Arquivos do autor: asociacionescritoras-es
Ponteareas: presentación do libro-DVD Viaxe á illa das mulleres loucas, de Alfonso Pexegueiro
“Decálogo da novela”, por Iván García Campos
Artigo de Iván García Campos en Euseino?:
“A narrativa como disciplina artística
1) Espera. Hai un aspecto desacougante en como ás veces nos achegamos ás novelas. Nese carácter didáctico e utilitario que por veces lles outorgamos. Dicimos de tal novela que ensina sobre a vida en parella; doutra, que nos amosa como a dor pode ser un estímulo na vida, e así. Coma se os autores lles ensinasen cousas aos lectores. En realidade, ningunha novela debería poder resumirse nunha lección de ningún tipo. A novela é sen un porqué e, mesmo sen ese porqué, é indispensable que exista: non nos deberían de entregar ningún saber, senón un lugar de incerteza, curiosidade e espera.
2) Incerteza. Unha novela debería ser unha máquina de suxerir preguntas, de posibilitar a aparición dun ou varios presentimentos, en ningún caso de convencer a ninguén de nada. Unha novela é un libro vivo cando o lector, despois de a ler, acaba tendo máis incertezas ou facéndose máis preguntas sobre a vida das que se facía antes. (…)”
Manuel Esteban: “Para min, escribir non é simplemente narrar unha historia”
A AELG súmase á campaña do sector do libro galego para celebrar o 23 de xullo un Día do Libro moi especial
Desde a Asociación Galega de Editoras:
“O sector do libro uniuse para celebrar o Día do Libro o vindeiro 23 de xullo. Desta maneira, queren aproveitar o comezo das vacacións para recuperar unha conmemoración, a do 23 de abril, que tivo que ser suspendida, desde o punto de vista comercial, pola pandemia da COVID-19.
Durante esa xornada, o público lector terá a oportunidade de gozar de múltiples actividades organizadas nas librarías e beneficiarse de ata un 10% de desconto pola compra de libros. A Lei da Lectura, o libro e as bibliotecas establece un réxime de prezo fixo para o libro, aínda que marca como excepción a celebración do Día do Libro e as Feiras do Libro, Congresos ou Exposicións do Libro, sempre que “así o determinen as súas entidades organizadoras, cando estas pertenzan aos sectores da edición e comercialización do libro”, momentos nos que se pode realizar ata un máximo do 10%.
Con esta decisión o sector quere facer fronte aos efectos que a pandemia tivo no conxunto das empresas e tratar de reactivar as súas actividades nun contexto difícil. Ademais, dáse continuidade á campaña iniciada en redes sociais denominada #TodoComezaNunhaLibraría, que se vén desenvolvendo desde o 1 de xuño nas redes sociais e na que se quere poñer en valor a importancia das librarías dentro da cadea do libro.”
Ponteareas: actos destacados na Feira do Libro 2020 para o 10 de xullo
O 10 de xullo continúa a Feira do Libro de Ponteareas (na Praza Maior, con horario de 12:00 a 14:00 e de 18:00 a 22:00 h.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, cos seguintes actos literarios destacados para este día:
– 18:00 h. Manel Monteagudo asina Camiño á lagoa dos bardos, publicado por ViveLibro.
– 19:00 h. César Lorenzo Gil e Jorge Campos asinan Atlas da Galicia pequeniña, publicado por Aira Editorial.
– 20:00 h. Pablo Prado asina O derradeiro libro de Emma Olsen, novela gráfica con texto de Berta Dávila, publicada por Galaxia.
– 21:00 h. Susana Lamela asina Invisible, con maleta verde e zapatos vermellos, libro publicado en autoedición.
Volve a Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia máis “diversa e paritaria”
Desde Nós Diario:
“A Alameda de Ribadavia, fronte ao Castelo dos Sarmiento, foi o lugar escollido pola organización para presentar a trixésimo sexta edición da histórica Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia (MIT).
O certame, que se desenvolverá entre os días 17 e 27 do vindeiro mes de xullo, acollerá 24 espectáculos diferentes entre representacións, estreas, coproducións, presentacións e obradoiros, todo ao aire libre en lugares como a praza da Igrexa de San Xoán, a Igrexa de Sampaio, a Praza do Cruceiriño de Francelos, San Cristovo ou a praza Maior.
