Desde o blogue Caderno da crítica, de Ramón Nicolás:
Arquivos do autor: asociacionescritoras-es
A Coruña: Re(c)verso, recital de audiopoesía de Celia Parra
Camilo Nogueira: “A xente fala da Unión Europea sen darse conta do seu sentido histórico. A UE é a negación do estado xacobino, porque alí operan 23 linguas oficiais”
Entrevista
a Camilo Nogueira na sección Conversas no ronsel de Valentín Paz-Andrade da súa páxina oficial:
“(…) – Xan Carballa: Galicia como tarea e La marginación de Galicia de Paz-Andrade, son ensaios que ademais de falar de economía procuran fundamentar historicamente a situación do país. Vostede leva adicado un intenso esforzo por facer entender os alicerces de Galiza como nación histórica, precisamos do amparo da historia para construír a identidade política?
– Camilo Nogueira: Como todas as nacións, aínda que se pretenda o contrario. A constitución do estado español di no preámbulo que “España é unha nación, indisolúbel, patria común, etc…” e faino dunha maneira exclusivista. Só nese enunciado hai unha ideoloxía que en grande medida está armada sobre a negación de Galiza como nación. O Estado español non pode comprender que non somos unha parte de España, que somos nación por nós propios. Hoxe formamos parte do Estado español pero temos unha presenza no mundo a través da cultura e a lingua que vai máis alá dese estado e non pode ignorar en absoluto a Portugal. Até 1400, co cisma europeo entre Avignon e Roma, todas as dioceses galegas, agás Santiago, eran de Braga e Lisboa e outras dioceses de Portugal, xunto a Salamanca, Badaxoz ou Ávila eran de Santiago de Compostela. Esa historia non conta para a constitución española. Un absurdo porque sería unha riqueza para un estado concibido como plurinacional. Ignórase que cando se pasou do latín ao romance, Afonso X, que escribiu as Cantigas de Santa María porque a súa familia viña de Galicia, pasouse a un castelán armado desde a Corte nunha decisión que ignoro porque se tomou así, pero que non foi asumida polo rei Don Dinis, que pasou do latín ao galego-portugués, e Galicia que xa perdera a súa coroa propia mantivo o galego até 1500. Aínda hoxe a nosa exportación a Portugal é única. Seguindo ese razoamento, na miña intervención do Congreso de Paz Andrade destaco unha frase de Valentín dicindo que entre a Estaca de Bares e a Punta de Sagres hai unha plataforma que é o mellor emprazamento europeo para desenvolver unha industria relacionada co Océano, sexa na pesca ou no transporte. (…)”.
O Congreso da Real Academia Galega repasou todas as facetas de Valentín Paz Andrade
“O
traballo como empresario, a visión sobre a lingua, ou o interese pola proxección exterior foron algúns dos múltiplos aspectos que se trataron no Congreso sobre Valentín Paz Andrade que organizou a Real Academia Galega os pasados xoves e venres. A institución publica agora no seu web un resumo das intervencións deste evento, no que destacados investigadores abordaron as múltiplas facetas deste empresario e pensador, homenaxeado no Día das Letras Galegas deste 2012. Deste xeito, por exemplo, Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega, destacou na conferencia inaugural do encontro como eixes fundamentais de Paz Andrade a súa aportación á política galeguista, a súa condición de intérprete de Galicia e a súa intención de proxectar a Galicia no mundo. Entre as novidades que deixou o encontro está o anuncio da publicación en 2013 dos Diarios de viaxe do galeguista. A editorial Alvarellos será a encargada de dar ao prelo estes 30 textos inéditos, escritos entre 1954 e 1955 durante os percursos por América de Paz Andrade como técnico da FAO. O material foi descuberto por Emilia García, historiadora encargada da dixitalización dos fondos do autor no Consello da Cultura.” Desde Cultura Galega.
A Antoloxía da literatura galega achega ao inglés as letras máis recentes
“Logo
dun ano e medio do primeiro volume, as editoras Galaxia e Xerais lanzan unha segunda entrega da Anthology of Galician Literature / Antoloxía da literatura galega. Coordinada, como no caso do anterior tomo por Jonathan Dunne, esta obra bilingüe achega ao inglés unha selección de obras da nosa literatura, desta volta publicadas entre 1981 e 2011. Na maior parte dos casos os autores recollidos seleccionaron eles mesmos os seus textos. O volume de 400 páxinas sae á venda a un prezo de 30 euros.” Desde Cultura Galega.
