O
mércores 19 de decembro, ás 20:00 horas, no local de Portas Ártabras (Rúa Sinagoga, 22) da Coruña, a Asociación Cultural Alexandre Bóveda presenta o libro Cartafol de soños, homenaxe a Celso Emilio Ferreiro no seu centenario (1912-2012). No acto participan tres dos seus autores, Lois Diéguez, Ánxeles Penas e Alberte Suras, e contará tamén coa participación musical de Miro Casabella.
Arquivos do autor: asociacionescritoras-es
Vigo: presentación de Podería falar de nubes, de Francisco Castiñeira
O
xoves 20 de decembro, ás 20:30 horas, na Libraría Cartabón (Rúa Urzaiz, 125) de Vigo, preséntase o novo libro de relatos de Francisco Castiñeira, Podería falar de nubes, publicado por Redelibros. No acto, xunto ao autor, participan Fran Zabaleta e María Lado.
Unha cadea pola cultura galega. Comparte o Aturuxo* do Dragón
Evento creado en facebook
por Elena Gallego:
“Obxectivo: Axudemos como galegos para que se manteña aberto un espazo de difusión da nosa literatura, música e artesanía na capital española, Aturuxo Tenda Galega.
Convidados: Todos os galegos do mundo, de nacemento, adopción ou corazón que aposten pola nosa cultura e nestas datas se deixen caer por Madrid.
E que podo facer eu? Se vives ou tes amigos que residen en Madrid, presume de galego nestas festas. Non é preciso que merques nada. Só por pasarte fisicamente pola tenda (Vallermoso 104 Madrid, m
etro Canal ou Islas Filipinas) recibirás un boleto para participar no sorteo que se celebrará na Festa- Presentación da triloxía Dragal (ed. Xerais) en Madrid o sábado 9 de marzo de 2013.
Que gañamos todos? A crise non se pode seguir levándose por diante a nosa cultura. Se segues a cadea do Aturuxo estás colaborando para que se manteña aberto un espazo galego en Madrid.”
Fervenzas Literarias: Os mellores libros do 2012
Desde
Fervenzas Literarias:
“Un ano máis, e xa van seis edicións, abrimos esta xanela para que as lectoras e os lectores dean a súa opinión e escollan cales foron para eles Os Mellores Libros do 2012. As mellores novelas, os mellores ensaios, poemarios, que autor ou autora destacades do ano anterior, ilustradores, editoriais… Todas as opcións posibles para que valoremos o que máis nos gustou deste 2012. A vosa opinión é importante porque… que sería da literatura sen nós, os lectores?
E como cada ano, a Federación de Libreiros de Galicia cédenos un lote de libros para sortear entre todos os que cumprimentedes a enquisa. E si… sabémolo… son moitos campos para cubrir, pero non é necesario enchelos todos. E non vos esquezades, tedes ata o 15 de xaneiro do 2013 para enviarnos as vosas valoracións. Agardámolas!!!”
Para participar, entrar aquí.
Santiago: presentación de Donas do segredo, de Xan G. Muras
“O
xoves 20 de decembro, ás 21:00 horas, na Libraría Pedreira (Rúa do Home Santo, 55) de Santiago de Compostela, preséntase o libro Donas do segredo, de Xan G. Muras, publicado en Tribaldes. No acto, xunto ao autor, participan Pilar García Negro e Ana Castaño. As/os asistentes ao acto recibirán como agasallo unha lámina para enmarcar. As persoas que compren o libro recibirán como agasallo unha colección de 6 pousavasos.” Desde Fervenzas Literarias.
Bases do I Certame de poesía en lingua galega Manuel María, da Casa de Galicia en Gipuzkoa
BASES
1º O poema estará escrito en língua galega e terá un máximo de noventa versos e un mínimo de corenta. Admitiranse conxuntos de poemas de temática común sempre que non excedan dos cen versos.
2º O poema enviarase nun sobre sen remitente nin indicación algunha referente a personalidade do autor ao seguinte enderezo:
Casa de Galicia en Gipuzkoa
Rúa Zabaleta, 28 – baixo
20002 – San Sebastián
(Gipuzkoa)
Noutro sobre pechado figurará exteriormente o primeiro verso do poema e no interior do mesmo sobre constará o nome, enderezo, número do DNI e teléfono do autor.
3º As obras que se presenten deberán ser inéditas.
4º Os poemas enviaranse por triplicado antes do día 18 de marzo de 2013.
5º A organización nomeará un xurado composto por persoeiros relevantes da creación e da crítica e daranse a coñecer no momento de facerse público o fallo do xurado.
6º Os premios fallaranse o 18 de maio de 2013. Os poemas premiados serán editados pola Casa de Galicia da forma e no lugar que se estime axeitado.
