentación de Liña azul, de David Pobra
O
venres 11 de xullo, ás 19:30 horas, na Galería Sargadelos de Ferrol (Rúa Rubalcava, 30-32, esquina coa Rúa María), terá lugar a presentación do libro Liña azul, de David Pobra, gañador do IV Premio de Novela Curta Cidade Centenaria de Ribeira, publicado en Xerais. No acto, xunto ao autor, participa Isaac Lourido.
Xosé Miranda: “A literatura fantástica non nos evade, descóbrenos partes ocultas do mundo”
Entrevista
de César Lorenzo Gil a Xosé Miranda en BiosBardia:
“(…) – BiosBardia (B): E por que un precisa escribir?
– Xosé Miranda (XM): Eu preciso escribir por moitas razóns. Unha das máis importantes é que a literatura me permite vivir moitas vidas. Non teño capacidade para experimentar directamente outras realidades que a miña pero cando creo personaxes e historias aí teño liberdade absoluta. Unha liberdade que vai incluso máis alá do racional. O que aparece nos libros sempre é inventado e iso dá unhas posibilidades enormes para os que deixamos solta a imaxinación.
– B: Vostede sempre di que é falso que a literatura fantástica sexa menos comprometida que a realista.
– XM: Na teoría literaria en Galiza detectei en tempos un grave erro. Falouse de que a literatura debe ser un espello do mundo, entendendo que o mundo é aquilo que é mensurábel. Isto é falso porque sabemos que o real é aquilo que está na mente e, polo tanto, pode haber moitos realismos. As nosas letras sempre viviron nesa suposta antítese entre a literatura realista e a fantástica: Rosalía de Castro contra Eduardo Pondal; Álvaro Cunqueiro contra Celso Emilio Ferreiro… Por sorte, Xosé Luís Méndez Ferrín superou esa división e xunguiu na mesma obra ambas as correntes. Mais iso non foi suficiente e perviviu durante moito tempo unha idea atroz: a literatura realista é comprometida, a fantástica é escapista. Eu negueime a aceptalo. Esa idea conduce a unha literatura costumista, copia mal feita da literatura realista estadounidense, o denominado dirty realism (realismo sucio). E se un escribía literatura fantástica rapidamente lle apuñan dous cualificativos nunca ben explicados: artúrico e cunqueiriano.
– B: E por que se impuxo esa doutrina?
– XM: Coido que a literatura galega estivo bastante influída pola poesía social española e todo o socialrealismo que promoveu. Un socialrealismo, por certo, que é o máis aburrido do mundo. E iso desemboca nese tópico de que o realismo social é antifranquista, polo tanto, demócrata, polo tanto moralmente máis defendíbel, polo tanto mellor. Esas consideracións éticas son un tanto ridículas e xorden desa primeira premisa falsa: que o realismo explica mellor a realidade. (…)”
Cuestionario Proust: Xerardo Méndez
Desde
o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Xerardo Méndez:
«1.– Principal trazo do seu carácter?
– Oscilo harmonicamente entre a fantasía e o solipsismo.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– Iso que se chama bonhomía.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Nada. Anque non o pareza hai cousas que non teñen prezo.
4.– A súa principal eiva?
– A dispersión.
5.– A súa ocupación favorita?
– Son polígamo neste terreo.
6.– O seu ideal de felicidade?
– Non ter que traballar para comer.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– Non quero nin pensalo.
8.– Que lle gustaría ser?
– Por sorte ou desgraza, eu mesmo.
9.– En que país desexaría vivir?
– Neste. Por algo o escollín.
10.– A súa cor favorita?
– O ceo dos días de neve.
11.– A flor que máis lle gusta?
– As pequenas, esas das que esquecemos (ou ignoramos) o nome.
12.– O paxaro que prefire?
– O paporroibo.
13.– A súa devoción na prosa?
– Blanco Amor e outros mil detrás.
14.– E na poesía?
– Neruda, Ernesto Cardenal, Ferrín, Celso Emilio e outro tanto.
15.– Un libro?
– Canto General.
16.– Un heroe de ficción?
– Na ficción non hai heroes.
17.– Unha heroína?
– Calquera mestra de infantil.
18.– A súa música favorita?
– Aí matáchesme. Poñamos o «Alalá das mariñas», por dicir algo.
19.– Na pintura?
– Van Gogh.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– @s árbitr@s de calquera deporte, especialmente nos deportes minoritarios e nas categorías inferiores.
21.– O seu nome favorito?
– Albén.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– O que che eu diga.
23.– O que máis odia?