Presentado o Informe de Comercio Interior do Libro de Galicia 2011
“O
presidente da Asociación Galega de Editores, Manuel Bragado, e o Secretario Xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, presentaron o luns 17 de decembro na Biblioteca da Cidade da Cultura, o Informe de Comercio Interior do Libro de Galicia. Os datos proceden das enquisas realizadas a unha mostra representativa de empresas do gremio editorial galego e reflicten a situación do sector en función da actividade editorial e da coxuntura económica do ano 2011. Manuel Bragado manifestou que malia os datos, o sector resistía e mantiña a súa actividade produtiva e contribución ao incremento do catálogo editorial galego, coa aportación cultural que iso supón. Amosou a súa preocupación pola redución do emprego, que afecta tanto a traballadores fixos como a colaboradores externos, e tamén pola caída da facturación, que provocou que o número de empresas que facturaban por enriba dos catro millóns de euros, pasaran de cinco a dúas en dous anos. Lorenzo subliñou que o sector agremiado representa ao 80% do sector e que polo tanto a mostra recollida no informe e plenamente representativa pois descontando as cifras da edición institucional (14%), o sector non agremiado acada o 10%. O informe foi realizado pola consultora Conecta Research&Consulting, que elabora tamén os mesmos datos para a Federación de Gremios de Editores de España referentes ao conxunto de España. Del despréndese unha radiografía da situación da edición privada en Galicia que, segundo anunciou o secretario xeral de Cultura, “será unha base fundamental das próximas iniciativas que poñamos en marcha no sector editorial”, entre as que destacou o Plan Director do Libro. O informe reflicte datos xa publicados no Informe do Comerio Interior publicado pola FGEE, confirmando a facturación de 27 millóns de euros, un 12,3% menos pero a caída dende o ano 2009 acumula un 20%. O texto non universitario e o libro de infantil e xuvenil facturaron máis da metade do total. As empresas privadas da edición publicaron 2156 títulos, dos cales foron en galego 1.587″ Desde a Asociación Galega de Editores.
Francisco X. Fernández Naval: “Non hai que perseguir historias, están á nosa beira”
Entrevista
de Camilo Franco a Francisco X. Fernández Naval en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): A memoria volve ser protagonista dunha novela súa. ¿Cal é a súa importancia en A noite branca?
– Francisco X. Fernández Naval (FFN): Somos memoria e esquecemento. Somos quen somos polo que lembramos, pero tamén por todo canto esquecemos. E digo isto referíndome a cada un de nós, ao entorno familiar, á colectividade. A noite branca reconstrúe a historia dunha muller, María Luísa e do seu fillo Alfredo, voluntario na División Azul, a partir dunhas cartas que aparecen nunha caixa de marmelo. Pero a novela proxéctase ata o ano 2007, momento no que un escritor investiga ese pasado familiar. Memorias complementarias van reconstruíndo o ser dos personaxes, por veces manexando información contraditoria, porque en cada unha das persoas que lembran tamén actuou o esquecemento. (…)
– LVG: Para a escrita da novela visitou vostede moitos lugares da fronte. ¿Como foi esa investigación e como se recorda alí a guerra?
– FFN: Este foi o proxecto máis importante no que me mergullei e non falo só dende o punto de vista literario, senón tamén vital. Entre os meses de marzo e abril do 2011, a fotógrafa Maribel Longueira e eu seguimos exactamente o itinerario que levou aos divisionarios galegos ata Novogorod, na ribeira do río Volchov. (…)
– LVG: ¿Como está reconstruída a memoria familiar?
– FFN: A historia constrúese a través de catro voces. Unha son as cartas recuperadas. Outra é a historia do pelotón ourensán do que forma parte Alfredo, dende que se inscriben na División ata os combates. A terceira é o monólogo de María Luísa, cun diálogo implícito no que sabemos o que di a outra parte polas respostas dela e no que repasa a vida en compañía de dúas amigas. A cuarta é a do escritor que investiga e que persegue as lembranzas da súa familia en complicidade coa súa nai, que fora afillada de María Luísa e curmá de Alfredo.”
Vigo: presentación de As voces baixas, de Manuel Rivas
O
martes 18 de decembro, ás 20:00 horas, na Libraría Librouro (Rúa Eduardo Iglesias, 12) de Vigo, preséntase As voces baixas, de Manuel Rivas, publicado en Xerais. No acto, xunto ao autor, participan Antón Patiño e Manuel Bragado. Crónica posterior en Brétemas.
Silleda: presentación de Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez, de Carlos Callón
O
martes 18 de decembro, ás 21:00 horas, na Biblioteca Municipal Daniel Castelao de Silleda, preséntase o libro Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez, de Carlos Callón, publicado en Xerais.
Santiago: presentación de A noite branca, de Francisco X. Fernández Naval
O
martes 18 de decembro, ás 20:00 horas, na Capela do IES Rosalía de Castro de Santiago de Compostela, preséntase a novela A noite branca, de Francisco X. Fernández Naval, publicada en Xerais. No acto participan, xunto ao autor, María Jesús Cabado Pampín, Xosé M. Núñez Seixas (LMU, Múnich), que intervirá a través de skype e Fran Alonso. Haberá acompañamento musical de Carlos Arias.

