O
martes 8 de novembro, en Normal (Paseo de Ronda, 47) da Coruña, terá lugar, dentro das IV Xornadas sobre Normalización da Lingua e a Cultura no Ámbito da Educación, o Tour de Lecturas do Oeste, con entrada libre até completar capacidade. O programa é o seguinte:
– 16:30 h. Mesa redonda Xestionando a lectura pública [BoasPrácticas], con Catuxa Seoane, Marcos Lorenzo, Cristina Novoa e Albino Alonso, moderados por Héctor Pose.
– 18:15 h. Mesa redonda Iniciativas empresariais ao redor do libro, con Iria Sobrino (Estaleiro editora), Begoña Varela (Libraría Nova Colón), Manel Cráneo (Demo Editorial) e Antón Lado (2.0 Editora), moderados por Héctor Pose.
– 19:30 h. Lois Pereiro segundo Marcos Calveiro. Presenta: Neves Arza.
– 20:30 h. Espectáculo poético-musical con María Lado e Lucía Aldao, presentadas por Eva Espido.
Arquivo da categoría: Conferencias
Marcos Calveiro falará de Lois Pereiro en tres Universidades alemanas
O
xoves 3, venres 4 e sábado 5 de novembro, Marcos Calveiro impartirá tres conferencias arredor da vida e obra de Lois Pereiro nos Centros de Estudos Galegos da Universidade de Tubinga, da Universidade de Heidelberg e da Universidade Libre de Berlín. Vía Xerais.
Lugo: mañá comezan as IV Xornadas de Literatura de Tradición Oral, baixo o título Lendas urbanas. Mitos e ritos dos tempos modernos
As
IV Xornadas de Literatura de Tradición Oral celébranse baixo o título Lendas urbanas. Mitos e ritos dos tempos modernos, un curso convocado pola Asociación Socio-Pedagóxica Galega en colaboración coa Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. Estas son as características do curso:
– Modalidade formativa: Curso.
– Datas de realización: 28 e 29 de outubro de 2011.
– Horario: venres 28, de 17:00 a 21:00 horas; sábado 29, de 10:00 a 14:00 e de 16:30 a 18:00 horas.
– Lugar onde se levará a cabo a actividade: Salón de actos da Deputación Provincial de Lugo (rúa San Marcos, 8, Lugo).
– Valoración en horas de formación: 10.
– Número de prazas: 100.
– Persoas destinatarias: Profesorado do ensino non universitario e futuros ensinantes do ensino non universitario.
– Custo de matrícula: Gratuíta.
– Criterios de selección: Por rigorosa orde de inscrición na páxina da AS-PG, tendo preferencia os/as socios/as da AS-PG e da AELG. De cara á homologación seguiranse as indicacións da Orde de 1 de marzo de 2007.
Aquelas persoas que non se atopen entre as destinatarias poderán asistir ás xornadas e, anotándose previamente en oficina@aelg.org, recibir un diploma de asistencia emitido pola AELG.
O programa é o seguinte (pódese descargar aquí):
VENRES, 28 DE OUTUBRO
SÁBADO, 29 DE OUTUBRO
O noso país non é alleo á moda das lendas urbanas, un fenómeno popular universal cuxa difusión se multiplicou enormemente a través da televisión, radio, xornais e revistas, literatura, cine, cómic e, sobre todo a través de internet, o gran altofalante deste tipo de relatos. As lendas urbanas, a pesar de chamárense tamén modernas ou contemporáneas son, sen embargo, como todas as demais lendas, narracións breves que refiren sucedidos sorprendentes ou raros, xeralmente de carácter extraordinario ou sobrenatural e tamén foron transmitidas tradicionalmente por vía oral, aínda que agora se difundan case exclusivamente en soporte impreso, audiovisual ou virtual.
Os Obxectivos das Xornadas son:
– Identificar a lenda urbana como expresión actual da literatura de tradición oral.
– Identificación das estratexias das lendas para reubicarse xeograficamente e para actualizarse, para espirse do anacrónico nas sucesivas transmisións e reforzar así a súa credibilidade.
