Santiago: presentación de No papel que mudo escoita, de Baldomero Iglesias, Mero

O xoves 31 de maio, ás 20:00 horas, na Libraría Pedreira (Rúa do Home Santo) de Santiago de Compostela, preséntase o libro No papel que mudo escoita, de Baldomero Iglesias, Mero, publicado pola Irmandade Manuel María. No acto, xunto ao autor, participan Xosé Lois García, Mini Rivas, Xulio Xiz, Alfonso Blanco, David Otero e Sabela Arias, contando coa participación musical de Raúl Galego.

O Carballiño: presentación de O sabre do francés, de Miguel Anxo Fernández

O xoves 31 de maio, ás 20:30 horas, no Casino do Carballiño, preséntase O sabre do francés, de Miguel Anxo Fernández, nunha nova edición ampliada e publicada en Galaxia. No acto, xunto ao autor, participan Carlos Lema e Saúl Otero.

Pontevedra: presentación de O neno can, de Fina Casalderrey e Francisco Castro

O xoves 31 de maio, ás 20:00 horas, na Galería Sargadelos de Pontevedra (Rúa de Oliva, 24), preséntase o libro O neno can, con textos de Fina Casalderrey e Francisco Castro, publicado en Galaxia. No acto, xunto aos autores, participa Víctor F. Freixanes.

Convocado o XIII Premio Vicente Risco de Creación Literaria

O Concello de Ourense e a Fundación Vicente Risco en colaboración coa Editorial Sotelo Blanco, convoca un premio anual de Creación Literaria, co fin de abranguer os diferentes campos da obra, non só de quen foi veciño ilustre desta vila, don Vicente Martínez-Risco e Agüero, senón tamén a do seu fillo, don Antón Martínez-Risco Fernández, veciños que foron desta ilustre cidade.
Ao Premio Risco de Creación Literaria, poderán presentarse novelas, conxuntos de relatos, ensaios, etc. Exclúense, polo tanto, teses académicas ou traballos especificamente científicos, que teñen o seu ámbito propio no Premio Vicente Risco das Ciencias Sociais.
Para este fin, e tendo en conta a colaboración e opinión da Fundación Vicente Risco, redactáronse as seguintes

B A S E S

Primeira. Poderá concorrer a este premio calquera persoa que presente escritos inéditos da súa autoría redactados en lingua galega, de acordo coa normativa oficial vixente e cunha extensión mínima de 150 folios e máxima de 300.
Segunda. Os orixinais presentaranse por sextuplicado en soporte de papel en tamaño DIN-A4 mecanografados en letra Times New Roman de corpo 12 por unha soa cara e a dobre espazo. O prazo de entrega remata o luns día 1 de outubro, data do nacemento de don Vicente, de 2012, no Rexistro Municipal do Concello de Ourense.
Terceira. Cada orixinal irá acompañado dun sobre pechado, co título ou lema no seu exterior, cos seus datos (nome completo, enderezo e teléfono) e o título definitivo da súa obra.
Cuarta. A obra gañadora será premiada con 6.000 euros e a publicación do libro.
Quinta. O Xurado estará composto por cinco persoas escollidas entre personalidades recoñecidas do mundo da literatura. A presidencia será exercida pola persoa designada polo Concello de Ourense.
Sexta. A composición do xurado darase a coñecer pública e oportunamente pouco antes da data de emisión da súa decisión, o venres 16 de novembro.
Sétima. Se a calidade literaria das obras non fose estimábel, segundo o criterio do Xurado, o premio poderá declararse deserto.
Oitava. O Excmo. Concello de Ourense, resérvase o dereito de publicación, sen limitación de número de exemplares nin de edicións, da obra gañadora, reservándose tamén os dereitos de edición desta en todas as linguas coa posibilidade de ceder tales dereitos a terceiros. A contía do premio considérase en concepto de adianto polos dereitos de autor. O/A beneficiario/a do premio, que se compromete a renunciar expresamente a calquera pretensión sobre os devanditos dereitos, recibirá gratuitamente 25 exemplares da obra publicada. Asemade, a persoa gañadora do premio formará parte do xurado na seguinte edición.
Novena. Os orixinais que non resulten premiados seranlles devoltos aos seus autores e autoras se os requirisen por escrito antes de rematar o mes seguinte á decisión do Xurado.
Décima. A participación neste premio leva de seu a aceptación das presentes Bases, así como a decisión do xurado que será inapelable.

Ourense, 30 abril de 2012

A Real Academia Galega pon na rede a publicación dos 50 anos do Día das Letras

Todas as letras do Día das Letras Galegas, o libro co que a Real Academia Galega conmemora os 50 anos desta celebración da literatura galega, está xa dispoñible na rede. A RAG colgaba no seu web a publicación íntegra, na que medio cento de académicos repasan cadansúa figura das que teñen sido homenaxeadas neste día”. Vía Cultura Galega.

