“Decálogo da novela”, por Anna R. Figueiredo

Desde Euseino?:
“O que chega escrito ás mans dos lectores é a novela dunha novela que unha vez foi. Coma o dragón dun conto narrado mil veces e mil veces igual sen deixar de ser sempre diferente. Neste oitavo “Decálogo da novela”, é Anna R. Figueiredo quen escribe esa historia que sempre é a ficción dunha ficción. A historia soterrada, coma a cidade que xace e sostén as cidades que se construíron en cada época sobre os alicerces da anterior. A contorna permanece, intramuros da novela todo semella cambiar. Para a autora de Os bicos feridos, toda novela é unha deformación, unha metamorfose inzada das metamorfoses precedentes.
Sección coordinada e editada por Iván García Campos. En semanas vindeiras, novos decálogos escritos por novelistas. A novela pénsase desde a novela, a ficción tamén é reflexión.

Metamorfoses da ficción
1) Dragóns. En toda novela hai unha viaxe. Pódese viaxar no tempo, nos sentidos ou no coñecemento. O asunto de escribir comeza naquel confín do mapa onde se establece que habitan os dragóns. O escrito que chega ás mans dos lectores, máis que a novela, é a novela da novela. A historia que naceu nas primeiras páxinas que xa ninguén lembra.
2) Baixo terra. Toda novela ten un devanceiro baixo terra do que non quere falar. (…)”

Daniel Salgado: “Ás veces é a historia a que parece que non cambia e a natureza a que se transforma”

Entrevista de Montse Dopico a Daniel Salgado en Praza:
Os paxaros e outros poemas (Xerais) é, como todos os poemarios de Daniel Salgado, un libro atravesado por tensións non resoltas. Desta volta, unha relaciona a transformación incesante da historia cunha suposta –que se revela falsa– inmutabilidade da natureza. Outra é o “marasmo da política emancipadora fronte á hiperactividade do capital”, co mundo do traballo e a organización de clase, “as dificultades de esculcar un horizonte emancipador ou a incapacidade para ler politicamente o presente” de fondo. O autor respondeu as nosas preguntas por correo electrónico.
– Praza (P): Comeza o libro cun poema sobre a realidade que se nos escapa, sobre a humildade da materia que nos vence. Por que?
– Daniel Salgado (DS): O poema, titulado Oración, e os tres poemas da sección final –Coda– funcionan dalgunha maneira en paralelo. Poden lerse como mapa, sumario ou caixa de ferramentas. Ou como todo o contrario. En todo caso, o último verso de Oración -“Vence, digamos, a humildade da materia”- é un verso nuclear para o libro e os seus significados.
– P: Na parte titulada ‘Os paxaros’ están presentes -en realidade, en todo o libro- distintas especies de paxaros. E a voz poética fala de como interromper a ética da aceptación. Da ignorancia sobre o proceso histórico. Coma Dos tempos sombrizos, remite a unha sensación de fracaso, a unha, quizais, parálise da loita de clases, cunha clase obreira en proceso de desintegración. Que ten que ver Os paxaros e outros poemas con isto?
– DS: Os paxaros e outros poemas foise construíndo nun intre que eu percibo como de restauración de certa orde cuestionada tras os sucesos históricos acontecidos entre 2008 e 2012. Ese foi o medio ambiente en que escribín estes poemas. A maiores, neles respira unha conciencia da longa duración histórica. Aí talvez entren consideracións sobre o mundo do traballo e a organización de clase, as dificultades de esculcar un horizonte emancipador ou a incapacidade para ler politicamente o presente. Pero máis que a temática do libro, entendo que eses son elementos do medio ambiente en que o escribín e que tal vez emerxen nos poemas.
– P: Por que tanta presenza dos paxaros?
– DS: Os paxaros que aparecen no libro -paxaros comúns, que se poden ver en calquera lugar do país- son os paxaros que observaba desde a fiestra do cuarto onde traballei en boa parte dos textos. Provocaron os poemas. (…)”