“Agustín Fernández Paz
vén de ser proposto pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega -AELG- para o nomeamento como Doutor Honores Causa en Filoloxía Galega pola Universidade de Vigo, nunha carta asinada por Cesáreo Sánchez e Mercedes Queixas. Tal e como informa o colectivo de autor@s, é este o primeiro paso nun camiño cuxo final se coñecerá nos vindeiros meses. “Agardamos que remate co xusto e merecido recoñecemento”.
Segundo o texto, “o motivo da nosa proposta vén xustificado pola voluminosa obra de recoñecido prestixio do autor, premiado mesmo a nivel internacional cos recoñecementos de maior importancia e proxección, sobranceando nel a figura dun escritor que desde as últimas décadas elevou e segue a elevar a literatura infantil e xuvenil en galego á categoría de obra mestra, con amplísima incidencia social, asentada nunha incuestionábel calidade estética e nuns valores éticos imprescindíbeis para unha sociedade verdadeiramente democrática como a que queremos construír.”
A Plataforma para a defensa e promoción da lingua galega –Prolingua-, da que Fernández Paz fai parte, fíxose eco xa da proposta da AELG. “É unha excelente nova”, que vén sumarse aos méritos “literarios, científicos, lingüísticos e patrióticos” que do autor destacaron algúns membros do Departamento de Filoloxía Galega. Prolingua lembrou que o vindeiro 30 de xuño terá lugar na cidade olívica a Homenaxe Nacional a Fernández Paz.” Desde Sermos Galiza.
Arquivo da categoría: Asociación de Escritoras-es en Lingua Galega
Lugo: presentación da Escola de Narración Oral da AELG
O
luns 25 de xuño, ás 20:00 horas, na Praza de Ánxel Fernández López (detrás da Casa do Concello de Lugo), preséntase a Escola de Narración Oral da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, que botará a andar coa colaboración da Concellaría de Cultura, Turismo e Promoción da lingua do Concello de Lugo. Contará coa presenza de Antón Bao, concelleiro, Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da AELG, e Antonio Reigosa, vogal e coordinador da Sección de Literatura de Tradición Oral da AELG. Ao remate do acto, o Grupo Palimoco Teatro representará un fragmento de Queres que cho conte?, proxecto de dramatización do conto popular tradicional.
O primeiro dos obradoiros de narración oral terá lugar na cidade de Lugo, no Centro Social Municipal Uxío Novoneyra, entre setembro e decembro deste ano, impartido por Antonio Reigosa e Isidro Novo. O prazo de inscrición ábrese o mércores 27 de xuño e a solicitude realizarase no Edificio Administrativo do Concello de Lugo (Ronda da Muralla, s/n). Pode descargar aquí o modelo de solicitude. O obradoiro, gratuíto, está dirixido a persoas de máis de 15 anos.
Deixamos aquí este vídeo co acto da presentación:
Universidade do Minho, Braga: I Jornadas Galiza mais perto, os 14 e 15 de xuño
O
Centro de Estudos Galegos da Universidade do Minho, en colaboración coa Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega -con patrocinio da Secretaría Xeral de Política Lingüística-, organiza as I Xornadas Galiza máis perto, que decorrerán os días 14 e 15 de xuño na Universidade do Minho.
O obxectivo será procurar áreas de converxencia relativas ás matérias abordadas (literatura, lingua, música…) e aproximar dúas realidades que partillam unha historia, unha lingua e unha cultura: a Galiza e o Norte de Portugal.
14 de Junho:
– 9h.30. Sessão de abertura.
– 10h.00. AELG: 30 anos a escrever a história recente da literatura galega (Mercedes Queixas, Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega).
– 10h 45. Sombras e luzes: unha aproximação á historia da literatura galega (María Vilariño, Universidade da Coruña).
– 11h. 30. Café.
– 11h. 45. Resistencia política na narrativa galega contemporánea (Mario Regueira, Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega)
– 12h. 30. Almoço.
