A Coruña: obradoiro O ollo da arte, dirixido por Antía Otero

O ollo da arte é un obradoiro de creación artística contemporánea impartido por Antía Otero, onde as persoas participantes poderán coñecer, descubrir e valorar o feito contemporáneo e a creación actual a través dunha mirada propia. Para participar non se precisa ningunha experiencia previa e está destinado a todas as persoas que están interesadas no feito artístico, xa sexa desde o punto de vista do espectador como da acción. Neste obradoiro crearase un espazo de convivencia ao redor da teoría e da práctica propoñendo ferramentas que axuden ao descubrimento do propio proceso artístico e fomentando o desenvolvemento das capacidades e habilidades artísticas de cada participante. Buceando en disciplinas moi diversas que van desde a fotografía ao collage, ou do video á arte urbana, pasando por outras como a performance ou o cinema experimental, en O ollo da Arte plantexamos un programa aberto que, dividido en sesións teóricas e prácticas, nos permita ampliar referentes sendo máis conscientes do acto creativo, da experiencia, do debate e da aprendizaxe grupal.
Tod@s aqueles e aquelas que cursen O ollo da Arte I no primeiro cuadrimestre poderán continuar a experiencia no Ollo da Arte II. Laboratorio de Creación durante o segundo cuadrimestre. Entre outras cuestións, afondaremos nos contidos iniciados na primeira parte e plantexarase un laboratorio de creación, coa fin de crear un marco idóneo no que cada participante poida transitar os seu propio proceso artístico. Os traballos resultantes serán presentados a finais de xullo nunha Mostra aberta ao público en NORMAL.
Pódese coñecer un pouco máis de preto o universo de O ollo da Arte a través deste vídeo…

Datas: todos os luns entre o 14 de outubro de 2013 e o 10 de febreiro de 2014.
Horario: de 19:00 a 21:00 horas (30 horas en total).
Lugar: aula de obradoiros de NORMAL.
Prezos: 35€ comunidade universitaria da UDC (25€ en segunda matrícula) / 55€ público xeral (45€ en segunda matrícula)
Créditos solicitados: 2 créditos libre elección (plans antigos), 1 crédito recoñecemento (plans novos)
Participantes: un mínimo de 8 e un máximo de 15 persoas.
O prazo de matrícula e pagamento comprende desde o día 18 de setembro até o 7 de outubro. Pode facerse directamente nesta plataforma en liña, seguindo estas instrucións:
• elixa o obradoiro no que quere inscribirse.
• prema en “ver máis”.
• siga a ligazón “inscrición”.
• seleccione o xeito de pagamento e confirme.

Máis información en:
NORMAL. Espazo de intervención cultural da UDC. Paseo de Ronda 47, A Coruña.
TF: 981 167 000, extensión 4502 Mail: info@istoenormal.org
Área de Cultura. Casa do Lagar, Campus de Elviña, A Coruña.
TF: 981 167 000, extensións 1954 e 1962 Mail: cultura.coruna@udc.es

A Coruña: Revelar para rebelarse: escribir neste tempo, obradoiro de creación poética con Antía Otero

“Achegarse ao feito literario facendo fincapé no poético. Arrincar o medo á palabra, desbloquear a escrita. Atopar a voz propia e afrontar a rebelión do texto. Revelar o entramado poético dende unha visión lúdica, interdisciplinar e contemporánea. Colocar o poético en relación co interdisciplinar: cinema, música, artes plásticas. Bucear nas propias creacións ao redor da imaxinación, a escoita, o concreto, o diálogo, o eu, o contorno, a periferia, o tempo, o espazo, o silencio. Escoitar o proceso. Aportar chaves que axuden a escoitar e mirar dende o aquí e o agora do cotián, do preciso, do inmediato… facendo fincapé na grandeza do poético.
Escribir para revelar e rebelarse.

Bloques temáticos:
1.- Cartografías do Eu.- Margarite Duras, Boris Vian, Silvia Plath, Tess Gallagher, Lois Pereiro.
2.- A cidade na presión do tópico.- Paul Éluard, Jean-Luc Godard, José Luis Guerín, Sophie Calle.
3.- Road Movie.- Win Wenders, Nick Cave, Antonio López.
4.- O silencio.- John Cage, Kazuo Ohno, O paseo sonoro.
5.- Diálogo continuo. Entre a tradición e o contemporaneidade.
6.- Formatos Rebelados.- Videoarte, Videopoemas, Espazos -trans, Escrita dixital.

