Entrevista de Ana Loureiro a María Canosa en Nös Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Como comentaba, o relato está baseado na vida do seu avó. Que diferenzas atopa entre escribir sobre a realidade ou inventar outras historias?
– María Canosa (MC): Eu o que máis escribín até agora, aínda que estou comezando a centrarme nas biografías, foi ficción. Na ficción son moito máis libre, nas biografías teño que ser máis fiel á realidade. Para min isto era unha débeda que eu tiña co meu avó. Por unha parte, quería ser exacta co que me contara e buscar entre a miña memoria as anécdotas que nos tiña relatado e, ao mesmo tempo, quería poñerme na súa pel, saber o que sentía. Son consciente de que el nolo contaba intentando evitarnos o sufrimento. Eu quería meterme na súa mente para intentar reflectilo no relato.
– ND: É posíbel atopar elementos positivos na narración de historias tan duras?
– MC: O positivo que se pode sacar é a capacidade de superación que mantivo ao longo da súa vida. Mais en ningún momento está xustificado. A el tocoulle vivir iso e coa situación social que había puido elixir ir á fronte, agocharse, cambiar de bando… Creo que sendo moi consecuente coas súas ideas e co respecto á vida mantívose firme. Ás veces a congruencia si ten unha vía de escape, pero creo que é completamente inxusto o prezo que se lle fai pagar. El puido saír a diante, superalo, formar unha familia e ser feliz porque dentro de toda a traxedia a sorte quíxolle dar unha físgoa de esperanza. O positivo que saquei é iso. O xeito no que foi capaz de agarrarse a un milagre. Mais non está xustificado todo ese sufrimento, toda a dor, a morte dos seus irmáns… Iso non hai maneira de reparalo.
– ND: Un punto importante do relato é a paisaxe. Cre que se coñece a relación entre os lugares da Galiza co franquismo?
– MC: Creo que aínda quedan moitas cousas por descubrir. Creo que se está abrindo ese camiño. Mais penso tamén que estamos no límite. A inmensa maioría da xente que sufriu esa época xa non está. Se foron capaces de transmitilo, quizais algúns descendentes aínda teñen algúns datos, mais cada vez é máis difícil. Quedan moitas cousas por descubrir e non sei se xa estaremos fóra de tempo para poder facelo. (…)”
Arquivos do autor: asociacionescritoras-es
Héctor Pena: “O fútbol é o leitmotiv dunha historia sobre mulleres, identidades sexuais e represión”
Entrevista de Laura Veiga a Héctor Pena en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Como nace a historia de Ester?
– Héctor Pena (HP): Está inspirada nunha personaxe real, Irene González, a pioneira do fútbol feminino na Galiza. Ela comezou a xogar a comezos do século XX, mais por desgraza tivo unha vida bastante breve a causa dunha tuberculose pola que morreu cando aínda estaba despegando a súa carreira. Eu coñecín a súa historia arredor de 2012 pola man de Eladio Muíños, un señor que investigou moito sobre a historia do Real Club Deportivo da Coruña, cando eu me estaba documentando para un futuro libro sobre o Trofeo Teresa Herrera. Aí foi cando decidín que igual podía facer unha novela histórica proxectando un pouco a esencia da personaxe, porque o certo é que o único que teñen en común Irene e Ester é que son mulleres que xogan ao fútbol na Coruña.
Con todo, pareceume unha base moi sólida para poder construír todo un relato ao seu arredor. E neste sentido, este é un ámbito de investigación que, afortunadamente, evolucionou moito na última década. Agora é unha disciplina estudada e respectada. Precisamente por este motivo cada vez é máis complexo que aparezan figuras como a de Irene que estiveran agochadas. Eu persoalmente non creo que vaia haber algo como o fenómeno que foi ela, cando menos a curto ou medio prazo.
– ND: Ademais, ten o engadido de ser unha historia pensada para un público xuvenil, polo que tamén pode servir de inspiración.
– HP: Claro. De feito, a cuestión do fútbol é a columna vertebral a través da que se tece a obra, mais como elemento fundamental só o é nun dos capítulos. O resto é a construción dunha historia sobre mulleres, identidades sexuais e represión. Tamén hai un elemento que para min era fundamental que era engadir personaxes que non foran malos ou bos absolutos. No mundo actual todo se mira en branco e negro, non hai unha escala de gris, e por iso eu quixen que na miña novela houbese personaxes aparentemente positivas que non son completamente boas así como outras negativas e desprezábeis que non son malas absolutas.
É dicir, que estas persoas que son malas, chegados a certo punto, poden ter unha chispa de luz, que non diría que é unha redención, mais si que é unha forma de expresar un certo optimismo. Sempre tento ver algo de positividade nas persoas e así tentei compor a novela, engadindo optimismo sobre o xénero humano e a forma de ver a vida. (…)”
Doazón de documentos de Emilio Álvarez Blázquez á Fundación Penzol
A AELG lamenta a perda do escritor Xoán Xosé Fernández Abella
A AELG lamenta a perda do poeta Xoán Xosé Fernández Abella, quen desenvolveu o seu traballo creativo dunha maneira silenciosa e profunda, sempre entrañábel no seu vínculo co devir colectivo da nosa literatura e da Asociación con afecto e cercanía.
Aquí pode verse a ampla entrevista feita arredor do conxunto da súa obra.
Neste vídeo tamén podemos escoitar o autor recitando o poema Nai, da súa obra Poemas estradenses e catorce poetas máis.