– 15h. 00. Mesa redonda: A literatura galega e portuguesa hoje com:
* Mario Regueira (Escritor galego).
* Lorena Souto (Escritora galega).
* Marta Gomes (Escritora portuguesa).
– 16h. 30. Em conversa com a Mafalda Arnauth.
15 de Junho:
– 10h. 00. Galegos, galego-portugueses ou espanhóis? Questões de imagem (Carlos Pazos, Universidade do Minho).
– 10h. 45. Café.
– 11h. 00. Mesa: A língua galego-portuguesa através da sua historia:
* Panorama histórico sobre a língua galega (Xoán López Viñas, Universidade da Coruña).
* O galego nos textos metalinguísticos portugueses (séculos XVI-XIX) (Sónia Duarte, Universidade do Porto).
– 12h. 30. Almoço.
– 14h. 30. Eurorregião Galiza-Norte de Portugal: novas oportunidades financeiras, económicas e sociais (Artur Jorge Barroso, Universidade do Minho).
– 15h. 15. A tradição oral galego-portuguesa (Emilio Cambeiro, Universidade Nova de Lisboa).
– 16h. 00. Música galega: Intervenção, normalização e desleixo (Alberto Pombo, Universidade de Estremadura).
A inscrición (para recibir certificado de presenza) é gratuíta e pódese formalizar na web ou neste mail de contacto: ceg@ilch.uminho.pt
Celanova: No centenario do nacemento de Celso Emilio Ferreiro, o 20 e 21 de xuño
O
mércores 20 (de 10:45 a 12:25 h.) e o xoves 21 de xuño (de 19:00 h. en diante), na Biblioteca do IES Celanova, baixo a organización desta Biblioteca e da Coordinadora comarcal de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística Terra de Celanova e Baixa Limia, e a colaboración da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega e a Fundación Celso Emilio Ferreiro, celebraranse diversas actividades baixo o nome de No centenario do nacemento de Celso Emilio Ferreiro.
Exposicións:
– Celso Emilio Ferreiro. Letras Galegas 1989 (IES de Celanova). Elaborada no I.B. Celso Emilio Ferreiro no curso escolar 1988-1989.
– Descubrindo a Xocas (CEIP Xaquín Lourenzo “Xocas” – Bande). Libro feito polo alumnado de Educación Infantil.
– O foxo do lobo das Covateiras (CEIP Xaquín Lourenzo “Xocas” – Bande). Maqueta elaborada a partir do libro de Davide Pérez Os foxos do lobo. A caza do lobo na cultura popular.
– Moais do val do Limia (IES Aquis Querquernis – Bande)
– Os ollos das palabras. Exposición de obra gráfica de Baldo Ramos.
Presentacións:
– Mostra bibliográfica Escritores da comarca Terra de Celanova – Baixa Limia (IES de Celanova). Inauguración da mostra permanente de fondos dos escritores da comarca.
– Vieiros de palabra. Terra de Celanova – Baixa Limia en letras de autor. Presentación do libro conformado por textos orixinais de corenta e cinco autores vivos da comarca, editado pola Librería Conde, de Celanova.
Audiovisuais:
– A miña palabra preferida é… (CEIP Curros Enríquez – Celanova). Vocábulos escollidos polo alumnado, presentes na obra de escritores de Celanova.
– Celanova ten un vento (CPR Sagrado Corazón – Celanova). Vídeo-poema cantado a partir do texto de Celso Emilio Ferreiro.
– A máis fermosa roseira (CEIP Rogelio García Yáñez – Ramirás). Versión de poemas de Lois Antón Pérez e de Xoán Carlos Domínguez Alberte.
– Loa ao porco bravo (CEIP San Marcos – Cartelle). Versión dun poema de Henrique Feixó.
– Letras do val do Limia (IES Aquis Querquernis – Bande).
– Audiovisual sobre os escritores da bisbarra da Baixa Limia.
