Xosé Neira Vilas recolleu o premio Pedra do Destino

“O sábado 3 de novembro, representantes da Asociación de Amigos dos Museos de Galicia, que preside o historiador Felipe Senén López Gómez, desprazáronse ata Gres para facer entrega do premio Pedra do Destino a Xosé Neira Vilas. Cada ano, o 18 de maio, o día despois das Letras Galegas e o día dos Museos outorgan un premio de 3.000 euros a aquelas persoas ou institucións preocupados por salvagarda da cultura e que contribuíron a normalizar, difundir, conservar ou difundir a cultura galega. Este ano foi outorgado á Fundación Xosé Neira Vilas. O galardón entregóuselle o sábado coincidindo co seu 84 aniversario. O escritor informou que cederá os 3000 euros do premio para o financiamento da súa fundación.” Desde Galaxia.

Xan Arias: “Son un editor vocacional”

Entrevista de Ramón Nicolás a Xan Arias en Qué Leer, traducida ao galego no blogue Caderno da crítica:
“(…) – Ramón Nicolás (RN): Que o levou a embarcarse nesta aventura [Trifolium]?
– Xan Arias (XA): A paixón artesá por esa nobre aventura que é facer dun texto un libro. Son un editor vocacional apaixonado pola súa vertente cultural, pero valorando en igual medida o aspecto artesanal do oficio. Non pretendo buscar nada novo nin orixinal, senón algo auténtico e perdurable. Como apunta Andrés Trapiello, un libro é sempre, como o universo, a harmoniosa conxunción de moitas órbitas. (…)
– RN: Como editor, como ve o futuro da edición en galego?
– XA: Os avatares da actual conxuntura política, cun apoio practicamente nulo á cultura, recrúanse ao ser unha lingua minoritaria cun mercado concreto. Os libros nunca se levaron ben co Poder; así, estratexicamente, reducíronse os fondos para as bibliotecas, o que compromete unha das infraestruturas de base da edición. Pero continuará a forza da imaxinación creativa, a vontade e a necesidade de crear con palabras modelos útiles para o mundo. En Galicia e fóra de Galicia. Manterei a ilusión sen facerme ilusións. Ou, como diría Borges, un debe seguir plantando o seu propio xardín, no canto de agardar a que alguén lle traia flores.”

Parlamento das Letras: Concha Blanco

Entrevista de Armando Requeixo a Concha Blanco no seu blogue, Criticalia:
“(…) – Armando Requeixo (AR): ¿Que cres que lle falta aínda ás nosas letras e que lle sobra definitivamente?
– Concha Blanco (CB): Fáltanlle lectoras e lectores. Tamén precisa de máis visibilidade dentro e fóra das nosas fronteiras. Considero que son poucos os autores e autoras traducidos. Si, si, digo autores máis ca obras. E axudas, as editoriais quéixanse das escasas subvencións. (…)
– AR: ¿Cal é a túa valoración do noso presente literario?
– CB: Moi ben no tocante á calidade de obras publicadas, ao número salientable de obras no mercado e á potente xeración nova que está aí pisando forte e avanzando. (…)”

A Coruña: presentación de Melíflua Moradía, de Lino García Salgado

O venres 9 de novembro, ás 20:30 horas, na Asociación Cultural Alexandre Bóveda (Rúa Olmos, 16-18, 1º), preséntase o libro Melíflua Moradía, de Lino García Salgado, publicado por A porta verde do sétimo andar. No acto, o autor estará acompañado por Alberte Momán.

Lugo: concerto O meu primeiro Celso Emilio

O venres 9 de novembro, ás 20:00 horas, no Círculo das Artes de Lugo, terá lugar o concerto O meu primeiro Celso Emilio, baseado no libro do mesmo título publicado en Xerais, en que actuarán María Manuela, Mini e Mero e Xiana Lastra. O acto está patrocinado polo Concello de Lugo.