“Os dous clústeres que se dedican ao libro en Galicia están de análise estes días. Por unha banda o Clúster Libro da Edición, Librarías e Comercialización celebraba este luns un encontro no que a internacionalización se presentaba como principal reto para o sector. Nese sentido, os editores incidiron na necesidade de preparar de xeito coidadoso a exportación dos seus produtos e apuntaron de xeito especial á necesidade de coordinar os seus esforzos. Así, mesmo no encontro comentouse a posibilidade de crear un Consorcio de Exportación editorial que facilite o desembarco de pequenas empresas en novos mercados e consolidouse a aposta por unha marca común que identifique o produto galego nos mesmos. Pola outra banda, o Clúster do Produto Gráfico e do Libro Galego celebra onte e hoxe as xornadas Trends&Technology co libro dixital como un dos eixes fundamentais. Neste sentido, a entidade sinalou onte que case a metade das editoras galegas desenvolveu xa algún proxecto arredor deste formato, aínda que só un 6,8% da poboación lectora en España o emprega e supón unicamente o 2,7% da facturación editorial. A optimización de recursos de cara a se achegar a esta tecnoloxía, así como a lexislación sobre dereitos de autor e o vencello entre redes sociais e sector editorial son os outros temas que marcan as xuntanzas”. Vía Cultura Galega.
Arquivo da categoría: Edición
Vigo: presentación de Soma de craridades, de Álvaro Cunqueiro, e Unha carta a Luís Seoane, de Santiago Moreno Díaz
O
martes 27 de setembro, ás 20:00 horas, na Casa do Libro de Vigo, preséntanse unha edición facsimilar de Soma de craridades, de Álvaro Cunqueiro, e Unha carta a Luís Seoane, de Santiago Montero Díaz, publicados polo Centro Ramón Piñeiro. No acto estarán presentes Anxo Lorenzo, Francisco López e César Cunqueiro.
Santiago: I Conferencias Internacionais do Libro en Galicia
O Clúster do Libro organiza as I Conferencias Internacionais do Libro co obxectivo de crear un punto de encontro do noso sector con outras experiencias e outros mercados atractivos. Celebraranse o luns 26 de setembro no Auditorio da Biblioteca de Galicia da Cidade da Cultura, co seguinte programa:
– 11:00 h. Inauguración conferencias: Daniel Buján Núñez, Subdirector Xeral de Bibliotecas, e Alfonso García Sanmartín, Presidente do Clúster do Libro.
– 11:30 h. Vicente Paz (editor e representante de Leya Portugal): O sector do libro brasileiro o as posibilidades do libro galego nos seus mercados naturais.
– 13:00 h. Amelia Guardiola (representante para Europa da Feira Internacional do Libro de Guadalajara): O intercambio de dereitos e a oportunidade de negocio no contexto da Feira Internacional do Libro de Guadalajara.
– 16:30 h. Jonathan Dunne (filólogo e tradutor literario): Posibilidades de produción e difusión do libro galego no ámbito anglosaxón a través dos novos soportes de comunicación.
– 18:00 h. Natalia Dudek (axente literaria): Posiblidades de internacionalización do libro galego nos novos mercados asiáticos.
– 19:30 h. Clausura conferencias.
