A
AELG pretende facer máis visíbel ante a sociedade a literatura de tradición oral levando a Lugo a súa Gala dos Premios Mestras e Mestres da Memoria que, co lema «Lugo, Capital Galega da Literatura de Tradición Oral», terá lugar o 19 de marzo, ás 19:00 horas, na Casa do Saber (Vicerreitorado da USC-Lugo, Praza Pío XII, 3), na xornada previa ao Día da Narración Oral.
O obxectivo principal da Gala é a entrega dos IV Premios Mestras e Mestres da Memoria, que se concede a dous informantes de literatura popular, por toda unha vida de dedicación exemplar á transmisión oral de saberes e valores da nosa cultura popular tradicional.
A proposta da Sección de Literatura de Tradición Oral, aprobada na Asemblea xeral de Socios-as, foi a de outorgar os premios de 2016 a Dolores Macías Pose e Mini e Mero.
No acto, ademais dos premiados, intervirán o grupo de gaiteiros Lúa chea de San Xoán, o acordeonista Eloi Mato, Matilde Vilariño e Francisco Almuíña.
Entrada libre até completar aforo.
Arquivo da categoría: Asociación de Escritoras-es en Lingua Galega
Lisboa: (Des)encontros galego/portugueses
“O Centro de Estudos Galegos da Faculdade de Ciências Sociais e Humanas da Universidade Nova Lisboa (FCSH/NOVA) organiza o ciclo de eventos (Des)Encontros Galego-Portugueses, que terá lugar en Lisboa durante os meses de marzo, abril e maio no local da Xuventude de Galicia – Centro Galego de Lisboa. Estruturado en seis sesións monográficas, abordará temas como a lingua, a historia e a cultura da fronteira, a emigración, as loitas pola democracia ou a relación de Manuel María con Portugal e a súa cultura.
A primeira sesión terá lugar o próximo 4 de marzo, ás 19h, e estará centrada na lingua. Contará coa presenza de Marco Neves, tradutor e profesor da FCSH/NOVA, e de José Ramom Pichel, enxeñeiro informático e investigador na área dos sistemas de tradución. A intervención de Neves leva por título “Galego: a língua invisível”, e nela interrogarase polas razóns que dificultan aos portugueses recoñecer o galego, ademais de avaliar as vantaxes que o reencontro co galego poderían fornecer para Portugal. A intervención de Pichel, titulada “Galiza, essa peça de Tetris linguística a configurar e encaixar entre os relatos de Espanha e Portugal”, abordará a eliminación do galego do relato político e lingüístico portugués, así como as novas perspectivas que a expansión da Web, a flexibilización das fronteiras ou a Lei Valentín Paz Andrade conceden aos falantes de galego no futuro inmediato.
A segunda sesión terá lugar o 18 de marzo. Nela, a antropóloga e profesora da FCSH/NOVA, Paula Godinho afondará na historia do Couto Mixto, especialmente no tratado asinado en 1864 polos estados español e portugués e nos procesos de resistencia desenvolvidos polas poboacións afectadas. O día 8 de abril, Carlos Pazos, profesor da Universidade do Minho, ofrecerá as súas reflexións sobre as imaxes e os estereotipos que sobre a Galiza e as persoas galegas se foron xerando en Portugal ao longo da historia, nunha conferencia titulada “Dos gallegos de exportação à Eurorregião. Visões lusas da Galiza e os galegos”.
A cuarta sesión do ciclo será realizada o 22 de abril e estará centrada nos procesos de resistencia ás ditaduras salazarista e franquista. Con este motivo, será exhibido o filme Santa Liberdade da realizadora galega Margarita Ledo Andión. O día 7 de maio regresa o tema da emigración ao ciclo, a través dunha visita guiada polos espazos máis importantes da historia da comunidade galega en Lisboa, como o barrio da Bica onde durante moitos anos os galegos desenvolveron o oficio de aguadeiros e coñecido naquela época como a “Illa dos galegos”.
