Pontevedra: Escola de Escritoræs. Obradoiro de escrita infanto-xuvenil, con Eli Ríos e María Reimóndez: Imaxinar mundos, sementar palabras

O Obradoiro de escrita infanto-xuvenil, con Eli Ríos e María Reimóndez: Imaxinar mundos, sementar palabras, é unha iniciativa da Escola de Escritores da AELG, coa colaboración do Pazo da Cultura e o patrocinio e colaboración do Concello de Pontevedra.

– Duración: 12 sesións de 2 horas cada unha (todos os sábados excepto os festivos). A data de comezo é o 11 de febreiro de 2017.
– Lugar: Pazo da Cultura de Pontevedra (Rúa Alexandre Bóveda, s/n)
– 25 prazas, gratuítas, para maiores de 16 anos
– Inscricións en inscricions@pontevedra.eu. As prazas asignaranse por orde de solicitude.

Dirixido a persoas con interese en explorar a escrita de literatura infantil e xuvenil nos seus diferentes xéneros.

Obxectivos:
– Explorar as concepcións existentes sobre a literatura infantoxuvenil e afondar en debates relevantes deixando atrás visións estereotipadas desta forma de escrita.
– Utilizar as ferramentas participativas para estimular a creación literaria propia entre as persoas participantes.
– Afondar no entendemento da escrita dende unha óptica crítica que poña en tea de xuízo os relatos e lecturas adquiridas e institucionalizadas dende os discursos hexemónicos para o público infantoxuvenil.

Desenvolvemento:
As dúas primeiras sesións serán de achegamento ás persoas asistentes recuperando as lecturas que lles impactasen ou quedasen na súa memoria. Con elas abriremos o debate sobre o que é a literatura infantil e xuvenil e reflexionaremos sobre o propio xénero partindo sempre desde o texto.
A terceira, cuarta e quinta sesión estarán dedicadas á poesía infantil e xuvenil centrándonos na forma, linguaxe, recursos, etc, e co foco posto na recepción dos textos. Traballaremos poemas da nosa literatura e os que compoñan as persoas asistentes ao longo destas sesións.
A sexta, sétima e oitava sesión dedicaranse á narrativa, centrándonos na súa técnica así como noutros aspectos como o desenvolvemento das personaxes, sentimentos, emocións, descricións, etc
As sesión novena e décima estarán centradas no teatro e nas súas dificultades para enfrontarse ao texto. Non só se recorrerá aos textos senón ás propias dramatizacións do grupo.
As dúas últimas sesións centraranse na posta en común dos elementos traballados, así como na presentación de xéneros escasamente desenvolvidos dentro da literatura infantil e xuvenil galega como pode ser o ensaio.
Cinco sesións serán impartidas por María Reimóndez e cinco por Eli Ríos, mentres que a primeira e a última contarán coa presenza das dúas.

Compostela: Peche do obradoiro de dramaturxia a cargo de Roi Vidal. Disme o corpo. Douche a voz

Este sábado 11 de febreiro, ás 12:30 horas, no Centro Sociocultural Aurelio Aguirre de Conxo (Santiago de Compostela) vai haber un acto de lecturas dramatizadas de textos teatrais feitos no obradoiro de dramaturxia impartido polo dramaturgo Roi Vidal neste Centro Sociocultural durante o último trimestre do ano 2016.
Con este acto que se achega ao teatro lido, novas autoras e autores ofreceran unha lectura dramatizada dalgún dos seus textos, que foron elaborados a partir da formación do obradoiro de dramaturxia organizado pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega co patrocinio e colaboración do Concello de Santiago.
Unha ocasión para achegarse ao teatro da man das súas autoras e autores. A partir de aquí ábrense novos camiños para que as obras sexan levadas a escena, modificadas e realizadas a través da súa representación no teatro.

Lapis, cámaras… acción!, por Celia Parra

Desde (Abro paréntese…, blog de Celia Parra:
“O pasado mes de novembro, gracias ó convite da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, e coa colaboración do Concello da Coruña, impartín un obradoiro de iniciación á videopoesía no Centro Ágora.
Baixo o lema Lapis, cámaras… acción!, puxémonos mans á obra para descubrir, facer e compartir videopoesía. O obxectivo do obradoiro foi proporcionar ferramentas e técnicas para fomentar a creación de videopoemas. Tentamos que cada asistente, logo de aprender sobre o xénero e os seus procesos creativos, crease o seu propio videopoema como produto final do obradoiro.
Lonxe de aspirar á perfección técnica, animouse a empregar as ferramentas ao dispor de cadaquén (teléfono móbil, programas de edición gratuítos, mesmo fotografías libres de dereitos) e a concentrar o aprendido nun exercicio sinxelo e acotado. O importante era ter unha primeira toma de contacto coa videopoesía e os seus procesos, que valese para practicar ou trasladar o aprendido con maior profundidade posteriormente.
Non podo estar máis contenta coa acollida, a curiosidade, os debates, o traballo e os resultados. Saíron do forno videopoemas fantásticos que superaron toda expectativa. E para mostra, un botón. Ou dous: O verbo, de Clara Vidal, e Pegada, de Paulo Fernández.
Graciñas a todas e todos!”