‘Mil e un Cunqueiros‘
Artigo
de Daniel Salgado en El País (Galicia):
“Na nota ao pé dos Cantos de Hastings, catro poemas redactados nunha visita ás paraxes do sur de Inglaterra, Álvaro Cunqueiro (1911-1981) esquematizaba unha poética minúscula: “Aquí van algús, en versión ben provisional; son poesía de ocasión, pero toda poesía é de ocasión”. Era a voz do escritor en 1966, cando triunfaba coas súas propostas narrativas en galego e en castelán pero os seus poemas non atinxían repercusión equivalente. E con todo, aproveitaban calquera ocasión e inzaban as páxinas evanescentes de xornais e revistas de pequena difusión, pezas adoito ocultos tras o pano do pseudónimo. Esa etapa, rehabilitada inicialmente polo partisanismo de Méndez Ferrín na década dos setenta, é a que recolle Poesía 1933-1981. Xosé-Henrique Costas e Iago Castro Buerger encárganse dunha edición, impresa por Galaxia, que presenta en sociedade, entre outros materiais, medio cento de poemas espallados do mindoniense. (…)”
Os editores preparan unha plataforma de contidos dixitais en galego
“Esta semana
o Diario de Arousa publicou unha entrevista a Manuel Bragado, director de Edicións Xerais e presidente da Asociación Galega de Editores, na que comenta os cambios no sector editorial e o seu compromiso coa lingua galega, o que levou a que en 2009 se publicaran máis de 4.000 volumes en galego e unha facturación de 22 millóns de euros. Pero ese bo momento non está a manterse no tempo, e tanto a conxuntura económica actuais como a revolución dos novos soportes están a ter repercusións das que o sector non é alleo, de aí que Bragado asegure que estes novos retos obriguen a “un proceso de reconversión moi profundo, que afecta tanto á creación editorial como ás canles de distribución e promoción”. Nesta liña, Bragado adianta que nas vindeiras semanas os editores abrirán unha plataforma de contidos dixitais en lingua galega, o que promete ser unha aposta de máis calado que a tímida entrada de Xerais no libro dixital (actualmente o seu catálogo de e-books limítase a 4 obras, moi lonxe dos 50 títulos que prometeran hai un par de anos). O que si parece claro é que os rumores que apuntan ao perigo de peche de Edicións Xerais non teñen ningunha xustificación (tal e como confirmou o seu director), e a editora continúa con forza, adaptándose aos cambios do sector e continuando a traballar co seu demostrado compromiso coa nosa lingua.” Vía Código Cero.
‘Ambiciosas novidades marcan o panorama editorial este outono’
“As editoras comezan a desvelar as súas cartas para o que resta do ano, con propostas ambiciosas. Deste xeito, Xerais anuncia a vindeira apertura da Biblioteca Dixital Xerais, unha tenda on line que permitirá o acceso de balde a material descatalogado e a ebooks, dos cales a firma adianta o lanzamento de 5 títulos. Canda a isto, os diccionarios xurídico e de primaria, así como un volume dedicado á xeografía de Galicia son as grandes apostas en obras de referencia. A nivel literario, sairá unha compilación de todos os relatos de Manuel Rivas, así como novidades de Agustín Fernández Paz, Fran Alonso, Pere Tobaruela, Luís Rei Núñez, María Xosé Queizán e Xavier Queipo entre outros. Desde Galaxia, pola súa banda, anuncian as novas propostas de Antón Riveiro Coello e Bieito Iglesias como autores galegos. A nivel de tradución, esta editora continuará a edición de 1Q84 de Haruki Murakami, e lanzará A verdade sobre Marie, de Jean-Philippe Toussaint, e C, de Tom McCarthy. Tamén Xerais incrementa o seu catálogo de títulos foráneaos coa segunda novela de Cornelia Funke. Detéctase tamén un maior interese das editoras tradicionais pola banda deseñada. Rinoceronte abre con Persépole, de Marjane Satrapi, a súa liña de BD, e Galaxia inicia unha serie de novela gráfica con Nómades, unha obra de Xosé Tomás. De novo Rinoceronte aposta por formatos anovadores coa presentación dunha colección de audiolibros en formato CD, con títulos como Seda de Alessandro Baricco ou A casa de Mango Street de Sandra Cisneros”. Vía Cultura Galega.
‘A pegada das revistas dixitais’
“Desde
o comezo da implantación da rede en Galicia comezaron a xurdir páxinas que tiñan a literatura como eixe, en moitos casos apostando pola difusión da obra de autores novos. Desde aquela, o panorama mudou enormemente, e aínda que poucas daquelas propostas sobreviven, novas cabeceiras e blogs ocupan un espazo cun peso crecente no noso panorama literario. O VI Encontro de Escritores/as Novos/as da AELG prestoulle atención a este sector cunha mesa redonda. Da tinta á pegada dixital foi o lema do VI Encontro de Escritores/as Novos/as que organizou a Asociación de Escritores en Lingua Galega esta fin de semana na Coruña. Dentro das diferentes mesas redondas que se desenvolveron no marco desta xornada, unha prestou atención á cuestión das revistas dixitais. Elvira Riveiro, coordinadora da mesma, salienta que “sen dúbidas as publicacións dixitais teñen un peso crecente, non só no caso das revistas literarias senón en xeral. Acceder á rede é moito máis barato e inmediato, e está a se dar un paso do papel á dixital”, explica. En Galicia, no entanto, e segundo lembra Riveiro, “non se ve un traspaso masivo ao terreo dixital. As publicacións máis coñecidas e con máis prestixio seguen a ter a súa edición en papel, pero algunhas como o Protexta é posible que teñan máis difusión na rede do que na versión impresa”. (…)
Malia a estas evolucións, “as revistas literarias continúan a ter sentido, pódese discutir se son necesarias en papel, pero as revistas na rede achegan unha panorámica dun tempo determinado, e crítica de lanzamentos recentes. É certo que mudan conceptos como o de periodicidade, pero máis ou menos preséntanse os mesmo contidos, aínda que sexa doutro xeito”, explica Riveiro. De cara ao futuro, para Montserrat Pena Presas “compriría aunar esforzos para crear unha revista divulgativa que aunase crítica e creación. Primeiro para abrir fronteiras, que é algo que necesita a nosa literatura, e logo para gañar e fidelizar lectores”. Encol do debate entre edición en papel e dixital, ten claro que “a medio prazo o futuro é a convivencia de formatos, e que os saiba combinar axeitadamente levará a palma”.” Vía Cultura Galega.
