Suso Díaz le un poema de Pedro

Desde a AELG recollemos a lectura dun fragmento de Pedro por parte do seu autor, Suso Díaz, no marco da iniciativa Lecturas fuxidas da Libraría Pedreira, aquí.

Rechiade e unídevos baixo cancelos comúns como #CorentenaLiteraria, #Euquedonacasa, #LerGalegoSempre, #Acasainfinita, #DescobreACulturaGalega, #CulturaGalegaCuradora, #Aculturasegue e/ou #CulturaNaRede.

Emma Pedreira le un fragmento de Besta do seu sangue

Desde a AELG recollemos a lectura dun fragmento de Besta do seu sangue por parte da súa autora, Emma Pedreira, no marco da iniciativa #envozpropia de Edicións Xerais, aquí.

Rechiade e unídevos baixo cancelos comúns como #CorentenaLiteraria, #Euquedonacasa, #LerGalegoSempre, #Acasainfinita, #DescobreACulturaGalega, #CulturaGalegaCuradora, #Aculturasegue e/ou #CulturaNaRede.

Oriana Méndez: “Escribo sobre a subalternidade porque é o único que me interesa no mundo”

Entrevista de Montse Dopico a Oriana Méndez en Praza (foto na Wikipedia):
“- Praza (P): O corazón pronúnciase extenso gañou o premio Rosalía de Castro do Concello de Padrón, pero ata agora pasou bastante desapercibido. Da edición encárgase Espiral Maior…
– Oriana Méndez (OM): O libro gañou o premio Rosalía de Castro do Concello de Padrón o ano pasado, mais ese recoñecemento resultou ser máis unha lousa ca un premio, pois no lugar de promover as obras gañadoras, o concello de Padrón diríase que as silencia e as sepulta. Nin tan sequera facilita a súa publicación nunha editorial. Así aconteceu tamén coas obras anteriormente premiadas: resulta case imposible atopar o seu rastro en librarías, bibliotecas e mesmo algunha noticia na rede. Loxicamente, isto é algo do que me decatei despois de ter enviado o libro ao concurso. Un bo erro meu, si.
Con este premio de poesía, o Concello de Padrón representa unha práctica profundamente nociva que levamos padecendo durante décadas no ámbito da cultura galega: facer que se fai cultura, facer que se promove a literatura e, na realidade, simplemente erguer un nome, neste caso nada menos ca o de Rosalía de Castro, de xeito baleiro e sen ningún interese real no que se di promover. O Concello de Padrón, baixo o meu punto de vista, non é merecedor de convocar este premio mentres trate as obras con semellante desleixo.
E isto que digo ten pouco que ver con que o concello estea gobernado polo Partido Popular. O concello de Carral, por exemplo, estivo gobernado polo PP durante moitos anos e iso non lle impediu convocar un premio de poesía ben recoñecido por coidar, respectar e promover non só as obras gañadoras, senón a poesía en si mesma. Falo con coñecemento porque tiven a honra de gañalo e de estar no seu xurado no ano seguinte.
Por fortuna, O corazón pronúnciase extenso verá a luz grazas a Espiral Maior e ao seu editor Miguel Anxo Fernán-Vello que quixo darlle a man a este libro. Eu agradézollo inmenso. Iamos presentalo en Vigo, xunto coas amigas Iolanda Zúñiga, Silvia Penas e Míriam Rodríguez. Quedou parado pola emerxencia sanitaria, coma tantas producións. Sairá algún día da nova era.
– P: O corazón pronúnciase extenso é un verso que aparece case ao final do libro. O corazón está bastante presente nas súas páxinas, en xeral. Que é o corazón neste poemario? Por que este título?
– OM: Este título e tamén a imaxe recorrente do corazón falan da verdade que reside no amor pola vida, unha verdade aberta e profunda. Hai un fermoso mural en Lalín que, sobre unha bandeira de Palestina, di: “nós tamén amamos a vida cando podemos”. Iso é o corazón. Ese é o título do libro. Pronunciamos a verdade extensa da defensa da vida.
– P: O poemario parece situarse no tempo histórico do último século: desde a guerra civil, quizais. En relación con el, aparecen a memoria, o esquecemento ou a esperanza. Cal é o tempo deste libro?
– OM: Acontece no presente. O libro é unha travesía ou éxodo a través da neve que se está producindo. Non obstante, leva producíndose longo tempo. Concordo coas referencias ás que aludes e é posible que as persoas e os feitos que transitan estes poemas veñan camiñando dende a guerra civil. (…)”

