A Coruña. Cidade da literatura 2023. “A literatura nos xardíns”

Paseos Literarios por Compostela 2023

Os Paseos Literarios por Compostela 2023 son unha iniciativa da AELG desenvolvida coa colaboración e patrocinio do Concello de Santiago de Compostela.
No marco da Semana do Libro de Compostela (SELIC) 2023, terá lugar unha nova edición deste Ciclo de percorridos literarios por Compostela, procurando outra ollada á historia e xeografía da cidade.
A participación nos paseos é libre e gratuíta, non sendo precisa inscrición previa.

O programa de Paseos Literarios é o seguinte:

Morte no Campus Vida. Roteiro literario polas localizacións de Campus morte, unha novela universitaria ambientada en Compostela
Lito Vila Baleato
Data: 14 de xuño, 16:30 h. Balaustrada do parque da Alameda. Miradoiro Campus Vida.

A Compostela gótica (ao redor de Trece badaladas). Memoria persoal
Suso de Toro
Data: 15 de xuño, ás 16:30 h. Igrexa de San Fiz de Solovio.

Mulleres en Compostela
Encarna Otero
Data: 16 de xuño, ás 16:30 h. Praza 8 de marzo.

#MáisAbadeBarroso
Arantza Portabales
Data: 17 de xuño, 16:30 horas. Comisaría da Rúa Rodrigo de Padrón.

Lugo: actividades do 20 de maio na Feira do Libro 2023

Recital Versos na baixamar en Barreiros 2023, o domingo 21 de maio

Versos na Baixamar en Barreiros 2023 é unha iniciativa da AELG desenvolvida coa colaboración e patrocinio do Concello de Barreiros e a Deputación de Lugo.
O domingo 21 de maio, ás 12:00 horas, nas Escolas de Reinante, co gallo do Día das Letras Galegas, chega a III edición do ciclo poético Versos na baixamar, que xuntará nesta súa terceira edición a poesía de Oriana Méndez, Olalla Cociña e Estíbaliz Espinosa, nun acto conducido polo narrador oral e poeta Lois Pérez, que tamén intervirá no recital.

Coñécense os relatos gañadores da 11ª edición do Concurso de micro-relatos OZOCOgz

Xa temos os relatos gañadores da 11ª edición do Concurso de micro-relatos OZOCOgz.
Unha vez lidos a totalidade das achegas presentadas a concurso pol@s membros do xurado resultou gañador o micro-relato BOTINAS DE AGASALHO, presentado co seudónimo “Catro pelos”, baixo o que se agochaba o nome de Andreia Costas.
Resultou finalista o micro-relato VERDE, presentado co seudónimo “Ulex”, baixo o que se agochaba o nome de María Berini Pita da Veiga.
Parabéns ás gañadoras!!!!!

******************************************************

MICRO-RELATO GAÑADOR
BOTINAS DE AGASALHO
Por: Andreia Costas
“Acarinho os delicados peúgos de perlé branco pola derradeira. Anunciara tamén o berce, o carro de paseo e ata cueiros de linho en artigos de segunda man. Deseguida chegou a primeira notificación ao celular:
–Ola, son Ximena, temos interese na oferta do cenmilcousas.
–… (icona polgar)
–Estamos grávidas a preparar un parto primíparo
–… (icona trevo de catro follas)
Na paupérrima carencia ofrécese e véndese de todo. Disque é o dano colateral da crise sanitaria sumado ao conflito na Ucraína. Sempre usan eufemismos. De súpeto, a “nova normalidade” é vivir no gume da navalla da miseria. O desolador panorama rouba a maternidade de mil ventres a latexar por amor. Renuncio a ser nai. Mais os calcetíns de gancho, feitos a man, serán agasallo para outra criatura. Descúlpame mamá por deixarte sen neta.
Mándolle a Ximena a localización Google e a foto dos peúgos.”

****

MICRO-RELATO FINALISTA
Por: Maria Bepe
“Remexendo entre caixas de roupa vella, Antía narra as vantaxes daquela app diante da súa nai, que escoita queda xunto á porta. «Facer limpeza, uns aforriños para caprichos, loitar contra a industria téxtil, capitalista e antiecolóxica.» Discurso ben xeitoso: tecnoloxía para unha economía circular, o triunfo do erre de reempregar.
App cool, moderna, consciente. Esquecendo que nalgures rempregar nunca foi opción cool, moderna, consciente,
senón necesidade.
Nas caixas, moitas prendas eran de cor verde. A Antía sempre lle gustara. Verde eran na súa nenez as ras de peluche e o plastidecor co que pintaba paisaxes bucólicas de árbores, regatos e paxariños.
Bucólicas paisaxes nun futuro pintadas sen árbores, regatos nin paxariños,
mais con moitos eólicos.
A mais de 2000 km de distancia da casa de Antía, no Sahara occidental, reempregar sustenta existencias e de certo non gusta un verde tinguido da palabra INVASIÓN.
Na Galicia,
no Sahara,
agroman conflitos.”

