Arquivo da categoría: Crítica literaria
Ramón Nicolás: Libros que meten medo, en Biblos nº 56
Anotación
de Ramón Nicolás no seu blogue, Caderno da crítica:
“No último número de Biblos publico un artigo, de carácter divulgativo e xeneralista, arredor da produción literaria galega de medo ou terror. Déixoo aquí, cunhas mínimas modificacións, para quen que lle resulte de interese. Solicítanme os amigos e responsables de Biblos algunhas reflexións arredor do que se pode chamar literatura de terror e medo en lingua galega. Respondín, en primeira instancia, afirmativamente pois non me cabía dúbida de que este é un xénero que, de promocionalo ben e nun tempo coma o presente onde o espírito evasivo das propostas literarias que sexan, sen que isto teña que estar rifado coa calidade literaria minimamente esixible, pode contribuír a ensanchar a base lectora da literatura escrita en lingua galega.
Ao fío deste xénero resúltame inevitable, asemade, pensar na literatura de corte policial, detectivesca ou negra en lingua galega, onde, co paso do tempo, foi constituíndose devagar un grupo solvente de autores, cadaquén dono dos seus trazos peculiares e que están na mente de todos, que foron conseguindo individualmente interesar ao público lector e mesmo chegar a crear interesantes expectativas diante da publicación inminente dalgunha nova proposta narrativa, aínda máis cando esta presenta a estrutura de saga como recurso para fidelizar lectores. (…)”
Ramón Nicolás: “Malia as dificultades, o talento creativo non está, en absoluto, en recesión”
Entrevista
a Ramón Nicolás en Letra en Obras:
“(…) – Letra en Obras (LeO): Leva anos tirándolle radiografías á literatura galega como cre que anda de saúde nestes momentos?
– Ramón Nicolás (RN): Espléndida, sen dubidalo. Sempre fun optimista neste sentido e sono aínda máis agora. Cómpre pensar que a república das letras galegas nace nun ámbito resistente, sempre se desenvolveu en contextos nada favorables para a súa proxección e, por moitas razóns, tampouco os ventos tampouco son favorables agora, pero aí está, segue enraizando. Malia as dificultades da recesión actual ese capital que é o talento creativo dos escritores e escritoras de noso non está, en absoluto, en recesión. (…)
– LeO: Agora que acabamos de celebrar o Día das Letras que se debería facer para desestacionalizar a visibilidade da nosa literatura e lograr que teña máis presenza pública ao longo de todo o ano?
– RN: O Día das Letras non pode, nin debe, rematar o 17 de maio. A súa proxección debe ir máis alá e ocupar a totalidade do ano…, un camiño é estender as actividades do xeito que o ano pasado se realizou por mor do centenario de Cunqueiro ou, agora mesmo, coa figura de Celso Emilio Ferreiro. Nese último caso, do que son máis coñecedor, harmonízanse actividades de carácter institucional e editorial con outras numerosas posibilidades de actuación máis de base en centros de ensino, asociacións veciñais e culturais, recitais poéticos, presenza na rede, no ámbito audiovisual…, e coido que o resultado é moi positivo.
– LeO: Hai anos dicíase que internet ía ser un gran aliado para poñer en valor as culturas minorizadas. Mais hai voces que afirman a nosa literatura ten incluso menos proxección social que nos anos 90?
– RN: Internet é unha ferramenta, máis nada, e cómpre saber utilizala, algo que non sei se se fixo ou se fai ben, sobre todo para non perder ese barco que é o da presenza nela da lingua galega. Hai que promocionala sobre todo nas persoas que empregan a rede como algo normal no día a día e aí é onde tamén a literatura estará presente, como debe estar a gastronomía, o deporte ou a música. Outra cousa é a comercialización de produtos literarios na rede onde se cadra haxa que dar aínda máis pasos, e con máis apoios. (…)”
Armando Requeixo: “A calidade da literatura actual é moi estimable pero as augas baixan demasiado avoltas”
Entrevista
a Armando Requeixo en Letra en Obras:
“(…) – Letra en Obras (LeO): Na literatura galega os críticos son misericordiosos, andan coa navalla aberta ou simplemente son equitativos?
– Armando Requeixo (AR): Hai de todo. Existen compañeiras e compañeiros que prefiren comentar só libros que lles agradan, de xeito que unicamente fan recensións positivas. Outros, pola contra, están especialmente interesados en sinalar eivas para que a nosa escrita de creación mellore día a día, así que tenden a ser moi incisivos. Pero a maioría xulga tentando orientar sobre o que cre de maior ou menor interese, con ponderación.
– LeO: Como ve o panorama actual da literatura galega?
– AR: Como un río despois dunha gran treboada. As augas baixan demasiado avoltas. A crise non está axudando nada e, aínda que a calidade media dos nosos produtos se mantén nun nivel moi estimable, o certo é que os tempos son difíciles para a industria literaria. (…)
– LeO: Que precisa a nosa literatura para gañar cota de lectores primeiro no país e logo fóra das nosas fronteiras?
