O
martes 18 de decembro, ás 20:00 horas, na Biblioteca Pública Miguel González Garcés (Rúa González Garcés) da Coruña, terá lugar a presentación do libro de Tucho Calvo e Xosé Cobas Paxaro de mar e vento, publicado por Biblos Clube. Logo da presentación, inaugurarase a exposición dos orixinais realizados por Xosé Cobas para ilustralo. O acto contará coa presenza e intervención de autor e ilustrador, xunto a Laura Garcés. A exposición permanecerá aberta ata o 26 de xaneiro de 2013 no horario de apertura ao público: de luns a venres, de 8:30 a 20:30 h. e sábados de 10:00 a 14:00 h.
Arquivos do autor: asociacionescritoras-es
Carlos Negro presenta… Makinaria
Desde Trafegando ronseis:
“Di meu pai “el hombre propone y Dios dispone”. E así sucedeu con este vídeo. Cando o ano pasado veu Carlos Negro naquel día inesquecible para todas e todos nós, o meu prezado compañeiro Anxinho gravouno case integramente. Pero estragouse o ordenador, perdeuse o traballo… ata agora, que conseguiu recuperalo. E aquí está: só son uns meses de retraso, xa que Carlos veu máis ou menos polo mes de abril. Un día no que falamos de velocidade, da morte de mozos e mozas pola súa inconsciencia, de, en fin, Makinaria.”
As voces dos 90
“Os anos noventa lémbranse aínda hoxe como unha década de especial vitalidade poética. Para alén das edicións de libros, a poesía podía atoparse en follas volandeiras recitais en bares. Agora, Poesiagalega.org rescata do arquivo persoal de Rafa Villar un bo feixe de gravacións dunha serie de lecturas que se desenvolveron entre 1997 e 2000 nos pubs Tarasca e Pepa a Loba, en Santiago de Compostela. Un total de vinte e sete recitados que están agora dispoñibles para escoitar libremente na rede.” Desde Cultura Galega.
Lugo: presentación de Palabra viva. Galicia e Hispanoamérica
O
martes 18 de decembro, ás 12:15 horas, na Vicerreitoría de Coordinación do Campus de Lugo (Praza Pío XII, 3), preséntase o libro colectivo Palabra viva. Galicia e Hispanoamérica, coordinado por Ana Chouciño e María Xesús Nogueira, e editado pola Biblioteca da Cátedra de Cultura Cubana Alejo Carpentier, da Universidade de Santiago de Compostela, con financiamento da Presidencia da Excelentísima Deputación de Lugo. No acto intervirán Pedro García Herradón, Lara Méndez López, María Isabel González Rey e Juan Luis Blanco Valdés, xunto ás compiladoras do volume.
Parlamento das Letras: Xelís de Toro
Entrevista
de Armando Requeixo a Xelís de Toro no seu blogue, Criticalia:
“(…) – Armando Requeixo (AR): ¿Que cres que lle falta aínda ás nosas letras e que lle sobra definitivamente?
– Xelís de Toro (XT): Resúltanme moi interesante os grupos de lectura de base, agrupacións, iniciativas voluntarias e voluntariosas de xente que trata de manter a literatura viva xa ben organizando grupos de lectura, actos etc. A literatura galega naceu dentro e grazas ao galeguismo e o nacionalismo, mais só vai ter relevancia social se logra matar ao pai. (…)
– AR: ¿Cal é a túa valoración do noso presente literario?
– XT: Eu vexo algúns moi bos escritores tanto en narrativa coma en poesía e dáme pena que unha calidade tan boa non veña da man dun público máis amplo polas particularidades da nosa cultura minorizada, público lector e ninguneo polas institucións públicas (…)”
A Coruña: presentación de Man, o Alemán de Camelle, de Beatriz Maceda Abeleira
Vídeo sobre o VII Encontro de Escritoras/es Novas/os: Da palabra á acción
A Coruña: entrega de premios do III Certame Curtas para Rosalía
Vilar de Santos: presentación do número 11 da revista Lethes e entrega dos premios do Concurso Escolar Carlos Casares
O
sábado 15 de decembro, ás 17:30 horas, na Casa do Concello de Vilar de Santos, terá lugar a presentación do número 11 da revista Lethes e a entrega dos premios do Concurso Escolar de Creación Literaria e Plástica dedicado a Carlos Casares no décimo aniversario do seu falecemento. Como mestres de cerimonia actuarán Manolo Seoane, Delfín Caseiro e Henrique Monteagudo. O acto está organizado conxuntamente polo Centro de Cultura Popular do Limia, o Museo da Limia e a Fundación Carlos Casares. Agradecemos a Rafael Laso o envío da información.
Lugo: Dramaturxias do Baúl, no Museo Provincial
O venres 14 de decembro, ás 20:30 horas, terá lugar no Museo Provincial de Lugo (Praza da Soidade, s/n.), a segunda edición das Dramaturxias de baúl, unha representación teatral que ademais serve como acto de clausura das accións formativas do ano 2012 do Proxecto teatral Buxiganga (II Premio da FEGATEA á animación teatral 2012) que promove a área de Cultura da Deputación de Lugo. Os participantes no obradoiro de dramaturxia, impartido por Rubén Ruibal (Premio Nacional de Literatura), foron elaborando entre os meses de xuño e decembro diferentes pezas teatrais que serán representadas e lidas en diferentes espazos e salas do Museo Provincial. A representación está coordinada por Rubén Ruibal e conta coa participación de Brian Rodríguez, Anxo Manoel Lamelo, Pablo Iglesias (Germán Frasio), Elvira Velasco, Iria Acevedo, Conchi Madrina, Rubén Pérez, María Grandío e Simón Piñón. A entrada é libre e gratuíta.