– Deus che dea ira, que paciencia tes de abondo (IES Lagoa de Antela – Xinzo de Limia). Audiovisual sobre Celso Emilio Ferreiro, elaborado polo Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística (ENDL).
– Ás veces fáltannos palabras (IES de Tomiño). Versión plurilingüe dun poema de Baldo Ramos, elaborada polo EDLG.
Recitais:
– Recital musicado dos poemas Nai, Soldado e Moraima, de Celso Emilio Ferreiro (IES de Celanova).
– Interpretación musical dos poemas Bande e María Soliña, de Celso Emilio Ferreiro (IES Aquis Querquernis – Bande).
Intervencións:
– Celso Emilio Ferreiro fai cen anos. Palabras de Luís Ferreiro, presidente da Fundación Celso Emilio Ferreiro.
– Escritores da Terra. Terra de escritores. Lectura, a cargo do presidente, Cesáreo Sánchez Iglesias, dun manifesto elaborado pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega
– A palabra dos nosos escritores. Lectura de textos de autores da comarca de Terra de Celanova – Baixa Limia.
Propostas:
– Proposta do IES de Celanova para pasar a se denominar IES Celso Emilio Ferreiro.
A Coruña: presentación dos 50 carteis conmemorativos do cincuenta aniversario do Día das Letras Galegas
A
Real Academia Galega presenta o venres día 1 de xuño ás 19:30 horas, no xardín de San Carlos da Coruña, os 50 carteis conmemorativos do cincuenta aniversario do Día das Letras Galegas. Co fin de achegar a un público amplo a dimensión e significado do 50 aniversario do Día das Letras Galegas, a Real Academia Galega desenvolveu unha serie de actividades celebratorias ao redor desta data. Entre elas a elaboración de cincuenta carteis, cada un deles dedicado a unha das figuras homenaxeadas durante estes cincuenta anos, de Rosalía a Paz Andrade. Para levar adiante esta iniciativa contouse coa colaboración desinteresada e xenerosa de varios colectivos profesionais e dos seus asociados:
– A Asociación Galega de Deseñadores (DAG). Entidade que encomendou entre os seus asociados a realización das cincuenta pezas.
– A Asociación de Escritores/as en Lingua Galega (AELG) encargoulles a cincuenta escritores/as a redacción de cincuenta frases que se incorporaron a cada un dos cincuenta carteis.
– A Asociación Galega de Artes Gráficas realizou a impresión dos carteis.
– Torras Papel forneceu o papel.
– A Asociación Galega de Editores asumiu a distribución das coleccións de carteis en librarías e bibliotecas.
– A Federación Galega de Libreiros comprometeuse a promover desde as librarías a difusión dos carteis.
– A Asociación Profesional de Bibliotecarios Municipais de Galicia e ANABAD-Galicia promoven a difusión dos carteis e organizan actos relacionados coa efeméride.
O acto contará coa intervención de escritores e deseñadores participantes, así como cos representantes das asociacións que promoven o proxecto. Pecha o acto o Presidente da Real Academia Galega, D. Xosé Luís Méndez Ferrín.
O escritor na súa terra: Xavier R. Baixeras. Ribadeo, 2012, o sábado 2 de xuño
A
Homenaxe O/A Escritor/a na súa Terra, que cada ano impulsa a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), chega neste 2012 a súa XVIII Edición recaendo, por decisión da Asemblea de Socias e Socios, na figura de Xavier Rodríguez Baixeras.
Celebraremos esta XVIII edición o vindeiro sábado, 02 de xuño, na vila de Ribadeo, que con nós colabora. A partir das 11:30 horas desenvolverase o programa de actos que se detalla máis abaixo. Como é habitual, remataremos a homenaxe cun xantar de confraternidade que celebraremos no Restaurante “O Cabazo” e cuxo prezo por persoa é de 32 euros.
