Ourense: conferencia Do contar da oralidade ás narracións breves de Carlos Casares, por Camiño Noia

O xoves 2 de febreiro, ás 20:15 horas, na Aula de Cultura (Rúa Lamas Carvajal, 5) do Liceo de Ourense, dentro dos Encontros Literarios: Contando historias desta entidade, terá lugar unha conferencia de Camiño Noia baixo o título Do contar da oralidade ás narracións breves de Carlos Casares.

Rianxo: presentación de Vivir, unha aventura irrepetíbel, de Mercedes Queixas

O sábado 28 de xaneiro, ás 12:00 horas, no Auditorio de Rianxo, preséntase a biografía de María do Carme Kruckenberg Vivir, unha aventura irrepetíbel. Biografía de Mª do Carme Kruckenberg, de Mercedes Queixas, publicada en Galaxia. No acto, organizado pola Asociación Cultural Barbantia, participarán, xunto á autora, Francisco Castro e Milagros Torrado. A seguir, terá lugar un recital poético no que participarán Esther F. Carrodeguas, Milagros Torrado e María Xesús Blanco, cunha intervención plástica do pintor Salvador Fernández Laíño. No mesmo emprazamento, ás 20:00 horas, terá lugar unha conferencia de Miguel Anxo Seixas sobre Castelao á luz de Paz Andrade.

Lugo: conferencia Saudade e galeguismo: a visión de Plácido Castro, de Miguel Ángel Martínez Quintanar

O mércores 25 de xaneiro, ás 20:30 horas, no Salón de Actos da Deputación Provincial de Lugo, terá lugar a XIII Conferencia anual Plácido Castro, a cargo de Miguel Ángel Martínez Quintanar, que leva por título Saudade e Galeguismo: A visión de Plácido Castro.

Ramón Otero Pedrayo en América (I)

Desde Cultura Galega:
“Otero Pedrayo pronunciou esta conferencia en Bos Aires en xuño de 1959, aos postres dun banquete de celebración da colectividade galega. Trátase do segundo volume da colección As Nosas Voces, editado orixinalmente en cassette en 1993 polo Arquivo Sonoro de Galicia. A peza, de boa calidade técnica, é unha mostra excelente da impresionante oratoria de Otero Pedrayo.”

Santiago: conferencia Celso Emilio Ferreiro: unha revisión no centenario do nacemento, de Ramón Nicolás

O luns 16 de xaneiro, ás 20:00 horas, na Fundación Novacaixagalicia (Rúa do Vilar, 19) de Santiago de Compostela, terá lugar unha conferencia de Ramón Nicolás baixo o título Celso Emilio Ferreiro: unha revisión no centenario do nacemento, organizada polo Ateneo de Santiago, dentro do seu ciclo Os luns do Ateneo. Vía Poesía galega.

Recuperada a conferencia A paisaxe galega: as súas leis e tipos, de Ramón Otero Pedrayo

Vía Cultura Galega:
“Coa nova entrega da dixitalización da colección As Nosas Voces editada polo Arquivo Sonoro de Galicia, viaxamos no tempo ata 1947. Estamos no ateigado salón da Federación de Sociedades Galegas, onde a colectividade galega escoita unha conferencia dun convidado de excepción chegado desde Galicia: Don Ramón Otero Pedrayo. O intelectual ourensán ofrece aos asistentes unha maxistral conferencia sobre a paisaxe galega, ámbito no que é un especialista. A paisaxe galega: as súas leis e tipos é o título da súa intervención, que agora podes escoitar e compartir.”

Fernando Arribas afirma que ”hai unha historia tras cada cruceiro”

Artigo de Santiago Jaureguízar en El Progreso:
“O técnico de Difusión do Museo Provincial de Lugo Fernando Arribas aseguraba onte que «cada cruceiro ten unha historia». Experto nestas construcións relixiosas, que son obxecto da tese doutoral que prepara, disertou sobre o cruceiro de Fioucos na revista oral O Pazo das Musas, que dirixe Antonio Reigosa, e se desenvolveu onte no pazo de San Marcos de Lugo.
Arribas subliñou a singularidade desta cruz situada entre San Bartolomé de Cadavedo (A Pastoriza) e San Pedro de Argomoso (Mondoñedo) dado «que non hai unha igual en toda a provincia». O detalle que a fai distinta, son as dúas figuras de santos que aparecen no fuste, que se corresponden cos nomes relixiosos de ambas as parroquias.
O cruceiro dos Fioucos «é tamén coñecido como o cruceiro da Amizade», apuntou o investigador. Sinalou que foron dous amigos quen financiaron a peza. Como cada un deles era veciño dunha parroquia, encargaron que os seus santos mirasen cara a elas. Os canteiros que atenderon á petición eran os Carboeira «unha saga de cinco xeracións de Román, en Vilalba, que deixou o seu símbolo na pedra», apuntou Arribas.
Engadiu que o cruceiro continúa aínda hoxe sendo lugar de culto e, no seu tempo, serviu aos dous amigos promotores «para comunicárense a través de obxectos que se deixaban ao pé e que lles permitían citarse para facer unha tarefa do campo, por exemplo».
Sega
Unha desas tarefas está relacionada coa herba seca. O grupo de Sober O Trícole interpretou a canción popular Hei de ir ás segas a Lugo, como parte das súas actuacións na revista.
Musicalidade tamén teñen os poemas do galardoado Luís Valle, que leu onte varios fragmentos de Fedor, A caída e Caderno do mendigo.
Completaron o programa as pezas dos artistas da escola Ramón Falcón de Lugo agrupados na asociación Munníacos. Como complemento a este apartado de imaxe proxectáronse imaxes do traballo de Xosé Reigosa, Entre Marbella e Torremolinos, que amosa na propia sala.”

Conferencia A realidade histórica de Galicia, de Álvaro Cunqueiro, no 1971

Desde Cultura Galega:
“Presentamos a transcrición e o audio dixitalizado do volume 10 da colección As Nosas Voces, editado polo Arquivo Sonoro de Galicia do Consello da Cultura Galega orixinalmente como cassete. Trátase da gravación dunha conferencia pronunciada por Álvaro Cunqueiro no Centro Galego de Lisboa no ano 1971.”