– AR: É difícil responder esta pregunta. En todo caso, creo que hai que seguir crendo na calidade das nosas autores e autores e procurar comercializar o mellor posible os seus produtos. E para iso tampouco viría mal un apoio máis decidido dende as institucións.
– LeO: Os libros electrónicos préstanse para a crítica pausada ou só para un rápido comentario en Facebook ou Twitter?
– AR: Préstanse moi ben para todo o que se queira. A decisión de que o comentario dunha obra lida como libro electrónico se verta en forma de recensión máis elaborada ou de simple apuntamento do Face ou Twitter débese á preferencia concreta do crítico ou das circunstancias que (im)posibilitan un ou outro tipo de comentario en cada caso e momento, pero, dende logo, non nacen do soporte no que foi efectuada a lectura.”
Dolores Vilavedra: De memoria e memorias
Artigo
de Dolores Vilavedra en El País:
“(…) Mario Regueira ensaia en Outono aquí ese xénero escorregadío que é a novela curta. Mais tanto ten neste caso: a densidade da escrita tece moitos vimbios nun cesto de aparencia enganosamente modesta mais de contido ricaz. Temas aparentemente abstractos como a memoria ou a loita por atopar a propia identidade vertébranse de xeito fluído cunha trama ben enxebre, que mestura herdanzas, liortas veciñais e violencia; no trasfondo, a alienación por mor da desvertebración das formas tradicionais de vida, rurais ou urbanas. Personaxes anódinos, que pelexan por seren eles mesmos e que atopan, sobrevivindo no cotián, a súa grandeza. O comezo da novela, fortemente climático, sementa a inquedanza e permite xa intuír a potencia narrativa que o texto agocha. (…)
Volta Rexina Vega, demostrando aos escépticos que quere ser algo máis ca unha escritora ocasional. En Dark butterfly aposta por un rexistro ben distinto, aínda que seguimos a identificar a mesma vontade literaria, parello afán de atopar voz propia e singular no actual concerto narrativo. Vega asómase agora ao mundo da esquizofrenia, ensaia a escritura como terapia, como áncora de salvación, como botella ao mar. Optando polo collage de modelos discursivos como fórmula semiotizadora para a alienación da protagonista, Vega convídanos a unha viaxe cuxa fin podemos adiviñar mais non por iso menos impactante. Descenso aos infernos pautado por alustres de esperanza, con algunha concesión ao tópico (a absenta, o ambiente da escola de Artes e Oficios), o conxunto resulta desoladamente convincente. (…)”
Intervención de Armando Requeixo, Cesáreo Sánchez e Ángel de la Cruz en Eirado
Desde Criticalia, o blogue de Armando Requeixo:
“O pasado sábado día 3, os amigos do programa Eirado da TVG convidáronme a unha entrevista para falar da aparición do volume Criticalia. Con tal motivo, tiven o pracer de conversar co periodista Pemón Bouzas sobre diversas cuestións literarias que xiran arredor do libro. No mesmo programa participaron tamén o poeta Cesáreo Sánchez Iglesias e o escritor e cineasta Ángel de la Cruz; o primeiro en calidade de presidente da AELG para informar das últimas actividades que esta ten posto en marcha e o segundo co gallo do seu éxito na cerimonia dos Goya mercé ao filme de animación Engurras, co que recibiu, como guionista, o Premio ao Mellor Guión Adaptado deste ano. (…)”
Santiago: presentación de Criticalia, de Armando Requeixo
O
xoves 16 de febreiro, ás 20:00 horas, na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6) de Santiago de Compostela, preséntase o libro Criticalia, de Armando Requeixo, publicado por Sotelo Blanco. No acto, acompañando ao autor, participan Luís Alonso Girgado, Claudio Rodríguez Fer e Olegario Sotelo Blanco.
Dolores Vilavedra: Darlle a volta á identidade
Artigo
de Dolores Vilavedra en El País:
“Visto o acontecido, se cadra temos que pensar que non é casualidade a aparición de Á beira de Beiras, unha homenaxe ao político co gallo do seu 75 aniversario, e X un común denominador. A esquerda da nación, de Martiño Noriega, libro este de aparencia moito máis modesta pero tamén de maior interese para o común da cidadanía. Sen ousar concluír que os libros formen parte dunha estratexia de proxección mediática (absolutamente lexítima, por outra banda), e estando disposta a aceptar que os andeis das librerías sexan espello dos intereses da sociedade, esa sintonía entre actualidade editorial e política é unha boa nova, síntoma do dinamismo do mundo do libro galego.