** Ademáis das clases, cada alumn@ terá a oportunidade de recibir tres titorías personalizadas ao longo dos tres meses de duración do obradoiro.
** O día 2 de outubro de 20:00 a 22:00 horas comezamos facendo a primeira aula dun xeito completamente gratuíto. Podes vir, probar e, só se che gusta, quedar.

Duración: Trimestral (outubro, novembro, decembro).
Imparte: Antía Otero.
Días e hora: Mércores de 20:00 a 22:00 h.
Lugar: The Room (Rúa Santiago, 7 – 15001 – A Coruña)
Prezo: 60 euros ao mes.

Máis información, cuestións e matrícula en: obradoiroantiaotero@gmail.com.

A Coruña: obradoiro De literatura e outras artes, impartido por Dores Tembrás

Desde o blogue de Dores Tembrás:
“Arrinca este outono, dentro do programa de lecer do Ágora, un curso que leva por título: De literatura e outras artes.
Había tempo que quería traballar neste sentido. Prestar atención ao contacto de determinadas obras da literatura universal con outras disciplinas artísticas como cine, pintura, arquitectura… Coido que dita conexión permite contextualizar a palabra e aprofundar nas características que singularizan determinados movimentos. O que me interesa é reparar nos fíos, máis ou menos explícitos, entre disciplinas.
Como dialogan a literatura e outras manifestacións da vangarda histórica? Cal é a relación entre o personaxe de Ana Karenina de Dostoievski e a protagonista da última adaptación que se levou ao cine? E entre De sobremesa e a pintura prerrafaelita? Ou entre a cerámica de Sargadelos e a obra de Luís Seoane?
Dende clásicos do século XIX, pasando pola vangarda, ata autores recén publicados, o percorrido sinalará conversas, apuntará fontes comúns e espazos transitados pola interdisciplinaridade.
O prazo de matrícula será os días: 9, 10 e 11 de setembro na conserxería do Ágora (9:00 a 14:00 e 16:00 a 20:00 h.).”

A Insua dos Poetas dedicará a Blanco Amor a Festa da Palabra do 2014

Desde La Voz de Galicia:
“O padroado da Fundación Insua dos Poetas celebrou o 25 de agosto a súa xuntanza constitutiva, na que tamén acordou dedicarlle a vindeira Festa da Palabra a Eduardo Blanco Amor. Celebrarase o primeiro sábado de xullo do 2014 na propia Insua, na Esgueva, Madarnás, no Carballiño, onde o artista Acisclo Manzano erixirá un monumento alusivo á obra do escritor, conforme ao espírito da fundación de manter «un diálogo permanente entre literatura, artes plásticas e creación cultural coa natureza», segundo declarou onte o presidente da fundación, Luís González Tosar. Completan a directiva da entidade o vicepresidente, Domingo Manuel Calvelo Iglesias; o secretario, Xabier Castro González; e os vogais Antón Pulido, Víctor Campio Pereira, Celso Sánchez González e Antonio Piñeiro. Á xuntanza de onte tamén asistiron convidados o conselleiro e o secretario xeral de Cultura, Xesús Vázquez e Anxo Lorenzo, ademais dos artistas Xosé Cid, Manuel Penín, Vidal Souto, Acisclo Manzano e Nicolás González Aller.
No 2014 cúmprense 35 anos do pasamento de Blanco Amor, «unha figura un tanto desvalida, xa que non ten unha fundación ou familiares directos que velen pola súa obra e garden a súa memoria», indicou Tosar, quen tamén se felicitou de que Blanco Amor siga a ter moitos lectores, «aínda que a súa faceta poética, o seu teatro e o seu xornalismo merecen máis atención». O vindeiro 21 de marzo a Insua dos Poetas tamén celebrará os días mundiais da árbore, da auga e da poesía.”

