Entrevista
de Armando Requeixo a Santiago Jaureguizar no seu blogue, Criticalia:
“(…) – Armando Requeixo (AR): ¿Que cres que lle falta aínda ás nosas letras e que lle sobra definitivamente?
– Santiago Jaureguizar (SJ): As nosas letras son anómalas. Vivimos nunha xerontocracia filolóxica e atlántica. Non hai país no mundo no que a poesía sexa o xénero raíña. Normalmente, as culturas desenvolvidas (a alemá, a francesa…) son guiadas por pensadores que dan visións xerais e marcan a ruta colectiva. Mesmo culturas individualistas, como a anglosaxoa, están dominadas polos novelistas, porque eles fan unha interpretación de cada vida en singular que axuda aos receptores a sacudirse a perplexidade existencial. Neste país, non; neste país o importante son os nomes das partes do carro, como di Manuel Rodríguez Alonso, e que os Seijas escriban Seixas aínda que despois falen soamente en español.
A cultura galega é unha lección de anatomía rembrandtiana impartida a porta pechada. Ten unha asistencia limitada de doutores que analizan sobre a mesa de disección o cadáver desas mil primaveras que deixamos atrás. O feito de termos expertos en lingua cadrando balances contables é unha singularidade que, ben administrada, poderiamos usar como argumento sólido e único para a emancipación. (…)
– AR: ¿Cal é a túa valoración do noso presente literario?
– SJ: O noso presente literario é un caldo en repouso. Hai un pánico a pisar as bandas rodantes da autoestrada que me indigna. Custa atopar unha proposta que se bote fóra do feminismo, antipatriarcalismo, nacionalismo, anticapitalismo, guerracivilismo… Aburre tanto foco moral sobre os textos. A literatura non é Educación para a Cidadanía, ten que falar de como é a realidade, non de como debería ser. Borrazás deixoume orfo; pero, ben, de cando en vez publica Cid Cabido.”
Arquivos do autor: asociacionescritoras-es
Gravacións das II Xornadas de Literatura e Ensino: Escribir e ler na escola de hoxe para a cidadanía de mañá (II)
A
Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, co apoio do Centro Español de Dereitos Reprográficos (CEDRO), celebrou os días 9 de 10 de novembro de 2012 a segunda edición das Xornadas de Literatura e Ensino que, co lema Escribir e ler na escola de hoxe para a cidadanía de mañá abordou os seguintes obxectivos:
– A posta en valor do Club de Lectura como formato plenamente vixente para o fomento da lectura e da escritura creativa, así como para a normalización lingüística e o achegamento á lingua e literatura portuguesa.
– A revisión dos parámetros metodolóxicos actuais para a didáctica de contidos de xéneros tradicionais, con especial incidencia no poético e mais na literatura infanto-xuvenil, explorando o seu potencial normalizador coa axuda das novas tecnoloxías aplicadas á creación e á difusión.
– Temas de especial interese para o profesorado -os criterios de selección e o estabelecemento de canons literarios orientativos para o ensino da literatura, as estratexias de sedución que faciliten a descuberta e o achegamento á literatura por parte do público infanto-xuvenil, tamén no sentido da estimulación da escrita creativa- tamén terá espazo nas xornadas.
Reproducimos nesta Axenda os vídeos onde se recollen as participacións nas Xornadas. Pódense consultar todos aquí.
Presentación da conferencia Literatura digital e ensino criativo
Rui Torres: Literatura digital e ensino criativo: a escrileitura como ferramenta de releitura crítica da tradição
Concellos que acordaron celebrar o Día de Rosalía de Castro (III)
A
Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega agradece o compromiso das corporacións provinciais e municipais que acordaron nos seus plenos celebrar o Día de Rosalía de Castro:
– Concello de Muros.
– Concello de Narón.
– Concello de Padrón.