Polafías Polavida, no Centro Sociocultural Daniel Castelao-Museo de Instrumentos Tradicionais, en Moaña

Desde a sección de Literatura de Tradición da AELG convidámosvos a reunirnos cada día, momentaneamente, arredor da lareira virtual que representa o noso inmenso arquivo.
Das 35 polafías que se celebraron por todo o país, 8 tiveron lugar en museos, centros de interpretación ou coleccións visitables como Centro Sociocultural Daniel Castelao-Museo de Instrumentos Tradicionais, en Moaña, o 30 de outubro de 2010.
Para rememoralo, recreamos o poema “Aquí aínda hai homes que desvisten as sobreiras” de Xosé Vázquez Pintor.
Aquí podes ver os vídeos desta Polafía.

Rechiade e unídevos baixo cancelos comúns como #CorentenaLiteraria, #Euquedonacasa, #LerGalegoSempre, #Acasainfinita, #DescobreACulturaGalega, #CulturaGalegaCuradora, #CulturaNaRede e/ou #aculturasegue.

Gala do Libro Galego 2020: finalistas nas categorías de Divulgación e Iniciativa bibliográfica

A Asociación Galega de Editoras (AGE), Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG), e a Federación de Librarías de Galicia (FLG), coa coordinación xeral da primeira entidade nesta edición, convocan a quinta edición dos Premios Gala do Libro Galego, a celebrar no Teatro Principal de Santiago de Compostela, onde se darán a coñecer as obras gañadoras.
Con estes premios preténdese recoñecer a excelencia do traballo realizado no ámbito editorial ao longo do ano 2019 en Galicia. As modalidades Iniciativa cultural ou de fomento da lectura, Proxecto literario na rede e Xornalismo cultural, recoñecen a traxectoria de varios anos, valorándose, polo tanto, a constancia ao longo do tempo nestes ámbitos.
Estas distincións, sen dotación económica, xorden, en primeira instancia, das propostas das bases asociativas das tres entidades convocantes, para posteriormente seren sometidas a un proceso de revisión e posterior fallo por parte dun xurado externo.
A Gala do Libro Galego conta co apoio de CEDRO, da Xunta de Galicia, do Concello de Santiago de Compostela e da Deputación Provincial da Coruña.

Na categoría de Divulgación as obras finalistas son:
A que cheiran as cores? A esperada guía para coñecer o cerebro, de Juan Casto Rivadulla Fernández (Editorial Galaxia)
Ferreñas e Rock and Roll, de Laura Romero e Iria Pedreira (Baía Edicións)
Guadi Galego, pola beira da canción, de Pepe Cunha (Edicións Embora)

Na categoría de Iniciativa bibliográfica as/os finalistas son:
Construtor da nación. Tomo I. 1886-1930, de Miguel Anxo Seixas Seoane (Editorial Galaxia/Consorcio de Santiago)
Colección Pan de abella, VV. AA. (Apiario)
Serie Animais Extraordinarios, de Xulio GutiérrezNicolás Fernández (Faktoría K de libros)

Raúl Dans gaña o Premio Laudamuco para textos teatrais

Raúl Dans é o gañador da segunda edición do Premio Laudamuco para textos teatrais, convocado polo Concello de Brión, a Academia Galega de Teatro e Edicións Positivas. O autor, natural de A Coruña e afincado en Oleiros, concorreu ao certame coa obra Só un home bo, pola que recibirá un premio de 7.000 euros e a edición da peza por parte de Edicións Positivas.
A concelleira de Cultura, Sandy Cebral Gómez, sinala que “a pesar da situación excepcional na que nos atopamos por mor da pandemia do COVID-19, o Concello de Brión mantén o seu compromiso coa cultura e vén de fallar a segunda edición do Premio Laudamuco, que recaeu no dramaturgo Raúl Dans.
O xurado estivo formado por Inma López Silva, Carmen Abizanda, Damián Villalaín, Xosé Manuel Fernández Castro e Manuel Guede Oliva e as deliberación tiveron que realizarse telematicamente. Sobre a obra gañadora, o xurado destaca “ademais da súa alta calidade teatral, a vontade explícita que propón para a súa representabilidade, cuestión que vén definida tanto polo razoable número de personaxes, catro intérpretes, como a economía de medios con que pode ser resolto o espazo escénico”.
Así mesmo, en Só un home bo o xurado recoñece “unha voz dramática firme e poderosa, unha autoría solidísima, cun uso da lingua limpo e rotundo. É tamén necesario ponderar a sabia disposición do entramado escénico que logra relacionar o ritmo do argumento co tempo do discurso”. Finalmente, o xurado felicita a feliz iniciativa deste Premio, desexando unha longa vida para a cultura en tan “infaustos tempos”.”