Crónica da conmemoración do 50 aniversario da morte de Gonzalo López Abente

Desde a Fundación Gonzalo López Abente:
“A transcendente figura do poeta Gonzalo López Abente para os muxiáns e para o conxunto da cultura galega, foi homenaxeada no 50 aniversario da súa morte, que tivo lugar o 23 de xullo de 1963. Os acto xa empezaran o sábado día 13, cunha exposición de pintura de Viki Rivadulla, e a estrea da composición musical de Miguel Brotóns, baseada no poema de Abente, O meu mar. O sábado día 20 a Fundación Gonzalo López Abente, organizadora do evento, celebrou un plenario, no que tomaron posesións como novos patróns, Xosé María Lema en representación da Real Academia Galega, ademais de José Enrique Benlloch e Xosé Luís Méndez Ferrín, ambos titulo persoal.
Despois do plenario os patróns e numerosos veciños de Muxía acudiron ao cemiterio para facer unha ofrenda floral na tumba de Gonzalo López Abente, onde falou o historiador Manolo Vilar sobre os acontecementos do enterro de López Abente, e os poetas Miro Villar e X. H. Rivadulla Corcón, deron lectura a textos de escritores coetáneos de López Abente sobre o seu falecemento.
Xa no Salón de Actos do Voluntariado continuaron os actos, que se iniciaron coa actuación das Pandeireteiras de Muxía, e a continuación presentouse o volume da Poesía Completa de Gonzalo López Abente, na que interviñeron Felix Porto, presidente da Fundación e Alcalde de Muxía, que deu lectura un texto enviado por Méndez Ferrín desculpando a súa ausencia e loando a figura de López Abente, de quen se manifesta entusiasta lector dende moi novo. Interviñeron tamén X. H. Rivadulla Corcón, que falou do significado da obra de Abente para as xentes de Muxía, como está feita a partir dun sentimento moi muxián, e de como a figura do poeta e a súa obra son a día de hoxe un dos símbolos identitarios máis relevantes de Muxía. Miguel Anxo Fernán Vello, director de Edicións Espiral Maior, editora da obra conxuntamente coa Fundación, falou da importancia que ten para a cultura galega contar coa obra de López Abente recollida integramente no volume que presentaban, e por último Miro Villar, editor literario da Poesía Completa, falou dos criterios da edición e de como para el supoñía, esta edición, cumprir un soño longamente agardado, e lembrou como chegou á obra de López Abente, descubrindo un poeta dunha alta calidade literaria e lingüística.
Despois desta presentación tocou a quenda da entrega do Iº premio de Poesía Gonzalo López Abente, que foi entregado a Daniel Salgado polo seu libro Dos tempos sombrizos (Diario). Interviñeron, de novo Félix Porto, e a continuación Manuel Bragado, director de Edicións Xerais, que editará o libro premiado, que falou da importancia dos premios para a poesía galega. A continuación Marilar Aleixandre falou en nome do xurado, lendo a acta do premio, e comentando as claves da obra premiada. A Daniel Salgado entregáronlle o premio, Arturo Suárez, tesoureiro da Fundación, e Viki Rivadulla, que ademais de secretaria da Fundación e do xurado, é a autora da escultura que se lle entregou ao premiado conxuntamente coa dotación económica.
A continuación tivo lugar a doazón que os pintores, Xervasio Sar, e Nolo Suárez, fixeron de sendos cadros á Fundación, como agasallo a xeito de homenaxe persoal á figura de López Abente.
E o broche final foi a estrea dunha peza musical baseada no poema de Abente A pedra da Barca musicado por Charo Vázquez Freire, directora da Coral Virxe da Barca, que interpretou a peza musical.”

