Boiro: VI Romaría das Letras no Barbanza

Romaría das Letras no Barbanza 1Romaría das Letras no Barbanza 2

Compostela: Verso busca voz, homenaxe a Manuel María

A versobuscavozCidade da Cultura celebra o 17 de maio, Día das Letras Galegas, rendéndolle homenaxe a Manuel María. Será a través dun espectáculo multimedia que inclúe versos, vídeo-creación e música en directo, co seguinte programa:
De 10:00 a 12:00 h. Obradoiro de poesía e rap. A partir de 8 anos.
De 12:30 a 14:00 h. Verso busca Voz. Recital colectivo e mutimedia.
14:00 h. Aperitivo literario cortesía de Eidos de Iria, Petroni e Caurelor
A Cidade da Cultura convida á cidadanía a participar nun recital colectivo no que ademais de poñerlle voz aos poemas preferidos de Manuel María, poderemos gozar en directo coas improvisacións sonoras de Koroiev (Roberto Casteleiro) e as videocreacións de DSK (Juan Lesta e Belén Montero). As persoas que desexen participar recitando deberán inscribirse previamente aquí. Pola súa banda, a entrada será libre para todos aqueles que prefiran asistir unicamente como público.
Previamente, a Cidade da Cultura acollerá un Obradoiro de poesía e rap a cargo de Für alle Falle (Iñaki López e Vanesa Castro) para rapaces a partir de 8 anos no que, partindo dos versos de Manuel María, realizarán as súas propias creacións. O resultado será parte do recital colectivo co que homenaxear ao gran poeta lucense. A entrada é de balde mais é preciso inscribirse previamente.
A mañá concluirá cun aperitivo literario no que os participantes en ambas as dúas actividades, así como o público asistente, poderán degustar zumes feitos a base de froitos do Courel da firma Caurelor, un bo vermú galego da man de Petroni e olivas de Eidos de Iria.

Viveiro: charla-coloquio sobre Manuel María, con Xoán Neira e Xosé Lois García

CARTEL_CHARLA MANUEL MARÍAO Seminario de Estudos Terra de Viveiro homenaxea a Manuel María, o venres 13 de maio, ás oito da tarde, no salón multiusos do Concello, cunha charla-coloquio do escritor e amigo seu Xosé Lois García. Seguidamente o propio Xosé Lois García e Xoán Neira recitarán poemas do autor chairego.
O acto, presentado por Carlos Nuevo, rematará coa actuación do coro do Colexio Lois Tobío que, dirixido por Manuel Rodríguez, interpretará pezas (O cuco, O carro… ) do poeta de Outeiro de Rei.

Burela: VI Maratón de Lectura. Manuel María, poeta do pobo

cartel manuel maria buril O Maratón de Lectura de Burela, organizado polo Colectivo Cultural Buril chega este ano á súa sexta edición. Dada a alta participación acadada nas pasadas edicións, así como o interese mostrado por parte das entidades participantes, apostamos por manter esta cita coa lingua e a literatura galega que se vai consolidando ano a ano. Desta volta o Maratón de Lectura será o día 13 de maio, para celebrar Día das Letras Galegas, que este ano están dedicadas ao poeta da Terra Chá Manuel María. A cita terá lugar en Burela, no salón de plenos do Concello, como vén sendo habitual.
O Buril quer sumarse deste xeito aos distintos actos que se desenvolven por todo o país dedicados ao autor chairego. O Maratón de Lectura terá lugar no Salón de plenos do Concello, de 10:00 a 14:00 e horas, e contará coa participación dos centros educativos de primaria e secundaria de Burela.

A Consellaría de Cultura presenta dúas pezas audiovisuais sobre poemas de Manuel María

Desde Cultura Galega:

A pita choca e Biografía dunha folla son os títulos da dúas pezas audiovisuais que están a difundir a Secretaría Xeral de Cultura e mais a TVG sobre senllos poemas de Manuel María. Os vídeos, realizados por Algarabía Producións, amosan animacións sobre os temas destas composicións, que son recitadas por diferentes persoas. En paralelo, a Consellaría de Cultura presentaba onte na biblioteca González Garcés da Coruña a exposición Manuel María. Beleza, amor e compromiso (1929-2004), a mostra itinerante que lle dedica ao autor homenaxeado no Día das Letras este ano. A mostra repasa en dez paneis “a personalidade de Manuel María e a evolución da súa obra ao longo das distintas etapas vitais” a abordar “aspectos relevantes como a identificación do escritor coa terra e a paisaxe, o seu compromiso coa lingua galega, a súa faceta de clásico e precursor da vizosa literatura infantil galega da que hoxe gozamos, a súa participación na vida política, a súa poesía intimista ou a variedade de xéneros literarios que abordou”.

Logo de permanecer na Coruña ata o vindeiro 16 de maio, a exposición chegará o 17 a Outeiro de Rei para continuar despois o seu itinerario por Vilalba, Santiago de Compostela, Marín, Noia, Pontevedra, Vigo, Monforte de Lemos, Lugo, Ferrol, Ourense e Celanova.”

Pontedeume: presentación de Labrego con algo de poeta. Biografía de Manuel María, de Mercedes Queixas

OMercedes Queixas 3 xoves 12 de maio, ás 20:30 horas, na Casa da Cultura de Pontedeume, preséntase Labrego con algo de poeta. Biografía de Manuel María, de Mercedes Queixas, publicado en Galaxia, nun acto organizado polo Ateneo Eumés.