Carlos Quiroga, autor convidado para comemorar aniversário do Jornal de Letras

“O galego Carlos Quiroga foi um dos autores convidados para participar num número comemorativo do 32º aniversário do Jornal de Letras, publicaçom lusófona distribuída por todo o mundo. Devido à língua portuguesa ser umha das principais razões de ser da publicaçom, esta decidiu assinalar a efeméride com 32 declarações de amor ao português. «Foi isso que pedimos a criadores de todo o vasto espaço do idioma comum», indicam do JL. Este é o texto:
‘Eu canto caetanamente o gosto de te sentir na boca a roçar a língua de Luís de Camões. E muita Galiza comigo canta porque ainda gosta de ser e de estar. É a Galiza que tem querido se dedicar a criar confusões de grafias e uma profusão de paródias que encurtem dores e furtem cores como camaleões. Confusões para os espanholistas. Paródias das tretas deles. As dores, essas, são do estares sufocada, a esconderem-te do orgulho de seres grande. As cores, novas, são da diversidade do andares mundo com o nome de Portuguesa ainda que nesta esquina nascesses e cá ainda estejas. Pois cantamos nós com os lábios grossos da ancestralidade de todas as mães que te pariram. Pois se uma Língua guarda a alma de um Povo ao saborear-te nós revigoramos o alento da grei. Deixa portanto os portugais chamarem de sua, tanto se nos dá Lusofonia como Galeguia, o que temos a perder contigo é alma. Sim, a pátria é a nossa língua e nós não temos pátria, temos mátria e queremos frátria. Essa dos que também aqui te cantam de amor em cartas de sentimentos esdrúxulos. Repara que esquivar seria vocábulo agudo, e até grave, mas sermos chamados só um júbilo porque te amamos narcisos –e ainda que só a nós e para nós caiba suster-te esdrúxula na Galiza, é de aconchego notar família. Por isso que bom este convite. Por isso, Língua, como se fosses a gente que és, volta os olhos de letra e admira-te desta nossa intensidade de amor: tem o sorriso louco das mães do Helder, colado à boca que te roça em Camões.'” Vía Portal Galego da Língua.

Convocado o XI Premio Literario Carlos Casares

BASES

Primeira: Convócase a undécima edición do Premio Literario Carlos Casares, do Liceo de Ourense, na modalidade de Microrrelato vinculado na presente edición a contidos relacionados coa gastronomía.
Segunda: Fíxase un premio de mil cincocentos euros, con patrocinio do Grupo Cuevas.
Terceira: Poderá concorrer a este premio calquera persoa que presente escritos inéditos da súa autoría cun máximo de tres, e redactados en calquera dos dous idiomas oficiais en Galicia, vinculados o ámbito da gastronomía, a cociña, ou calquera das súas manifestacións, a alimentación en xeral o a referencias culinarias. Quedan excluídos os recetarios ou guías.
Cuarta: Os orixinais terán unha extensión máxima de mil cincocentos caracteres, debendo presentarse por sextuplicado, e antes do 11 de maio do ano 2012, na Secretaría do “Liceo de Ourense”, sita na rúa Valentín Lamas Carvajal, 5. C.P. 32005 Ourense.
Quinta: Con cada orixinal, que deberá ser presentado baixo lema, adxuntarase en sobre pechado o nome completo, enderezo e teléfono da persoa que concorre ó premio, así como o título definitivo da súa obra.
Sexta: O Xurado estará integrado polo Presidente do Liceo de Ourense, unha persoa designada polo Grupo Cuevas, e os membros da Sección de Literatura, dona Teresa Devesa Graña, dona Loly Conde Fernández, dona Rosa Estévez Redonet, don Segismundo Bobillo Morgade e don Javier Casares Mouriño, actuando como Secretario Juan Fonseca Moretón.
Sétima: Se o Xurado o estimase oportuno, podería outorgar un ou varios accésits, fixando a súa dotación económica. Asimesmo poderá declarar deserto o premio, no caso de non se presentar obras que teñan un mínimo de calidade. O fallo do Xurado será inapelable.
Oitava: A entrega dos premios terá lugar nun Acto Literario enmarcado nas Festas do Liceo, e que se celebrará o 25 de maio.
Novena: O Liceo de Ourense resérvase o dereito de publicación da obra premiada, así como dos accésits no caso de habelos, feito que conlevará a renuncia do autor, ou autores premiados, a percibir os dereitos desta edición.
Décima: Os orixinais que non resulten premiados, serán destruídos nun prazo de tres meses dende o día do fallo, agás que se reciba solicitude por escrito para a súa devolución.
Undécima: A participación no Premio leva implícita a aceptación das presentes bases.