“Ribadavia enteira está aberta á recuperación cultural e económica, ao turismo sostíbel, á responsabilidade sanitaria e ao compromiso co público e co noso tecido cultural”, destacan desde a organización.
Este ano, a MIT desenvolverá a edición “máis contemporánea, diversa e paritaria” da súa historia, presentando espectáculos que van do drama á comedia, pasando por pezas híbridas e mesmo danza, que, como explica Roberto Pascual, director da Mostra Internacional de Teatro, “será a linguaxe empregada para ofrecernos desde a visión da migración por parte da compañía de Kirenia Martínez Acosta até a beleza do ámbito agrícola con Nova Galega de Danza e Rosa Cedrón pasando por pezas non exclusivamente danzadas, como o traballo de Rut Balvís en Liberto, o da coreógrafa Laida Azkona en Tierras del Sud, o de Amaya Galeote en Hoy puede ser mi gran noche”.
Incidindo na creación actual, a MIT tamén porá de relevo a forza da dramaturxia contemporánea, con espectáculos que así o demostran e que serven de retrospectiva a nomes aínda pouco coñecidos na Galiza, como Pablo Remón, dobremente presente na MIT 2020, coa versión libre de Doña Rosita, anotada, a partir do texto de Lorca.
Os encontros co público e actividades de mediación seguirán evolucionando na MIT, que nesta ocasión contará coa Revista Galega de Teatro para levar a cabo unha palestra arredor do teatro documento e a presentación do seu número 99, que conta coa edición do texto Resaca, creación colectiva de Il Maquinario, con dramaturxia de Tito Asorey e Ana Carreira.
Finalmente, outra das liñas que de actuación que nesta edición se ve fortalecida é o programa Ruadavia. Todos os días haberá, como mínimo, un espectáculo gratuíto na rúa, con asento preasignado e baixo recollida de convite, tal e como estipula a normativa en materia de prevención sanitaria contra a COVID-19.”
Isaac Xubín: “Hai cousas que se non as conto eu non as contará ninguén”
Entrevista de César Lorenzo Gil a Isaac Xubín en BiosBardia:
“(…) – BiosBardia (B): Que novela lle gustaría protagonizar?
– Isaac Xubín (IX): As miñas, por iso é que as escribo, para lembrar o que pasei, para imaxinar o que puido ser ou para facer memorial de agravios. Como di Sarrionandia no documental Joseba Sarrionandia, Hemen eta han, eu ben me conformaría con ser lector, pero hai cousas que se non as conto eu, cousas que eu vin, que eu escoitei, non as contará ninguén.
Porque eu escribo para min mesmo. Só eu sei do galicismo que introducín n’Os largos e longos campos de liño azul e que tamén empregou Pedrayo n’Os camiños da vida. Só eu sei que DB significa Danny Boy e que é un fósil dos primeiros pasos da construción da novela que daquela levaba o nome Matar a DB. Só eu sei cal era a canción que lle cantaba a Radoslav seu pai en Non hai outro camiño ou a identidade real que se agocha tras o número de identificación do censor que aparece na novela. Só a min me importa que a min me interese a historia que estou a contar, non me importa nada que a outros non lles resulten interesantes… Sobre os impostores xa falo en Xenealoxía dun intruso. (…)
– B: Que libro lle gustaría ter escrito?
– IX: Creo que o escritor coñece moi ben as personaxes e as situacións que aparecen nas súas obras. Igual que os bos actores coñecen as personaxes que interpretan máis aló do que é visible e explícito no guión, na escena ou na pantalla. En todo o caso gustaríame ter vivido o que viviron algúns autores para que chegase á súa imaxinación a posibilidade de escribir o que escribiron.
– B: Que libro, dos que publicou, lle gustaría que desaparecese das librarías (e das bibliotecas)?
– IX: Ningún. Tiven a sorte (esa sorte que se valora e aprecia coa perspectiva temporal) de non ter nin compaña nin padriño nin partido, é dicir, comecei a publicar tarde, habería cousas que agora non escribiría do mesmo xeito pero foron parte dun proceso ao que, sospeito, non lle queda moito tempo. Considérome un seguidor de Oteiza, escribo para aprender a escribir e, coma el na escultura, o día que sinta que cheguei ao cumio das miñas posibilidades, deixarei de facelo. Insisto, escribo para min, a cousa que máis insoportable se me fai de entre todas as cousas aburridas son eu cando aburro. (…)”
A viñeta de Schrödinger trae de volta a banda deseñada ‘made in Galiza’
Desde Nós Diario:
“Hai pouco máis de dous anos, a finais de maio de 2018, tiña lugar en Compostela a presentación d’A viñeta de Schrödinger, unha revista de banda deseñada en lingua galega que apostaría por historietas “curtas” e “autoconclusivas”.