Centros escolares colaboradores no Día de Rosalía de Castro 2013 (X)
Dentro
das actividades do Día de Rosalía de Castro 2013, organizadas pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, o venres 22 de febreiro terá lugar en múltiples centros de ensino a inclusión, nese día de actividades escolares, de lecturas e gravacións audiovisuais por parte do alumnado de poemas de Cantares gallegos, que serán divulgadas posteriormente no noso espazo web para darlles visibilidade social.
Finalizamos coa publicación diaria dos centros que participan nesta actividade, aos que agradecemos enormemente o interese e dispoñibilidade das súas comunidades escolares:
– Quíxente tanto, meniña: CEIP Praza de Barcelos, Pontevedra.
– Campanas de Bastabales: CEIP nº 1 de Foz.
– Vinte unha crara noite: CEIP Plurilingüe de Andrade, Pontedeume.
– Acolá enriba: CEIP O Areal, Camariñas.
– Adios, ríos; adios, fontes: IES Salvador de Madariaga, A Coruña.
Antón Cortizas: “Tastarabás leva 2.500 fotos e unha descrición de máis de mil enredos e xoguetes. A globalización cultural xa está inventada”
Entrevista
a Antón Cortizas en La Voz de Galicia, desde Xerais:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): Que iso do Tastarabás?
– Antón Cortizas (AC): É o nome que ten a carraca esa de facer ruido na zona de Cedeira e o norte de Ferrol. Xa ao primeiro libro deille un título moi onomatopeico, Chirlomirlo. Este ten como subtítulo Enciclopedia dos brinquedos tradicionais e uso lúdico da natureza. Leva 2.500 fotos e unha descrición de máis de mil enredos e xoguetes, que nalgúns casos son unhas liñas e noutros varias páxinas.
– LVG: ¿De quen son as fotos?
– AC: Case todas miñas, que tamén fixen a maior parte das construcións dos xoguetes, detallando cada paso, aínda que as veces tiven que pedir papas. Outras, como para un arco da vella, botei man doutras persoas.
– LVG: ¿Tamén enredaraos coa natureza?
– AC: Todos os seres humanos xogamos e brincamos igual, a globalización cultural xa está inventada hai moito tempo. No libro vai información directa de comunicadores dos que vai o seu nome e tamén por lecturas de centos de libros; ocupeime de ler literatura en galego de poetas e novelistas que fan referencias aos enredos e van treitos desas narracións. (…)”
Revistas dixitais, por Armando Requeixo
Desde
o blogue Criticalia, de Armando Requeixo:
“Continuando co seu impagable labor de difusión e análise da literatura galega de noso, a AELG, a través do seu voceiro a revista Escrita contemporánea, publicou un volume no que se recollen as Actas do VI Encontro de Novos/as escritores/as baixo o título xeral de Da tinta á pegada dixital.
Esta entrega de Escrita contemporánea —que na súa particular numeración alfabetizada fai xa o R— debrócase no moi suxestivo e complexo mundo das revistas dixitais como novos espazos para a presenza da literatura na sociedade actual.
Cómpre dicir que, como queira que os encontros que reproduce esta publicación tiveron lugar en setembro do 2011, algunhas das informacións ou valoracións que nel se verteron foron xa matizadas ou superadas pola vertixinosa realidade dixital. Secasí, é evidente que a cerna do alí exposto segue a ter vixencia e que gran parte das súas propostas se viron tamén confirmadas neste tempo.
Prologado polo presidente da AELG, o poeta Cesáreo Sánchez Iglesias, o volume recolle unha conferencia inaugural de Tati Mancebo sobre As revistas na era dixital e os relatorios de dúas mesas redondas: unha primeira arredor do concepto Crear desde a ventá e unha segunda para As revistas dixitais na Galiza: pasado, presente e futuro.
Coordinada por Antía Otero, vicepresidenta da institución, a primeira das mesas reuniu as voces de tres poetas singulares que desenvolveron (e algúns aínda desenvolven) na Rede interesantes espazos de comunicación. Velaí o ciborg literario …mmmm… de Estíbaliz Espinosa, o colaxe creativo de Ana Cibeira e o punk poeticomusical de Leo F. Campos en Haicu.