– Identificación das estratexias diexéticas de diversas lendas urbanas e a súa aplicación no ensino da historia da literatura así como o fomento da creatividade narrativa do alumnado.
– Comprensión do poder da narración oral ao longo dos tempos.
– Capacitar para a identificación do carácter transcultural da literatura oral e a súa potencialidade na educación en valores.
A Metodoloxía empregada é:
– Análise temática e dos núcleos narrativos das lendas urbanas e comparación cos habituais na literatura de tradición oral.
– Estudo de diversas lendas urbanas e dos seus precedentes históricos.
– Análise do papel dos novos medios de difusión da narración oral: a literatura de tradición oral e as novas tecnoloxías da información.
A Coruña: conferencia de José Manuel Barbosa, A mudança do paradigma historiográfico na Galiza
O
martes, terza feira, 25 de outubro, ás 20:00 horas, na Fundación Caixa Galicia (Cantón Grande) da Coruña, José Manuel Barbosa falará, dentro do ciclo Língua, Literatura e Naçom da A. C. O Facho, sobre A mudança do paradigma historiográfico na Galiza.
Santiago: VIII Simposio O libro e a lectura, o 10 e 11 de novembro
A
propiedade intelectual na sociedade dixital vai ser o eixe do VIII Simposio O libro e a lectura. A propiedade intelectual na sociedade dixital, que organiza a Asociación Galega de Editores en colaboración co Centro Español de Dereitos Reprográficos e mais co Consello da Cultura Galega. As tecnoloxías dixitais e o dereito á educación, o futuro da sociedades de xestión de dereitos ou a relación entre editores, escritores e bibliotecarios son algúns dos temas que se tratarán. O encontro celébrase os vindeiros xoves 10 e venres 11 de novembro no Auditorio do Consello da Cultura Galega (Pazo de Raxoi, 2º andar), en Santiago de Compostela. Este é o programa:
10 de novembro-xoves
– 09:30 h. Recollida de documentación.
– 10:00 h. Sesión inaugural: intervencións do presidente da AGE e Conselleiro de Cultura.
– 10:30 h. Conferencia inaugural: Tecnoloxías dixitais e dereito á educación. Conferenciante: Manuel Area, profesor de tecnoloxía da Universidade de La Laguna. Presenta: Manuel Bragado.
– 12:00 h. Conferencia: A xestión da propiedade intelectual na sociedade dixital. Conferenciante: Juan José Marín, avogado especialista en propiedade intelectual.
– 13:00 h. Panel de Debate: Edición e propiedade intelectual. Con Blas Garzón, de Traficantes de sueños, Carlos Iglesias, da Editorial Net biblo e Tomás González, de Urco Editora.
– 17:30 h. Panel de Debate: Escritores, editores e bibliotecas. Con Daniel Buján, Director da Biblioteca de Galicia, Antonio Mª Ávila, Secretario Xeral da Federación de Gremios de Editores de España e Marcos Calveiro, escritor e avogado.
11 de novembro-venres
– 10:00 h. Conferencia: A propiedade intelectual na sociedade dixital. Conferenciante: Xavier Marcé, Director do Instituto Catalán das Industrias Culturais.
– 11:30 h. Panel de Debate: As sociedades de xestión na era dixital. Con Pedro de Andrés, presidente de CEDRO, Antón Reixa, representante da SGAE en Galicia e David Maeztu, avogado especialista en Creative Commons e propiedade intelectual.
– 13:00 h. Conferencia de clausura: Os dereitos de autor na sociedade dixital. Conferenciante: Ana Azurmendi, profesora da Facultade de Comunicación da Universidade de Navarra.
– 14:00 h. Acto de clausura.