A decisión non podía ter máis sentido. Como revela o seu director, Kiko da Silva -un dos nomes con máis prestixio no mundo da banda deseñada galega-, “unha das cousas máis típicas das publicacións en lingua galega era non pasar do número 1”.
Por sorte, os tempos cambian e hoxe A viñeta de Schrödinger, que naceu con vontade de publicación trimestral, lanza o seu terceiro número e xa está preparando un cuarto, o que para Da Silva quere dicir que “si, as cousas están mudando”.
“Vexo con bastante optimismo o futuro -sinala o artista vigués-, pois a pesar de todas as circunstancias externas a banda deseñada galega nunca tivo tanta saúde como na actualidade, conquistamos moitísimas cousas nos últimos 20 anos. Por exemplo, antes só tiñamos autores e autoras, pero agora tamén comezamos a ter unha base leal de lectores e lectoras, así como propostas editoriais serias que teñen como obxectivo facer produtos de calidade na nosa lingua que poidan competir co resto das publicacións en lingua castelá”.
Kiko da Silva considérase orgulloso de traballar man a man coa Mesa pola Normalización Lingüística e a Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG) -entidades responsábeis da edición d’A viñeta de Schrödinger– polos seus niveis de “comprensión” do sector da banda deseñada.
“Respecto e dignidade laboral, pois a cultura hai que pagala, é o que necesitamos no mundiño do cómic. Os autores e autoras teñen que cobrar polo seu traballo, e estou moi orgulloso de que tanto A Mesa como a AS-PG entenderan todo isto e me deixaran deseñar unha publicación acorde a eses requisitos”.
Para o seu director, o único cambio que levaría a cabo se puidese n’A viñeta de Schrödinger é o número de páxinas: “Se por min fose, levaría máis páxinas, por unha banda porque facemos un produto de gran calidade e, por outra, porque querería acoller todas as creadoras que temos actualmente facendo banda deseñada en galego, que son moitas e dun gran nivel, o que resulta abraiante, pois na miña época había un gran baleiro e agora, grazas á formación en centros como O Garaxe Hermético ou a eventos como Viñetas desde o Atlántico, ese baleiro parece que nunca volverá producirse no noso país”.
Pola súa banda, Marcos Maceira, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, revela que este novo número da publicación xa está dispoñíbel a un prezo de só 5 euros na loxa electrónica da propia Mesa, tamén na da AS-PG e nas principais librarías e tendas de cómic do país.
Cuestionado sobre as motivacións da entidade que preside á hora de lanzarse á aventura de editar un volume con estas características, Maceira explica que “desde hai moitos anos non tiñamos na Galiza unha publicación específica en galego, nun formato como é a banda deseñada, que ten moito público, especialmente novo, e que ademais moitas veces non ten acceso ao galego xa non só na banda deseñada, senón tamén na televisión, a audiovisual ou internet”. “Xa que logo, queriamos contribuír dalgún modo a que a lingua galega estivese presente neste ámbito”, engade.
Finalmente, Marcos Maceira destaca a “calidade” das e dos autores que participan neste terceiro número, salientando nomes como o de Miguelanxo Prado, Miriam Iglesias, Belén Ortega ou Fran Bueno.”
Ponteareas: actos destacados na Feira do Libro 2020 para o 9 de xullo
O 9 de xullo comeza a Feira do Libro de Ponteareas (na Praza Maior, con horario no primeiro día de 18:00 a 22:00 h.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, cos seguintes actos literarios destacados para este día:
– 18:00 h. Anémona de Río asina A proba de auga, publicado por Xerais.
– 19:00 h. Manuel Portas asina Cadencias, publicado por Xerais.
– 20:00 h. Pregón a cargo de Clodio González.
– 21:00 h. Francisco Castro asina Tantos anos de silencio, publicado por Galaxia.