Entrevista
a Manuel Rivas en Localia, recollida en Galicia Hoxe:
“- P: Pensa que revolucionou a literatura galega?
– R: Penso que un cando escribe intenta porlle boca aos propios enigmas que un ten e as propias dúbidas e penumbras que ve dentro dun mesmo e dentro do mundo que o rodea e da condición humana. Entón, eu non penso tanto que cando un escribe non fas cálculos de dicir onde estou eu dentro da literatura, senón que intentas dicir, que podo dicir?, que podo facer para que algo que antes non existía, modestamente, exista algo novo?… Como quen achega unha nova especie, unha nova planta nun campo, un xardín, nunha leira, que antes non existía. Poder dicir nalgún momento aquelo que dicía Machado de Assis, que dicía: ‘Mereceu a pena ser inventado’. É algo que pagou a pena que se inventara pois iso é o que intentas. Despois xa é cousa doutros, de estudosos, dicir se isto revolucionou ou non. (…)
– P: Falando de internacionalismo, sobre a súa última novela –Todo é silencio– hai quen a define como universal. ¿O universal é o local sen paredes, que diría Miguel Torga?
– R: Si, paréceme unha definición boísima porque tamén ten algo que ver co que falábamos antes. Plantéxanse contradicións que non son tais. Porque un escriba, por exemplo en galego, ou porque que sitúe as suas historias en Galicia, hai xente que entende que iso sería literatura local, pero é que todas as literaturas son locais. O importante é que aquilo que sucede nun lugar e nun tempo interese, profundice, pescude na condición humana, nese ser estraño que somos. Evidentemente, non existe tal contradición no local/universal, senón que, xustamente, eu penso que está moi ben dito por Torga. Sería a imaxe dun faro –Galicia é un país de faros, eu nacín a pé dun-. O faro non discrimina, cando os seus lampos de luz van percorrendo o mar non din a este barco si, a este non. A luz é para todos. Eu penso que cando escribes, tamén escribes para todo o mundo. (…)
– P: Ten vostede referentes literarios?
– R: Claro, hai moitísima xente da que aprendes. Unha cousa maravillosa que ten a literatura é que podes viaxar no tempo. Como dicía Quevedo: cos ollos falas cos mortos. Podes conversar con xeracións: Ulises, Hamlet, pertencen máis a realidade que ao mellor xente que existiu realmente. Pero que é máis importante Cervantes ou non me acordo quen sería o primeiro ministro naquel tempo, pero sí sabemos a importancia que tivo Cervantes. Quixote e Sancho son moito máis reais que xente da realidade. Nos adestran ao longo do tempo, cada vez están máis vivos, nos están a falar, sempre nos din cousas novas. Eu podería falar deses referentes, pero tamén é certo, como decía con humor un amigo meu: non cites a ninguén porque eles non teñen a culpa do que escribes ti. Aquí en Galicia hai xente maravillosa en canto a narrativa, Blanco Amor, Cunqueiro, Valle Inclán, Pardo Bazán (que foi unha vangardista que hai que reivindicar). Temos un país moi fértil. (…)”
Arquivos do autor: asociacionescritoras-es
Lugo: presentación de Xosé Díaz Jácome, poeta e xornalista, de Armando Requeixo
O
luns 12
de decembro, ás 20:00 horas, no Auditorio da Fundación Novacaixagalicia de Lugo (Praza de Santa María, s/n.), preséntase o libro Xosé Díaz Jácome, poeta e xornalista, de Armando Requeixo, publicado pola Fundación Novacaixagalicia e El Progreso, co que o autor gañou o Premio Ánxel Fole do 2010. No acto, acompañando ao autor, participan responsables das entidades convocantes (Fundación Novacaixagalicia e Grupo El Progreso) e representantes do xurado.
“Entrevista Guerra da Cal ao professor Xosé Luís Franco Grande”
Desde o Portal Galego da Língua:
“No contexto do Colóquio homenagem a Ernesto Guerra da Cal realizado em 11 de outubro de 2011, Xosé Luís Franco Grande partilhou connosco a sua vivência da especial relação de amizade que manteve com Ernesto Guerra da Cal. No Colóquio ofereceu-nos um estudo da obra poética do ferrolano com a palestra intitulada A poesia de Guerra da Cal, depois na entrevista respondeu amavelmente às nossas perguntas:”
Ourense: homenaxe a Marcos Valcárcel
O
luns 12 de decembro, ás 20:15 horas, na Aula de Cultura do Liceo de Ourense, terá lugar unha homenaxe a Marcos Valcárcel por parte dos seus compañeiros e amigos desta entidade, da que foi o Director da Sección de Literatura, con motivo do primeiro aniversario do seu pasamento.
A revista El Cultural achégase á figura de Álvaro Cunqueiro
‘”Mestre
da transgresión e da melancolía” así define Darío Villanueva a Álvaro Cunqueiro (Mondoñedo, 1911-Vigo, 1981) no texto que publica hoxe El Cultural, a revista cultural que se distribúe de xeito gratuíto con El Mundo. A publicación recolle ademais, a pegada de seis escritores (Luisa Castro, Víctor Freixanes, Xosé Luís Méndez Ferrín, Claudio Rodríguez Fez, Lola Beccaria, e Marta Rivera de la Cruz) que achegan unha mirada personal sobre a súa obra. A revista recupera deste xeito o legado deste novelista, poeta, dramaturgo, gastrónomo e xornalista cando se cumpren cen anos do seu nacemento.” Vía Cultura Galega.
A Coruña: encontro de Fernando Méndez con alumnado
O
luns 12 de decembro, no Colexio Fogar Santa Margarita da Coruña, Fernando Méndez terá un encontro cos alumnos/as de bacharelato para falar do seu libro Deus xogando aos dados, publicado en Sotelo Blanco Edicións, gañador do Premio Risco de Creación Literaria no 2010.
Bruxelas: presentación de Extramunde, de Xavier Queipo
O
xoves 8 de decembro, ás 18:30 horas, na Libraría Orfeu de Bruxelas (Willem de Zwijgerstraat, 43, Rue du Taciturne), preséntase Extramunde, de Xavier Queipo, publicada en Xerais.
Marcos Calveiro na Feira Internacional do Libro de Guadalajara (México)
“O
escritor Marcos Calveiro participou en diversos actos na Feira Internacional do Libro de Guadalajara (México). Reproducimos a información da súa intervención no Centro de Cultura Escrita Miguel Ángel Cuervo, en Colima. (…)” Vía Xerais.
A Coruña: recital poético en homenaxe a Alfonso Abelenda
O venres 9 de decembro, ás 20:00 horas, no Hotel Hesperia (Rúa Juan Flórez, 16) da Coruña, no marco da inauguración da IV Feira de Arte Galega, terá lugar unha homenaxe poética a Alfonso Abelenda, na que participan Pablo Bouza, Miguel Anxo Fernán-Vello, Olga Patiño, Ánxeles Penas, Dores Tembrás, Xulio L. Valcárcel, Diana Varela e Eva Veiga.

