Santiago: encontro Carlos Casares. Escritor e intelectual do seu tempo, do 5 ao 7 de setembro

A UIMP organiza o Encontro Carlos Casares. Escritor e intelectual do seu tempo, entre o 5 e o 7 de setembro, no Consello da Cultura Galega (Pazo de Raxoi, 2º andar), en Santiago de Compostela. O curso pretende lembrar a obra e a faceta intelectual de Carlos Casares cando se cumpren dez anos do seu pasamento cun dobre obxectivo: o de reanimar o interese do profesorado de ensino secundario pola lectura e o estudo da obra de Casares, incentivando a recuperación dalgunhas das súas novelas como lecturas recomendadas para o estudantado dese nivel educativo, e o de suscitar o interese do alumnado universitario pola investigación académica do escritor e a súa produción. Con esta dobre finalidade realízase un percorrido en profundidade polo máis destacado de dita produción e unha achega a aspectos menos coñecidos (a relación de Casares coa cultura catalana) que amosen a amplitude do seu labor intelectual. A dirección corre a cargo de Dolores Vilavedra.
O importe da matrícula é de 129 euros. Para os alumnos das universidades da Coruña, Santiago ou Vigo haberá unha redución do 50% (64,50 euros). A data límite para a solicitude da beca é a do 5 de agosto de 2012. O valor académico é de 20 horas, con recoñecemento do curso en créditos de libre escolla. As prazas son limitadas. Para máis información, matrículas e bolsas, pódese contactar coa Secretaría de Alumnos da UIMP (Fundación Luís Seoane, Rúa San Francisco, s/n., 2º andar, C. P. 15001 da Coruña). O teléfono é o 981140830, o fax 981140825, e o correo electrónico galiciasa@uimp.es.

PROGRAMA

Mércores 5 de setembro:
18:30 h. Inauguración a cargo de Dolores Vilavedra e Xosé Luís Barreiro Rivas.
19:00 h. A obra narrativa de Carlos Casares, por Ángel Basanta Folgueira.

Xoves 6 de setembro:
10:00 h. Xornalismo(s) e arredores na obra de Carlos Casares, por Iago Martínez.
12:00 h. O diálogo de Casares co mundo da infancia, por Montse Pena Presas.
13:00 h. Debate.
17:00 h. Carlos Casares tradutor, mediador e axente literario na historia contemporánea da literatura galega, por Iolanda Galanes e Ana Luna Alonso.
19:00 h. A achega de Carlos Casares ao ensaísmo galego, por Olivia Rodríguez González.

Venres 7 de setembro:
10:00 h. Carlos Casares e Nós, á luz de Deus sentado nun sillón azul, por Álex Alonso.
12:00 h. Casares e Galaxia, Casares en galaxia, por Dolores Villanueva.
13:00 h. Debate.
17:00 h. Os espazos literarios de Carlos Casares, por María López Sández.
19:00 h. Clausura e entrega de diplomas, por Dolores Vilavedra e María Esther Regueiro Fernández.

Vigo: presentación de Por uma democracia radical. Vozes subalternas contra o estado de exceção

O sábado 2 de xuño, ás 20:30 horas, na Asociación Cultural Bou Eva (Rua Tercio de Fóra, 11) de Vigo, preséntase o libro Por uma democracia radical. Vozes subalternas contra o estado de exceção, publicado por Estaleiro Editora. No acto participan Francisco Sampedro, David Rodríguez e Carlos Diegues.

Dandylady propón unha representación escénica da poesía

O pasado mes de marzo Dandylady, o dúo composto por Iria Pinheiro e mais Jesús Tejada, estreaba Dessassossego. Esta proposta de poesía escénica inspírase no Livro do Dessassossego de Fernando Pessoa, a cuxos poemas acompañan textos de seis poetas galegas e tres foráneas (Branca Novoneyra, Olalla Cociña, Lupe Gómez, Lucía Aldao, Esther F. Carrodeguas, Xiana Arias, Luci Romero, María Salgado e Adília Lopes) arredor da idea de desacougo.

Cangas: presentación de Seara. Obra poética (1971-2011), de Xosé Vázquez Pintor

O venres 1 de xuño, ás 20:30 horas, na Librería Maraxe (Avenida de Marín, 9) de Cangas, preséntase o libro Seara. Obra poética (1971-2011), de Xosé Vázquez Pintor, publicado en Espiral Maior, coa participación de Xoán C. Chillón e Camilo Camaño Xestido, e a música en directo de Xico de Carinho.