Pechará o ciclo, o 20 de maio, unha conferencia de Mercedes Queixas Zas sobre a relación de Manuel María con Portugal e a súa cultura, nunha ponencia que leva por título “Voltar a Portugal, dourada luz que ilumina”.
O Ciclo (Des)Encontros Galego-Portugueses é organizado en parcería co Centro Galego de Lisboa e a Asociación de Escritores/as en Lingua Galega. Fai parte do programa de actividades culturais do Centro de Estudos Galegos da FCSH/NOVA, que integra a rede de Centros de Estudos Galegos no exterior da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia. Este programa completarase nos próximos meses con outros eventos, como as visitas a Lisboa da escritora Teresa Moure (16 a 18 de marzo) e da antropóloga Luzia Oca González (19 e 20 de abril).”
Helena Villar elixiu Rianxo para celebrar a homenaxe da AELG “A Escritora na súa Terra”
O
pasado 13 de febreiro a Asemblea de Socias/os da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) aprobou por unanimidade outorgar a Letra E de 2016 a Helena Villar Janeiro. Entregaráselle no marco dos actos de homenaxe que baixo o nome “A/O Escritor/a na súa Terra – Letra E” a AELG vén celebrando desde hai 22 anos; será en Rianxo por decisión da autora, o día 18 do mes de xuño.
Esta iniciativa anual conforma xa unha tradición na traxectoria da Asociación, e tense constituído ao longo de máis de dúas décadas como unha celebración na que a Terra, a través neste caso do Concello de Rianxo, e a propia homenaxeada cobran un protagonismo fundamental, pois é vontade da AELG honrar escritores/as procurando o contacto directo co autor/a e a súa implicación persoal na xornada de homenaxe.
O xoves 25 de febreiro tivo lugar unha reunión de Cesáreo Sánchez co alcalde de Rianxo, Adolfo Muíños, para tratar dos detalles da organización, dado que esta celebración múltiple e popular conta cunha serie de eventos como a plantación dunha árbore simbólica, a colocación dun monólito conmemorativo e a atribución do nome da homenaxeada a un espazo público ou infraestrutura cultural do concello, ademais dun acto de estudo da traxectoria literaria da persoa recoñecida a través dunha laudatio que será feita por Marica Campo, acto que remata coa entrega da Letra E, unha peza escultórica que este ano elabora o escultor Caxigueiro.
A Coruña: O fillo da furia. 20 voces por Lois
O domingo 28 de febreiro, ás 12:30 horas, no Teatro Rosalía de Castro da Coruña, terá lugar O fillo da furia. 20 voces por Lois, homenaxe a Lois Pereiro, froito dunha colaboración entre AELG e o Concello da Coruña.
Coa participación de Alfredo Ferreiro, Álvaro Antelo, Ana Romaní, Antía Otero, Dores Tembrás, Estibaliz Espinosa, Iolanda Zúñiga, Lino Braxe, Manuel Rivas, Mario Regueira, Miguel Mato, O Leo i Arremecághona, Ramiro Torres, Rosalía Fernández Rial, Silvia Penas, Xavier Seoane, Xosé Henrique Rivadulla Corcón, Xulio Valcárcel e Yolanda Castaño.
Coa colaboración das actrices Manuela Varela e Sabela Hermida.
Produción: Xosé Manuel Pereiro, Mercedes Queixas e Lino Braxe.
Escola de Escritoræs: Obradoiro a cargo de Carlos Negro. “O poema é un animal escondido”
Obradoiro de creación literaria d
a Escola de Escritoras/es da AELG, a cargo de Carlos Negro, cunha sesión de malabarismo creativo a cargo de Baldo Ramos.
No Pazo da Cultura de Pontevedra (Rúa Alexandre Bóveda)
Aberto o prazo de inscrición.
