Desde o blogue de Armando Requeixo, Criticalia:
“O 6 de outubro hai oitenta e seis anos que viña o mundo Manuel María, un dos poetas máis destacados e prolíficos da literatura galega da segunda metade do século XX.
Os seus comezos inscribíronse na lírica da anguria tebreguenta con títulos como Muiñeiro de brétemas (1950) ou Morrendo a cada intre (1952). Veu logo Terra Cha (1954), que marcou un cambio de rumbo na súa escrita que confirmaron libros posteriores.
No mesmo ano no que vía luz aquel volume darredor do mundo chairego publicábase tamén Advento, poemario que acolleron as Ediciones Galicia do Centro Galego de Bos Aires nunha lucidía edición para a que Luís Seoane creou a cuberta.
Este Ars dedicandi recupera as palabras que nun exemplar daquela primeira edición estampou Manuel María para os seus amigos Carmen Blanco e Claudio Rodríguez Fer, estudoso este último que lle dedicaría unha ben ampla análise baixo o título “Manuel María e a cultura popular” no libro Poesía galega. Crítica e metodoloxía (1989).
O “corazón ilusioado” do Manuel María que lembraba en 1984 a emoción coa que estreara aqueles versos trinta anos antes é o que agora contaxia estas liñas, que queren ser un pequeno testemuño para un home grande.”
Arquivo da categoría: Aniversarios e efemérides
Outeiro de Rei: Uxía canta a Manuel María
Os Vilares, Guitiriz: homenaxe a Xosé María Díaz Castro
Lugo: Darío Xohán Cabana fala da chegada do tren á cidade
O martes 29 de setembro, ás 20:00 horas, no refectorio do Museo Provincial de Lugo, con motivo da mostra A arte de xuntar II. Colección Quiroga-Monte de trens e xoguetes, realizada con motivo do 140 aniversario da chegada do tren a Lugo, exposición que pode visitarse neste recinto, terá lugar no un parladoiro a cargo do escritor e académico Darío Xohán Cabana, quen falará sobre “A chegada do tren a Lugo e algunhas interquinencias de historia local”.
Lugo: homenaxe no centenario de Ramón Piñeiro
Casas literarias: Celestino Fernández de la Vega
Desde o blogue de Armando Requeixo, Criticalia:
“Celestino Fernández de la Vega, Cilistro para os amigos, é un claro exemplo de intelectual no que o contexto natalicio, o espazo e paisanaxe infantes e xuvenís, acaban por conformar un xenuíno modo de ser.
Cilistro naceu en Friol, o 23 de setembro de 1914. A vila luguesa, próxima á Lucus Augusti de selo romano, é toda ela unha landa de antigos señoríos, con pazos e torres medievais que gobernan un territorio de casas fortes e vellos feudos cunha tradición que resoa na historia e nas lendas.
A paisaxe daquelas terras é dunha beleza incontestable. Prados largacíos e correntes fluviais que fixeron do fillo de don Higinio, xuíz e notario da localidade, un neno singular.
A casa de nacenza de Cilistro —e dos seus sete irmáns— foi o Pazo da Torre, unha vivenda onde estivo apenas os anos puerís, pois sendo mozote trasladouse a un outro lar cabo do Campo da Feira, vivenda, esta si, na que pasou a mocidade intelectivamente consciente e, polo mesmo, onde se preconfigurou o pensador e ensaísta que logo foi.
De rapaz, ao Cilistro tiráballe a natación e o fútbol. O seu era arrebolarse ao río e vadialo mergullado de lado a lado, submersión na que era, seica, un auténtico campión. Por descontado, tamén o balompé que daquela comezaba a causar furor, pois mesmo fican testemuños gráficos dos tempos da Preguerra nos que figura na aliñación do Sport Club de Friol. (…)”
Vigo: homenaxe no centenario de Xaime Isla Couto
A RAG celebra os cen anos de Xose María Álvarez Blázquez
Desde o Diario Cultural da Radio Galega:
“A RAG celebra os cen anos de Xose María Álvarez Blázquez coa relectura do seu libro de poemas Canle segredo. A nova completa pode escoitarse aquí.”
Tui: homenaxe no centenario de Xosé María Álvarez Blázquez
Noticia dunha edición non venal de Eduardo Blanco-Amor: Castelao. Notas periodísticas
Desde o Caderno da crítica, de Ramón Nicolás:
“Polo meu amigo Suso Díaz, atento sempre ás efemérides de voces creativas do sistema literario galego, souben que tal día coma hoxe, en 1897, nacía Eduardo Blanco-Amor. (…)
Vaia, na súa memoria, a noticia dun opúsculo curioso que non adoita aparecer na bibliografía do autor. Trátase do título Castelao, que se publicou en Ourense no ano 1970, en edición non venal: “fuera de comercio” apunta o propio Blanco-Amor neste exemplar que me agasallaron hai algún tempo e aquí comparto. A edición, probablemente se poida considerar, en parte, o precedente de Castelao escritor, que Ediciós do Castro publicaría postumamente en 1986.
Esta edición a que me refiro, subtitulada “Notas periodísticas”, compila unha serie de artigos xornalísticos que viron a luz en La Región, La Vanguardia, El Correo Gallego e La Voz de Galicia por volta do ano 1970, en galego e castelán, coa vontade de recuperar e poñer en valor, como se diría agora, a figura de Castelao aos vinte anos do seu pasamento. O prólogo co que o propio Blanco-Amor abre a compilación é acedo, afouto e un exercicio de responsabilidade -apunta-, malia empregar unha prosa confesadamente labiríntica pero coa que reclama para quen saiba ler, e no ano 1970, a vixencia da obra e do pensamento de Castelao-. (…)”