Abre Amazon.es con escasa presenza das editoras galegas
“Un día antes do previsto, abriu as súas portas a versión española do xigante da venda en liña Amazon. No mesmo están dispoñibles, na mañá de apertura, unicamente 408 títulos da nosa lingua, aínda que aparecen rexistrados un total de 6.743 resultados de obras en galego. A maior parte das editoras galegas, segundo explican fontes do sector, rexeitaron asinar contrato coa empresa americana por problemas de distribución e desacordo nas marxes de beneficio para a tenda. E é que a almacenaxe do web se realiza no sur de Francia, e a emprega solicita nalgúns casos ata un 70% de descontos nas obras. Deste xeito, a práctica totalidade dos libros que podemos atopar en galego no web chegan a través dos acordos que diferentes editoras galegas teñen con distribuidoras como Publidisa, ou ben mediante intermediarios como a libraría en liña Agapea que si asinaron contratos coa tenda.”
Redelibros 2.0: comezan os cambios
“Durante
un ano, Redelibros foi crecendo non só en usuarios, senón tamén en servizos -aí está a tenda de redepuntos, os Cadernos Redelibros, os Concursos, os Textos, o Fisgando na rede e tantas outras seccións non previstas inicialmente, moitas incorporadas grazas ás vosas suxestións. Pero xa sabedes que a rede é un terremoto continuo, e nós non queremos quedarnos agochados baixo o colchón. Cremos que Redelibros xa está suficientemente madura para dar o seguinte paso: para seguir evolucionando. Por iso, nas próximas semanas asistiremos a unha chea de cambios importantes, algúns relacionados co aspecto da rede e outros cos novos servizos que iremos incorporando. (…)”. Vía Redelibros.
Poemas para o Monte Pindo
“Estimada/o
amiga/o:
A través deste escrito convídamoste a participar nun proxecto editorial que xorde por iniciativa da Asociación Monte Pindo Parque Natural, e que coordinamos os escritores Francisco “Chisco” Fernández Naval e Miro Villar. O noso obxectivo vai ser a publicación dunha antoloxía poética, cuxos beneficios económicos (se os houber, como é o noso desexo) serán integramente destinados ás campañas da devandita entidade pola declaración do Monte Pindo como Parque Natural. A achega de cada escritor/a será un poema xa publicado ou orixinal e inédito que mencione ou se inspire no Monte Pindo. Xa temos compilado algúns textos poéticos, mais cómpre agrandarmos o volume para crearmos un libro importante na cantidade e na calidade textual. A extensión e a forma dos poemas ten absoluta liberdade, porén recomendamos que a colaboración non exceda dos 100 versos e a poder ser escritos en caracteres Times New Roman a tamaño 12. E cada poeta debe ceder todos os dereitos de reprodución do texto poético para esta edición, o que non será impedimento para que poida dispoñer do poema da súa autoría para o publicar noutro libro propio ou colectivo. A fin de irmos organizando todo o material que integrará o volume, cómpre que nos fagas chegar, o antes que che sexa posíbel, a túa creación. Se desexas participar neste proxecto, o prazo de envío remata o vindeiro 31 de outubro. Os textos poéticos, publicados ou orixinais e inéditos deben enviarse a calquera destes dous enderezos: fxnaval@gmail.com ou mirovillar@gmail.com. Antecipando a nosa gratitude por colaborares nesta antoloxía, recibe unha aperta atlántica.”
Chisco Fernández Naval e Miro Villar (coordinadores).