A libraría Chan da Pólvora despídese e fecha as portas

Desde Nós Diario:
“Nunha carta de despedida, as impulsoras da libraría compostelá explican que as consecuencias da COVID-19 agravaron unha precariedade cunhas raíces máis fondas. “Apuntar que iniciamos unha marcha “sabe deus cara a onde”, pero facémolo coa saca chea de boas lembranzas, cunha rede de amizades indestrutible e con moitísimo aprendido!”, afirman.
O 4 de maio, as librarías galegas reabrirán as súas portas e, baixo restricións, comezarán a atender as súas clientas con cita previa. Unha delas permanecerá coa reixa baixada, a Chan da Pólvora do barrio de San Pedro en Compostela. Un pequeno recuncho dedicado principalmente á poesía.
As súas impulsoras comunicaron nunha carta aberta a súa decisión de abandonar definitivamente o proxecto. Os poetas Antón Lopo, Eduard Velasco e Alicia Fernández están detrás deste proxecto que botou a andar en 2016. O espazo está vencellado a unha editorial do mesmo nome, cuxas primeiras publicacións levaron ao público os versos de Chus Pato e Antón Blanco. A editora, explican, continuará a súa singradura.
“O golpe económico derivado do estado de alarma dificultou en maior grao o noso presente, pero tampouco queremos agochar detrás disto o tempo que levamos sen ver cumpridas as expectativas que guiaron este proxecto desde os seus inicios en tanto que espazo creativo”, recolle a misiva dixital, asinada polo libreiro de Chan da Pólvora e escritor Quico.
Nela, reflicte que alén dos Polvorín de versos, recitais nos que participaban poetas galegas, o público das actividades organizadas foi diminuíndo paulatinamente “sen importar as horas dedicadas á preparación e difusión das mesmas”. Compostela, afirman, “non precisa unha libraría ao xeito da que tentamos construír”.
“Sen máis, apuntar que iniciamos unha marcha “sabe deus cara a onde”, pero facémolo coa saca chea de boas lembranzas, cunha rede de amizades indestrutible e con moitísimo aprendido! Sen risco non hai aventura!”, continúa o autor da carta.
A misiva tamén fai fincapé nas difíciles condicións que atravesan as pequenas librarías, así como a necesidade de promover a lectura desde a infancia, alén de plans económicos específicos para estes espazos.”

Carlos Callón le un poema de Inscricións e un texto de Stefan Zweig

Desde a AELG recollemos a lectura dun fragmento de Inscricións polo seu autor, Carlos Callón, así como un texto de Stefan Zweig, no marco da iniciativa Lecturas fuxidas da Libraría Pedreira, aquí.

Rechiade e unídevos baixo cancelos comúns como #CorentenaLiteraria, #Euquedonacasa, #LerGalegoSempre, #Acasainfinita, #DescobreACulturaGalega, #CulturaGalegaCuradora e/ou #CulturaNaRede.

Héctor Cajaraville le un fragmento de De remate

Desde a AELG recollemos a lectura dun fragmento de De remate polo seu autor, Héctor Cajaraville, no marco da iniciativa Lecturas fuxidas da Libraría Pedreira, aquí.

Rechiade e unídevos baixo cancelos comúns como #CorentenaLiteraria, #Euquedonacasa, #LerGalegoSempre, #Acasainfinita, #DescobreACulturaGalega, #CulturaGalegaCuradora e/ou #CulturaNaRede.