Nimbos sobre Barna, por Armando Requeixo

Desde o blogue de Armando Requeixo, Criticalia:
“(…) Tras acomodarme no cuarto da Residencia de Investigadores, fun ao encontro da causante de que alí estivese, a profesora Malores Villanueva, unha das máis brillantes estudosas da súa xeración, docente nos últimos anos na Universidade de Barcelona.
Agardábame unha gratísima sorpresa: Malores non esperaba soa, acompañábana outras dúas colegas, amigas de meu dende hai anos, as tamén docentes Helena González e María Xesús Lama. Todos catro compartimos conversa e tivemos ocasión de nos poñer ao día de non poucas cuestións de grande interese para o bo goberno da literatura e, particularmente, da crítica galega.
Á tarde, 18:00 h., achegueime ata o Edificio Josep Carner da UB para impartir unha conferencia aos universitarios sobre a vida e a obra de Xosé María Díaz Castro, sobre quen tivera a oportunidade de ver unha moi interesante exposición preparada na biblioteca da Facultade de Filoloxía pola profesora Villanueva.
O relatorio discorreu placidamente e conseguimos crear un ambiente de franco e ilusionante diálogo entre o público asistente e os que na mesa estabamos; a saber: Villanueva, quen oficiou de presentadora e moderadora do acto, o profesor Basilio Losada, por quen tiven a honra de ser presentado e a quen puidemos oír valiosos xuízos a propósito da figura e importancia de Díaz Castro, e eu mesmo, que intervín por espazo dunha hora ante un auditorio no que se contaban, amais de activos e ben formados alumnos, compañeiros de oficio como a referida Mª Xesús Lama, Joaquim Ventura ou Camilo Valdehorras.
A sesión completouse cun amplo recitado dos versos de Nimbos por parte de varias alumnas e alumnos da Secció de Estudis Gallecs i Portuguesos, momento en que compareceu outra das agradables sorpresas do día: un deses discentes, o médico Xavier Sierra Valentí, achegou o recitado dos poemas diazcastrianos traducidos ao catalán, ofrecendo aos presentes unha copia encadernada dunha xenerosa escolma das composicións vertidas á lingua de Llull, traballo que se suma, así, e completa o que hai anos levara a cabo impecablemente Vicent Berenguer por dúas veces (1995 e 1997). (…)”

Santiago: Xosé María Díaz Castro: Nimbos de luz, conferencia de Armando Requeixo

O luns 19 de maio, ás 20:00 horas, no Ateneo de Santiago de Compostela (Rúa do Vilar, 19), Armando Requeixo pronunciará a conferencia Xosé María Díaz Castro: Nimbos de luz, arredor do autor homenaxeado este 2014 co Día das Letras Galegas. O acto finalizará cun recital poético a cargo dos membros de teatro Ditea.

Lisboa: palestra A subalterna que sim podia falar, de María Reimóndez

O Centro de Estudos Galegos, unidade de investigação da FCSH/NOVA, organiza a palestra A subalterna que sim podia falar, a proferir pela escritora e ativista María Reimóndez e que irá decorrer na próxima quinta-feira, 15 de maio, às 16 h. na sala 0.09 (Edifício B1) da Faculdade de Ciências Socias e Humanas da Universidade Nova de Lisboa. María Reimóndez abordará as implicações de escrever em língua galega dum ponto de vista feminista e não heterossexual, assim como as tensões e hegemonias que condicionam a sua escrita na cultura galega contemporânea.
O ato será apresentado pelo professor Isaac Lourido, do Centro de Estudos Galegos. A palestra foi organizado em parceria com a Asociación de Escritoras/es en Lingua Galega e faz parte do programa de atividades académicas e culturais Maio é galego do Centro de Estudos Galegos.
Também o 15 de maio, às 19 h., María Reimóndez realizará uma sessão sobre ativismos, cooperação e crítica feminista no Centro de Cultura e Intervenção Feminista (CCIF/UMAR, Rua da Cozinha Económica, 30, Bloco M e N, Alcântara).

Compostela: conferencia de Armando Requeixo e recital con poesía e música en homenaxe a Xosé María Díaz Castro

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria celebra no Gaiás o Día das Letras Galegas cun recital poético-musical organizado polo Centro PEN Galicia para homenaxear ao poeta lucense Xosé María Díaz Castro no ano no que se conmemora o centenario do seu nacemento.
O evento Díaz Castro, perdido no traxecto e salvado por un anxo, terá lugar na Biblioteca de Galicia na véspera do Día das Letras, o venres 16 de maio, a partir das 19:00 horas. O escritor Armando Requeixo será o encargado de introducirnos na figura do autor de Nimbos, na súa obsesión pola perfección e a súa preocupación por Galicia e polos problemas do ser humano: a vida, a morte, o tempo. Tras el, Alba Cid, Luís González Tosar e Salvador García-Bodaño celebrarán a Díaz Castro a través dun recital poético. Marta Quintana e Cuchús Pimentel porán a nota musical do acto.