De estardes interesados/as en asistir ao xantar confirmádenolo chamando, até o vindeiro luns 28 de maio –inclusive– ao teléfono 981 133 233 (de luns a xoves, de 08:00 a 14:30 e de 15:30 a 17:30; venres de 08:00 a 14:30); ou enviando un correo electrónico a oficina@aelg.org. Poremos á vosa disposición un autobús que sairá de Vigo e fará unha parada en Santiago de Compostela e outro autobús que sairá dende A Coruña. Este servizo de autobuses farase sempre e cando haxa un mínimo suficiente de peticións.
Programa de actos
– 11:30 horas. Parque “Os Canapés” (O Xardín). Plantación da palmeira (árbore simbólica do escritor) e descubrimento do Monólito conmemorativo dedicado ao homenaxeado. Interveñen:
• Cesáreo Sánchez Iglesias, Presidente da AELG.
• Mari Luz Álvarez Lastra, Concelleira de Cultura, Educación e Igualdade.
• Xavier Rodríguez Baixeras.
– 12:30 horas. Salón de Plenos da Casa do Concello de Ribadeo, rúa Praza de España, 1. Acto de entrega da letra E. Interveñen:
• Fernando Suárez Barcia, Alcalde de Ribadeo.
• Mercedes Queixas Zas, Secretaria Xeral da AELG.
• Cesáreo Sánchez Iglesias, Presidente da AELG.
• Xosé María Álvarez Cáccamo. Laudatio.
• Entrega da peza escultórica de Silverio Rivas.
• Intervención do homenaxeado: resposta á laudatio por parte de Xavier Rodríguez Baixeras.
– 13:45 horas. Visita ao Parque Xavier Rodríguez Baixeras (zona do Cargadeiro).
– 14:30 horas. Restaurante “O Cabazo”, rúa Río do Amalló, 1. Xantar de Confraternidade. Aberto aos socios/as da AELG, á veciñanza de Ribadeo e demais persoas interesadas.
Vexa aquí o cartel e o programa en pdf.
A biografía nómade de Xavier Rodríguez Baixeras (Tarragona, 1945), o seu tránsito de habitante en diferentes cidades e países, a procura do centro estábel nalgún punto da rosa dos ventos –maiormente a Beira Norte, a Mariña, de Ribadeo a Nois–, conforman constantes existenciais que alicerzan o edificio da súa escrita, asentada sobre os símbolos da Viaxe e a Casa, arquetipos dinámicos en constante interacción complementaria.
Desde os seus inicios foi construíndo o poeta un código de singular estilo, caracterizado pola tensión das solucións formais, a perspectiva interrogante e asombrada, o exercicio dunha ollada simbólica e arquetípica que se expresa en pronuncia natural, certo efecto de estrañeza producido polo equilibrio entre a visión onírica e o deseño figurativo e o dominio absoluto das técnicas rítmicas e musicais. Xavier Rodríguez Baixeras, figura máxima da xeración poética dos 80, poeta fundamental na historia completa da Poesía, mestre de coetáneos e herdeiros, foi labrando na súa obra un dos discursos máis transcendentes e reveladores da contemporaneidade.
A singularidade da súa voz e do seu estilo procede da actitude ética e temperamental de quen mantén unha moi consciente orientación de independencia, moi afastado sempre da norma gregaria, aínda que comprometido tamén coas causas colectivas da xustiza e a fraternidade, desde a esquerda, desde o nacionalismo, sen deixarse seducir nunca polo engado do poder.
Coñécense as/os gañadoras/es dos Premios AELG 2012
Estes son os gañadores/as dos Premios AELG 2012, que premian as mellores obras editadas en 2011, e que se veñen de fallar na Cea das Letras da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega:
Narrativa: Laura no deserto, Antón Riveiro Coello, Galaxia.
Ensaio: Vivir, unha aventura irrepetíbel. Biografía de Mª do Carme Kruckenberg, Mercedes Queixas Zas, Galaxia.
Poesía: Leopardo son, Pilar Pallarés, Espiral Maior.