Intervención de Marta Dacosta na inauguración do VI Ciclo Escritores/as na Universidade
O
xoves 6 de outubro, ás 12:00 horas, no Salón de Actos da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo, tivo lugar a inauguración do VI Ciclo de mesas redondas Escritoras/es na Universidade, baixo o lema Literatura galega hoxe (alba de gloria ou solpor dos deuses): poesía, narrativa, teatro. Os escritores/as perante a crise, actividade organizada pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, co patrocinio da Secretaría Xeral de Política Lingüística e a colaboración da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo. Neste acto de inauguración estiveron presentes: Camiño Noia, Directora do Departamento de Filoloxía galega e latina, Anxo Lorenzo, Secretario Xeral de Política Lingüística e Marta Dacosta en representación da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega.
Reproducimos a continuación a intervención de Marta Dacosta:
“Bo día a todos e todas, en primeiro lugar quero darvos as grazas pola vosa presenza.
É unha honra para min estar aquí representando a AELG que unha vez máis se comprace en organizar estes encontros con escritores e escritoras na Universidade. Esta actividade é froito dun convenio coa SXPL e no seu deseño contamos coa colaboración do Departamento de Filoloxía galega e latina da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo. Grazas tamén pois a estas entidades por facer posíbel que esta actividade se manteña. Agardemos que no futuro a capacidade financeira e ese convencemento da importancia do papel da literatura no proceso de normalización permitan seguir adiante con este tipo de actividades.
Para a AELG esta é unha actividade fundamental no sentido de que permite a comunicación directa entre os nosos escritores e escritoras e o alumnado e o profesorado universitario. Entendemos que estas mesas redondas son unha actividade complementaria axeitada, pois poder escoitar ao propio autor, coñecer de primeira man a súa posición e os seus motivos, é sempre altamente enriquecedor.
Nesta ocasión a Universidade de Vigo propuxo o suxestivo título «Literatura galega hoxe (alba de gloria ou solpor dos deuses): poesía, narrativa, teatro. Os escritores/as perante a crise». Estamos pois ante unha proposta de debate que bebe directamente da problemática actual da lingua galega, a ferramenta fundamental da escritora, a que nos define e nos sitúa.
Desde 2008 o pantasma da crise percorre os países ricos, e un capitalismo esgotado reaccionou empuñando a arma do medo para sobrevivirse a si mesmo. Entón os gobernos sumáronse á ladaíña e sacaron de tesoiras. A cultura e a lingua foron as dúas primeiras vítimas: liñas de axuda que desaparecen, orzamentos que diminúen, medios de comunicación, en galego, que pechan… Neste tempo, a AELG denunciou a regresión na política de investimentos en todos os sectores da cultura do noso país que, ao final, acaban por se traducir na destrución de emprego.
Sinalábase antes a importancia do papel da literatura como ferramenta normalizadora. E si, na historia da nosa literatura, a defensa do idioma ocupa, naturalmente, un lugar central. Por iso non podo deixar de pensar que Castelao volvería hoxe falarnos daqueles que pretenden derrubar o Pórtico da Gloria, dos que elevan o inglés á categoría de lingua universal para enviarnos como paquetes teutóns a procurar traballo fóra da nosa terra. E pregúntome, con que argumentos lles explicaría hoxe Sarmiento a idoneidade de que a nosa lingua estea presente nas escolas e sexa a lingua na que os nosos nenos e nenas aprendan a ler e a escribir aos que se empeñan en dicir que o galego non serve para nada e que debemos aprender inglés?
Esta segunda década do segundo milenio ten no seu haber o triste cómputo da perda de espazo para a nosa lingua. A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua galega manifestou no seu día a súa posición contraria ao actual Decreto 79 que modificou o estatus do noso idioma no ensino. Malia a entrega e o traballo de décadas, hoxe reduciuse a súa presenza nos centros escolares por vía normativa, e esta eiva marcará a súa vitalidade entre as xeracións futuras, esas para as que as escritoras e os escritores deixamos as nosas arquitecturas de palabras, empeñados e sermos galegas e galegos.