Ás veces teño a sensación, e o temor, de que a crise exerza tamén un efecto paralizante na creatividade, que a falta de expectativas de publicación inhiba as ansias escriturais. Só así se pode entender a relativa abundancia de colectáneas de artigos de prensa que, perdido o vencello coa actualidade que os inspirou, teñen un interese relativo. E empeza a enxurrada de obras sobre Paz Andrade e Celso Emilio Ferreiro, con achegas desiguais. Polo de agora, congratulámonos da recuperación de Valentín Paz Andrade. A memoria do século XX, un extenso libro de conversas entre o empresario e Tucho Calvo publicado en 1998 por Ediciós do Castro e felizmente recuperado por Biblos. (…)”
Ramón Nicolás: Textos: «Problemas da crítica literaria», por Carlos Casares
Texto
de Carlos Casares recollido por Ramón Nicolás no seu blogue, Caderno da crítica:
“Estrea o caderno da crítica unha subsección titulada Textos, que achegará referencias de variada índole vinculadas co exercicio ou a práctica da crítica literaria, e cuestións máis ou menos próximas. A desculpa para comezar ofrécema o web da Fundación Casares que, hai uns días, recuperou un texto do autor de Vento ferido publicado orixinalmente na sección A ledicia de ler que mantivo en La Voz de Galicia durante algúns anos. O artigo, titulado Problemas da crítica literaria, viu a luz o 12 de febreiro de 1978, isto é, hai case trinta e catro anos e resulta, ao meu ver, moi útil tanto para trazar a historia da crítica literaria galega como para realizar un exercicio comparativo do camiño andado desde aquela até hoxe. É un tanto impensable para hoxe o comezo, que Casares emprega como pretexto, no que se dá conta dun comunicado subscrito por cinco asociacións no que se pon en dúbida a honestidade e independencia da crítica literaria ao non se ocupar dun determinado autor ou libro; asemade o artigo é, sen dúbida, fillo do seu tempo, pois a vinculación que se establece entre o exercicio da crítica e a súa filiación con agrupacións e partidos políticos resulta, hoxe en día, igualmente sorprendente, como o son as propostas que fai da «eliminación do analfabetismo literario» e mais a demanda «dun tratamento libre da realidade». Un texto, reitero, moi interesante que se pode ler integramente premendo aquí e que axuda, como dixen arriba, a avaliar os avances nestas angueiras, se os houbo, de onte a hoxe. Grazas á Fundación Carlos Casares por esta achega.”
Entrevista a Armando Requeixo en Fervenzas Literarias
Entrevista
a Armando Requeixo en Fervenzas Literarias:
“- Fervenzas Literarias (FL): Profesor e investigador, Armando Requeixo comeza a facer crítica literaria con dezanove anos. Con que vontade se embarca vostede nese mundo crítico que arriba agora coa publicación deste Criticalia?
– Armando Requeixo (AR): Eu fun, dende sempre, un lector voraz. Uniuse a iso a presenza, nunha idade temperá, dun feixe de profesores que viron en min un bo lector, esixente e curioso. Eles animáronme a poñer por escrito algunhas das lecturas que eu facía daquela, dun xeito totalmente amador (claro). Esas mesmas persoas, onde destacaría de maneira sobranceira a Claudio Rodríguez Fer e a Luís Alonso Girgado, favoreceron que esas recensións primeiras puidera facelas chegar a algúns dos suplementos literarios galegos de xornais e revistas especializadas que había naquel tempo, como as páxinas do Táboa Redonda de El Progreso, as de Edición 7 de El Correo Gallego, as páxinas de cultura do semanario A Nosa Terra… (…)
– FL: Iso podería levarnos á formulación doutra pregunta: cal sería -pois- o papel dos críticos dentro dun sistema literario?
– AR: O traballo da crítica camiña en dúas direccións. A primeira delas sería a da crítica inmediata; esa que aparece nos medios de comunicación: a “crítica de novidades”. Logo estaría a crítica académica, visible especialmente nos círculos académicos ou especializados. Estas críticas versarían sobre textos máis clásicos ou que teñen un recendo epocal. As dúas son interesante e necesarias, ademais de ser complementarias. Na crítica máis inmediata traballas cun material novo, que aínda está por valorar e por calibrar; mentres que coa crítica académica dáse un último empurrón para o canon. A crítica inmediata, esa crítica de actualidade, ten un cometido fundamental que é o de actuar de zahorí, de sommelier, porque hai que detectar aquilo que é susceptible de ir pasando co tempo, por decantación, a formar parte do canon. O crítico debe, por unha banda, informar os lectores e, por outra, ir escolmando aquilo que, ao seu xuízo, debería de quedar nesa listaxe de textos canonizados. Hai xente que traballa fundamentalmente na crítica académica que non ve con moi bos ollos –e incluso ás veces amosa un ápice de desprezo- a crítica de novidades. Eu dedícome a ambas as dúas e podo dicir que por veces a crítica inmediata é máis difícil que a académica. É moi doado dicir que Celso Emilio Ferreiro é un grandísimo poeta ou que A esmorga é unha magnífica novela cando se valora a touro pasado. Máis difícil é aseverar, no día de hoxe, que esa novela de Luís Rei Núñez ou aqueloutra de Antonio Reigosa son magníficas e que o tempo che dea a razón. (…)”.