(Fotografía de Mercedes Queixas)

Preséntase en Galiza o Protocolo de Donostia para a garantía dos dereitos lingüísticos

Desde a Mesa pola Normalización Lingüística:
O pasado 17 de decembro presentábase en Donostia o texto final do Protocolo para a Garantía dos Dereitos Lingüísticos. Asinado por centos de entidades sociais de toda Europa e promovido por organizacións internacionais como ELEN, CIEMEN, Linguax, UNPO, PEN International e Kontseilua de Euskaherría. Hoxe as entidades sociais galegas que xa se adheriron ao documento presentárono publicamente co obxectivo de comezaren un amplo proceso de difusión dun texto que pretende dotar de capacidade de exercicio práctico a dereitos lingüísticos recoñecidos mais “coa condicionados a non se exerceren”.
O Protocolo de Donostia é froito dun proceso de acordo desenvolvido nos anos previos por diferentes grupos de traballo, combinando os enfoques científico, académico e social, para construír unha ferramenta que permita reverter a situación das linguas minorizadas e construír unha Europa baseada na igualdade entre as comunidades lingüísticas, de maneira que este protocolo foi trasladado a foros e instancias internacionais para que institucións de diferente carácter o utilicen como instrumento práctico do seu compromiso coa diversidade lingüística. Continúa así co establecido en 1996 coa aprobación en Barcelona da Declaración Universal dos dereitos lingüísticos.
Segundo explicou Pilar García Negro, membro do Comité científico do documento internacional, o protocolo é fillo da Declaración Universal dos dereitos lingüísticos aprobado en 1996 e que pretendía dotar de contido o artigo 2 da declaración de dereitos humanos que contempla a non discriminación, entre outros motivos, por razón de lingua.
O protocolo consta de catro obxectivos principais: reivindicar a garantía da diversidade lingüística e o desenvolvemento das linguas; crear unha ferramenta efectiva para a igualdade lingüística e o desenvolvemento das linguas en situación de desvantaxe; presentar as comunidades lingüísticas como suxeitos dentro deste proceso e reivindicar o seu papel de garantes dunha xestión xusta da sociedade.
Pilar García Negro interviu acompañada de representantes de diversas entidades con práctica continuada de defensa e promoción da lingua galega: Marcos Maceira (A Mesa pola Normalización Lingüística), Anxo Louzao (CIG-Ensino), Romina Bal (ProLingua), Queca Carballo (Coordinadora de Traballadoras e Traballadores pola Normalización da Lingua), Andrés Bellas (Asociación de Profesionais da Rama Artística da Dobraxe de Galicia, APRADOGA), Mercedes Queixas (Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, AELG) e Séchu Sende (A Semente Escolas de ensino en galego). Sigue lendo

Crónica videográfica da IX Xornada de Literatura de Tradición Oral: Remedios, prácticas e ritos curativos da medicina popular tradicional (e IV)

Acartelixxornlittradoral2016 IX Xornada de Literatura de Tradición Oral: Remedios, prácticas e ritos curativos da medicina popular tradicional, organizada pola AELG e a AS-PG, co apoio da Deputación de Lugo, tivo lugar o sábado 12 de novembro en Lugo.

Aquí pode verse a crónica videográfica completa, da que destacamos hoxe estas intervencións:

Presentación da conferencia de Ana Acuña, por Isidro Novo.

Conferencia: Curando coa palabra entre a literatura e a medicina popular, por Ana Acuña.

Mesa redonda: Médicos ou menciñeiros? Da psique á psiquiatría, con Ana Acuña, Pablo Vaamonde e Isidro Novo.

Aprender a ver e a sentir: Arredor de nós está a vida. Identificación e aplicación de remedios curativos con herbas da nosa contorna, con Carmen Prado Penas, María Moure Oteyza e Antonio Reigosa.

Crónica videográfica da IX Xornada de Literatura de Tradición Oral: Remedios, prácticas e ritos curativos da medicina popular tradicional (III)

Acartelixxornlittradoral2016 IX Xornada de Literatura de Tradición Oral: Remedios, prácticas e ritos curativos da medicina popular tradicional, organizada pola AELG e a AS-PG, co apoio da Deputación de Lugo, tivo lugar o sábado 12 de novembro en Lugo.

Aquí pode verse a crónica videográfica completa, da que destacamos hoxe estas intervencións:

Presentación da conferencia de Pablo Vaamonde, por Isidro Novo.

Conferencia: A medicina popular en Galicia, por Pablo Vaamonde.

Crónica videográfica da IX Xornada de Literatura de Tradición Oral: Remedios, prácticas e ritos curativos da medicina popular tradicional (II)

Acartelixxornlittradoral2016 IX Xornada de Literatura de Tradición Oral: Remedios, prácticas e ritos curativos da medicina popular tradicional, organizada pola AELG e a AS-PG, co apoio da Deputación de Lugo, tivo lugar o sábado 12 de novembro en Lugo.