A pasada fin de semana a asemblea xeral da Federación Galeusca pechou o encontro das tres asociacións de escritores coa lectura do Manifesto da Federación Galeusca 2011 nel recóllese a nosa afirmación de que
“1. En contra de todo intento de invisibilización, manipulación e desvirtuación cultural e nacional, somos escritoras e escritores galegos, os que usamos como instrumento de creación as nosas linguas… que
2. A pesar dos adiantos en normalización, non só nos atopamos moi lonxe aínda dos mínimos esixíbeis nunhas sociedades nacionais asentadas, senón que asistimos no presente ao que consideramos unha involución no recoñecemento das nosas identidades. Damos conta máis unha vez da falta de cultura plurilingüe do Estado español, que nos últimos trinta anos non manifestou a vontade de favorecer un clima de educación para a convivencia democrática real e mutuo entendemento entre as diferentes linguas e literaturas do ámbito do Estado, sometidas sempre a ese mito anacrónico do “destino histórico” da cultura española.
4. Reiteramos o noso apoio aos modelos de inmersión lingüística aplicados polos nosos sistemas educativos como modelo de adquisición das nosas linguas e culturas minorizadas.”
Neste ano 2011 en que se cumpren 100 anos do nacemento de Cunqueiro, cómpre lembrar as palabras de quen, para alén das súas posicións políticas, sempre considerou que a lingua era un deber incuestionábel. Cunqueiro era consciente e declarouno publicamente de que a lingua é fulcral para o futuro dun pobo, porque nela reside a nosa identidade. Por iso quixo que o lembraramos para sempre como quen procurou Mil primaveras máis para a lingua galega.
A poesía, a narrativa e o teatro, están unha vez máis ante a encrucillada. Deséxovos que ao longo destas mesas redondas botedes algo de luz en tan escuros días no camiño de procurarmos outras mil primaveras máis para a lingua galega.“
Santiago: Volver a Castelao
O
sábado 15 de outubro, no Auditorio da Biblioteca da Cidade da Cultura de Galicia Monte Gaiás de Santiago de Compostela, terá lugar a Xornada Volver a Castelao, organizada pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, co patrocinio da Fundación Cidade da Cultura de Galicia e Consellaría de Cultura e Turismo. O programa, que pode ser descargado aquí (Volver a Castelao), está composto polas seguintes actividades:
– 10:30 h. Conferencia de Xusto Beramendi: Castelao e a construción da nación.
– 11:30 h. Conferencia de Manuel Rei Romeu: De Rosalía a Castelao.
– 12:30-13:00 h. Pausa.
– 13:00 h. Mesa redonda: Castelao ao pé da letra, con Xoán Costa e Inma López Silva.
– 16:30 h. Mesa redonda: Castelao e a arte do pensamento social, con Siro López e Xosé Lois “O Carrabouxo”.
Armando Requeixo: “A Federación Galeusca”
Crónica
do Galeusca 2011 en Criticalia, o blog de Armando Requeixo:
“Un ano máis —e xa van alá case trinta— a Federación Galeusca celebrou a súa xuntanza reunindo autores e autoras da Associació d’Escriptors en Llengua Catalana, a Euskal Idazleen Elkartea e mais a Asociación de Escritores en Lingua Galega. Desta volta, o tema sobre o que se debateu durante dous días (30 de setembro e 1 de outubro) foi A tradución literaria: profesión e creación, o que explica que estas xornadas, celebradas en Barcelona, transcorresen coincidindo no tempo co Día Internacional da Tradución.
Por parte da delegación galega asistiron ao evento o presidente da AELG, o poeta Cesáreo Sánchez Iglesias; a secretaria da asociación, a ensaísta Mercedes Queixas Zas; a profesora e tradutora Manuela Palacios e quen isto escribe.
No Ateneu Barcelonès —emblemático espazo que acolleu as sesións de traballo—, tiven a honra de debater co escritor e editor vasco Xabier Mendiguren e mais o xurista e asesor editorial Mario Sepúlveda sobre A repercusión da edición dixital na práctica e os dereitos do tradutor, mesa redonda na que se puxeron en común interesantes cuestións que afectan aos contratos entre tradutores e editoras aplicados ao ámbito dixital.