Pola súa banda, a segunda das mesas tivo como mestra de cerimonias á tamén poeta Elvira Riveiro Tobío, quen cedeu a palabra a Chus Nogueira para que fixese un exhaustivo varrido das orixes e actualidade das revistas literararias en internet; a Gaspar Domínguez para que falase da poesía e o medio electrónico dende a súa experiencia como xestor da páxina Andar21.net; e a Montse Pena Presas para que se ocupase das plataformas que acubillan a crítica literaria galega entre retrincos de tinta e bytes.
É moi de agradecer que as xentes da AELG tomasen a iniciativa de convocar este foro e publicar as presentes actas. Neste mundo evidentemente internetizado, onde a convivencia da prensa en papel e os novos medios dixitais é unha realidade da que a práctica totalidade da nosa sociedade xa participa, facíase necesario reflexionar sobre as posibilidades que este novo continente abriu para a creación e o pensamento dende as revistas que pola arañeira circulan.
Para tod@s @s que, como ciberlector@s asidu@s, navegades polo ancho mar da Rede este Escrita contemporánea. Da tinta á pegada dixital ha ser lectura coa que hiperenlazar lediciosamente. As súas páxinas complementariamente non electrónicas esperan por vós.
[Publicado nos xornais El Ideal Gallego, Diario de Ferrol, Diario de Arousa e Diario de Bergantiños, 10-2-2013]
Quiosco: Revista Galega de Teatro, nº 73
Desde
Cultura Galega:
“Fai o número 73 da Revista Galega de Teatro, o relativo ao inverno de 2012-2013 e xa se pode atopar nas librarías. Nesta ocasión a proposta segue fiel ás súas liñas de traballo habituais con crítica, análise e divulgación das artes escénicas. Nesta ocasión Marta Pérez e Vanesa Sotelo falan de Tomar as rendas e crear á inversa: Unha perspectiva feminista da creación escénica en Galicia. Ademais informa de actividades e festivais desenvolvidas no fin do ano 2012, como as III xornadas de Escena Galega ou do LXVI Festival de Avignon e do XXVII Festival Iberoamericano de Cádiz. Recomendacións editoriais e producións destacadas (Pegadas de Teatro de Ningures e Viaxe a ningunha parte de Sarabela Teatro) completan este número.”
A poesía de Celso Emilio Ferreiro chega a Bangladesh
Desde
o blog de Xerais:
“O Inditex Chair for Spanish Language and Culture da Universidade de Dhaka, en Bangladesh celebrou o Ano Celso Emilio Ferreiro programando actividades culturais dedicadas á figura do escritor galego. Catro paneis, coa biografía e poemas de Celso Emilo en galego, castelán e inglés, presidiron durante todo o ano as instalacións da Universidade. Ademais, editouse un folleto cos textos dos paneis que se distribuíron nas aulas. Ao longo do curso, e da man dos profesores Amparo Porta e Antonio Porto, os estudantes tiveron ocasión de coñecer tamén as versións musicadas dos poemas de Celso Emilio Ferreiro, como Irmaus (versionado por Fuxan os Ventos) e Deitado frente ao mar (versionado por Dios ke te Crew).”
Márcio-André: palestra Os modos de inovação da poesia brasileira contemporânea
Varias actividades lembran a Lugrís Freire no 150 aniversario do seu nacemento
Desde
Cultura Galega:
“Foi un prolífico xornalista, poeta, narrador (baixo o pseudónimo Asieumedre) e defensor do nacionalismo concretando na identidade e no idioma. Segundo a biografía oficial Lugrís Freire cumpriría o 12 de febreiro 150 anos do seu nacemento, aínda que a Asociación Cultural Irmáns Suárez Picallo proba que foi o día 11, coa publicación da súa partida de bautismo. Con ela arrincan os actos para homenaxear a súa figura. O vindeiro xoves 14 haberá unha ofrenda floral e inaugurarase unha exposición na capela de San Roque. O concello financia as actividades que se desenvolverán ao longo de todo o ano, tras declarar este 2013 en Sada como o Ano Cultural Lugrís Freire.”
