Carballo: actividades de Contos de taberna

Continúa en Carballo a actividade, organizada polo Concello, dos Contos de taberna, co seguinte programa para esta semana:
– Martes 13 ás 20:00 horas, na Pedra, Paco Souto e Emi de las Heras.
– Mércores 14 ás 20:30 horas, na Bombonera, Xosé Antonio Andrade.
– Xoves 15, ás 20:30 horas, no Bodegón O Pescador, María Canosa e O’Mighelo no Bodegón o Pescador (xoves 15).
Até o 17 de maio, Día das Letras Galegas, as persoas que acoden a un dos 14 bares participantes no proxecto e fan un gasto mínimo de 15 euros -ou completar un vale de tres almorzos no caso das cafetarías-, levan de agasallo o texto e a ilustración propia dese bar (cada un dos bares ten o seu relato, e a súa ilustración, personalizados).

Oriana Méndez gaña o XVII Certame de Poesía Concello de Carral

“Oriana Méndez, coa súa obra O que precede a caída é branco resultou gañadora do XVII Certame de Poesía Concello de Carral.
O xurado escolleu esta obra pola unidade de contido e forma, na qua se detecta que foi concibida como un todo, tendendo fíos entre a macroestrutura e os versos. O libro conta cunha linguaxe moi coidada e suxestiva prestando especial atención ao feche dos poemas. A autora crea un espazo lírico cheo de luz e establece numerosos xogos metaliterarios con diferentes escollas plásticas e artísticas. Así mesmo debemos destacar o traballo de tensión-distensión poética e o ritmo.
O xurado estivo formado por Dores Tembrás, Olga Patiño Nogueira e Eli Ríos, baixo a presidencia da Concelleira de Cultura, Isabel López Pérez, e asistidos en calidade de secretario, polo técnico municipal de Cultura e coordinador do premio, Carlos Lorenzo Pérez. Ao certame presentáronse un total de 36 libros. O premio de Carral está dotado con 2000 euros e a publicación da obra.
O acto de entrega do premio terá lugar o 30 de maio, na Casa da Cultura de Carral, dentro da programación de Letras Galegas 2014. O mesmo acto servirá para a presentación do poemario que gañou na pasada edición, Cronoloxía da urxencia, de Dores Tembrás. Para a publicación do libro o Concello de Carral contou coa colaboración económica da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Secretaría Xeral de Cultura da Xunta de Galicia.”

Marcos Abalde gaña o XIV Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño, con Oenach

“En Sarria a 10 de maio de 2014.
Reuniuse o xuri do XIV Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño, composto por Cristina Ferreiro, Xavier Rodríguez Baixeras e Miguel Mato Fondo, actuando con voz e sen voto como Presidente o Concelleiro de Cultura de Sarria, Francisco Pérez e como Secretaria a Presidenta de Ergueitos, María Casar.
Logo dunha intensa deliberación motivada pola cantidade e calidade dos poemarios presentados, o ditame final realizouse sobre dúas obras. A que acordamos por unanimidade é a gañadora desta edición do Fiz Vergara Vilariño, presentada baixo o lema Oenach e seudónimo Humus é a presentada baixo o lema Chegaron os xinetes das primeiras xeadas, da que aconsellamos a súa publicación.
Na obra gañadora, Oenach, destacamos a súa boa construción e alento poético, as recurrencias míticas e a denuncia da ignominia: Ceuta, Lampedusa, Tijuana, Guernika, San Simón… Hai neste libro unha feliz adaptación dun mito clásico á realidade histórica e social galega. Hai poesía e hai terra.
Aberta a plica en acto público ás 13:30 horas a obra presentada baixo o lema Oenach resultou ser da autoría de Marcos Abalde Covelo.”

Radiocrítica do 28-04-2014, por Armando Requeixo

Desde o blogue de Armando Requeixo, Criticalia:
“Velaquí unha nova Radiocrítica emitida o luns día 28 de abril en Ames Radio (107.2 FM). Desta volta falei con Nazaret López sobre Maternosofía, de Inma López Silva (I, 00:30), sobre O Gabinete das Marabillas de arxentino da Rocha Alemparte, de Irene e Rodrigo Pérez Pintos (I, 8:17 e II); sobre Recuerdos de agosto, de Aurelio Aguirre (II, 2:35)  e mais A cociña de noite, de Maurice Sendak (II, 7:00)”

A Coruña: actos arredor do Día das Letras Galegas da A. C. O Facho

O martes 13 de maio, a A. C. O Facho organiza dous actos na Coruña co gallo do Día das Letras Galegas:
12:30 h. Oferenda floral nos xardíns de Méndez Núñez, diante do monumento a Curros Henríquez. Falará o presidente d’O Facho, Xosé Luís Rodríguez Pardo, sobre Xosé María Díaz Castro. Na cerimonia haberá musica de gaiteiros.
20:00 h. No local de Portas Ártabras (Rúa Sinagoga, 22), Xulio López Valcárcel falará sobre Xosé María Díaz Castro.