Ourense, marzo de 2012.
A XUNTA DIRECTIVA.”

Bases do XVI Premio de poesía Miguel González Garcés

“Dando continuidade ao que xa e unha tradición na convocatoria poética en lingua galega, e recollendo tamén o exemplo deste significativo escritor coruñés, a Deputación da Coruña convoca o XVI Premio de poesía Miguel González Garcés, de acordo coas seguintes:

BASES

Primeira.- Poderán optar ao premio todos os autores de calquera nacionalidade, que non fosen premiados nas tres edicións anteriores, e que presenten obras inéditas e non premiadas con anterioridade, que estean escritas en lingua galega.
Segunda.- O premio é único e indivisible, e está dotado coa cantidade de 6.500 €, estando incluídos nesta cantidade todos os impostos que lle sexan aplicables. A Deputación publicará a obra premiada, reservándose, durante un prazo de dezaoito meses, os dereitos de editala, e entregará ao gañador trinta exemplares.
Terceira.- As obras que serán de tema libre, terán unha extensión non menor de trescentos versos. A presentación será feita, preferentemente, en formato dixital, por medio dun CD que incluirá na carátula a seguinte inscrición: XVI Premio de poesía Miguel González Garcés, título da obra e lema o seudónimo; o tratamiento de texto será Word ou OpenOffice. No caso de optar pola presentación en papel, as obras serán presentadas por duplicado, en exemplares separados, tamaño DIN A 4, e impresos polas dúas caras, ademáis deberán estar numerados, grampados ou encadernados. Cada obra será presentada baixo o sistema de plica, polo que será enviada xunto con un sobre aparte, en cuxo exterior farase constar o título da obra ou o seu lema, así como o seudónimo da persoa que sexa a autora da obra. Ademáis no seu interior será incluída unha copia do seu documento de identidade, enderezo, teléfono de contacto e o seu correo electrónico, por outra banda, icluirase unha declaración de que a obra é inédita e que non foi premiada, ata a data de presentación, en ningún outro certame ou premio.
Cuarta.- O prazo de admisión de orixinais, que deberán enviarse á Deputación da Coruña, Avda. Alférez Provisional 2, 15006 A Coruña, indicando no sobre XVI Premio de poesía Miguel González Garcés, remata o día 16 de abril de dous mil doce.
Quinta.- O xurado estará presidido polo presidente da Deputación da Coruña e formarán parte del: a sra. deputada presidenta da Comisión de Cultura, Educación, Deporte e Mocidade, e cinco persoas de recoñecido prestixio no ámbito da poesía, que serán nomeados polo sr. presidente da Deputación, actuando como secretario o da corporación ou o funcionario no que delegue. A composición do xurado será feita pública, con anterioridade á súa reunión, no taboleiro e na páxina web da Deputación, co fin de que se poidan interpor, se é o caso, os recursos legais pertinentes.
Sexta.- Os participantes terán a obriga de comunicar á Deputación a concesión de calquera premio que obteña a obra presentada, no momento no que esta situación se produza, o que dará lugar á súa exclusión do concurso. O xurado actuará en pleno, en sesión, a ser posible, única, sendo necesaria a asistencia da maioría simple dos seus membros. Para os efectos da validez da súa constitución será aplicado o disposto no art. 26.1 da Lei 30/1992 do réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. As deliberacións serán secretas e delas redactarase a acta correspondente. O xurado non poderá declarar deserto o premio e a súa proposta será obxecto de resolución da Presidencia desta Deputación, que é o órgano competente para resolver o premio. A decisión do xurado terá lugar no segundo trimestre do ano 2012 e será dada a coñecer a través do taboleiro e da páxina web da Deputación, así como dos distintos medios de comunicación. A plica correspondente á obra que resulte finalista poderá ser aberta polo secretario do xurado co fin de que, se o seu autor o permite, poida ser feito público o nome do finalista.
Sétima.- Non se devolverán as obras presentadas non premiadas, e a partir do día seguinte ao da decisión do xurado serán destruídas.
Oitava.- A participación nesta convocatoria supón a total aceptación destas bases.”