7º Os premios consistirán en:
1º premio: 400 euros.
2º premio: 200 euros.
3º premio: 100 euros.
8º Os premios serán entregados na Casa de Galicia en Gipuzkoa unha vez realizado o fallo por parte do xurado.
9º O feito de participar supón aceptar a resolución do xurado así como as bases do certame. O xurado poderá declarar deserto algún premio.
10º A Casa de Galicia en Gipuzkoa resérvase os dereitos de publicar calquera dos traballos presentados ao concurso na forma ou no medio que estime oportuno.
11º Non se devolverán os orixinais.
Francisco X. Fernández Naval: “A miña novela procura un diálogo entre o íntimo e local e o universal”
Entrevista
a Francisco X. Fernández Naval en Tempo de Lecer Ourense:
“(…) – Tempo de Lecer Ourense (TLO): A súa última novela titúlase A noite branca. Que nos pode contar deste libro?
– Francisco X. Fernández Naval (FXFN): Conta unha historia que sucede ao longo de case un século, entre a ribeira do Miño, Ponte Canedo, a Habana da emigración e a fronte do leste durante a II Guerra Mundial. É un texto que procura unha sorte de diálogo entre o íntimo e local e o universal, sabendo que a fronteira entre estes termos é difusa, de maneira que o local case sempre e universal e viceversa. (…)
– TLO: Como definiría esta novela?
– FXFN: Pois supoño que é unha novela histórica-contemporánea, xa que un dos fíos chega ata o ano 2007. Penso tamén que conta unha historia nunca antes abordada pola literatura galega, malia que na fronte do leste loitaron do lado alemán arredor de 3.000 galegos. Tamén me ilusionou a posibilidade de recuperar espazo e personaxes da miña primeira novela, O bosque das antas. (…)
– TLO: Que importancia ou que peso ten esta nova obra na súa biografía?
– FXFN: Para ben ou para mal é o proxecto máis importante ao que me enfrontei nunca e iso o digo dende varios puntos de vista: literario, investigador, vital, de esforzo e horas de traballo, pero tamén por ter que escribir, sen xulgar, nunha linguaxe que me é allea, como é o discurso máis duro da Falanxe ou do nazismo. Prepareime e adestrei antes, xa que algunhas cousas que están na novela foron probadas no último libro de relatos Para seguir bailando.”
Ourense: presentación de As voces baixas, de Manuel Rivas
O
mércores 19 de decembro, ás 20:00 horas, no Salón Noble do Liceo de Ourense (Rúa Valentín Lamas Carvajal, 5), preséntase As voces baixas, de Manuel Rivas, publicado en Xerais. No acto, xunto ao autor, participa Manuel Bragado.
Entrevista a Ramón Nicolás sobre Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro
Entrevista
a Ramón Nicolás en La Región, desde o seu blogue, Caderno da crítica:
“(…) – La Región (LR): Que foi o máis sorprendente que atopou no estudo [Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro]?
– Ramón Nicolás (RN): A época de mozo en Celanova porque a actividade política de compromiso coas Mocidades Galeguistas é fascinante. De feito, o grupo de Celanova converteuse na bandeira de toda Galicia daquela asociación xuvenil, e incluso con Pepe Velo dirixiu a propia Federación de Mocidades Galeguistas dende un posicionamento político galeguista, nacionalista e de esquerdas. No plano persoal, descubríuseme un personaxe moi afable, que sabía escoitar, cos seus evidentes momentos de arrouto pero cun carácter moi popular. Gustáballe gozar coa vida no posible, aínda que tamén é evidente que lle deu moitos golpes. (…)
– LR: Neste sentido, cre que se desvirtuou a figura do poeta?
– RN: Ó meu parecer, sufriu certo encaixe na faceta de carácter social ou reivindicativo, unha terminoloxía á que Celso Emilio lle fuxía moito. Aínda hoxe, é o escritor galego que máis musicacións de poemas ten e foi esa popularización a que puido causar un encasillamento ó meu xuízo falso porque tamén é un poeta sentimental, amoroso, intimista e, sobre todo, cun aguillón crítico extraordinario sen parangón na literatura do seu tempo e mesmo na actual. Isto é tamén froito dos moitos imitadores que viñeron despois e que agotaron o modelo. (…)”.
Pontevedra: recital e presentación de Versus
O
martes 18 de decembro, ás 20:00 horas, no Pazo Mugartegui de Pontevedra, preséntase a escolma poética Versus, con presentación do poeta bergantiñán Óscar de Souto e recitación en directo de parte dos outros autores do libro (Antón Borrazás e Miguel Queipo), actuación poético-musical a cargo do grupo Versus e sinatura de libros ao finalizar o acto.