O 20 de agosto, ás 19:00 horas, na Praza da Ribeira, en Corme (en caso de choiva, o acto tería lugar no salón de actos da Confraría de Pescadores de Corme), preséntase o libro O Naranxo no Trasmundo, de Inma Vilariño, publicado por Edicións Fervenza. A autora estará acompañada por Xosé Manuel Varela, Suso Lista e Rafael Lema.
Arquivos do autor: asociacionescritoras-es
Bandeira, Silleda: presentación de Nobelo de luz, de Charo Golmar
O 21 de agosto, ás 19:00 horas, no Auditorio Manuel Dopazo da Bandeira (Silleda), preséntase o libro Nobelo de luz, de Charo Golmar, publicado por Fervenza. En dito acto, a autora estará acompañada por Juan Liñares, membro da directiva da A.C. Vista Alegre; a mestra Marita Casal; a directora do CEIP de Silleda, María Consuelo Rodríguez Costoya; a ilustradora do poemario, Amalia López Brea “Luchi” e a concelleira de Cultura do Concello de Silleda, Mónica González. Así mesmo, contarase co acompañamento musical de Xirandola.
A AELG manifesta o seu profundo pesar polo pasamento do escritor e dramaturgo Francisco Pillado Maior, membro desta entidade
Elixido membro do Consello Directivo da AELG en 1984 e 1988, recolleu o Premio Bos e Xenerosos dedicado á Editorial Laiovento en 2014 en Pontevedra.
Francisco Pillado Mayor estudou Maxisterio, Graduado Social, Declamación e Arte Dramática, e foi Técnico Superior en Relacións Industriais pola Universidade de Alcalá de Henares. Traballou como profesor no Seminario de Estudos Sociais Ramón de la Sagra, do Colexio Universitario da Coruña.
Fixo crítica literaria, artigos e entrevistas en diversos medios de comunicación: Radio Nacional de España na Coruña, Radio Coruña da Cadea SER, La Voz de Galicia, A Nosa Terra, O Correo Galego e a revista Grial.
No mundo do teatro foi promotor dos grupos de teatro da Agrupación Cultural O Facho (1965), Escola Dramática Galega (1978), Luís Seoane (1980) e Elsinor Teatro (1990). Foi Presidente da Escola Dramática Galega, onde exerceu tamén como director de publicacións e responsábel do Departamento de Estudos Teatrais, así como da dirección dos Cadernos da EDG.
Formou parte do Consello de Redacción da Revista monográfica de Cultura da Agrupación Cultural O Facho e de Cen Augas. Dirixiu, desde a súa creación, a colección de teatro A Biblioteca do Arlequín, de Sotelo Blanco Edicións. Foi director de Cadernos da Escola Dramática Galega, Cadernos do Espectáculo da Compañía Luís Seoane, Colección Castrodouro-Teatro, Colección Arlequín, Libros Elsinor Teatro, Cadernos de Teatro e da Revista de Teatro Casahamlet. Así mesmo, foi director literario de Edicións Laiovento até 2014; directivo da Agrupación Cultural O Facho. Entre 1995 e 1997, formou parte do Consello Reitor do IGAEM. Tamén foi membro do Consello Asesor da Colección Teatro nas Aulas, patrocinada pola Asociación Socio-Pedagóxica Galega.
En 1996, doou a súa Biblioteca-Arquivo de Teatro á Universidade da Coruña, que pasou a denominarse Biblioteca-Arquivo de Teatro Francisco Pillado Mayor. Foi nomeado Presidente de Honra da citada Biblioteca, figura, ademais, no Consello Científico dos libros que se promoven desde esa institución académica. Tamén en 1996 cedeu á Facultade de Xornalismo da Universidade de Santiago de Compostela a biblioteca que herdara do seu pai.
En 1997, foi elixido polo Parlamento de Galicia e a proposta do BNG, membro do Consello de Administración de Compañía de Radio-Televisión de Galicia. Ocupou este cargo durante dúas lexislaturas.
Fixo parte, ademais, de diversos xurados literarios.
O seu traballo incesante pode consultarse no seu espazo no Centro de Documentación da nosa web.
(Foto de Manu Cruz, desde a Wikipedia en galego).
A Coruña: Día da Galiza Mártir 2021
O luns, segunda feira, 16 de agosto, ás 19:30 horas celebrarase o Día da Galiza Mártir na Coruña, acto organizado pola A. C. Alexandre Bóveda. Terá lugar diante do monumento a Bóveda na rúa que leva o seu nome (na zona de Catro Camiños).