Aquí pode verse a crónica videográfica completa, da que destacamos hoxe estas intervencións:

Presentación da conferencia de Ana Lois, por Antonio Reigosa.

Conferencia: A recollida da memoria oral como método de aprendizaxe. O valor de espertar e guiar a curiosidade, por Ana Lois.

Mesa redonda: Escoitar, ver e aprender. O saber que cura, con María Moure Oteyza, Ana Lois e Antonio Reigosa.

Información sobre os avances da plataforma “Seguir Creando”

AAELG Logo 2-2015 AELG, a través da súa presidencia, leva participando desde o primeiro momento na Plataforma “Seguir creando“, composta por todas as asociacións de escritoras e escritores e sociedades de xestión de autoras/es do estado, e que ten como principal reivindicación que calquera profesional da creación poida seguir creando de forma remunerada despois da súa xubilación sen deixar de percibir unha pensión á que contribuíu durante a súa vida activa. Froito dos diversos encontros coas administracións e os grupos políticos que se fixeron desde esta plataforma (por exemplo, co anterior presidente do congreso, Patxi López), está a lograrse un maior eco en diversos representantes políticos, como pode verse nestas novas remitidas pola Coordinadora de Relacións Institucionais da SGAE, Lucía Álvarez: El País, 30-11-2016 e La Vanguardia-30-11-2016.
Desde a AELG manifestamos o noso compromiso con esta reivindicación, alegrándonos polos progresos obtidos (á espera de vermos a súa concreción legal), ao tempo que nos comprometemos a continuar traballando no marco da plataforma, que volverá a se reunir a comezos deste mes e do que vos enviaremos información, para conseguir un marco legal máis xusto neste campo.

Crónica videográfica da IX Xornada de Literatura de Tradición Oral: Remedios, prácticas e ritos curativos da medicina popular tradicional (I)

Acartelixxornlittradoral2016 IX Xornada de Literatura de Tradición Oral: Remedios, prácticas e ritos curativos da medicina popular tradicional, organizada pola AELG e a AS-PG, co apoio da Deputación de Lugo, tivo lugar o sábado 12 de novembro en Lugo.

Aquí pode verse a crónica videográfica completa, da que destacamos hoxe estas intervencións:

Intervención inicial da Presidencia da AELG, Cesáreo Sánchez:

Presentación da conferencia de María Moure Oteyza, por Antonio Reigosa:

Conferencia: Uso das plantas medicinais no Caurel: Tradición e Cultura Popular, por María Moure Oteyza:

Compostela: XIII Simposio O Libro e A Lectura: Ler para comprender o mundo, os 15 e 16 de decembro

Desde asociacion-galega-de-editorasa Asociación Galega de Editoras:
“A Asociación Galega de Editoras celebra o XIII Simposio O Libro e A Lectura: Ler para comprender o mundo, os días 15 e 16 de decembro, no Auditorio do Consello da Cultura Galega, en Santiago de Compostela. A continuación pódese consultar o programa completo:

Xoves 15
16:30 h. Inauguración.
Xosé Ballesteros, Presidente da AGE.
Ramón Villares, Presidente do CCG.
• Manuel Dios, Concelleiro de Educación e Cidadanía de Santiago.
17:00 h. Conferencia.
Xabier DoCampo: Ler na escola: o risco de prender lume. Presenta: Paz Castro, Kalandraka Editora.
18:00 h. Café.
18:30 h. Conferencia.
Quico Cadaval: Ler para crer. Presenta: Bea Campos, actriz

Venres 16
10:00 h. Mesa redonda I: Compartindo lecturas, abrindo fiestras.
Modera: Belén López, Baía Edicións, secretaria da AGE.
• Cristina Novoa, Bibliotecas escolares de Galicia.
• Carmen García Paz, CIFP Ánxel Casal de Monte Alto.
• Gracia Santorum, Club de Lectura, IES Laxeiro de Lalín.
11:00 h. Café.
11:30 h. Mesa redonda II: Compartindo lecturas, abrindo fiestras.
Modera: María Xesús Gómez, Editorial Rodeira, tesoureira da AGE.
Mercedes Queixas, Secretaria xeral da AELG.
• Carlos Coira, Libraría Trama.
• Ánxeles Roca, Bibliotecaria.
13:00 h. Conferencia.
Gustavo Martín Garzo, O territorio do lobo. Presenta: Henrique Alvarellos, Alvarellos Editora, vicepresidente da AGE.
14:00 h. Clausura.

O XIII Simposio O Libro e a Lectura: Ler para comprender o mundo conta coa colaboración de CEDRO, CCG e a Concellaría de Educación e Cidadanía do Concello de Santiago.
As persoas interesadas en asistir ao Simposio poderán realizar a inscrición de balde no seguinte enderezo electrónico: s.tecnica@editoresgalegos.org

Entregarase un diploma sempre que se acredite un 75% a asistencia ao evento.”