A Real Academia Galega “protesta firmemente” pola condena eclesiástica a Torres Queiruga

“A recente condena do traballo do teólogo Andrés Torres Queiruga pola Comisión Episcopal para a Doutrina da Fe acaba de ser respondida desde a Real Academia Galega. A entidade, a sinalar o seu carácter aconfesional, considera que a condena eclesiástica supón “unha grave conculcación da liberdade de pensamento dun grande intelectual e escritor”. Ademais, considera o documento “unha intromisión escandalosa contra a que protesta firmemente”. O antigo presidente da RAG, Xosé Ramón Barreiro Fernández, xa sinalara en medios de comunciación o seu apoio ao teólogo, que é membro da Real Academia.” Vía Cultura Galega.

O desafío exterior

“O Consello da Cultura Galega acolleu hoxe o Encontro Festlatino 2012, As linguas e culturas peninsulares e a súa proxección internacional. Coordinado por Henrique Monteagudo e Humberto França, o encontro ten como obxectivo poñer en diálogo cultural a países de linguas e culturas neolatinas de Europa, África, as Américas e Asia. Deste xeito, no evento están a participar representantes do Instituto Cervantes, do Instituto Camões e do Ramon Llull, canda representantes das artes, da universidade e das institucións galegas.
Entre eles, pola mañá celebrouse a mesa redonda A literatura e o audiovisual galegos e a súa proxección internacional, na que participaron o escritor Suso de Toro, o editor Manuel Bragado e a catedrática da USC Margarita Ledo, achegando diferentes perspectivas sobre a proxección internacional da literatura e o audiovisual. O escritor Suso de Toro aludiu ás dificultades para un escritor en galego de conseguir ser incorporado como tal dentro do Estado español. De Toro referiuse á relevancia do contexto cultural do autor como parte da súa visibilidade exterior: “un escritor sempre leva canda el o prisma nacional”. O escritor compostelano sinalou que “o balance da miña experiencia peninsular é que sempre encaixamos parcialmente. Recíbennos como un sitio de narcotráfico ou de ananos do bosque”. O escritor sinalou que “a miña experiencia é que a nosa lingua, sen un Estado que a respalde, non vai funcionar”. O editor e presidente da Asociación Galega de Editores, Manuel Bragado, referiuse á “fantasía” das cifras, que aínda que sinalan datos relevantes sobre o sector do libro en galego, na práctica non se substancian nunha visibilidade exterior clara. Bragado demandou a creación dunha Oficina da Literatura Galega, na que estiveran implicados todos os axentes do sector, e de “menor rango” que o proxecto do Instituto Rosalía de Castro que tiña o bipartito. Pola súa banda, a catedrática de comunicación audiovisaul Margarita Ledo sinalou a dificultade da produción audiovisual galega para ser emitida en versión en galego no propio país, e as dificultades de internacionalización do audiovisual galego se non hai unha política cultural que aposte por ela.” Vía Cultura Galega.

Nace Punto G Edicións

Punto G é a máis recente incorporación ao panorama editorial galego. Coa intención de “sintonizar cos gustos maioritarios das persoas afeccionadas a ler” a editora inicia a súa actividade co lanzamento de O clan do oso das cavernas, de Jean M. Auel. Esta novela, un dos maiores éxitos literarios internacionais dos últimos treinta anos, sae á venda na nosa lingua con 506 páxinas a un prezo de vinte euros. A editora anuncia a súa intención de continuar a publicación dos seis volumes que compoñen a saga Os fillos da terra.” Vía Cultura Galega.

Galicia editou 470 e-books no ano 2011

“Con 470 libros dixitais rexistrados no ano 2011, Galicia ocupa a quinta praza por produción de ebooks no ranking de comunidades autónomas, segundo o informe publicado polo Observatorio do Ministerio de Cultura. Unha porcentaxe significativa das empresas galegas da edición están dixitalizando boa parte dos seus catálogos e xa se están dando o caso da edición dos libros para os dous soportes. A edición galega tamén está sendo pioneira na transformación de libros en todo tipo de produtos audiovisuais para nenos-as.” Vía Asociación Galega de Editores.

