‘RosalíaTe’ facendo videopoemas de 20 segundos

Desde o Diario da Universidade de Vigo:
“O 24 de febreiro celébrase o Día de Rosalía e sumándose a esta conmemoración a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega e o campus de Ourense veñen de convocar o Concurso de Videopoemas RosalíaTe. Nel convídase aos membros da comunidade universitaria a presentar nunha videogravación feita co teléfono móbil na que se recite un pequeno fragmento ou estrofa dalgún poema da escritora galega. O obxectivo da iniciativa, explican os organizadores, é transmitirlle á sociedade a importancia da figura de Rosalía de Castro no ámbito sociocultural galego.
Segundo explica Isabel Mociño, profesora da Facultade de Ciencias da Educación promotora da iniciativa, a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega celebra desde 2011, coa implicación de todo tipo de entidades, o Día de Rosalía. Este ano, engade, baixo o título RosalíaTe, “propón actividades nas que se coñeza, recoñeza, recree e actualice a obra da autora fundacional da literatura galega e a través dela fomentar a conciencia como pobo, especialmente entre as xeracións máis novas”. O campus de Ourense, sinala a docente, “únese ao movemento social de base ao redor do Día de Rosalía este ano que se cumpre o 180 aniversario do seu nacemento cunha serie de iniciativas, como son a convocatoria deste concurso de videopoemas e a celebración dun acto de conmemoración o día 24 de febreiro na Biblioteca Rosalía de Castro”. Nestas actividades participan a Vicerreitoría do Campus de Ourense, a Biblioteca Rosalía de Castro, a Facultade de Ciencias da Educación e a Área de Normalización Lingüística.

Requisitos e suxestións para participar
Ao certame poderá presentarse calquera persoa de xeito individual ou colectivo pertencente á comunidade universitaria da Universidade de Vigo, podendo enviarse só un traballo por persoa. A duración da videogravación non excederá os 20 segundos, sendo o fragmento elixido e a temática totalmente libres. O vídeo gravarase cun teléfono móbil coa maior resolución posible e en horizontal, aconsellándose os formatos mp4, mov, mpg, avi e wmv. Gravarase un plano fixo, sen facer zoom nin movementos bruscos, e en cor ou en branco e negro. Desde a organización inclúen na convocatoria unha serie de suxestións creativas, como que a montaxe busque reflectir, dende propostas creativas e diversas, o universo lírico e paisaxístico da obra de Rosalía de Castro. Tamén animan a que as achegas recollan elementos visuais propios da súa obra ou que se refiran a ela, dende calquera punto de vista, e que recollan o patrimonio natural e cultural do campus de Ourense. Para incidir na accesibilidade universal e a integración social, nas bases do certame indícase que pode resultar suxestivo incluír a linguaxe de signos ou a escrita nas propostas, citando como exemplo escribir algunha palabra ou verso en cartolinas que sexan lexibles ou nalgunha parte do corpo. Nas achegas pode aparecer máis dunha persoa compartindo a estrofa seleccionada e pódese experimentar con planos distintos.
Un xurado nomeado pola Vicerreitoría do Campus de Ourense seleccionará os traballos pola súa calidade, orixinalidade e capacidade para visualizar as partes da obra de Rosalía menos populares. Os premios consistirán en lotes de libros, de discos e de elementos publicitarios do campus de Ourense. Os traballos seleccionados incluiranse nun audiovisual que se presentará o 24 de febreiro nas instalacións da Biblioteca Rosalía de Castro durante a celebración do Día de Rosalía e se exhibirá posteriormente na páxina web da Vicerreitoría e nas redes sociais. Os traballos poden enviarse ata o día 21 de febreiro de 2017.”

Compostela: presentación de Aulas sen paredes, de Rosalía Fernández Rial

O venres 10 de febreiro, no IES Xelmírez I de Santiago de Compostela, preséntase o libro Aulas sen paredes, de Rosalía Fernández Rial, publicado en Positivas. O programa do acto é o seguinte:
12:00 h. Biblioteca. Presentación. Con Manuel Portas, un dos alumnos que aparece no documental, Manuel Dios, Valentín García e a propia autora.
13:00 h. Proxección do documental Aulas sen paredes, coa asistencia dos alumnos protagonistas.

Compostela: acto de entrega de Homenaxe a Manuel María, de Nolo Suárez, á Fundación Manuel María

O venres 10 de febreiro, ás 20:15 horas, no Espazo Enocultural Vide-Vide (Rúa Fonte de Santo Antonio, 5), en Santiago de Compostela, a Agrupación Cultural O Galo organiza o acto de entrega dunha carpeta de pinturas de Nolo Suárez á Fundación Manuel María. Homenaxe a Manuel María é un recoñecemento que lle realiza dita asociación ao poeta da Terra Cha. No acto, onde estará presente Saleta Goi, presidenta da Fundación, falará Alberte Ansede sobre o legado do escritor e Nolo Suárez sobre as pinturas que realizou para a carpeta, proxectándose, por último, un audiovisual sobre o poeta.

Oiartzun: Homenaxe a Concha Murguía 2017

O Excmo. Concello de Oiartzun e o Fato Cultural Galego Daniel Castelao, de Pasaia, organizan a Homenaxe a Concha Murguía 2017, co seguinte programa:

Xoves 2 de febreiro, ás 19:00 horas, na Sala de plenos do Concello:
– Recital poético musicado, vasco-galego, de poemas de Rosalía de Castro e de Antton Kazabon:
· Recitadores: Antton Kazabon e Xosé Estévez.
· Músicos: Edurne Saizar, piano; Haizea Lekuona, frauta; e Oihane Mitxelena, acordeón.

Venres 3 de febreiro, ás 20:30 horas, na Sala de plenos do Concello:
– Presentación do trailer do documental Euskal Herria: sitio distinto, a cargo do seu autor, Davide Cabaleiro, e de Ainhoa Aranburu, ilusionista.

Sábado 4 de febreiro, ás 12:00 horas, na Praza de Santo Estevo e na Sala Manuel Lekuona da Casa de Cultura:
– Ofrenda floral e homenaxe a Concha Murguía Egaña, coas intervencións da Concelleira de Cultura, Dona Iosune Cousillas, e de D. Xosé Estévez, historiador. Actuarán os txistularis Lartaun Txistulari Taldea, de Oiartzun, e o grupo de gaiteiros Trisquele da Casa de Galicia de Donostia. Ao remate do acto os asistentes serán agasallados co galano dun refrixerio.

Cambre: proxección de Peregrinaxes: Viaxando con Manuel María e posterior coloquio con Lois Diéguez

O sábado 28 de xaneiro, ás 12:00 horas, en Vila Concepción (Cambre), Lois Diéguez falará sobre o poeta Manuel María, aproveitando a proxección do audiovisual Peregrinaxes: Viaxando con Manuel María, que aproximará ao poeta viaxeiro polos mundos que amou, pisou e poetizou e que animaron de xeito especial a súa vida.