Dúas letras, de Eloy Varela e Fina Casalderrey, gran triunfadora en Cans

“(…) A película asinada polo director Eloy Varela e con guión de Fina Casalderrey, Dúas Letras, foi a gran triunfadora esta fin de semana no a cada día máis prestixioso Festival de Cine de Cans, onde obtivo tres galardóns e onde a súa protagonista, Teresa Fraga, nai de Fina Casalderrey, se alzou co premio á mellor interpretación feminina. Concretamente, o xurado recoñeceu ‘Dúas Letras’ cos seguintes tres premios:
– Premio do xurado dos veciños de Cans á mellor curtametraxe de ficción. Segundo recolle a acta do premio: “porque é unha historia do mundo rural moi próxima coa que todos nos sentimos identificados. Tamén pola súa delicadeza ao presentar o sufrimento dunha nai que espera as cartas do seu fillo e porque todos coñecemos a historia dunha carta que estivemos esperando e nunca chegou”.
– Premio do público á mellor curtametraxe de ficción, dotado co Can de Pedra e 1.000 euros.
– Premio do xurado á mellor interpretación feminina, dotado co Can de Pedra e 200 euros a Teresa Fraga. Segundo sinalou o xurado: “por ser un traballo veraz e emotivo. Nunca unha carta non escrita foi tan ben lida”. (…)” Vía Galaxia.

A Coruña: presentación de Os quilómetros que percorremos dende aquela, de Alberte Momán

O venres 1 de xuño, ás 20:00 horas, na Biblioteca do Centro Ágora (Rúa Ágora s/n) da Coruña, preséntase o libro Os quilómetros que percorremos dende aquela, de Alberte Momán, publicado en Toxosoutos. No acto, xunto ao autor, participa Verónica Martínez Delgado.

A Coruña: presentación dos 50 carteis conmemorativos do cincuenta aniversario do Día das Letras Galegas

A Real Academia Galega presenta o venres día 1 de xuño ás 19:30 horas, no xardín de San Carlos da Coruña, os 50 carteis conmemorativos do cincuenta aniversario do Día das Letras Galegas. Co fin de achegar a un público amplo a dimensión e significado do 50 aniversario do Día das Letras Galegas, a Real Academia Galega desenvolveu unha serie de actividades celebratorias ao redor desta data. Entre elas a elaboración de cincuenta carteis, cada un deles dedicado a unha das figuras homenaxeadas durante estes cincuenta anos, de Rosalía a Paz Andrade. Para levar adiante esta iniciativa contouse coa colaboración desinteresada e xenerosa de varios colectivos profesionais e dos seus asociados:
– A Asociación Galega de Deseñadores (DAG). Entidade que encomendou entre os seus asociados a realización das cincuenta pezas.
– A Asociación de Escritores/as en Lingua Galega (AELG) encargoulles a cincuenta escritores/as a redacción de cincuenta frases que se incorporaron a cada un dos cincuenta carteis.
– A Asociación Galega de Artes Gráficas realizou a impresión dos carteis.
– Torras Papel forneceu o papel.
– A Asociación Galega de Editores asumiu a distribución das coleccións de carteis en librarías e bibliotecas.
– A Federación Galega de Libreiros comprometeuse a promover desde as librarías a difusión dos carteis.
– A Asociación Profesional de Bibliotecarios Municipais de Galicia e ANABAD-Galicia promoven a difusión dos carteis e organizan actos relacionados coa efeméride.

O acto contará coa intervención de escritores e deseñadores participantes, así como cos representantes das asociacións que promoven o proxecto. Pecha o acto o Presidente da Real Academia Galega, D. Xosé Luís Méndez Ferrín.

Ourense: actividades literarias destacadas do 1 ao 3 de xuño na Feira do Libro

Comeza a XXVIII Feira do Libro de Ourense (na Alameda, Rúa do Bispo Cesáreo), aberta até o mércores 6 de xuño, con horario de 11:00 a 14:00 h. e de 18:30 a 22:00 horas.

As actividades literarias máis destacadas do venres 1 son as seguintes:
20:00 h. Pregón inaugural a cargo do escritor Xabier P. DoCampo.

O domingo 3 destacamos:
19:30 h. O escritor Bieito Iglesias presenta o seu libro Contos da terra da tarde, publicado por Editorial Galaxia. Xunto co autor, participará no acto Manuel Outeiriño.
20:15 h. Presentación do libro Globalización e imperialismo cultural, de Manuel Outeiriño, publicado por Editorial Galaxia. Xunto co autor, participará no acto Bieito Iglesias.

Santiago: presentación de Morgana en Esmelle, de Begoña Caamaño

O venres 1 de xuño, ás 20:15 horas, na librería Lila de Lilith (Rúa Travesa, 7) de Santiago de Compostela, preséntase a novela Morgana en Esmelle, de Begoña Caamaño, publicada en Galaxia. No acto, xunto á autora, participan María Xesús Nogueira, Guadi Galego e Guillerme Fernández.