Homenaxe a Paco Martín no Salón do Libro de Pontevedra

“Rodeado de amigos, admiradores e lectores Paco Martín (Lugo, 1940) recibiu a homenaxe da literatura galega no Salón do Libro Infantil e Xuvenil que anualmente se celebra en Pontevedra. O sábado o salón clausurou a súa XIII edición (12+1). “Aquí estamos a xeración de Ramón Lamote”, anunciaron Xabier P. Docampo e Agustín Fernández Paz, chairegos os dous, mantedores e presentadores do acto, aludindo á obra seguramente máis popular do autor, Premio Nacional de Literatura Infantil en 1986. A xuntanza celebrouse a mediodía no Pazo da Cultura de Pontevedra e reuniu despois a amigos e seguidores de Paco Martín e da súa obra nunha comida de amizade. Entre os asistentes, ademais da Editorial Galaxia, estaban autores como Fina Casalderrey, Gloria Sánchez, Anxos Sumai, Bernardino Graña, Mariano García, Xosé Neira Vilas, Xavier Senín, ou ilustradores como Kiko da Silva. Mini e Mero cantaron a Cunqueiro e a Celso Emilio Ferreiro nas sobremesas.
“¿Que vou dicir eu, rodeado destes chairegos que me acompañan dende sempre?”, comentou o homenaxeado logo dos discursos de celebración. “Vimos facendo camiño xuntos. Compartimos denmde hai unha chea de anos historias, soños, ilusións… Este país tamén o facemos con palabras e, sobre todo, co afecto e o recoñecemento dos lectores. Os lectores son o corazón da literatura. Baixar dende as terras de Lugo á luz das Rías é sempre unha alegría, e esta cita pontevedresa é algo do que debemos sentirnos orgullosos. Que dure…”. (…)” Vía Galaxia.

Santiago: Celso Emilio e a dignidade da terra, no ciclo Galicia, ceo das letras

O sábado 14 de abril, dentro do Ciclo Galicia, ceo das letras. Sábados de autor, que se desenvolven na Biblioteca da Cidade da Cultura, terá lugar esta actividade amadriñada pola Fundación Celso Emilio Ferreiro: Celso Emilio Ferreiro e a dignidade da Terra, autor dalgún dos títulos que deixaron unha máis fonda pegada na literatura galega contemporánea, como Viaxe ao país dos ananos, Onde o mundo se chama Celanova, O soño sulagado, e sobre todo Longa noite de pedra, estandarte profusamente musicado desde a nova canción galega dos anos 60’ ate os nosos días. En 2012 conmemoramos o centenario do seu nacemento. O programa é o seguinte:

12:00 h. Relatorio, por Ramón Nicolás Rodríguez. Profesor e crítico literario. Realizou diversos traballos sobre Celso Emilio Ferreiro e ten a piques de publicar unha biografía sobre o celanovés.
13:00 h. Labregos do Tempo dos Sputniks (35 minutos). Tres colosos do punk (O Leo), do hip hop (García Mc -Dios Ke Te Crew-) e do ska (Vero –Xenreira-) conflúen nunha das bandas máis poderosas da escena musical galega actual, en tributo aos versos de Celso Emilio.

Presenta: Luís Ferreiro, fillo do poeta e presidente da Fundación Celso Emilio Ferreiro.
Para acceder á actividade é preciso reservar previamente aquí.

Alba Nogueira e Francisco Cerviño son os novos membros correspondentes da RAG

“A profesora de dereito Alba Nogueira e mais o médico e político Francisco Cerviño son os novos académicos correspondentes da Real Academia Galega. A RAG anunciaba onte os nomes destas incorporacións, que colaborarán coas tarefas científicas da ocupación. Con eles, son xa 45 os membros correspondentes, aínda que os estatutos da Academia contemplan un número máximo de 60.” Vía Cultura Galega.

Convocado o VI Premio de Narrativa Breve Repsol

A Fundación Repsol, en colaboración coa Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, no desexo de contribuír ao desenvolvemento da literatura galega, convoca a sexta edición do Premio de Narrativa Breve Repsol, de acordo coas seguintes bases:

1. A este premio poderán concorrer todos os autores e autoras que o desexen, excepto a persoa gañadora da edición anterior, cunha novela curta escrita en lingua galega, conforme á normativa establecida pola Real Academia Galega.
2. As novelas, que serán orixinais e inéditas en tódolos formatos, terán unha extensión non inferior a 50 folios nin superior a 120. Cada folio estará mecanografado a dobre espazo a razón de entre 28 e 32 liñas, de 60 a 70 caracteres por liña como termo medio no conxunto da novela presentada. Con caracter xeral, a extensión mínima e máxima de cada novela virá determinada polos valores de folios, liñas e caracteres antes concretados.
3. Presentaranse seis copias encadernadas de cada orixinal. En cada unha das copias figurará o titulo da novela e o lema desta. Acompañarase tamén un sobre pechado no que figurará o citado lema e, no seu interior, o nome, enderezo, números de teléfono fixo/móbil do autor ou autora e recensión biográfica recente.
4. As novelas enviaranse antes do 20 de xullo de 2012, facendo constar no sobre Premio de Narrativa Breve Repsol, ao seguinte enderezo:

    Refinaría Repsol A Coruña
    Apartado 700
    15080 A Coruña

5. Axuntarase aos orixinais, dentro do sobre pechado, unha declaración xurada asinada polo/a autor/a onde declare a súa autoría sobre a novela, así como a súa orixinalidade. A non inclusión da dita declaración xunto coa novela será motivo para que a novela en cuestión sexa excluída automaticamente, considerarase non remitida e non presentada e destruirase.
6. Establécese un único premio dotado con 9000 (nove mil) euros. Esta cantidade estará suxeita á retención a conta do IRPF que legalmente corresponda.
7. O premio poderá declararse deserto sempre que o xurado considere que as novelas presentadas non reúnen a calidade suficiente.
8. A contía do Premio inclúe a adquisición dos dereitos de explotación da primeira edición en galego de ata un máximo de 1500 exemplares do texto gañador. Estes dereitos corresponderanlle en exclusiva á Fundación Repsol. A novela premiada será publicada pola Editorial Galaxia segundo Contrato de Edición asinado ao efecto nos termos que acorden a Fundación Repsol e a Secretaría Xeral de Política Lingüística. En todas as edicións que se realicen se fará constar o nome de Premio de Narrativa Breve Repsol 2012.
9. O xurado estará composto por:
Unha persoa nomeada por Política Lingüística,
Unha persoa nomeada pola Fundación Repsol,
Unha persoa nomeada pola Real Academia Galega,
Unha persoa nomeada pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega e
Unha persoa nomeada pola Editorial Galaxia.
A decisión do xurado será inapelable e farase pública no mes de setembro do ano 2012.
10. A entrega do premio terá lugar nun acto público que se celebrará na cidade da Coruña. A non ser por razóns de forza maior, a persoa gañadora deberá estar presente no acto de entrega do premio.
11. Os orixinais non premiados serán devoltos, sempre que os/as autores/as así o soliciten por escrito no prazo máximo de dous meses a partir da data en que se faga pública a resolución do xurado. Os orixinais que non se retiren destruiranse.
12. Os datos achegados polos participantes no Premio incorporaranse a un ficheiro automatizado titularidade da Fundación Repsol, entidade con domicilio en Madrid, na rúa Velázquez, 166, 28002, cuxo tratamento estará suxeito á Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de Protección de Datos de Carácter Persoal, e a súa normativa de desenvolvemento, coa finalidade de utilizarse para a realización de cantas xestións sexan necesarias para o desenvolvemento do Premio, incluída a selección do gañador, a publicación da listaxe do gañador e a posterior entrega do Premio a este. Os participantes terán o dereito de acceder a este ficheiro e rectificar, cancelar e/ou opoñerse ao tratamento dos seus datos. Neste caso, deberán comunicalo expresamente, para o que enviarán unha comunicación escrita á antedita dirección.
13. Os participantes autorizan expresamente e con carácter indefinido a que a Fundación Repsol poida facer difusión, en calquera medio de comunicación interno/externo que estime oportuno, dos seus datos persoais consistentes no seu nome e apelidos como gañador do Premio, coa exclusiva finalidade de asegurar a divulgación por calquera medio e coñecemento da realización e fallo do Premio, sen que iso xere dereito de pago e/ou indemnización ningunha a favor dos participantes.
14. Nos aspectos non incluídos nestas bases ou naqueles que puidesen ser obxecto de interpretación, a decisión corresponderalles ás entidades organizadoras, as cales, unha vez consultados os membros do xurado, emitirán ditame que será inapelable.
15. A participación na convocatoria do Premio de Narrativa Breve Repsol 2012 implica a aceptación destas bases.”