V Encontros Cidade da Coruña: As artes e a literatura

Chegan os V Encontros Cidade da Coruña, baixo o título As artes e a literatura, que se desenvolverán no Salón de Actos da Real Academia Galega (Rúa Tabernas, 11) os mércores 11, 18 e 25 de abril, ás 20:00 horas, organizados pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega.
No desenvolvemento creativo de toda cultura sempre estiveron presentes as máis diversas formas de colaboración entre a artes e a literatura.
É intención desde a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) facer unha aproximación a esta relación que, da man da literatura galega, as artes plásticas o cinema, a música, tiveron e teñen na cultura galega dentro dun mesmo contexto sociocultural como resposta a unha mesma realidade nun mesmo período temporal.
Ao longo de tres mesas redondas, compartidas por escritores, cineastas, deseñadores e compositores, falaremos da súa relación, das formas de comunicación ou de influencia entre elas e dos froitos que finalmente resultan destas formas de colaboración ou de tan só ter compartido un mesmo tempo histórico.

O programa é o seguinte:
11 de abril. Mesa inaugural: A arte e a literatura. Con Miguelanxo Prado e Xavier Seoane.
18 de abril. A literatura e o cinema. Con Carlos Amil e Margarita Ledo.
25 de abril. A literatura e a música. Con Paulino Pereiro e Margarita Viso Soto.

Pontevedra: acto de homenaxe a Paco Martín no Salón do Libro Infantil e Xuvenil

O sábado 31 de marzo, ás 13:00 horas, no Salón de Actos do Pazo da Cultura de Pontevedra, con motivo da clausura do XIII Salón do Libro Infantil e Xuvenil, terá lugar unha merecida homenaxe a Paco Martín por toda a súa traxectoria literaria.

Santiago: Encontro Festlatino 2012. As linguas e culturas peninsulares e a súa proxección internacional

O Consello da Cultura Galega ten como encomenda estatutaria a defensa e promoción dos valores culturais do pobo galego. Nos últimos anos véñense desenvolvendo encontros e convenios con distintas institucións públicas e entidades culturais con vistas a contribuír ao diálogo da cultura galega con outras culturas e á súa proxección no exterior. Nesta liña de traballo o Consello da Cultura Galega organiza en colaboración co Movimento Festlatino o seminario As linguas e culturas peninsulares e a súa proxección internacional que terá lugar o martes, 3 de abril de 2012, na sede do Consello da Cultura Galega en Santiago de Compostela. Nel participarán representantes de institucións das distintas culturas da península ibérica vinculadas á súa proxección exterior e á promoción do diálogo intercultural (Institut Ramón Llull, Instituto Camões, Instituto Cervantes, o propio Festlatino), xunto a persoas de recoñecido prestixio no ámbito cultural e universitario galego. O encontro está coordinado por Henrique Monteagudo (Consello da Cultura Galega) e Humberto França (Movimento Festlatino).
O Festlatino é nun movemento cultural, literario e educacional que ten como obxectivo fomentar o diálogo cultural entre os países e zonas de linguas e culturas neolatinas de Europa, África, Américas e Asia. Anualmente celebra un congreso no Recife e seminarios preparatorios en varios países de linguas neolatinas que reúnen persoas relevantes do ámbito da escrita, filoloxía, profesorado, arte, estudantado, diplomacia, xornalismo, xestión e liderado cultural e político e promoción cultural. O Movimento Festlatino ten como presidente de honra ao Dr. Mário Soares, ex-Presidente da República Portuguesa, e está dirixido por un consello formado por vinte e seis personalidades do mundo da cultura e linguas de doce países. O seu coordinador xeral é Humberto França.

Para asistir é preciso confirmar asistencia previamente no correo electrónico difusion@consellodacultura.org. O programa do Encontro é o seguinte:
09:30 h. Inauguración.
10:00 h. O Instituto Camões e a proxección internacional da cultura e a língua portuguesa, por Ana Paula Laborinho, Instituto Camões.
11:00 h. El Instituto Cervantes y su proyección americana, por Francisco Moreno, Instituto Cervantes.
12:00 h. Pausa.
12:30 h. Mesa redonda: A literatura e o audiovisual galegos e a súa proxección internacional. Con Suso de Toro, Manuel Bragado e Margarita Ledo, moderados por Humberto França.
16:00 h. O movemento Festlatino e a súa proxección internacional, por Isabel Pires de Lima, Festlatino.
17:00 h. Promocionando la literatura catalana, por esos mundos de Dios, por Àlex Susanna, do Institut Ramon Llull.
18:00 h. Pausa.
18:30 h. Mesa redonda: As institucións galegas e a proxección internacional da cultura galega. Con Enrique Sáez Ponte, Francisco Fernández Rei e Valentín García, moderados por Henrique Monteagudo.”