Pola súa banda, Manuela Palacios, recoñecida tradutora ao galego de textos ingleses e gaélicos, participou no acto Lectura de fragmentos literarios na lingua orixinal e a tradución á lingua de chegada cun recitado de poemas de Ana Romaní e María Lado, que leu tanto en galego como en inglés. Xunto á tradutora galega interviñeron tamén o escritor vasco Fito Rodríguez (que transvasou a Proust do francés ao éuscaro) e mais os cataláns Feliu Formosa (quen deu voz a Rilke e Trakl en catalán e alemán), Montserrat Abelló (que visitou en catalán e inglés a Sylvia Plath, Margaret Atwood e Anne Sexton) e Manuel Forcano (quen achegou dende o hebreo ao catalán a Iehuda Amikhai).
A mesma Manuela Palacios, xunto á narradora catalá Carme Riera e o poeta vasco Nicolás Zimarro, debateron na mesa redonda Autotradución e tradución entre as nosas linguas e o castelán como lingua de mediación (ou non), faladoiro no que a tradutora galega deu a coñecer a súa experiencia como coordinadora do volume To The Wind Our Sails, antoloxía bilingüe galego-inglesa dos versos de Luz Pozo, María do Carme Kruckenberg, Xohana Torres, Marilar Aleixandre, Luz Pichel, Chus Pato, Ana Romaní, María do Cebreiro, María Lado e Xiana Arias.
Logo da preceptiva Asemblea Xeral da Federación Galeusca e a lectura da acta coas conclusións das xornadas, deuse remate ás mesmas, deixando así atrás dous días de vizosos parladoiros nos que os compoñentes das tres delegacións tivemos tempo para pór en común experiencias e pareceres sobre moi diversos temas de natureza literaria que nos preocupan por igual.
Agora, máis que nunca, encontros como este da Federación Galeusca abren esperanzadoras perspectivas para as letras de noso, fannos saber que as nosas inquedanzas son compartidas por outras literaturas irmás e convéncenos de que a loita a prol da causa da escrita propia non é unha angueira solitaria.”
A Coruña: conferencia Angola e Galiza, Língua, de Benevides Eculica Maurício
O martes
4 de outubro, ás 20:00 horas, na Fundación Caixa Galicia (Cantón Grande, 21-24) da Coruña, con entrada libre, terá lugar a conferencia Angola e Galiza, Língua, pronunciada polo profesor da Universidade de Santiago de Compostela Benevides Eculica Maurício, dentro do ciclo Lingua, Literatura e Nación da A. C. O Facho.
“Xosé Miranda rexeita o realismo máxico de Cunqueiro e alborota o congreso”
‘ (…) Pepe Cáccamo (…)
foi repasando a “herba que nace enriba da obra literaria de Cunqueiro“, mencionando autores que, a través da súa poesía ou mediante ensaios, mostraron “entusiasmo e admiración, mesmo de reverencia, diante de Herba de aquí ou acolá” no volume de poesía completa publicado en 1980. Logo interveu Xosé Miranda, que comezou contradicindo a militancia na modernidade de Cunqueiro, que o día anterior destacaran os poñentes en Santiago: “Cunqueiro é un antimoderno no sentido persoal, ideolóxico e estético”. Argumentou Miranda que como o escritor mindoniense non gustaba do mundo que habitaba “elixe un pasado mellor”, como fixeran Tolkien o Borges. “A de Cunqueiro non é literatura fantástica, é literatura do marabilloso”, afirmou, matizando que fixo que “ese mundo marabilloso ancore no mundo real”. Na súa opinión, o autor de Merlín e familia “utiliza o humano para que se faga natural ou sobrenatural”. Antes de ser bombardeado con preguntas por parte dos asistentes aos que alborotou coa súa intervención, Miranda asegurou de Cunqueiro que “eleva o pobo a categoría de príncipes” debido a que “é fondamente anticostumista”.’ Vía La Voz de Galicia. Tamén reseñado en La Opinión.