25 prazas, gratuítas, para maiores de 16 anos, que se adxudicarán por orde de solicitude (inscricions@pontevedra.eu).
O poema é un animal escondido
Se queres escribir, desanda o camiño.
Abre os ollos, as orellas, as portas da casa.
Escoita o inaudible.
Achégate como quen pasa a man polo lombo dunha besta salvaxe.
Estou dentro de ti.
Eu son o poema.
O Día de Rosalía está aquí para ficar
Desde
Sermos Galiza:
“Un ano máis as redes sociais ferveron co #MobilizaRosalía e co #DíadeRosalía. Asociacións, centros escolares e desta vez tamén algunhas institucións implicáronse a fondo nunha xornada que medra cada ano desde abaixo. (…)
Desde hai uns anos o Día de Rosalía converteuse de facto nunha das datas culturais máis destacadas do ano. Sen grandes investimentos, coa forza que dá un movemento desde abaixo, porque Rosalía une. Ou como dixo Xurxo Lobato, “Rosalía é unha das poucas figuras que une as diferentes tribos galaicas”. Mesmo Google lle dedicou un ‘doodle’ o ano pasado.
Este ano as deputacións da Coruña, Pontevedra e Lugo implicáronse a fondo, algunhas delas por primeira vez. A da Coruña, da man do seu departamento de Cultura, organizou un acto de homenaxe e “liberou” catro imaxes de Rosalía deseñadas por catro autoras: Uqui Permui, Aurora Cascudo, Aldara Prado e Paula Mayor. (…)
Cesáreo Sánchez, presidente da AELG, unha das principais promotoras desta celebración, tamén considera que é unha data consolidada. “Hai máis de 50 concellos que están a facer actos do Día de Rosalía, e iso que nós saibamos. E arredor de 100 centros escolares teñen actividades”.
Con respecto ás institucións, a Sánchez parécelle positivo que xa se inclúa no calendario cultural da Consellaría, pero sinala que “falta agora que a consellaría de Educación o inclúa como día lectivo dedicado a Rosalía, porque sería recoñecer institucionalmente a importancia da nosa poeta”.
A AELG segue apostando por unha data na que se agasalle un libro en galego e unha flor. “Sería importante porque a propia industria cultural o necesita”. E insiste en que o Día de Rosalía non compite co Día das Letras, senón que se complementa.
Para Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía, esta xornada “está en camiño dunha clara consolidación”. “Non hai máis que mirar toda a cantidade de actos levados adiante por asociacións, concellos e mundo escolar. E abonda con ver as redes sociais para comprobar que ten un protagonismo cada vez maior”. (…)”
24 de febreiro, Día de Rosalía de Castro: Mobiliza Rosalía
Desde o profundo da voz e co seu canto radical e solidario, Rosalía de Castro mobiliza a nosa conciencia colectiva, galega e universal.
Pode descargar aquí o cartel base do Día de Rosalía de Castro 2016, en formatos pdf e jpg.
A obra de Rosalía, adiantada ao seu tempo, fala tamén para a mocidade do século XXI: adáptase, camaleónica, a todos os soportes e medios de difusión tecnolóxica, en papel ou dixitais.
A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) disponse a conmemorar un ano máis o Día de Rosalía de Castro. O 24 de febreiro, fixado no Calendario do Libro e da Lectura como aniversario do nacemento da autora, esta entidade propón á cidadanía que agasalle un libro en galego e unha flor, alén doutras accións que contaron con grande aceptación e impulso por parte da sociedade, e moi especialmente polo sector educativo, como se pode comprobar no arquivo audiovisual e de imaxes da nosa web.
No Twitter:
No Facebook:
No Instagram:
Actos promovidos pola AELG (actualización diaria)
Sigue lendo
Mobiliza Rosalía, no Día de Rosalía de Castro
Desde o profundo da voz e co seu canto radical e solidario, Rosalía de Castro mobiliza a nosa conciencia colectiva, galega e universal.