San Paio de Narla, Friol: Castronela. Revista oral nº 1

O sábado 31 de marzo de 2012, a partir das 19:00 horas, no Museo Fortaleza San Paio de Narla (Friol, Lugo), terá lugar a presentación da revista oral de periodicidade anual Castronela. Nº 1, cunha duración aproximada de 1 hora e media, baixo a coordinación de Antonio Reigosa. Este é o sumario de contidos:

– Portada musical: Alén do teu recordo (letra: Marica Campo e Mero Iglesias), por Mini e Mero (3’).
– Coleccións do Museo Fortaleza San Paio de Narla: Ao trope e ao paso (útiles de montar), por Mª Rosario Fernández González (10’).
– Música: A Rosiña do Estanqueiro (Parrafeo tradicional), por Mini e Mero (3’).
– Algo de literatura (I): Tres edificios (fragmento), do libro Finísimo pó nas ás, por Xerardo Quintiá (5’).
– Música: Penélope (Letra: Xosé Mª Díaz Castro. Música: Mero Iglesias), por Mini e Mero (3’).
– Algo de historia: O farmacéutico Julio Castro Ves en Friol, por Higinio Martínez Fernández de la Vega (10’).
– Música: Aradiño (letra: Manuel María / Música: Antón Campelo), por Mini e Mero (3’).
– Algo de literatura (II): Tres edificios (fragmento), do libro Finísimo pó nas ás, por Xerardo Quintiá (5’).
– Algo de tradición musical: Xota de Caroi, Muiñeira de Calvos e Mazurca de Lampai, polas Pandereiteiras do CPI Dr. López Suárez de Friol (10’).
– Friol na internet: O blog Friol. Algo máis que pan e queixo, por José Mª Carricoba Armesto e Blanca Castro Gerpe (10’).
– Música: Aquí (letra e música: X. L. Rivas Cruz), por Mini e Mero (3’).
– Algo de literatura (e III): Son de nácara, Volver sobre as cousas, Ir polo camiño e sentir e Mazinguer Z coroado de chorimas, poemas do libro Fornelos & Fornelos. Primeira Fundación, por Xerardo Quintiá (5’).
– Algo de memoria: Tiempo de ilusión. Tiempo de recuerdo, programa da serie Vivir cada día de TVE dirixida por J. Luis Rodríguez Puértolas, emitido o 28 de marzo de 1979. Protagonizado por varios nenos e nenas, a mestra e outras persoas de Friol (12’).
– Música: Canto de berce (tradicional), por Mini e Mero (3’).
– Opinión: Intervención do público (5’).
– Epílogo: por Encarna Lago, xerente da Rede Museística da Deputación de Lugo (3’).
– Contraportada musical: Crime da Xestosa (tradicional, letra de Prado Lameiro), por Mini e Mero (3’).

Nova Escola Galega, premio Pedrón de Ouro 2012

Desde Galiciaé:
“A asociación de renovación pedagóxica e defensa do galego no ensino Nova Escola Galega foi designada premio Pedrón de Ouro 2012, que concede o padroado da Fundación do mesmo nome. Ademais, a entidade concedeu o Pedrón de Honra ao gravador, membro do grupo Nova Estampa Galega, Henrique Ortiz Alonso. (…)
O padroado da Fundación sinala nun comunicado que recoñece en Nova Escola Galega “a vontade continuada no tempo (este ano celebra o seu 30 aniversario) a favor dunha educación ao servizo, en particular, da nenez e mocidade da nosa nación, tanto desde as aulas de educación infantil como desde as universitarias e os diversos espazos de formación”. Nova Escola Galega -agrega- “promove unha educación cimentada nas ideas de xustiza, de liberdade e de solidariedade, para formar cidadáns conscientes do país que habitan, conscientes da nosa lingua e cultura, herdade que é preciso manter”.
Pola súa banda, o artista Henrique Ortiz, Ourense 1934, desenvolve a súa traxectoria entre a súa cidade natal, á que sempre estivo unido, aínda vivindo en Madrid, onde deu os primeiros pasos da súa formación artística na Escola de Belas Artes de San Fernando, que amplo na Escola de Artes Gráficas, tamén de Madrid, e na Escola de Belas Artes de París. Xa nos cincuenta coñece a Luís Seoane, co que tivo unha estreita relación e coincide nalgunha mostra con artistas do talle de Saura e Genovés, aínda que será co galego Reimundo Patiño co que manterá unha intensa colaboración, que frutificará en proxectos comúns como a formación do grupo O Quilombo, co que comparte taller ao que tamén acoden poetas do Brais Pinto como Uxío Novoneyra ou Bernardino Graña.
O Pedrón entregarase o próximo 20 de maio nun acto literario na Casa Museo de Rosalía, en Padrón, no que actuará como mantedora a escritora Fina Casalderrey.”