Culturgal celebrarase en Pontevedra do 30 de novembro ao 2 de decembro

“A Feira Galega das Industrias Culturais terá unha nova edición endre os días 30 de novembro e 2 de decembro de 2012. Xulio Amigo, presidente da Asociación Culturgal, Sergio Lago, director do evento, e mais os tres principais patrocinadores do mesmo, Juan Carlos Fernández Fasero, director de Agadic; Anxos Riveiro, concelleira de Cultura de Pontevedra; e Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística, presentaron en Pontevedra a nova edición do evento. Está xa aberto o prazo para a solicitude. Segundo sinalou Amigo, os ingresos propios da feira medraron un 70% en 2011 a respecto da anterior edición. Nese sentido, asegurou que o evento “camiña cara ao autofinanciamento, co apoio dos seus tres patrocinadores principais”, aínda que recoñece unha diminución nas achegas dos patrocinadores para a xeira deste ano. Do mesmo xeito, tamén serán menos as achegas públicas ao evento.” Vía Cultura Galega.

Lugo: coloquio sobre A arte das influencias. A literatura na pintura e viceversa

O martes 5 de xuño, ás 20:00 horas, na Sala de Exposicións do Museo Provincial de Lugo (Praza da Soidade, s/n), terá lugar un coloquio arredor do tema A arte das influencias. A literatura na pintura e viceversa, coa intervención de Blas Lourés, Paco Martín, Camilo Gómez Torres e Antonio Reigosa, baixo a moderación de Aurelia Balseiro. Este coloquio forma parte do programa de actividades culturais complementarias da exposición Blas Lourés que pode ser visitada até o 17 de xuño de 2012, con entrada libre e gratuíta.

Ourense: actos destacados do mércores 6 na Feira do Libro

Finaliza a XXVIII Feira do Libro de Ourense (na Alameda, Rúa do Bispo Cesáreo), con horario de 11:00 a 14:00 h. e de 18:30 a 22:00 horas, coas seguintes actividades destacadas para o mércores 6 de xuño:

20:00 h. O escritor Miguel Anxo Fernández asinará exemplares das súas obras, publicadas por Editorial Galaxia.
21:00 h. Enogastrofonías Ferreirianas. Espectáculo deseñado por Arraianos. Percorrido pola obra de Celso Emilio Ferreiro a través da poesía, da música e o viño do Ribeiro, maridado con minigaleguesas. Presentación do monográfico da Revista Arraianos Celso Emilio Ferreiro fai 100 anos. Cociña en directo e degustación, previa inscrición. Participan Aser Álvarez (poesía), Alexandre Meire (música) e Mario Poti (cociña).

Anxo Angueira presidirá a Fundación Rosalía de Castro

Anxo Angueira é o novo presidente da Fundación Rosalía de Castro. O padroado da Fundación reuniuse o pasado venres 1 de xuño para escoller o novo presidente e a nova comisión executiva. Angueira chega á presidencia cunha listaxe de consenso. O escritor e poeta propuxo un programa de goberno para os próximos anos que salienta o fomento dos vínculos da entidade co Concello, con outras institucións e coa realidade do pobo de Padrón. (…) A nova comisión executiva, co escritor á cabeza, está integrada por Luz Pozo Garza, vicepresidenta da Fundación e académica de número; Xosé Carlos Beiró Piñeiro, secretario; Justo Cortizo Sóñora, tesoureiro e cinco vocais: Xesús Alonso Montero, presidente do Centro de Estudos Rosalianos e académico de número; Ana Blanco, presidenta en funcións ata a votación; María do Carme Kruckenberg, escritora e ensaísta; Xosé Luís Axeitos Agrelo, secretario da Real Academia Galega; e Dolores Vilavedra, profesora e crítica literaria.” Vía Fervenzas Literarias.

