Arquivo da categoría: Coloquios
A Coruña: actividades en torno ao Día das Letras Galegas 2018
“O
Concello da Coruña rende homenaxe nas Letras Galegas á escritora María Victoria Moreno cunha programación “que pon en valor a cultura de proximidade”. (…)
A partires do luns 14, e até o sábado 19, o goberno local promoverá unha serie de iniciativas que inclúen a lectura pública da obra de Moreno desde o balcón do Pazo de María Pita, un concerto no Campo da Leña con grupos galegos, diversas propostas abertas a todos os públicos nas bibliotecas municipais e unha programación específica elaborada, en común, coas librarías de proximidade da Coruña. (…)”
Aquí pode descargarse a programación completa. (…)
Ás iniciativas que se desenvolverán durante toda a semana nas librarías súmase tamén a lectura pública colectiva, desde o propio balcón do Pazo Municipal de María Pita, da obra da autora homenaxeada nesta edición. (…) A proposta, tal e como recordou Sande, comezará ás 12.00 horas deste xoves desde o balcón, “sempre que as condicións meteorolóxicas así o permitan. Se non é posible, trasladarase, como o ano pasado, ao salón de Plenos”, explicou o edil. As persoas que queiran intervir na lectura poderán facelo, previa inscrición, a través do correo concellaria.cultura@coruna.es
O concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento tamén salientou as actividades que a rede de Bibliotecas Municipais está a realizar durante todo o mes para o fomento da lectura en galego, “e que referendan o seu carácter de excelencia e de compromiso coa promoción da cultura”. Así, do luns 14 ao sábado 19, todos os centros ofrecerán préstamo ilimitado de materiais en galego, ademais de acoller, na súa meirande parte, mostras bibliográficas que renden homenaxe á María Victoria Moreno así como outras autoras e autores de referencia da literatura galega.
Xa o día 15, a biblioteca dos Rosales acollerá un encontro -a partires das 18.30 horas -coa escritora Emma Pedreira, que vén de gañar o IV Premio Internacional de Poesía Jovellanos coa súa obra Lista da compra da viúva, que presentará o vindeiro martes. As actividades abertas á veciñanza completaranse co concurso #selfieLetrasGAL, unha proposta a través da cal as Bibliotecas Municipais convidan á cidadanía a compartir a súa lectura favorita en galego na rede social Instagram, a través dos cancelos #recomendamosBMC e #selfieLetrasGal -e etiquetando ás bibliotecas na foto, co perfil @bibcoruna-, e que dará a posibilidade de gañar un lote de libros. As bases completas da iniciativa pódense consultar no web www.coruna.gal/bibliotecas.
Ademais, a biblioteca do Centro Ágora está a promover o ciclo Eloxio da Diversidade, dentro da liña de traballo cos centros de ensinanza na súa área de influencia e que inclúe unha ampla programación arredor da efeméride. Desde o 9 maio, e até o día 29, preto de 200 mozas e mozos de bacharelato, ESO, e de ciclos formativos participarán, activamente, en actividades que inclúen visitas á Real Academia Galega, ao Servizo de Normalización Lingüística do Concello da Coruña e da Deputación, ou ao Teatro Colón -nun evento teatralizado e protagonizado pola figura de María Casares-, entre outros espazos.
Tamén durante a noite do mércores 16, o Campo da Leña acollerá un concerto especial co gallo do Día das Letras Galegas, que contará coa participación de diversos grupos de orixe galega, “con música crítica e aspectos máis que interesantes”, segundo apuntou Sande. Así, ás 22.00 horas, O Leo i Arremecághona subiranse ao escenario, para dar paso, contra ás 23.15 horas, á banda The Tetas Van. Finalmente, Terbutalina pechará a sesión cunha actuación que comezará contra ás 00.15 horas da noite.”
Porriño: actividades destacadas da Feira do Libro do 11 ao 13 de maio
O
domingo 13 de maio finaliza a Feira do Libro de Porriño (na Rúa Ramón González), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 17:00 a 21:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para estes días:
Venres 11
– 19:00 h. Presentación e concerto de Oviravai, co seu último traballo: As andanzas de Paio, publicado en Galaxia.
Sábado 12
– 18:00 h. Actividade infantil: Teatro na mochila, con Anxo Moure.
Domingo 13
– 12:30 h. Actuación infantil Cantares das Letras, de Rosalía a María Victoria Moreno, de Luís Vallecillo.
– 19:00 h. Ledicia Costas asina exemplares de As peripecias de Extravaganzza Pérez e outros libros.
– 20:00 h. Falando de libros con… Clara do Roxo.
Compostela: Poemas(s) da primavera [2], clube de lectura aberto arredor do Libro das mentiras, de Emma Pedreira
A Coruña: conversa Pasado e presente da colonialidade e dos pobos sen estado
Vigo: charla con Eli Ríos sobre María Victoria Moreno
O venres 4 de maio, ás 19:00 h., a escritora Eli Ríos estará no Centro Veciñal e Cultural de Valladares de Vigo para falar sobre María Victoria Moreno, autora homenaxeada no Día das Letras Galegas 2018.
Compostela: Filocafé con Eduard Velasco
O
domingo 6 de maio, de 18:30 a 20:00 horas, na cafetaría do CGAC (Rúa Valle Inclán, 2), en Santiago de Compostela, terá lugar un novo Filocafé, coa presenza de Eduard Velasco. A entrada será libre e gratuíta. Os filocafés son conversas públicas enfocadas desde un punto de vista filosófico nas que poden participar todas as persoas interesadas en intercambiar inquietudes ou puntos de vista desde calquera área ou nivel de coñecemento.





