Arquivos do autor: asociacionescritoras-es
A Xunta converte en libro electrónico os 144 números da Revista Nós no marco do centenario da publicación
Desde a Xunta de Galicia:
“O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, e a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, presentaron a dixitalización da revista Nós, que supoñen un paso adiante na difusión estatal e internacional da publicación ao converter en formato libro electrónico a totalidade dos exemplares e ao poñer en marcha unha nova web que recolle todo o universo Nós, coincidindo co centenario do primeiro número da revista.
O secretario xeral de Cultura salientou a relevancia desta iniciativa que supón que Galicia “recupere o legado da Xeración Nós en clave do século XXI” xa que, como engadiu, “un século despois do seu nacemento, a revista Nós recupera os seus materias en formato electrónico para un mellor acceso, acorde coas novas canles de acceso da información”.
Como explicou Anxo M. Lorenzo, a novidade do proxecto presentado hoxe vén dada pola conversión a formato ePub dos 144 números da revista, 100 dos que xa están preparados e son accesibles desde Galiciana BDG para a súa descarga multicanle. Trátase dunha extensión de ficheiro electrónico que permite unha compatibilidade coa meirande parte de dispositivos electrónicos, incluíndo redes móbiles.
Pola súa banda Mar Pereira sinalou que o obxectivo desta iniciativa é poñer a disposición do público en xeral uns contidos de alto valor cultural, aplicando técnicas innovadoras baseadas na Intelixencia Artificial, coñecidas como grafo de coñecemento, que permiten navegar polos contidos da revista e achegarnos ao seus autores modo de relato histórico enlazando os fitos históricos que marcaron a súa época.
A directora da Amtega explicou que dixitalización destes contidos é un paso máis na construción da Memoria Dixital de Galicia, unha iniciativa a longo prazo e que se está desenvolverse en colaboración con toda a sociedade galega e de todos os axentes implicados na xestión do patrimonio cultural galego para garantir a conservación do patrimonio cultural de Galicia e facilitar o seu acceso universal a través da internet.
Ademais da conversión en libro electrónico, tamén se presentou a posta en marcha da nova páxina web revistanos.gal, que recolle todo o universo de Nós permitindo explorar directamente no corpo dos textos da revista, por medio das relacións que se establecen entre os colaboradores na historia da publicación. Deste xeito, a través dun grafo do coñecemento, inclúense os datos das persoas, lugares, institucións e acontecementos históricos que rodearon á revista Nós durante os seus quince anos de vida. Este grafo facilitará a busca de documentos específicos para usuarios non expertos.”
“A Coruña das mulleres”, o sábado 14 de novembro
É obrigatoria a inscrición, aquí.
Pilar García Negro – “Ricardo Carvalho Calero, narrador”, nas XXIX Xornadas de lingua e literatura. Ricardo Carvalho Calero
Vilalba, dona da Chaira. Homenaxe a Manuel María – Adela Figueroa
Bases do Concurso de microrrelatos (Re)inventando Carvalho Calero 2020
Berta Dávila: “Non me gustan as “obras mestras”, prefiro case sempre os libros imperfectos”
Entrevista de César Lorenzo Gil a Berta Dávila en BiosBardia:
“(…) – BiosBardia (B): Cal é o primeiro libro que recorda ter lido?
– Berta Dávila (BD): O primeiro acceso á literatura, polo menos no meu caso, non chega da man dos libros senón da oralidade. De nena contáronme contos e cantáronme cancións a diario, con calquera escusa. Miña avoa conseguía facerme comer pratos inviables de puré mediante un logrado truco de hipnose –esa é a palabra que empregan meus pais cada vez que o relatan– a través dos contos e dos poemas. Miña nai escribía contos extraordinarios para min. Lembro un: “As zapatillas revol-rosas”. Era a historia dunha muller que mercaba un par de zapatillas de estar por casa nun comercio do barrio onde viviamos nós. Ela pedíaas insistentemente brancas, pero cando chegaba á casa cambiaran de cor. Regresaba á tenda para retornalas e a dependenta dáballe outro par de zapatillas brancas, meténdoas na súa caixa diante dela, pero de novo na casa, cando ía estrealas, resultaban ser rosas. Nunca chegaba a explicarse por que pasaba iso, pero aprendín que o asunto, o acontecemento arredor do que xira unha narrativa, non é o que máis importa. Se cadra é a primeira vez que poño isto en palabras, pero creo que a razón de que me interese máis o tipo de literatura que non se preocupa polo “que” senón polos arredores do “que” ten que ver con iso.
Os primeiros libros que lembro ler autonomamente son algúns da colección ‘Merlín’, na que hai xoias que relería con absoluto gusto agora mesmo, ou da colección ‘Árbore’, cando eran estreitos e levaban dúas franxas de cor enmarcando un cadrado cunha ilustración. Lembro que esta última colección tiña un tacto rugoso e algo satinado, e que me desagradaba ao contacto. O meu momento para a lectura era despois da cea, na cama. Suxeitaba eses libros prendendo parte da saba coa man para interpoñela entre a cuberta e a miña pel e non tocar directamente esa textura que se me facía un pouco estraña. Se cadra sería bo acceder sempre á literatura con esa prevención sobre a súa textura. (…)
– B: Leva vostede un diario ou un dietario?
– BD: Non en sentido estrito. Cústame moito facer ese tipo de texto porque sempre dou en escribir coma se alguén o fose ler. Si levo unha axenda e varios cadernos pequenos. Anoto cousas de todo tipo, ao rebumbio, cousas de tipo organizativo, como que falta na casa papel de cociña, e tamén ideas sobre o proxecto que estou escribindo e que me ocupa máis a cabeza, sobre os meus estados de ánimo ou sobre cousas que, nalgún punto, quero contar, aínda que non saiba aínda como nin onde. Anoto, por exemplo, que o 11 de setembro ás nove da mañá xa comezaran a cambiar de cor e a caer as follas das árbores no Campus Sur, en Compostela. Ou anoto unha cita literaria. Ou anoto que me gustaría escribir sobre submarinos, sobre alguén que confecciona un herbario ou sobre alguén que lle ten medo ás treboadas. Ou que sería interesante escribir un poema sobre o concepto da despedida. Anoto tamén algo que soñei e que me pareceu curioso ou divertido. Ou que estaría ben cociñar lasaña de verduras a vindeira semana. Tamén debuxo, tomo moitas notas para debuxos.
– B: Escribirá as súas memorias?
– BD: Non. Ao fío da pregunta anterior, seguramente me gustaría máis, nalgún punto, escribir en clave literaria un caderno de notas ou un caderno de campo. O libro de memorias, en sentido estrito, non me interesa, porque me obrigaría a despegarme demasiado da literatura. Tamén é certo que teño trinta e dous anos e nunca antes pensara nisto. (…)”