Santiago: presentación de As rapazas de Xan, de Manuel Iglesias Turnes

O xoves 31 de maio, ás 20:00 horas, na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6) de Santiago de Compostela, preséntase o libro As rapazas de Xan, de Manuel Iglesias Turnes, publicado en Xerais. No acto, xunto ao autor, participan Pablo Vaamonde García, Suso de Toro, Che Turnes e Manuel Bragado.

Ramón Nicolás: “Malia as dificultades, o talento creativo non está, en absoluto, en recesión”

Entrevista a Ramón Nicolás en Letra en Obras:
“(…) – Letra en Obras (LeO): Leva anos tirándolle radiografías á literatura galega como cre que anda de saúde nestes momentos?
– Ramón Nicolás (RN): Espléndida, sen dubidalo. Sempre fun optimista neste sentido e sono aínda máis agora. Cómpre pensar que a república das letras galegas nace nun ámbito resistente, sempre se desenvolveu en contextos nada favorables para a súa proxección e, por moitas razóns, tampouco os ventos tampouco son favorables agora, pero aí está, segue enraizando. Malia as dificultades da recesión actual ese capital que é o talento creativo dos escritores e escritoras de noso non está, en absoluto, en recesión. (…)
– LeO: Agora que acabamos de celebrar o Día das Letras que se debería facer para desestacionalizar a visibilidade da nosa literatura e lograr que teña máis presenza pública ao longo de todo o ano?
– RN: O Día das Letras non pode, nin debe, rematar o 17 de maio. A súa proxección debe ir máis alá e ocupar a totalidade do ano…, un camiño é estender as actividades do xeito que o ano pasado se realizou por mor do centenario de Cunqueiro ou, agora mesmo, coa figura de Celso Emilio Ferreiro. Nese último caso, do que son máis coñecedor, harmonízanse actividades de carácter institucional e editorial con outras numerosas posibilidades de actuación máis de base en centros de ensino, asociacións veciñais e culturais, recitais poéticos, presenza na rede, no ámbito audiovisual…, e coido que o resultado é moi positivo.
– LeO: Hai anos dicíase que internet ía ser un gran aliado para poñer en valor as culturas minorizadas. Mais hai voces que afirman a nosa literatura ten incluso menos proxección social que nos anos 90?
– RN: Internet é unha ferramenta, máis nada, e cómpre saber utilizala, algo que non sei se se fixo ou se fai ben, sobre todo para non perder ese barco que é o da presenza nela da lingua galega. Hai que promocionala sobre todo nas persoas que empregan a rede como algo normal no día a día e aí é onde tamén a literatura estará presente, como debe estar a gastronomía, o deporte ou a música. Outra cousa é a comercialización de produtos literarios na rede onde se cadra haxa que dar aínda máis pasos, e con máis apoios. (…)”

Un tren cargado de misterios, de Agustín Fernández Paz, sairá en chinés

“O libro Un tren cargado de misterios, de Agustín Fernández Paz, está a traducirse nestes momentos ao chinés e será publicado pola editorial New Buds Publishing House (Tianjing), Limited Company. Un tren cargado de misterios está na súa quinta edición, foi ilustrado por Enjamio e recibiu o Premio Lecturas Galix en 2003.” Vía Xerais.

Lois Diéguez: “Admiro aos humildes que resisten este desastre social'”

Entrevista a Lois Diéguez en El Progreso:
“(…) – El Progreso (EP): ¿Que é o que máis lle gusta e lle desgusta do seu traballo?
– Lois Diéguez (LD): Agora teño os traballos que máis me gustan: viaxar, escribir, batallar por este país e cultivar a amizade. (…)
– EP: ¿Que libro ten na mesiña?
– LD: Outramente, de Pilar García Negro. (…)
– EP: É un viaxero impenitente, ¿que busca e atopa nas súas escapadas aos destinos lonxanos e exóticos que lle gusta visitar?
– LD: Quizabes o mundo rico e comunicativo da miña infancia, ese que nos foron destruíndo. Os países empobrecidos que tanto me gusta visitar son máis ricos ca nós en canto ás relacións humanas.
– EP: Exipto é o seu destino máis recorrente, ¿pensa que aínda se poden aprender cousas desta civilización?
– LD: Sen ela non se entendería o mundo e as culturas variadas que temos. Exipto é tan importante para o resto das nacións que se eu tivese poder axudaría a que todas as persoas coñecesen ese país marabilloso.”