Teatro: Chegamos despois a unha terra gris, Raúl Dans, Xerais.
Mellor traxectoria de Xornalismo Cultural en 2011: Bieito Iglesias.
Literatura Infanto-Xuvenil: Fantasmas de luz, Agustín Fernández Paz, Xerais.
Tradución: Sonetos de Shakespeare, Ramón Gutiérrez Izquierdo, Xerais.
Mellor Blog Literario: As crebas, Miro Villar.
Rematado o fallo dos Premios AELG nas diferentes categorías literarias, procedeuse á entrega dos Premios outorgados pola Asemblea Xeral de Socios e Socias da Asociación de Escritoras e Escritores:
- Acordouse outorgar o premio para INSTITUCIÓNS que se caracterizan polo seu contributo á divulgación da literatura galega en diferentes ámbitos sociais, contribuíndo así á necesaria normalización lingüística. Nesta edición o galardón vai para o labor colectivo desenvolvido por tantas persoas que dende hai décadas, no ámbito da administración e da educación, contribuíron firmemente para a incorporación, fixación e acrecentamento de usos normalizados da lingua e, polo tanto, da literatura galega. Este labor comunitario quere ser recoñecido e singularizado pola AELG, nomeadamente, nos equipos humanos e profesionais que constitúen os Equipos de normalización lingüística dos centros de ensino e mais os Servizos de normalización dos concellos, colectivos responsábeis do desenvolvemento da lingua galega nos seus ámbitos de actuación. A magnitude do seu traballo e a implicación de tantas persoas boas e xenerosas non permiten o recoñecemento individual merecido para todas elas, polo que se acordou que recollera simbolicamente este premio Agustín Fernández Paz, unha persoa que dedicou unha parte moi importante da súa vida a traballar para avanzar no lento progreso normalizador, precisamente nestes dous ámbitos -o escolar e o administrativo- desde o marco teórico até a práctica didáctica, desde a palabra até a actuación e praxe máis coherente.
- Finalmente, a Asemblea Xeral de Socios e Socias decidiu outorgar o Premio Internacional da AELG ESCRITOR GALEGO UNIVERSAL, ao escritor JOSÉ LUIS SAMPEDRO. Concédeselle este máximo galardón da AELG a José Luis Sampedro para significar o alto contido ético e estético da súa obra e personalidade, que o converten nun referente na defensa da dignidade humana. Ante a imposibilidade de desprazarse a Galicia por razóns médicas, o presidente da AELG, Cesáreo Sánchez Iglesias, deu lectura a unha carta de Sampedro, na que indicou que “a vida négame o encontro en Galicia co máis feliz motivo”, “un premio de gran significado para min: galego era o meu avó paterno, que faleceu en Betanzos; de Galicia me falaba miña avoa cando neno; únenme recordos persoais con motivo dunha estadía en Ortigueira [na Universidade Popular]. Recordo así mesmo a Asociación Cultural Lóstrego en Madrid e amigos como Xosé Manuel Beiras –dos poucos que comprenderon os meus esforzos pola estructura (económica)-; e máis recentemente úneme a Galicia o meu afecto e admiración por Carlos Taibo e Manolo Rivas”. “Este premio sitúame en compañía de Gamoneda e outras nobres figuras [Mahmoud Darwish, Pepetela, Nancy Morejón, Elena Poniatowska, Juan Gelman e Antonio Gamoneda] que poñen de manifesto os criterios selectivos da AELG, en arte e ética, co que se subliña aínda máis esta honra.”
O Consello Directivo da AELG fixo constar os parabéns máis sinceros aos compañeiros e compañeiras de oficio hoxe premiados nesta Cea das Letras, felicitación e aplauso que fai extensiva a todos os autores e autoras finalistas, e mais os propostos na primeira quenda de votacións, cuxo labor creativo conxunto merece tamén aquí o público recoñecemento, pois todo el se converte nunha globalidade creadora, copartícipe testemuño necesario, ano a ano, dunha sementeira literaria que agroma para orgullo da sociedade galega desde a vindicación irrenunciábel da súa ferramenta máis prezada: a lingua galega en perpetua construción de futuro lexítimo.