Ciro Briones gaña o 26º Premio de Poesía Concello de Carral co seu poemario Oídos de espeléologa

“O poeta Ciro Fernández Briones, vén de facerse co 26º Premio de Poesía Concello de Carral coa súa obra Oídos de espeleóloga.
Ciro Briones, da Pobra do Caramiñal e nado no 1996, xa conta con galardóns como os de poesía e de ensaio da Universidade de Vigo no 2020, o 1º premio de poesía Xuventude Crea nas súas edicións do 2020 e 2022, e o 2º premio do XXIII Certame de Poesía Díaz Jácome (2022).
O poemario de Briones foi escollido entre un total de 90 obras presentadas, o cal supón un record para este certame que tiña a súa mellor cifra de participación en 56 libros. O xurado salienta do libro gañador a súa coherencia, o ritmo, o coidado da linguaxe e a súa armonía verbal. É un poemario que desde certas coordenadas da filosofía explora liricamente espazos da desolacíón e afonda na reflexión metafísica. O eu poético trasládanos a un espazo de escuridade que moito ten que ver cos cadros do pintor polaco Beksinski, e ofrece un discurso poético que alumea e libera entre tanta desolación.
O xurado estivo composto por Olga Patiño Nogueira, Carlos Penela e Antía Marante. Como presidente actuou o alcalde de Carral, Javier Gestal, e como secretario o técnico de Cultura e coordinador do certame, Carlos Lorenzo.
O premio Concello de Carral está dotado con 3.500 euros e a publicación da obra na colección de poesía de Edicións Espiral Maior.
O acto de entrega do premio Concello de Carral está previsto para o venres 9 de xuño na Casa da Cultura e servirá, así mesmo, para presentar o libro Trono e caléndula, co que Carlos Penela gañou a 25ª edición do certame. O evento contará tamén coa presentación do recital poético e musical Os puntos do impacto, creado por Álex Mene e Margarida Mariño a partir do poemario do mesmo título que gañou o certame no ano 2021.
Como vén sendo habitual, a Xunta de Galicia colabora co Concello de Carral, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Dirección Xeral de Cultura para a publicación da obra premiada.”

“Mamá fala en linguaxes de documentos predeterminados”, de Arancha Nogueira, elixida Mellor Poesía de 2022 en aRi[t]mar

“Despois de cerca dun mes de votacións, o público da gala aRi[t]mar decidiu que o poema “Mamá fala en linguaxes de documentos predeterminados”, da ourensá Arancha Nogueira, foi a Mellor Poesía do Ano 2022 na Galiza. Do mesmo xeito, “Se de repente perto fosse um verbo”, da poeta barcelense Maria Isabel Fidalgo, foi elixida a Mellor Poesía do Ano 2022 en Portugal.
O público do aRi[t]mar acordou galardoar estas poetas con case 4.000 votos. No caso galego, por detrás da poesía de Nogueira situáronse os poemas “Se algunha cousa queren comigo”, de Lorena Conde, e “As amigas”, de Yolanda Castaño. En Portugal, a Fidalgo seguírona “Podia-te chamar Lisrio”, de Fernando Machado Antunes, e “Faço uma curta viagem”, de Maria Teresa Dias Furtado.
aRi[t]mar completa o seu podio con dúas voces femininas diferentes que mostran a diversidade de rexistro da actual poesía galego-portuguesa
Arancha Nogueira e Maria Isabel Fidalgo son poetas pertencentes a xeracións diferentes e os poemas vencedores reflicten ben iso.
“Mamá fala en linguaxes de documentos predeterminados” afonda no universo poético que a autora propón na obra á que pertence, Antese. Aquí a poeta asume o papel de filla para falar da nai e faino cunha cadencia mutante que vai do cotián ao puramente metafórico.
Por outra banda, “Se de repente perto fosse um verbo” parece unha colección de anhelos. Anhelos que xorden dun condicionante que a poeta pon enriba da mesa coa intención de facer voar a súa imaxinación, ou quizais a súa memoria, ata a cerna da paixón que esperta o contacto humano.
Así, estas dúas voces, distantes na xeración e na forma, mais paralelas na fonda intensidade dos seus versos, completan un podio que comparten coas dúas cancións gañadoras: a das viguesas Fillas de Cassandra e a dos portuenses Retimbrar; e coa Associação José Afonso, galardoada co Premio Especial do Xurado á Embaixada da Amizade Galego-lusófona.”