Contarase coa presenza de Mercedes Queixas, que elaborou para o folleto dedicado a Elvira Bao, mestra represaliada e con Ana Romero que elaborou o folleto dedicado a María Barbeito, mestra e pedagoga tamén represaliada. No mesmo acto Susana Seivane ofrecerá un pequeno concerto.
Aquelas persoas que estean presentes recibirán de agasallo os dous últimos números do folleto de Mulleres de Palabra: o dedicado a Elvira Bao Maceiras e o dedicado a María Barbeito.
Viveiro: actividades destacadas na Feira do Libro 2021 para os 14 e 15 de agosto
O 15 de agosto continúa a Feira do Libro de Viveiro (nos Xardíns de Noriega Varela, de 12:00 a 14:30 h., e de 18:00 a 22:00 h.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, cos seguintes actos literarios destacados para estes días:
Sábado 14
– 19:00 h. Luz Darriba asina exemplares de Abril, publicada por Belagua.
– 20:00 h. Primitivo Marcos presenta e asina exemplares de Viveiro 1810. Augas mortais, publicado pola Deputación de Lugo. No acto, o autor estará acompañado por Carlos Nuevo Cal.
– 21:00 h. Paco Rivas asina Talasonimia da Mariña Lucense. Os nomes do Mar, publicado por Embora.
Domingo 15
– 21:00 h. Presentación de Nas pulsacións, de Manuel López Rodríguez, publicado por Espiral Maior; Obra inacabada de Dosinda Christensen, de Xerardo Quintiá, publicado por Alvarellos; e Peixes que esvaraban ao unísono, de Medos Romero, publicado por Caldeirón. Coa presenza, xunto á autora e autores, de Eduardo Estévez e Carlos Lorenzo.
Celanova: presentación de No interior do abandono, de Baldo Ramos e Carlos Lorenzo
Viveiro: actividades destacadas na Feira do Libro 2021 para o 13 de agosto
O 13 de agosto comeza a Feira do Libro de Viveiro (nos Xardíns de Noriega Varela, de 12:00 a 14:00 h., e de 18:00 a 22:00 h.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, cos seguintes actos literarios destacados para este día:
– 12:00 h. Pregón a cargo de Arantza Portabales.
– 13:00 h. Arantza Portabales asina exemplares de A vida secreta de Úrsula Bas, publicada por Galaxia, e Historias de mentes, publicado por Bululú.
Cuntis: presentación de Unha vida calada, de Eva María Graña Caramés
O 15 de agosto, ás 20:00 horas, nos xardíns das Termas de Cuntis, preséntase Unha vida calada, de Eva María Graña Caramés, publicado por Edicións Fervenza. No acto, xunto á autora, participan Mónica Graña “Mara Dres”, Martiño Maseda Lozano e Manuel Campos Velay. Ademais, contarase con acompañamento musical a cargo da propia Eva María Graña e Santiago Touceda Fontán.
Lugo: Tarde e Tardiña 2021, 12 de agosto
A Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo organiza unha nova edición de Tarde e Tardiña, unha serie de espectáculos de música, teatro e narración oral que se poderán desfrutar na Canella do Hospital durante as tardes dos xoves, e que en caso de choiva trasladaranse á carpa da praza da Soidade.
Este é o programa para o 12 de agosto:
Kaldi, de Maintomano
Duración: 50 minutos
Idade recomendada para todos os públicos
Un curioso ser fala a través de acrobacias aéreas e movementos sobre o mundo do café. A súa rutina diaria parece que está sendo do máis normal, ata que o café comeza a afectarlle. Vai pasando por diferentes estados, transformándose, cambiando a súa calidade de movemento e incluso a súa personalidade. Un trapecio, unha mesa, unha cadeira e moito café, sobre todo moito café.
Tardiña 21:00
Lírica Piringalla
Lois Pérez, Lito Pereira e Lucha Panorama
Facer balconing no Courel. Stop. Unha das voces fundamentais do wrestling mexicano, Lucha Panorama. Stop. En diálogo poético coa lenda viva do underground lucense, Lito Pereira. Stop. Reaparece en público logo de dúas tentativas de suicidio, mítico membro do menos mítico Colectivo Iguazú Hermanos Fanego de intervención poética e do Comando Poético Hexágono Rural Exodus. Vai Lois Pérez, tamén.”