Pode descargar aquí o cartel base do Día de Rosalía de Castro 2016, en formatos pdf e jpg.
A obra de Rosalía, adiantada ao seu tempo, fala tamén para a mocidade do século XXI: adáptase, camaleónica, a todos os soportes e medios de difusión tecnolóxica, en papel ou dixitais.
A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) disponse a conmemorar un ano máis o Día de Rosalía de Castro. O 24 de febreiro, fixado no Calendario do Libro e da Lectura como aniversario do nacemento da autora, esta entidade propón á cidadanía que agasalle un libro en galego e unha flor, alén doutras accións que contaron con grande aceptación e impulso por parte da sociedade, e moi especialmente polo sector educativo, como se pode comprobar no arquivo audiovisual e de imaxes da nosa web.
No Twitter:
No Facebook:
No Instagram:
Actos promovidos pola AELG (actualización diaria)
Sigue lendo
Manifesto da AELG no Día de Rosalía 2016
A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega fai público o seu manifesto do Día de Rosalía de Castro de 2016, que foi encomendado ao autor Suso de Toro, quen foi tamén o encargado de darlle lectura o domingo 21 de febreiro, no acto central co que a AELG conmemorou a data de nacemento da nosa autora no Panteón de Galegos Ilustres.
Este manifesto será tamén lido en todos os actos que esta entidade celebrará por todo o país entre hoxe domingo e o propio Día de Rosalía de Castro, o vindeiro mércores 24 de febreiro.
Pode consultar o manifesto aquí.

E aquí, fotos do acto. Sigue lendo
A AELG reivindica un Panteón de Galegos Ilustres para o pobo
Desde
Sermos Galiza:
“No acto que celebrou a Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG) polo Día de Rosalía -que terá lugar esta cuarta feira (día 24)-, Cesáreo Sánchez pediu acabar coa ocultación e o secuestro ao que están sometidos os galegos ilustres, entre os que se atopa a propia Rosalía.
“Aínda que poida ser desolador estar nun lugar onde os nosos símbolos nacionais están materialmente ocultados e que só é accesíbel co permiso eclesiástico, trátase dun exercicio de inmersión na realidade máis cruel que temos que transformar”, apunta Cesáreo Sánchez en declaracións a Sermos Galiza, “máis cedo que tarde, Rosalía ten que ser rescatada do secuestro, os galegos e galegas non podemos tolerar esta situación ferinte”.
O presidente da AELG lembra que “no seu día o corpo de Rosalía foi traído aquí nun acto de voluntaria transcendencia cultural e política para o galeguismo de entón. Seguían a estrela que Rosalía levaba na fronte e que Curros cantou”. “Otero dixo: nesta hora estará a nacer algún recanto da nosa terra, o home ou a idea que transformará en pobo profundo o ritmo da nosa historia. Esa muller foi Rosalía de Castro”, engade o presidente da AELG.
Na conmemoración das escritoras e escritores galegos tamén interveu Suso de Toro, quen apelou a Rosalía como un crisol onde a cerna do pobo tomou forma e tivo alma e como a poeta das desposuídas que foi quen de construír un relato e de fundar todo un pobo. De Toro, que leu o manifesto da AELG, describiu Rosalía como unha persoa “verdadeira e libre”. “Debido ás circunstancias sociais da época, tivo que pagar esa liberdade, pechada na súa casa cos seus poemas”, apuntou o escritor, quen tamén lembrou a “xustiza social” que Rosalía pedía para os desherdados.
No acto da AELG, María Xesús Astrai, Afonso Becerra, Rosalía Fernández, Margarita Ledo, Celia Parra, Mercedes Queixas, Eli Ríos, Isabel Risco, Alba María e Francisco Susavila recitaron poemas da autora. Tamén participou a Coral da Asociación Solfa, que lle puxo voz a poemas da propia Rosalía, de Cabanillas e de Manuel María.”