– Odiar cansa moito.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– O presente está cheo de miseria, prefiro non mirar atrás.
25.– Un feito militar que admire?
– A disolución do exército de Costa Rica.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– Non quero máis, que non os dou atendido …
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– O meu avó, que en paz estea, acostumaba dicir: “uns morrerán e outros quedaremos”. Eu penso igual.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– O optimismo ben informado.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– A caridade, ben entendida, empeza por un mesmo.
30.– Un lema na súa vida?
– «El destino se labra con las uñas». Creo que o dixo Mario Benedetti.”
Bueu: presentación de O espido de Gina, de Miguel Anxo Fernández
A Coruña: presentación de Transfusión oceánica, de Xosé Iglesias
O
venres 11 de xullo, ás 20:00 horas, en Portas Ártabras (Rúa Sinagoga, 22, baixo) da Coruña, preséntase o poemario Transfusión oceánica, de Xosé Iglesias, publicado pola A. C. Caldeirón. No acto intervirán, ademais do autor, Xurxo Souto, Serafín Mourelle, Luís Dopico, o ilustrador do libro, Roberto Castro e Paco Souto. (A foto do autor é de François Davo).
Esgueva, O Carballiño: VI Festa da Palabra, adicada a Eduardo Blanco-Amor
Compostela: presentación de Kid Salvaxe, de Carlos G. Reigosa
O
venres 11 de xullo, ás 12:00 horas, no Consello da Cultura Galega (Pazo de Raxoi, 2º andar), terá lugar unha roda de prensa na que se presentará o novo libro de Carlos G. Reigosa, Kid Salvaxe, publicado en Xerais. No acto, xunto ao autor, participa Manuel Bragado.
Carlos Penela: “Ás veces existe un optimismo un tanto excesivo co estado da literatura galega actual”
Entrevista
a Carlos Penela en Letra en Obras:
“(…) – Letra en Obras (LeO): Poucos poetas poden presumir de ter os principais premios poéticos do país. Gañou o Espiral Maior, o Lorenzo Baleirón, o Caixanova e foi accésit no Esquío. Agora chega o González Garcés, dá vertixe ver tanto recoñecemento?
– Carlos Penela (CP): Os premios son un acaso e, si, tamén unha vía para exteriorizar un traballo; no meu caso, e ata ao momento, foi case o único medio que tiven para poder publicar, debido a motivos varios de certo aillamento e distancia e a outros sobre os que a min non me compete opinar (as editoras elaboran os seus catálogos cos seus propios criterios e os medios informan coa liberdade e as excepcións que consideran). En todo caso, acho que sería moito máis satisfactorio se o recoñecemento outorgado por ese premios -que eu agradezo, evidentemente- servise sobre todo para afondar nun diálogo máis amplo verbo do discurso literario galego do noso tempo, con liberdade e esixencia estética, máis alá da noticia puntual dun galardón que a min se me conceda ou non… Sexa como for, a miña tarefa é a de escribir co maior rigor, normalidade e independencia posibles en idioma galego, alí onde estiver. Máis nada. Fóra diso, ao meu ver, a miúdo córrese o risco de incorrer en imposturas e solipsismos algo innecesarios. Ademais, por parafrasear o poema de Elisabeth Bishop (unha autora que estimo especialmente), eu falaría tamén do facer poético como unha sorte de permanente “arte de perder”. (…)
– LeO: Son moitas as voces que o consideran un autor indispensable na poesía galega dos últimos 15 anos. Vostede leva xa ben anos residindo no estranxeiro, dende Viena, como se ve a literatura galega actual con máis de 2.400 km de terra por medio?
– CP: (…) Sobre o que vostedes me preguntan acerca da literatura galega actual vista desde a distancia: ben, a miña valoración creo que non variaría tanto de estar aí en lugar de estar en Viena como estou. Na medida do posíbel, tento manterme ao día a respecto das discusións e novidades que van aparecendo na literatura galega, as cales acompaño desde a rede e desde a bibliografía coa que me fago aquí. Doulle realmente moitas voltas a estes asuntos, na verdade…Ao meu entender, ás veces existe un optimismo un tanto excesivo co estado de cousas actual; boto tamén algo en falta unha maior variedade de propostas e discusións máis ricas e plurais sobre certos asuntos… Mentiría se dixese o contrario e lamento non mostrar máis entusiasmo. Considero, ademais, que o ensaio en galego ten aínda moito que percorrer (ensaio de todo tipo, porque nunha lingua viva e moderna isto ten que ser así ou acabamos na peor das endogamias) (…)”