É obrigado anotar o agradecemento a todos aqueles/as socios/as que participaron na escolla das obras gañadoras, ao longo das dúas quendas do proceso de selección, pois coa súa colaboración axudan a medrar o prestixio, a solidez e a divulgación do esforzo creativo en lingua galega, obxectivo prioritario para a AELG.
Vinte e seis obras finalistas compiten polos Premios AELG 2012, que chegan á súa XIII edición
Os 417 socios e socias da AELG xa escolleron os finalistas aos premios á mellor obra publicada no 2011 nas modalidades de ensaio, poesía, narrativa, tradución, teatro, blog literario, literatura infanto-xuvenil e traxectoria xornalística. Nestes dous últimos casos tamén participan na elección os asociados de Gálix e os membros do Colexio de Xornalistas respectivamente.
As obras gañadoras daranse a coñecer na Cea das Letras, un dos actos máis importantes na vida da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, que terá lugar o vindeiro 5 de maio en Santiago de Compostela.
Así pois, da conxunción de votos emitidos nunha primeira quenda resultaron finalistas:
Narrativa:
– Extramunde, Xavier Queipo, Xerais.
– Laura no deserto, Antón Riveiro Coello, Galaxia.
– Non hai noite tan longa, Agustín Fernández Paz, Xerais.
Ensaio:
– Como defenderes os teus dereitos lingüísticos, Carlos Callón, Xerais.
– Rosalía de Castro. Estranxeira na súa patria (a persoa e a obra de onte a hoxe), Francisco Rodríguez, Asociación Socio-Pedagóxica Galega.
– Vivir, unha aventura irrepetíbel. Biografía de Mª do Carme Kruckenberg, Mercedes Queixas Zas, Galaxia.
Poesía:
– balea2, Estevo Creus, Positivas.
– Leopardo son, Pilar Pallarés, Espiral Maior.
– Todas as mulleres que fun, Andrea Nunes Brións, Corsárias.
Teatro:
– A función do tequila, Manuel Guede, Deputación da Coruña.
– Chegamos despois a unha terra gris, Raúl Dans, Xerais.
– Fábula galénica, Inácio Vilariño, Baía.
Mellor traxectoria de Xornalismo Cultural en 2011:
– Anxo Tarrío.
– Bieito Iglesias.
– Iago Martínez.
– Ramón Chao Rego.
– Santiago Jaureguizar.
Literatura Infanto-Xuvenil:
– Fantasmas de luz, Agustín Fernández Paz, Xerais.
– Noutra dimensión, Marica Campo, Galaxia.
– O meu gato é un poeta, Fran Alonso, Xerais.
Tradución:
– Os trobadores de Occitania, Darío Xohán Cabana, Edicións da Curuxa.
– Sonetos de Shakespeare, Ramón Gutiérrez Izquierdo, Xerais.
– Versos escollidos (de Wisława Szymborska), Lucía Caeiro, Positivas.
Mellor Blog Literario:
– As crebas, Miro Villar.
– Caderno da crítica, Ramón Nicolás.
– Criticalia, Armando Requeixo.
Na segunda fase, xa en andamento, os asociados e asociadas decidirán as obras gañadoras.
Alén destas categorías, os Premios AELG constan doutros dous galardóns outorgados pola Asemblea de Socios e Socias da AELG: o premio para a Institución que se caracterizase pola súa contribución á divulgación da literatura galega, que este ano será para os Equipos de Normalización Lingüística dos centros de ensino e Servizos de Normalización Lingüística dos concellos; e mais o Premio AELG 2012 Escritor Galego Universal, outorgado pola Asemblea ao escritor José Luis Sampedro, galardón que o distingue como autor que combina a excelencia literaria co compromiso ético que o converte en referente na defensa da dignidade humana; a AELG agarda contar coa súa presenza na Cea das Letras.