MicroQontos para ler entre tweet e tweet

“Daniel Landesa creou hai un tempo un certame de microrrelatos no seu blogue. A iniciativa tivo éxito e nela participaron moitos internautas, e entre eles algúns escritores e escritoras recoñecidas, coma Mario Regueira, Rubén Ruibal ou Fran Castiñeira. O resultado do certame foi un pequeno blog que facía un compendio de todos eles e que, a día de hoxe, segue en liña para quen o visiteOfrecémosvos un breve libro que compendia todos aqueles contos, exemplos dunha cultura cativa e orgullosa de selo, porque “como cultura cativa facemos moito e ben”. Iso é o que explica o propio Landesa no limiar do libro, que engade que “non termos unha British Academy permítenos certa liberdade de acción, innovación e orixinalidade. E, sobre todo, permítenos, como culturiña que somos, achegar moitas cousiñas fermosas, cativeces que supoñan pequenos proxectos. Porque todo suma. Así naceu este certame na rede. Como forma de demostrar a aqueles que din que esta nosa pequena cultura só sobrevive a golpe de talonario administrativo que están errados, moi errados”. O cerne do asunto consistía en convocar un certame sen gañador, sen premio en metálico, “sen xantares nin festas”. O resultado foi este conxunto de pequenas belezas a modo de microrelato que foron caendo pola rede en pingas salferidas ao longo dos últimos meses do ano 2009 e dos primeiros do 2010 como unha auga fresca e libre desa chamada “creación subvencionada”. (…)” Vía Praza.

Santiago: recital Picaversos, Luminosos

O martes 5 de xuño, a partir das 21:00 horas, no Modus Vivendi (Praza de Feixoo) de Santiago de Compostela, chega outra edición do ciclo de lecturas poéticas Picaversos, baixo o título Luminosos, coa participación de Fran Pérez, Narf, Xiana López e Lorena Souto.

Santiago: presentación de Esperando o leiteiro, de Xosé Neira Vilas

O martes 5 de xuño, ás 20:00 horas, na Biblioteca Ánxel Casal (Avenida Xoán XXIII) de Santiago de Compostela, preséntase a nova novela de Xosé Neira Vilas presenta a súa nova novela, Esperando o leiteiro, publicada en Galaxia. Participan, xunto ao autor, Víctor F. Freixanes, Valentín García Gómez e Dolores Vilavedra.

Xosé Neira Vilas: “Emigrei a Bos Aires para poder estudar e ter libros”

Entrevista a Xosé Neira Vilas en Galiciaé:
“(…) – Galiciaé (G): ¿Que o levou a emigrar?
– Xosé Neira Vilas (XNV): Marchei a Bos Aires para estudar e ter libros. Alí, traballando, entre outras cousas, fixen a carreira de xornalismo e coñecín a Anisia, unha moza cubana que estudaba o mesmo, coa que casei e fundamos a editorial Follas Novas, onde publicamos algúns libros en galego, ademais dos primeiros escritos por nós.
– G: Tamén tiñan unha distribuidora…
– XNV: Si, ¡e abarcaba toda América! Fixemos tres mostras do libro, en Bos Aires, Montevideo e Caracas. Mandabamos catálogos de todo o que se publicaba en Europa relacionado con Galicia aos exiliados e sociedades galegas. E tamén libros galegos á Biblioteca Nacional. Financiabamos a actividade co 30% que nos daba o maiorista. ¡Non gañabamos nada!, máis ben perdiamos cartos. Seoane, no prólogo do meu libro Historias de emigrantes, lémbranos a Anisia e a min en conferencias e actos culturais, ”tratando de vender o invendible: libros…”, como dicía, que sempre levabamos nunha maleta. (…)
– G: ¿Como foi a volta a Galicia?
– XNV: Ao xubilarnos decidimos volver. Eu regalara a casa onde nacín á Xunta para que fixera unha biblioteca, e fixo moito máis. César Portela realizou un proxecto magnífico, restaurando a casa e creando a sede da Fundación, cunha biblioteca con 8.700 volumes. A casa natal ten hoxe museo etnográfico, biblioteca para nenos e para adultos e salón de actos. (…)”.

Chus Pato participa no Festival Internacional de Poesía de Rotterdam

“Nesta 43 edición, o Festival de Poesía de Rotterdam conta no seu programa coa presenza da galega Chus Pato, que participa canda poetas como Mauricio André de Brasil, Aurora Sascha de Pakistán, Dolores Dorante de México, B. Zwaal de Holanda ou Inuo Taguchi de Xapón. O Festival de Rotterdam recoñece en Chus Pato unha das voces máis orixinais e rompedoras da poesía galega contemporánea. No perfil que recolle na súa páxina oficial, destacan da traxectoria da escritora a publicación no ano 2000 do libro M-Talá, que, ao seu ver, supón unha ruptura dentro da literatura poética galega. Definen a autora como “feminista e independentista” e fan tamén referencia á situación da lingua galega que resistiu “as presións centralistas administrativas e sociais que aínda a ameazan hoxe en día”.” Vía Sermos Galiza.