Festa da Palabra na Insua dos Poetas, por Armando Requeixo

Crónica de Armando Requeixo no seu blogue, Criticalia:
“Onte sábado, 20 de xullo, o pequeno lugar de Esgueva, na parroquia de Madarnás, concello do Carballiño, acolleu un insólito evento literario: a Festa da Palabra, celebrada nunha contorna natural de excepcional beleza que leva o sonoro nome de Insua dos Poetas.
O organizador do acto, o poeta Luís González Tosar, é tamén o presidente da fundación homónima que convoca cada ano o evento e concede os Premios Sete Carballas para homenaxear distintos particulares ou colectivos que, dende os ámbitos do artístico, o humanístico ou o social, se signficaron a prol da defensa da nosa terra e a nosa cultura.
Este ano os premiados foron, na categoría de Mellor Iniciativa Cultural a Fundación Premios da Crítica de Galicia; na de Arte e Natureza, o pintor Antón Sobral; na de Medio Ambiente, a Asociación Ridimoas; na de Cultura Galega na Emigración, o Instituto Santiago Apóstol de Buenos Aires; na de Compromiso Empresarial, Aceites Abril; na de Acción Social, a Asociación Antidroga Renacer de Ribeira e na categoría de Mellor Medio de Comunicación, a sección de Cultura de La Voz de Galicia.
Con motivo desta entrega coincidiron neste anfiteatro xeórxico artistas, escritores, intelectuais e representantes institucionais nun evento no que interviu como mantedor Xesús Alonso Montero en calidade de presidente da RAG e no que recitaron os seus poemas Salvador García-Bodaño, Arcadio López Casanova e mais Víctor Campio Pereira, aos que acompañaron con interludios musicais os compoñentes do Grupo Tradicional Laghareu.
O acto central desta xuntanza, presentada por Xavier Castro Martínez, foi o desvelamento da escultura Rexurdimento da autoría de Pedro José Rodríguez Álvarez, ao pé da que figuran inscritos versos de Rosalía, Curros e Pondal, pois esta V Edición da Festa da Palabra estaba dedicada, xustamente, ao noso Rexurdimento na voz destes tres incomparables poetas.
Logo da entrega de premios, as correspondentes intervencións e o descubrimento da escultura, tivo lugar un animado xantar campestre no marco do cal foron repartidos diversos agasallos, entre eles a recente edición da Obra poética e teolóxica de Faustino Rey Romero realizada por X. Ricardo Losada e, para algúns escolleitos, un dos contados exemplares do cartafol V Festa da Palabra. Rexurdimento que, para tal ocasión, prepararon os organizadores nunha tiraxe de tan só trinta exemplares numerados e asinados polo autor das sete láminas inseridas na carpeta, o pintor Nicolás González Aller, quen iluminou coas súas coloristas creacións versos de Rosalía, Curros, Pondal, Díaz Castro, Celso Emilio, García-Bodaño e mais González Tosar, algúns deles reproducidos tamén nas esculturas que adornan esta singular paraxe.
Cómpre felicitar á Fundación Insua dos Poetas e o principal promotor e responsable deste evento, o poeta Luís González Tosar, por tan significada iniciativa a prol do espallamento das nosas letras, a nosa cultura e a nosa lingua nunha contorna nomeadamente fermosa na que onte foi a palabra e a palabra de noso a que reinou entre bos e xenerosos.”

Muxía: actos do 50 aniversario do pasamento de Gonzalo López Abente

Piloño, Vila de Cruces: XI edición da Forxa Literaria-Encontros Culturais no Rural

Desde La Voz de Galicia:
“A úndécima edición da Forxa Literaria-Encontros Culturais no Rural celébrase os 12 e 13 de xullo. Así o deron a coñecer os patronos de A Solaina, Damián Payo e Armindo Salgueiro, coa presidenta Carmen Lareo ao fronte quen remarcou que se oficializou o nome da fundación como Paco Lareo-A Solaina de Piloño.
A forxa tributará homenaxe ao escritor cruceño Xosé Neira Vilas e que comezará ás 18:00 horas do venres 12 cunha benvida da presidenta e autoridades para dar paso á inauguración de dúas exposicións; unha de Ángel Utrera que se abrirá ao público baixo o título de Invisibles como nós e as Rosas brancas entre dúas lúas, de Dolores Tranché. De seguido dará comezo unha mesa redonda na que intervirán o propio Neira Vilas xunto a Xesús Alonso Montero, Valentín García, Cándido Pazó, Xosé Luna, Rosario Golmar e Xosé Luís Reimóndez. A primeira xornada da forxa proseguirá co descubrimento dun bronce coa figura de Neira Vilas, autoría de Paco Lareo, que deixou feito en vida para esta homenaxe. Interpretaranse as Muiñeiras de Neira Vilas e de A Solaina, haberá poesía de Rosalía Morlán e Loli Veloso e concertos de Mini e Mero, Manoele de Felisa, Xosé María Varela xunto á actriz Tamara Lema e Alba Costa; para rematar cun ágape agasallo de Siro. O sábado 13, á mesma hora, abrirase a forxa cun recital músico poético con intervencións de Alba Payo, Andrea Porto, Carlos Negro, Celso Fernández Sanmartín, Cristina Gende, Iria Pedreira, Lucía Aldao e María Lado. O grupo de clarinetes de Lalín, os Hadhietxekos, porán as notas músicais a un día no que se lle fará entrega da medalla de Amigos de A Solaina a José Luis Ferreiro e Ana Fernández Carlín. Haberá un ágape para pechar os encontros.”