A Coruña: A literatura e a música, con Paulino Pereiro e Margarita Viso Soto, nos V Encontros Cidade da Coruña: As artes e a literatura
O mércores 25 de abril, ás 20:00 horas, no Salón de Actos da Real Academia Galega (Rúa Tabernas, 11), terá lugar o acto de clausura dos V Encontros Cidade da Coruña, baixo o título As artes e a literatura, organizados pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, en colaboración coa Concellaría de Cultura do Concello da Coruña, cunha mesa redonda sobre A Literatura e a Música, onde participan Paulino Pereiro e Margarita Viso Soto, presentados por Mercedes Queixas.
Recollida de sinaturas para solicitar a asignación do nome “Curros Enríquez” á futura estación do tren de Ourense. Manifesto da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega
“O
patrimonio dunha sociedade non só está representado polas obras, grandes ou pequenas, de carácter material, construídas ou fabricadas ao longo do tempo. O patrimonio espiritual ou inmaterial conflúe co anterior en lle dar o ser á colectividade, sendo o referente principal de identificación, o que define a maneira de ser, de vivir, de interpretar o mundo.
Ese patrimonio inmaterial pode ser obra do conxunto da comunidade elaborado ao longo do transcorrer da historia e, polo tanto anónimo, ou pode ser de autoría coñecida, respondendo á creatividade dun dos seus membros, obra de creación coa que se identifica o conxunto do grupo social.
A obra literaria forma parte dese acervo comunitario que, nacendo como obra individual, remata por ser integrada como tesouro común e voz colectiva da colectividade da que emana.
Moitos son os referentes do noso entorno cultural no que as escritoras e escritores dunha cidade ou dun territorio e a súa obra, se transforman en referente cultural e de identidade que traspasa as fronteiras e convoca a visitantes.
Ourense, referente especial na historia da literatura de Galicia, integra no seu ser a memoria dos seus escritores, dedicándolles rúas, prazas ou espazos públicos e erguendo elementos conmemorativos da súa memoria, obra artística que é, tamén, creación dos seus artistas plásticos.
Exemplo desta sensibilidade particular podería ser o Roteiro da Esmorga, percorrido literario e emocional polo corazón do Ourense perdurable, seguindo, a xeito de estacións, os capítulos desa obra principal da nosa literatura que é a novela de Eduardo Blanco Amor.
Agora, cando Ourense recibe o vento do futuro, de novo a través do tren, como sucedera xa aquel 31 de outubro de 1881, cando recibiu a primeira locomotora, debemos lembrar que un dos escritores máis representativos do seu ser, nacido en Celanova e durante anos residente na cidade, Manuel Curros Enríquez, escribía para conmemorar aquel acontecemento o poema: NA CHEGADA A OURENSE, DA PRIMEIRA LOCOMOTORA, ao que pertencen estes versos:
Vela ahí ven, vela ahí ven avantando
Cómaros e corgas, e vales, e cerros.
¡Vinde vela, mociños e mozas!
¡Saudáina, rapaces e vellos!
Por onde ela pasa
fecunda os terreos,
espértanse os homes,
frolecen os eidos.
……………………….
……………………….
Por iso, diante da remodelación e posta en funcionamento dunha nova estación no barrio ourensán da Ponte, capaz de acoller e servir ao novo ferrocarril de alta velocidade, a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, por consideralo de xustiza, reivindica que esta leve o nome de Curros Enríquez e que na mesma figuren as estrofas daquel poema co que o escritor saudaba a chegada da modernidade.
Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. Abril de 2012.
A Asociación e Escritoras e Escritores en Lingua Galega acordou realizar unha recollida de sinaturas para reivindicar o nome de Curros Enríquez para a futura estación de ferrocarril de Ourense.
Se quere comunicarnos a súa adhesión entre aquí.


