Rianxo: entrega dos premios Modesto R. Figueiredo de 2011

O venres 30 de novembro, ás 20:00 horas, no Auditorio Municipal de Rianxo, entréganse os premios da XXXVII edición do certame Modesto R. Figueiredo de narracións breves, no que resultou gañador Amancio Liñares, con Coreografía Obama. No acto participan Adolfo Muíños, Xosé Ramón Fandiño e Xosé Luís Axeitos, contando coa presenza musical do trío Vai. Ademais dos representantes da organización e membros do xurado, estarán presentes tamén a viúva e fillas de Modesto R. Figueiredo.

Teresa Moure gaña o Premio Ramón Piñeiro de Ensaio 2011 con Queer-emos un mundo novo

Queer-emos un mundo novo. Sobre cápsulas, xéneros e falsas clasificacións é o título da obra coa que Teresa Moure acaba de levar o Premio Ramón Piñeiro de Ensaio. A escritora impúxose no certame, dotado con 6.000 euros, entre 12 orixinais, e fai un achegamento á lingua e á literatura galega desde a teoría queer. Na súa obra, Moure critica a construción das categorías home/muller e cuestiona mesmo os empregos inclusivos do xénero da linguaxe, que considera baleiran de contido o potencial transformador do feminismo. Galaxia editará o volume ao longo do vindeiro ano.” Vía Cultura Galega.
Vía Galaxia: “O ensaio de Teresa Moure, que presentou co pseudónimo de Ramón Agrelo en alusión ao cuestionamiento de xénero, “vai máis alá da tradición feminista para criticar a construción das categorías home/muller e desmontar tanto a tradición hetero-normativa como a do propio feminismo”.  O ensaio de Moure foi premiado por maioría por un xurado formado por Ernesto González Seoane, María López Sández, Susana Reboreda Morillo, Anxo Tarrío Varela e Carlos Lema, director literario de Galaxia. O xurado destacou a calidade media dos doce orixinais presentados, así como a variedade de temas.”
Recollido tamén en Galicia Hoxe, La Voz de Galicia, El Progreso e El País.

Allariz: presentación de Exogamia 0.3, de Ramón Caride

O xoves 29 de decembro, ás 20:00 horas, na Fundación Vicente Risco (Rúa San Lorenzo, 3) de Allariz, preséntanse os libros Exogamia 0.3, de Ramón Caride, publicado en Xerais, e El frío azul, do mesmo autor, tradución ao castelán da súa obra O frío azul, publicado en Anaya. No acto, coorganizado coa Libraría Aira das Letras, acompañarán ao escritor Manolo Busto (ilustrador de Exogamia 0.3), Alberto Canal, Jorge Emilio Bóveda e Manuel Bragado.

Cultura achégalle 100.000 euros á Fundación Manuel María

“A Fundación Manuel María de Estudos Galegos asinaba esta mañá un convenio coa Consellaría de Cultura polo que esta entidade fai unha achega de 100.000 euros. Os cartos destinaranse ao acondicionamento do auditorio da sede da Fundación, situada na antiga casa do poeta en Outeiro de Rei. Ademais, o texto prevé o desenvolvemento de rutas pola zona a partir da figura e da obra de Manuel María. O 70% dos cartos previstos no convenio proveñen dos Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional.” Vía Cultura Galega.

Mondoñedo: entrega dos Premios Díaz Jácome 2011

“O vigués Xurxo Martínez González recolleu en Mondoñedo o primeiro premio do certame de poesía para novos creadores Díaz Jácome, creado en homenaxe ó escritor mindoniense que fora cronista oficial da cidade. “Recibir este premio foi un recoñecemento a un traballo que non fago habitualmente, xa que o único que escribira ata o momento fora ensaio”, asegurou o gañador ó rematar o acto. O seu poema Nocturno de Mondoñedo, polo que levou 1.500 euros, praca e diploma, é, segundo el mesmo dixo, “un reflexo das lembranzas do pasado que aínda nos resultan incómodas cando as volvemos visualizar unido á sensación de soidade e tranquilidade que transmite Mondoñedo nunha tarde de outono”. Xunto a Martínez, tamén viaxou ata Mondoñedo o segundo gañador, Elías Portela Fernández, que coa súa obra titulada Lingua de lais nas chagas do vento obtivo 600 euros. “Foi toda unha sorpresa recibir este galardón, xa que os versos están baseados nunha lingua artificial: lwyma”, indicou o autor, que ós seus 30 anos xa ten publicados dous libros en galego e outro en islandés, que está sendo récord de vendas e que o próximo mes de xaneiro sairá á venda tamén en galego. A diferenza do gañador, Portela si que é un habitual escritor de poemas, sen embargo, nunca fixera pública ningunha obra nesta nova lingua que sae da mestura de conceptos e imaxes tratados “dunha maneira romántica, coma si se tratara dunha lenda ou dun romanc”. “A verdade é que non estaba moi seguro de presentar estes versos, pero ó final quedou algo interesante e decidinme”, explica. “Conseguir este premio anímame a seguir traballando con este proxecto”. O terceiro premio, dotado con 300 euros, foi para Toda a illa era un enorme penedo atlántico, de Xosé Daniel Costas Currás, que non puido estar presente onte na entrega. Estas tres obras foron os traballos máis destacados de entre a treintena de obras que se presentaron este ano, todas de moita calidade según deu a coñecer o xurado. (…)” Vía El Progreso.

Santiago: presentación de Por un común denominador. A esquerda da nación, de Martiño Noriega

O mércores 28 de decembro, ás 20:00 horas, na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6) de Santiago de Compostela, preséntase o libro Por un común denominador. A esquerda da nación, de Martiño Noriega, publicado por 2.0 Editora e Edicións do Castro. No acto intervirán, xunto ao autor, Xosé Manuel Beiras, Xosé Ramón Fandiño e Rosabel Candal.

Entrevista Guerra da Cal a Carlos Durão

Desde o Portal Galego da Língua:
“Continuando com as entrevistas sobre Guerra da Cal realizadas o 11 de outubro de 2011, durante o Colóquio homenagem a Ernesto Guerra da Cal, o Prof. Carlos Durão, depois de proferir a palestra intitulada Guerra da Cal entre nós contou-nos como chegou a conhecer o autor de Futuro Imemorial e a manter com ele uma boa amizade em Londres. Carlos Durão, que participa ativamente na elaboração do Léxico da Galiza para a inclusão no Vocabulário Ortográfico Comum da língua portuguesa, explicou também outros aspectos da vida londrina como emigrante galego, como eram as emissões da BBC em galego e o Grupo de Trabalho Galego de Londres. Também deu a sua visão do silenciamento de Guerra da Cal nos meios oficiais da Galiza, e falou da importância da sua obra como impulsora do reintegracionismo atual. (…)”. A entrevista completa pode ser visualizada aqui.